sábado, 17 de novembro de 2012


As Universidades ao pé do precipicio




Logo de varios anos de recortes orzamentarios que teñen colocado ás universidades e á investigación realizada desde o seu ámbito (sobre o 60%) nunha situación difícilmente reversibel, o esganamento orzamentario  compleméntase con durísimas medidas de selección do alumnado e redución do persoal.
As enormes diminucións orzamentarias nos fondos dedicados á universidade dentro do plan de financiamento na última lexislatura provocaron despidos e que non se renovaran contratos, severísimas reducións do gasto corrente ou diminucións escandalosas de compra de libros e de suscripción a revistas científicas que levaron mesmo a cortar a continuidade de coleccións que nin a guerra civil fora quen de romper.  Sen convocatorias de proxectos de investigación autonómicos e coas de persoal investigador (en formación, técnicos ou doutores) como unha caricatura do que foron algún día, a investigación estáncase.
A burbulla orzamentaria, comezada nos últimos mandatos do PSOE e mantida polo PP, cun financiamento da investigación cada vez máis polarizado cara os créditos á investigación, conduciu ás universidades a un endebedamento irresponsabel nunha carreira sen saída de infraestruturas, campus de excelencia e demais artefactos ligados á moda do emprendemento. Pincha agora coa crise e unha boa parte dos fondos de investigación (o 40% no último exercicio) quedan sen gastar precisamente porque non hai centro público de investigación que poida achegar a parte coa que debería complementar o orzamentado e financiar os intereses.
Fálase igualmente agora de reducir aínda un ano máis as titulacións -tres anos- nunha lóxica clara de redución da formación do estudantado e apertura dun mercado para os masters, cada vez máis selectivos económicamente debido á enorme subida das súas taxas e nos que, ademáis, concentra a súa oferta unha boa parte dos centros de ensino privados.  Con solícito apoio dos gobernos autonómicos Madrid ou Murcia brindan edificios públicos, axudas e apoio á implantación de universidades privadas.
No profesorado sucédense os recortes salariais (baixada do soldo, recorte da paga extra, impago de complementos autonómicos en Galicia e Madrid) e o empeoramento das condicións de traballo. Bolonia a custe cero ou como aumentar o traballo de xestión da docencia, empeorando a súa calidade e reducindo nun 20% a duración dos estudos.  Multiplicación do traballo docente sen un aumento real da calidade do que se ensina. Florecemento dunha ristra de burocratizados traballos de planificación-avaliación sen apoio administrativo e sen máis finalidade que retroalimentar pretendidas estruturas de "calidade".  
O Real Decreto Lei 14/2012 recunca na liña que xa se camiña desde hai uns anos, segmentar o profesorado e ás universidades.  O forte incremento do encargo docente que intenta poñer en marcha conducirá a medio prazo a que @s nov@s profesores teñan un perfil cada vez menos investigador metidos na moviola da preparación de aulas-docencia-exames-avaliacións sen tempo efectivo para a outra función principal da universidade, a investigación.  Un machadazo á investigación e, tamén, á calidade da docencia que se resentirá sen alimentarse da investigación, no que certas serviciais Universidades que se aprestan a poñer en práctica estas medidas, desmarcándose da postura de forza común, xa están anunciando recortes de persoal.  Especialmente nas áreas de humanidades e ciencias sociais cun coñecemento máis ligado ao entorno social, económico, xurídico ou cultural máis inmediato, o sesgo dos principais indicadores de produción científica cara as publicacións anglosaxonas e o coñecemento técnico e das ciencias experimentais, penaliza na valoración académica a investigación que realizan e convírteas en carne de cañón para a aplicación das novas medidas de intensificación docente.  Indirectamente tamén provocará a desaparición da investigación máis relacionada coa análise dos cambios sociais, políticos e económicos.  
A fixación dunha taxa de reposición de efectivos para postos de novo ingreso do 10% -só se cubrirá 1 de cada 10 xubilacións ou baixas definitivas- ademáis da preocupante falta de renovación do cadro de persoal, corta toda posibilidade de promoción do persoal docente e investigador.  Nas universidades cada avance supón a realización dunha nova oposición polo que a taxa de reposición condiciona/impide cada un deses chanzos.  O longo tránsito que supón a carreira académica desde os postos de axudante, pasando polas categorías de axudante doutor/a, contratado/a doutor/a, titular e catedrático/a, sométese a sucesivas avaliacións externas e concursos. O estancamento na promoción xa está provocando a fuxida de profesorado cara outros países nos que progresar académicamente.  Buscar nova seiva con este cenario é quimérico.
O desmoralizante panorama de recortes (nos fondos de investigación, salariais...), empeoramento das condicións laborais e falta de estímulos busca paliarse facilitando a compatibilización entre actividades públicas e privadas, a creación de empresas cunha moi discutible conexión coa creación de coñecemento novo e outras aventuras emprendedoras que mitigando individualmente a situación profesional socavan colectivamente a dedicación á actividade docente e investigadora. 
Ameázase tamén á liberdade académica dando entrada a que empresas privadas deseñen programas de doutoramento, profesionais externos formen parte das comisións de selección do persoal docente e investigador ou poñendo en mans de fundacións como Universia do grupo Santander un inxente volume de información universitaria coa colaboración sucesiva de Reitores convenientemente financiados no seu retiro.
O control político está tamén na axenda.  As reflexións sobre o goberno das universidades que lanza a dereita (PP e CIU) van na liña de nomeamento externo do goberno das universidades e de cambios para reducir o control democrático pola comunidade universitaria.  
A recente intromisión da Xunta de Galicia na autonomía universitaria seleccionando sen amparo normativo qué prazas saen a concurso dentro dunha convocatoria única, mostran ás claras que a autonomía universitaria preservada constitucionalmente quedou no arró.  Máis alá do control orzamentario, a conxelación da masa salarial e a fiscalización do cumprimento da taxa de reposición de efectivos cos que o goberno autonómico garante o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e adquire un enorme poder sobre as universidades, quere agora irse a unha intervención de feito decidindo a dedo, sen criterio legal, que profesorado debe contratar a universidade.  Algúns decidiron baixar a cabeza pero, igual que na LOU, a comunidade universitaria galega debe encabezar un movemento para frear o desmantelamento do sistema universitario público.

SERMOS GALIZA 15.11.2012

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer