segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

DEGRADACIÓN A TODA COSTA


Os prematuros anuncios, aos poucos días da súa toma de posesión, do Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio sobre a urxencia de proceder á modificación da Lei de Costas están próximos a converterse nun feito tras a entrada no Congreso para a súa discusión. O proxecto de Lei de protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas afronta xa o debate parlamentario e parece pouco probable que as fortes críticas que suscitou no mundo ecoloxista e unha boa parte das forzas parlamentarias poidan cambiar substancialmente as liñas directoras que presiden esta reforma. A reforma toca o núcleo duro da Lei de Costas consolidando aproveitamentos privativos das zonas costeiras tanto mediante prolongadas concesións como, directamente, favorecendo a súa adquisición privada naqueles tramos que a actividade implantada provocase a súa desnaturalización. Dificúltase así a continuidade dun proceso de recuperación da costa para uso e desfrute público e tamén a reversión de procesos de degradación da franxa costeira, de recuperación das dinámicas litorais mediante a eliminación de barreiras físicas e visuais. A complexidade e lentitude do deslinde de costas, debida tanto á extensión costeira a abranguer, coma á existencia dunha morea de vivendas e actividades situadas ao ancho da xeografía costeira, ou a existencia de presión internacional para protexer cidadáns estranxeiros que no seu día se estableceron en zonas costeiras como a que, por exemplo, deduce un tanto nesgadamente o goberno do Informe Auken del Parlamento Europeo de 2009, non parecen argumentos dabondo para practicar unha política de saldos coa costa.
Dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAAMA) achácase á vixente Lei de Costas "litixiosidade crónica" e apóstase por poñer en valor a costa como recurso económico. En prol da "seguridade xurídica" amplíanse os períodos concesionais de usos privativos en dominio público marítimo terrestre próximos a expirar (2018) por un novo período de 75 anos -coincidente co xeneral da Lei de Patrimonio das Administracións públicas-. Introdúcense cambios na propia definición dos elementos que conforman o dominio público marítimo terrestre deslegalizando aspectos relevantes (art.3.1.a) "A zona marítimo-terrestre ou espazo comprendido entre a liña de baixamar viva equinoccial escorada ou máxima, e o límite ata onde alcancen as ondas nos maiores temporais coñecidos, de acordo cos criterios técnicos que se establezan regulamentariamente... "). Incorpórase un réxime diferenciado, en canto a usos e nivel de protección aplicable, entre as praias que se denominan como "urbanas" e os tramos de praia "naturais" nun claro indicio dos cambios que efectuará o posterior desenvolvemento regulamentario ao que se remite novamente. Tamén se flexibiliza a declaración de innecesariedade para o dominio público de terreos que perdesen as súas características naturais permitindo a súa desafectación e, polo tanto, abrindo o camiño para o seu posterior paso a mans privadas (esta foi, por exemplo, unha das vías exploradas por ENCE para manterse na Ría de Pontevedra). Igualmente excepciónanse certos tramos de costas da consideración de dominio público marítimo terrestre buscando por unha parte solucionar a problemática de certos núcleos tradicionais que non quedaran cubertos polas disposicións da Lei de Costas, pero tamén asimilando amplas zonas turísticas froito da burbulla inmobiliaria e novas posibilidades de desenvolvementos promovidos por empresarios con claras conexións gobernamentais. A ampliación dos períodos de autorización das construcións desmontables de 1 a 4 anos vai tamén na liña de facilitar aproveitamentos privados da costa dando satisfacción aos "quioscos" praieiros.
Xa no período de emendas parlamentarias o PP anunciou algún outro cambio substancial do proxecto presentado polo Goberno. Nun principio prevíase a prórroga da concesión das grandes industrias polémicas máis alá de 2018 "logo de informe favorable do órgano ambiental da comunidade autónoma na que radique a ocupación". Iso deixaba, por exemplo, en mans da Xunta de Galicia, a prórroga da papeleira de Ence na ría de Pontevedra. Non obstante, unha emenda do PP reduce a capacidade de decisión das autonomías. A nova redacción establece que ese informe ambiental "terá carácter determinante" pero non vinculante e o Goberno poderá dar a prórroga en contra dese informe autonómico se motiva as razóns de interese xeral" para a continuidade. Tamén se introduciron emendas polo PP para permitir unha prórroga da concesión aos portos deportivos de 35 anos máis.
Dende as filas ecoloxistas -GreenpeaceADENA-WWF, Ecoloxistas en Acción, ADEGA- denúnciase este proxecto normativo que vai na liña dunha maior antropización e presión sobre a franxa costeira e que, tamén, parece premiar a aqueles que contribuíron a esa degradación do espazo costeiro precisamente con medidas como a flexibilización do procedemento de declaración de innecesariedade unha vez que se levou á costa a un nivel de desnaturalización incompatible coa súa función ecolóxica.
Dende o mundo académico o Manifiesto por la preservación y gestión de los espacios costeros aposta por unha acción decidida de protección e reforzamento dos mecanismos da vixente Lei de Costas no entendemento de que a fraxilidade e as ameazas que rodean este espazo non poden solucionarse nin cunha maior privatización pola vía do alongamento dos períodos concesionais, nin pola validación da degradación realizada por certas actividades pola vía da desafectación. Prevense contra unha involución normativa que non cumpra cos compromisos internacionais que asumiu o Reino de España sobre os espazos costeiros.
A paradoxal contradición que sinala por FPRIETO entre este texto normativo e a Avaliación da Política de Costas, realizada pola propia Administración Xeral do Estado a través da Axencia Estatal de Avaliación de Políticas Públicas (AEVAL) ao mesmo tempo que o borrador do proxecto de lei, é sumamente ilustrativa dalgúns dos erros que afectaron negativamente ao espazo costeiro. A ausencia dunha xestión integrada das zonas costeiras; de integración coa Directiva Marco de Augas e a Directiva Marco sobre Estratexia marítima; a deliberada relegación da cooperación coas Comunidades Autónomas que, non obstante, teñen importantes competencias en materias que afectan ao espazo marítimo-terrestre; o abandono de programas como o de adquisición de terreos para incorporalas ao dominio público costeiro; o esquecemento dos efectos do cambio climático; ou de iniciativas como a ampliación da franxa protexida (ex. Asturias ou Galicia durante o goberno bipartito), son algunhas das cuestións que o documento de Avaliación da Política de Costas sinalaba como aspectos necesitados de impulso para garantir a protección costeira e que non están presentes no proxecto de lei a debate.
En definitiva, malia o rótulo que a adorna estamos máis ante unha modificación da Lei de Costas que reabre debates xa resoltos -competenciais, deslindes, definición do dominio público marítimo-terrestre- que ante un texto de "protección e uso sostible do litoral".

Borrador editorial Revista catalana de Dret ambiental 14.1.2013

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer