quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

O BOSÓN DE HIGGS




Enguedellada nunha irresponsable sucesión de estériles proclamas (des)organizativas segue a esquerda nacionalista.  Lonxe de ofrecer respostas a unha sociedade profundamente atacada no seu ser nacional, distante dunha resposta contundente ao programa de ultra-reformas para desfacer todo resto de dereitos sociais, seguimos dubidando como o chiste de vascos se andamos a cogumelos ou a rolex.
Esquecendo o difícil camiño de construcción de alternativas políticas, sindicais, agrarias, estudantís ou ecoloxistas, desandamos o que eran logros singulares do nacionalismo de esquerdas en Galiza en contraste con outras nacións do estado.  Paga a pena tanta desfeita? É a alternativa da separación a mellor? Cabe a avinza entre forzas políticas en competencia electoral e social?
Defendo a unidade porque non vexo nas distintas alternativas máis que escenificacións de loitas de poder resesas.  Ulas diferenzas? Desfacer un frente para montar outro presidido pola fraternidade, ata que haxa que elaborar as primeiras listas electorais?
Nas tres últimas asembleas discrepei coas maiorías nas que participaron sucesivamente as tres correntes e persoas que agora deciden o futuro do nacionalismo de esquerdas. Discordei coa deriva que nos alonxou das loitas sindicais, ambientais e sociais en xeral.  Coas alianzas co nacionalismo de dereitas.  Cunha defensa da lingua propia non suficientemente firme e na que palabras como inmersión soan ousadas.  Coa falta de medidas organizativas para garantir o control democrático pola militancia dos nosos representantes institucionais, do seu comportamento radicalmente ético e do papel da militancia non-adscrita nun BNG con cada vez máis partes.  Non é este o BNG que eu quero e agardo que a convulsión na que estamos leve a todos os que están, os que estiveron e os que están por vir a traballar con certa altura de miras para construirmos outra organización unitaria na que se resolvan os profundos erros organizativos dos que todos somos partícipes.  Debemos abrir a porta da organización para que participen compañeir@s que cada día traballan connosco en moitos ámbitos (asociacións de viciños, culturais, de nais e pais...) que confían no BNG cando nos ven traballar na base, na Xunta ou nos concellos.  Xente á que lle resultará difícil distinguir os matices que seica diferencian o modelo de goberno de Rianxo, Pontevedra, Teo ou Allariz. Xente á que hai que dicirlle que o BNG se trabucou en Reganosa, facéndolle as beiras ao directivos das caixas, bailando con vellos ou tardando moito máis do necesario en marcar as diferenzas co PSOE.  Que foron graves equivocacións tamén as dinámicas que se instalaron no asociacionismo ecoloxista, de defensa da lingua, agrario ou estudantil.  Mais xente tamén que sabe que se Galiza houbo algún momento en que tivo un proxecto de servizos sociais propio dunha sociedade avanzada foi cando gobernaba o BNG; se alguén defendeu ao sector naval  ou o sector agrario foi o BNG; se hai orgullo do propio, da nosa cultura, da nosa lingua e apoio aos  que cada día traballan para facernos un pobo máis intelixente, culto e pleno é alí onde o BNG ten presenza; se hai un discurso alternativo á crise é coa voz do BNG polo emprego e a economía productiva, contra os desfiuzamentos, contra a toma da democracia como refén polos especuladores que orixinaron a crise.
A esa xente hai que ofrecerlle un proxecto de esquerda soberanista anovado nas formas, democrático e inclusivo no funcionamento e con vocación de transformar a sociedade gañando a maioría social.  Difícilmente podemos facer iso sen anovar o BNG, difícilmente podemos facelo tamén partindo o BNG.
Desde a militancia non-adscrita, tan maioritaria coma esquecida, compre reclamar a disolución de todos os sub-bloques que traen precociñados acordos e desacordos, listas e opinións, pechadas á transversalidade e á construcción colaborativa das nosas propostas sociais.  As dinámicas separadoras esquecen tamén as dificultades e a precariedade na que se desenvolve o traballo de moitos e moitas compañeiras en concellos pequenos con medios moi limitados e claras eivas para facer chegar á cidadanía as nosas propostas. Realistamente, resulta pouco defendible e crible pensar que os matices entre dous/tres novas forzas políticas poidan aspirar a ser algo máis que caricaturas dun proxecto político transformador para nosa sociedade.  Pode que atopen esa partícula divina, o bosón de Higgs, despois de anos de duros experimentos.  Anos perdidos para o noso país e para varias xeracións de galeg@s.

14 comentários:

  1. Totalmente de acordo, Alba. Graciñas pola reflexión... [Tan só lle mudaría o "todos son partícipes" por "todos somos partícipes" ;-)]. Oxalá este artigo servise para unha reflexión colectiva...

    ResponderEliminar
  2. Dubidei niso e deixei a primeira versión. Cambio. Tes razón.

    ResponderEliminar
  3. Curioso, subscribo todo o artigo excepto naquelas partes en que afirmas que a unidade dentro do BNG é o único camiño. A min paréceme que a única maneira é facelo fóra do BNG e sen "michelines", como gusta de dicir algún que fica dentro. En calquera caso obvias a dimensión externa. De que serve un nacionalismo anovado se non se actualiza a mensaxe cara á sociedade non nacionalista, se o nacionalismo é a metade de importante que en 1997? É que o retiro da confianza popular é problema das liortas internas? É que os 15 anos de retrocesos electorais débense a que a xente está super interesada no que se pasaba dentro do BNG? Non será que o proxecto político do nacionalismo tal e como o coñecemos está esgotado? Que a xente que algunha vez nos foi próxima quere de nós outra cousa? En que variou a proposta nacionalista nos últimos 30 anos? Máis soberanía? Altura de miras si, por favor, pero para pensar maís na sociedade e nunha alternativa de progreso para Galicia.

    ResponderEliminar
  4. Discrepo profundamente - e respecto profundamente - a túa opinión, Alba.
    Que todos teñamos forza, dentro e fóra, para avanzar.
    Estou convencido de que a separación vai ser positiva para todos; para os que queren marchar e os que queren quedar.

    ResponderEliminar
  5. O que escribes é fermoso en intencións Alba, mais só é un soño. O BNG que imaxinas non existe nin existirá nunca. Amais, penso que confundes BNG-marca con BNG-espírito. Moita da xente que marcha, e que marchará, é máis BNG que a que queda. Moita desa xente tamén loitou nas frontes que mencionas, e noutras que dis que desexarías que o BNG asumira como loitas. Canto tempo máis pedirías ti que désemos para seguir na ilusoria teima de anovar o BNG? Xa non hai BNG Alba... só queda unha sigla. Sorte a todas e todos.

    ResponderEliminar
  6. Cibrán Santamarina Ríos15 de fevereiro de 2012 às 23:27

    Qué complexo debate. É evidente o disgusto de moitos dos que participamos ou participabamos do BNG co devalar dos últimos anos. Obviamente cada un pon os límites a ese estar a disgusto dunha maneira persoal e existe unha liña moi fina entre o momento entre o que se dá outra oportunidade ou se decide rachar

    A miña experiencia no BNG non é suficiente para unirme ao grupo dos que se sinten a disgusto. Desde a distancia observei con amargura a convulsión dos últimos anos. Pero dóeme na alma que persoas moi queridas e respectadas me teñan manifestado nos últimos días que no traballo de base do BNG foron marxinados, o seu traballo desconsiderado e as súas opinións contrariadas simplemente por ser eles quen son. E iso que se trata de persoas que eu considero nada sectarias, proactivas, positivas, constructivas, tanto no seu trato persoal como na súa traxectoria profesional.

    A iso uno que o BNG se está equivocando á hora de escoller ós seus referentes e non tratou demasiado ben ós que o foron no pasado. A min persoalmente non me enganchan e no meu entorno constato que a sensación é parecida.

    En calquera caso, entendo que moitos na disxuntiva de marchar para casa ou participar en algo novo, despois de pasar anos a disgusto, opten polo segundo e que a responsabilidade non é dos que como militantes de base levan anos nunha dinámica na que se sinten bloqueados (non iba con segundas). E tampouco creo que o nacionalismo se poida permitir que miles de persoas permanezan desactivados. O tempo dará ou quitará razóns pero... na dinámica electoral na que estabamos era preciso un feixe de alta enerxía como eses que producen o bosón de Higgs no CERN.

    ResponderEliminar
  7. Non entendo a crítica ao tema de Reganosa. A qué te refires? Non o entendo por que é como criticar ao BNG pola súa postura en relación á Cidade da Cultura: era un proxecto desenhado, executado e capitalizado polo PP e as súas redes clientelares, algo que estaba ahí cando o BNG chegou a San Caetano, que non pode ser desmantelado, e que en todo caso garante a autonomía enerxética de Galiza en oposición ao proxecto centralista, que pasa por facer depender a Galiza do suministro gasista ubicado en Asturias, complementado co proxecto da autopista do mar.

    Estou eu cego, ou non era outra que a do BNG a política nacionalista? É que non o entendo de verdade, como tampouco entendo a desaparición repentina de todo aquel tema de Galiza Non se Vende. Foi chegar Feijóo e disolveuse o tema, o problema de Reganosa deixou de ser un problema. Sinceramente, non o entendo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. chamarlle autonomía enerxética a importar un combustible fósil é moi creativo!

      Eliminar
    2. Autonomía enerxética, sí. Non a respeito do tipo de enerxía (combustíbeis fósiles) senón a respeito da canle de distribución, posto que REGANOSA favorece a independencia das canles de distribución dese tipo de enerxía do Estado espanhol. Reducir a dependencia dos combustibeis fósiles resulta conveniente, pero desmantelar REGANOSA -no caso de que eso fora viable- simplemente eliminaría un punto de distribución mantendo o mesmo nivel de consumo enerxético e por tanto incrementando a dependencia de Galiza das canles de distribución do Estado e incrementando o custe do consumo. Por suposto, eliminar REGANOSA interésalle ao Estado espanhol e á industria gasista.

      Eliminar
  8. Concordo, Alba. Coido que algunhas e algúns que levamos demandando a berros, cambios actitudinais e procedimentais ou metodolóxicos, teríamos que xuntármonos para dar a batalla dentro do BNG, porque individualmente, é un imposíbel ...
    Sempre haberá quen "despache" o discurso co manido vicio de adxectivar para non mudar nada ...
    Desde outras instancias, chamarannos -no mellor dos casos-inxenu@s; mais os resabios propios daqueles que están de volta de todo, a caída nese escepticismo tan familiar (topicamente galego)tampouco parece ser premisa válida para a transformación social. En fin, ... chego tarde ao traballo. Estaremos en contacto. Apertas. Mil.

    ResponderEliminar
  9. O que fai falla é un mapa político cun partido nacionalista de esquerdas, moderno e un partido de centro ou centro-dereita que lle reste votos ao PP. Do contrario, non seremos quen de mudar o estado das cousas.

    ResponderEliminar
  10. Que ilusa es Alba. O BNG non existe, é a Alternativa Pola Uniformidade o que queda. UPG e a marca branca MGS. O resto sondes uns paganinis utilizados ao gusto do Paco Rodríguez. As cousas hai que falalas así de clariño. Fóra do BNG non vai frío, como nos quixeron facer crer os stalinistas da U.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Damian, alguén contouche o conto de carapuchiña vermella versión "o lobo é a UPG". Hai que ser realmente inxenuo para crer os teus argumentos baratos e manidos ("o BNG non existe", "marca blanca", "paganinis baratos", "stalinistas"...). Hai que ser realmente atrevido para chamar ilusa a unha persoa que coñece moi ben a organización frontista. Se che gostan os contos, o teu é infantilismo puro...

      Eliminar
  11. Parabéns, concordo quase-totalmente

    ResponderEliminar

O teu parecer