quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

DURAS RECOMENDACIÓNS POLOS INCUMPRIMENTOS DA CARTA EUROPEA DE LINGUAS REXIONAIS E MINORITARIAS

O Consello de Europa acaba de publicar o seu cuarto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Con este informe o Consello de Europa realiza unha avaliación periódica -neste caso con retraso polas presións do goberno español para non ser publicado en periodo pre-electoral- do cumprimento dos obxectivos que o Reino de España se comprometera a asumir ao ratificar este tratado internacional. Como conclusións do informe que fai o Comité de expertos o Consello de Ministros pacta unhas recomendacións
As seis recomendacións que se lle efectúan ás autoridades españolas (estatais, autonómicas e locais) son as seguintes: 
 1. Enmendar o marco normativo vixente co obxecto de que sexa claro que os órganos xudiciais penais, civis e administrativos nas Comunidades Autónomas poden levar os procedementos xudiciais nas linguas co-oficiais pola petición de unha das partes. 
 2. Continuar implementando as medidas legais e prácticas para que asegurar que unha parte axeitada do persoal xudicial que traballa nas Comunidades Autónomas que ten que aplicar o artigo 9 da Carta ten un coñecemento suficiente das linguas comprendidas. 
 3. Continuar implementando as medidas legais e prácticas dirixidas a asegurar unha presenza axeitada das linguas co-oficiais na Administración estatal nas Comunidades Autónomas. 
 4. Continuar implementando medidas para asegurar a presenza das linguas co-oficiais nos servizos públicos, especialmente nos servizos de saúde. 
 5. Continuar asegurando que a oferta de educación trilingue non afecta de forma negativa á protección das linguas rexionais ou minoritarias. 
 6. Considerar a extensión do recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias con recoñecemento de oficialidade en seis Comunidades Autónomas a outras Comunidades Autónomas sempre que nelas haxa un nivel suficiente de falantes.

Duras recomendacións que veñen insistir en incumprimentos xa sinalados en informes anteriores. As recomendacións concéntranse esencialmente nos incumprimentos que debe corrixir o goberno central mais o informe dos expertos desenvolve polo miudo conclusións igualmente negativas sobre a situación de cada unha das linguas protexidas nos ámbitos (ensino, xustiza, servizos públicos, medios de comunicación...) obxecto da Carta.


Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer