quinta-feira, 29 de agosto de 2013

Quen parte e reparte...Incumprimento de obrigas europeas e recentralización



A propaganda centralista ten axitado con ardor a pantasma das comunidades autónomas ser incumpridoras das obrigas que se derivan da pertenza á UE. O certo é que unha análise demorada mostra que xeralmente a ausencia de incorporación das normas comunitarias ou a súa incorporación tardía ou incompleta é falta estatal.  Nunha investigación de próxima publicación que realizamos para o  Institut d'Estudis Autonòmics catalá a conclusión xeral das análises sectoriais mostra que a maioría das comunidades autónomas agardan á transposición estatal do dereito comunitario, mesmo en ámbitos da súa competencia nos que poderían actuar directamente. Isto únese a un alongamento dos títulos competenciais transversais (ordenación da economía, bases do réxime xurídico das Administracións...) usados coma chicle polas instancias centrais para limitar o espazo autonómico de incorporación do dereito comunitario.
Porén, a teimuda ofensiva centralista busca agora instrumentos para unilateralmente cargar nos petos autonómicos as consecuencias dos incumprimentos das obrigas europeas. A comezos de xullo publicábase o Real Decreto 515/2013, de 5 de xullo, polo que se regulan os criterios e o procedemento para determinar e repercutir as responsabilidades polo incumprimento do Dereito da Unión Europea.  Un novo exemplo da deriva re-centralizadora e do esfarelamento do marco competencial autonómico. Esta norma pretende desenvolver o procedemento para que as Administracións que incumpran normas de Dereito comunitario asuman as responsabilidades (ex. multas) que este incumprimento poider causar.  Botar as contas, en definitiva, de se debe ser o goberno central ou os autonómicos os que se fagan cargo das facturas -elevadas- que poden derivarse da falta de dilixencia na incorporación das normas europeas ou mesmamente da deixación ou actuacións contrarias a esa normativa.
Por poñer un exemplo próximo, o incumprimento das Directivas europeas en materia de calidade das augas pola ausencia dunha depuradora en condicións en Vigo fai que haxa unha multa de 20 millóns de euros imposta que, de non acelerarse a construción da nova depuradora, podería cobrárselle ao Reino de España. O Real Decreto aprobado serviría para determinar a responsabilidade dese incumprimento e, en definitiva, quen debe pagar. A inexistencia de servizos de depuración de augas residuais para a poboación da contorna viguesa é responsabilidade, competencialmente falando, da Xunta ou do Ministerio?. O procedemento que intereseiramente se establece busca facer o reparto e pasar a factura.
Lonxe da bilateralidade na fixación da responsabilidade, que sería propia dunha relación equilibrada, o RD atribúelle en exclusiva a órganos centrais do Estado a tramitación do procedemento.  A Secretaría Xeral de Coordenación Autonómica e Local do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas é o órgano encargado de tramitar o procedemento, isto é de analisar as competencias e o asunto en cuestión para valorar de quen é responsabilidade o incumprimento. A resolución correspóndelle ao Consello de Ministros.  Nin se crea unha comisión bilateral para chegar a un acordo, nin se recorre ás Conferencias Sectoriais Estado/CCAA ou a un órgano ad hoc no que os posibeis responsabeis se sitúen nun plano de igualdade. Son as estruturas centrais as que unilateralmente fixarán a responsabilidade.
As comunidades autónomas tan só disporán dun prazo "non inferior a dez días nin superior a quince" para formular alegacións e Madrid "poderá rexeitar as probas propostas pola Administración ou entidade interesada cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias".  Isto é que en asuntos da complexidade, por exemplo do tax-lease, o Estado pode, despois de remoelo durante moito tempo para buscar argumentos ao seu favor, iniciar un expediente de responsabilidade dándolle un par de semanas a unha comunidade autónoma para que se "descargue de culpas", decidindo posteriormente de xeito unilateral se acepta realizar as probas que ésta lle propoña, e acto seguido elevar ao Consello de Ministros a toma de decisión.
A desigualdade evidente no procedemento de determinación da responsabilidade refórzase cunha detallada regulación dos mecanismos polos que se vai facer efectivo o cobro das responsabilidades compensando, deducindo ou retendo os importes das partidas dos orzamentos estatais, que poden ter ou non que ver co asunto que ocasiona a responsabilidade (retendo, por exemplo, cartos para asuntos sociais por un incumprimento en materia de agricultura). Non se exclúe ademais a aplicación retroactiva do procedemento xa que a única previsión temporal que hai é que prescribirán as responsabilidades pasados catro anos desde que o Estado aboara ás sancións a Bruxelas.  É posibel, pois, que todos os procedementos sen pechar coas autoridades comunitarias ou nos que non transcorreran aínda catro anos poidan ser suxeitos ás previsións deste RD para o Estado facer caixa.
A complexidade competencial do Reino de España fai moi difícil diseccionar as responsabilidades por incumprimentos do Dereito comunitario. Ademais é contrario ao principio de cooperación institucional un procedemento unilateral, sen vías de recurso, usando como elemento extorsionador o control central do orzamento público pola ausencia de autonomía financeira autonómica, para facer caixa destinada á voracidade centralizadora.  
En síntese, unilateralidade, negación das fórmulas cooperativas e desfiguración do marco competencial neste novo, e económicamente moi perigoso,  chanzo centrípeto.

Praza Pública 29.08.2013

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer