sexta-feira, 19 de julho de 2013

Estado de excepción ambiental

Rosa Fernández Caamaño (1º premio concurso APDR 2007)

A crise económica vén utilizándose como escusa para un profundo excepcionamento da normativa ambiental.  Nos últimos tempos proliferan as normas que recollen amplos catálogos de excepcións ao réxime aplicabel, que reducen as garantías propias do ordenamento ambiental ou mesmo que buscan a blindaxe legal de proxectos que son obxecto de contestación social.  O goberno de Feijóo, sempre punteiro no que se refire a levantar a veda depredadora, acumula exemplos nesa dirección, mais tamén na lexislación estatal e doutras comunidades autónomas o estado de excepción parece esparexerse.
En primeiro lugar, a excepción ambiental atopa o seu acomodo máximo na aprobación por lei de proxectos singulares controvertidos.  Saltando o carácter xeral e indeterminado das leis blíndanse o que materialmente son decisións administrativas ou normas propiamente regulamentarias.  Deste xeito prácticamente se elimina a posibilidade de recurso xudicial (as leis só son recorribeis ante o Tribunal Constitucional e por un catálogo pechado de suxeitos) e anúlanse as vías de participación que contempla a normativa ambiental para os procedementos administrativos (ex. trámites de información pública, scooping na avaliación de impacto...).  A elevación de rango da normativa eólica en Galiza foi a vía usada por Feijóo para intentar sortear o regueiro de recursos que sementara coa súa ilegal decisión de paralizar o concurso eólico. Do mesmo xeito apróbanse por lei proxectos fortemente controvertidos para blindar esas decisións materialmente administrativas como as infraestruturas hidráulicas do Plano hidrolóxico estatal, a destrución do barrio do Cabanyal en Valencia, o proxecto Meseta-Ski en Castela-Léón ou, antes, o vertedoiro de residuos de Santovenia ou polémico caso de Itoiz.
Unha segunda estratexia usada para limitar os condicionamentos da normativa ambiental é a inclusión de amplos catálogos de excepcións na normativa. O indulto masivo que se establece na reforma da Lei de Costas e que afecta a 154.000 inmobeis, 1700 instalacións industriais e 12 núcleos costeiros, é un exemplo evidente nesa liña.  Tamén recentemente o PP promovía en Galiza unha Lei de Vivenda que permitiría incumprir as sentenzas firmes de derrubo de vivendas e instalacións comerciais e industriais declaradas ilegais.  Afortunadamente é de agardar que a doutrina sentada polo Tribunal Constitucional na STC 92/2013, de 22 de abril, en relación cunha lei semellante cántabra declare inconstitucionais estas previsións. Non moi lonxe desas prácticas está a habitual pretensión de desclasificación de espazos naturais para "acomodar" os seus límites cos de actividades depredadoras e lesivas.  A UE esixe que se motiven os criterios científicos que levan a reverter decisións previas sobre a importancia dos ecosistemas mais iso non parece supor unha pexa para rexedores municipais, autonómicos ou estatais á hora de priorizar consideracións económicas sobre as ambientais.
A seguinte vía de instaurar un estado de excepción ambiental é a dos procedementos ou convenios administrativos que facilitan un tratamento singular de determinados proxectos. Búscase o efecto "tapete vermello" mediante a substracción de determinados proxectos da tramitación ambiental ordinaria coa súa tramitación por unha vía privilexiada.  En Galiza antes co Decreto de supramunicipalidade -ideado polo goberno Fraga para quitar a ENCE do control do concello de Pontevedra-, agora coa Lei de Política Industrial de Galicia  e os proxectos industriais estratéxicos -pensada por Feijóo, por exemplo, para Corcoesto- permíteselles unha tramitación acelerada, a redución dos trámites de participación da cidadanía e dos movementos sociais, a eliminación de controis preventivos municipais (licenzas...), a preferencia para obter axudas públicas ou axudas directas sen concorrencia, o beneficio da expropiación urxente e a obriga de modificación do planeamento urbanístico aos ditados da Xunta.   A numantina resistencia do Concello de Pontevedra ou a Asociación para a defensa da ría (APDR) conseguiou doblarlle o pulso á Xunta con senllas sentenzas do Tribunal Supremo en 2012 logo dunha prolongada batalla xudicial.  A reforma da Lei de Costas foi a resposta.  Igualmente o escandaloso caso do convenio urbanístico promovido pola Xunta de Galicia para legalizar máis de 3000 vivendas ilegais en Barreiros, que acaba de coñecer unha derrota xudicial da man da tenacidade de ADEGA, mostra como a pretensión de torturar a normativa ambiental é firme e busca con insistencia camiños
Finalmente, o pretexto da simplificación administrativa.  Con teimosía véndese a redución de trámites administrativos como un logro da desburocratización (nin asomo do impulso dunha verdadeira administración electrónica que internamente prescinda do papel e o lento decorrer polos gabinetes administrativos dos papeis para conseguir acurtamentos de prazos). Porén a supresión de trámites, mesmo a eliminación de licenzas, tan en boga, ten como contraparte a desaparición dos mecanismos de participación que permiten á cidadanía, aos colectivos ecoloxistas, aos movementos sociais en xeral, participar nos procedementos.  Se non hai licenzas de funcionamento ou, como apunta o novo proxecto de lei de Unidade de Mercado, se unha licenza obtida no territorio do estado coa lexislación máis laxa serve para implantarse en calquera comunidade autónoma, o dumping normativo está en marcha.  As instalacións problemáticas buscarán o acceso ao mercado no punto onde os estándares ambientais, de seguridade, de protección dos consumidores sexan máis relaxados.  Se a actividade comeza cunha simple comunicación previa non haberá un procedemento administrativo no que presentar alegacións sobre os impactos ambientais. A empresa comezará a funcionar só con comunicalo asumindo baixo a súa responsabilidade que coñece e cumpre a normativa aplicabel.  
Hai ben pouco aprobábase a Lei 5/2013 pola que se modifica a normativa de control integrado de contaminación, que somete a autorización ambiental integrada ás instalacións cun impacto ambiental severo.  Pois ben, a renovación da autorización que antes era preciso facer como máximo cada oito anos e que permitía novamente alegar os problemas percibidos, adaptar aos cambios lexislativos ou técnicos a licenza, agora desaparece.  Só será preciso renovar a autorización se a Administración requirir á instalación que o faga.  Apostamos algo a que unha boa parte das instalacións diríxense cara autorizacións prácticamente indefinidas?.
En definitiva, un amplo cadro de estratexias que van desdebuxando os perfís da normativa ambiental convertíndoa nunha sorte de queixo emmental con furados polos que é doado eludir o control sempre que se atopen cun complacente goberno dispostos a unha política de saldos co medio.

SERMOS GALIZA 19.07.2013

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer