domingo, 15 de abril de 2012


A ESQUERDA NACIONALISTA NA ENCRUCILLADA CENTRALIZADORA




A contrarreforma centralizadora avanza implacable.  Nos últimos anos a insistente propaganda da caverna mediática madrileña conseguiu amplas unanimidades na España-nacional frente ás nacións do estado.
A sentenza do Estatut de Catalunya púxolle o ramo a unha deleiva na que se piden cambios do sistema electoral que primen aínda máis aos partidos estatais, a protección do castelán frente á implacable omnipresenza das linguas propias, a recentralización de competencias autonómicas exclusivas como a educación ou a sanidade e se reclama a primacía da unidade de mercado para coutar políticas propias en materia económica.  Combinando as dúas almas do Partido Popular, nestes días bótase no lombo das comunidades autónomas o peso de correxir o déficit público inviabilizando os proxectos de autogoberno e obrigando a recortes no estado de benestar que acapara o groso dos orzamentos autonómicos.  Só compre agardar a que como froita madura as comunidades autónomas pidan papas e o goberno central “se vexa obrigado” a recortar o estado autonómico ante a imposibilidade de este xestionar a cota de poder político que lle corresponde. 
O amplo dominio do PP no mapa autonómico e a evidente concepción das autonomías como unha pura descentralización administrativa xa está dando os primeiros froitos coa invasión desde o executivo central das competencias autonómicas.  O condicionamento dos servizos públicos autonómicos pola vía das limitacións introducidas recentemente coa modificación constitucional e a fixación polo Estado de topes á contratación de empregados públicos; a liquidación do sistema de caixas e do control autonómico sobre o sector; a vontade de limitar as competencias educativas autonómicas cunha converxencia aínda máis elevada dos currículos educativos (hoxe entre o 55% e o 65% xa é de fixación estatal), a imposición dunha moratoria na convocatoria de oposicións no ensino...en poucos meses temos mostras abondas da determinación para desandar o camiño andado e poñer fin aos cativos avances acadados.
Nese contexto compre máis que nunca que o nacionalismo de esquerdas actúe organizada e conxuntamente.  A cidadanía sabe que se Galiza houbo algún momento en que tivo un proxecto de servizos sociais propio dunha sociedade avanzada foi cando gobernou o BNG na Xunta e nos concellos; se alguén defendeu ao sector naval  ou o sector agrario foi o nacionalismo de esquerdas organizado política e socialmente; se hai orgullo do propio, da nosa cultura, da nosa lingua e apoio aos  que cada día traballan para facernos un pobo máis intelixente, culto e pleno é alí onde ten presenza o nacionalismo de esquerdas; e tamén é ahí onde pode atoparse un discurso alternativo á crise polo emprego e a economía productiva, contra os desfiuzamentos, contra a toma da democracia como refén polos especuladores que orixinaron a crise. 
Nestes momentos convulsos para a esquerda nacional compre pensar se existe espazo, xa non electoral senon de formulación de alternativas políticas, para diversas forzas cun discurso na esquerda soberanista.  As chamadas a unha ruptura para nun futuro voltar a buscar a confluencia só poden entenderse en clave interna pero non como unha resposta que poña por diante a solución dos complicados retos que temos como nación e como cidadáns. Máis que nunca a unión é necesaria. A convivencia debe ser reformulada baixo parámetros de integración, respecto democrático mutuo e traballo leal, pero sen convivencia e novas incorporacións non hai proxecto de futuro para o país.  Tampouco para o nacionalismo.

Contribución ao Dossier "A esquerda en Galicia. O nacionalismo que virá" no número 178 de marzo de 2012 da revista Tempos Novos no que tamén hai colaboracións de Paula Vázquez Verao, Teresa Táboas Veleiro, Teresa Moure e María Xesús Boo

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer