A publicación do Cuarto informe do Comité de
Expertos sobre o cumprimento dos compromisos ratificados polo Reino de España
case por unanimidade dos deputados do Congreso en 2001, mostra unha vez máis a
asimetría entre os compromisos adquiridos e o cumprimento. Reitéranse
advertencias sobre incumprimentos xa sinalados nos tres anteriores informes e,
de xeito moi singular, as referidas á inexistencia de inmersión lingüística no
ensino infantil, primario e secundario e á imposibilidade da xustiza ser
administrada en galego.
Non son novas estas advertencias e as dos
outros ámbitos de aplicación da Carta e revelan unha ratificación puramente
propagandística, ou cun descoñecemento profundo do seu alcance, sen vontade
real de cumplilo. Non obstante, a Carta Europea de Linguas Rexionais e
Minoritarias ao incorporar este mecanismo de seguemento permite apreciar a
inacción e falta de vontade política para protexer as linguas e os dereitos
lingüísticos dos falantes.
Hai que lembrar que unha vez ratificada a
CELRM convírtese en parte do noso ordenamento xurídico, sendo por tanto de
obrigado cumprimento e aplicación polos tribunais, coa particularidade de que é
unha norma que non pode ser modificada ou devaluada polos órganos lexislativos
(estatais, autonómicos ou locais) internos.
Cómpre pois que a cidadanía exixa os dereitos e a acción pública de
protección que se deriva da Carta e cómpre ensaiar fórmulas novas de activismo
lingüístico para os facer valer.
Cuarto
Informe de seguimento do Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritaria
Resumo das conclusións sobre o
cumprimento dos compromisos para o galego en Galiza e nos territorios nos que
se fala fóra de Galiza
O galego fóra de Galiza
O informe sinala a falta de información sobre
o galego en Asturias, Castela-León e Extremadura, constata un descenso dos
falantes galegos en Asturias e demanda a necesidade de acción resolta para
frear a situación do galego nestas tres comunidades autónomas.
O comité de expertos percibe unha falta de
visibilidade das linguas propias fóra dos seus territorios e recomenda elevar a
concienciación sobre a pluralidade lingüística nas comunidades monolingües.
Igualmente recomenda unha acción decidida para promover esa visibilidade a
través do ensino e os medios de comunicación.
Educación
O Comité sinala que a lexislación educativa
galega está claramente en contradicción cos obxectivos ratificados e indica que
se debe facilitar ensinanza en galego (inmersión) para todos os niveis
educativos polo que considera incumpridos os compromisos adquiridos. Tamén sinala que hai un incumprimento no
compromiso de poñer en marcha un órgano para avaliar o cumprimento e realizar
informes de seguimento do cumprimento da Carta na educación.
Xustiza
No ámbito da xustiza as advertencias sobre os
coñecidos problemas tanto na celebración dos propios xuizos, como na plataforma
informática son obxecto de atención polo comité de expertos que realizar varias
advertencias coincidentes en parte coas xerais que fai o Consello de Ministros
ao Reino de España. Ínstanse a Enmendar o marco normativo vixente co obxecto de que sexa claro que os
órganos xudiciais penais, civis e administrativos nas Comunidades Autónomas
poden levar os procedementos xudiciais nas linguas co-oficiais pola petición de
unha das partes e tamén se chama a atención de que as partes deben ser
informadas específicamente sobre os seus dereitos lingüísticos aos xuizos seren
celebrados en galego se tan só unha das partes asi o solicita. Tamén se recomenda incrementar a proporción
de xuices e fiscais competentes en galego e adoptar medidas de formación
lingüística do persoal xudicial e os avogados.
Advirte igualmente do incumprimento parcial do compromiso de dispor en
galego da lexislación vixente.
Administración e servizos públicos
No que atinxe ás Administracións e servizos
públicos o informe do comité de expertos sinala que seguen rexistrándose
incumprimentos singularmente na existencia de documentos e impresos comúns
(Axencia tributaria...), tamén incumprimentos parciais na atención ao
público. Igualmente solicita información
sobre o peche de servizos de normalización lingüística municipais. Faise eco do descenso do uso da lingua nos
servizos públicos como consecuencia da privatización e do escaso uso nos que
dependen do estado polo que entende que ese obxectivo está só parcialmente
cumprido. Curiosamente considera
cumprido o obxectivo relacionado coa tradución sinaladamente das páxinas webs
dos ministerios. Con respecto ao
adestramento e contratación de empregados públicos considera cumprido o
obxectivo para os autonómicos e parcialmente para os estatais.
Medios de comunicación
Os medios de comunicación foran obxecto dun
duro tratamento no terceiro informe. Nos radiofónicos o nacemento dalgúns
medios novos e a existencia doutros cunha certa audiencia (Radio Fene, Radio
Estrada and Radio Oleiros) leva aos
expertos a considerar que hai un cumprimento parcial do compromiso. Esa mesma conclusión é a que se dá nos medios
televisivos. Nos medios escritos
constátanse os cambios no sector e saúdase a existencia de medios dixitais en
galego ou a posibilidade dos medios en castelán contar con ferramentas de
tradución mais aconsella explorar a posibilidade dun medio escrito. No que respecta ao intercambio de produtos
informativos con Portugal o comité de expertos sinala que lle falta
información, indica que no próximo informe debe proporcionárselle e aconsella
ás autoridades que impulsen activamente a posibilidade da televisión e radio
portuguesas seren recibidas en Galiza.
Actividades culturais
En xeral os compromisos en materia de cultura
considéranse cumpridos malia os recortes experimentados nas partidas
orzamentarias.
Vida social e económica
A situación no sector financeiro é ao xuizo
dos expertos dun cumprimento parcial da obriga de dispor da documentación usual
e poder realizar as transaccións en galego.
A actividade de promoción do galego no sector público económico
considera que cumpre cos compromisos da Carta.
En canto á atención en galego na sanidade e servizos sociais o comité de
expertos insta ás autoridades a que se ofreza a posibilidade das persoas ser
atendidas en galego. Polo que respecta á
información e advertencias de seguridade existentes en obras, edificios, etc. o
comité entende que se incumpre a obriga de que esa información se proporcione
en galego.
Informes transfronteirizos
Os compromisos en materia transfronteiriza
consideráse cumpridos.
Como conclusións finais o comité de expertos
considera que:
Galego en Galiza
"A lingua ten unha presenza xeralizada
na vida pública incluída a administración autonómica e local. No ámbito da
educación o comité de expertos está preocupado pola redución gradual do ensino
en galego. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción de ensino en
galego reduciuse na educación primaria e secundaria. Os problemas persisten nos
procesos xudiciais e hai unha oferta insuficiente de programas en galego nas
televisións privadas".
Galego-asturiano en Asturias
"As autoridades emprenderon un grupo de
medidas para mellorar a lingua, incluindo o recoñecemento da súa identidade
distintiva. Ofréncense clases de asturiano como materia no ensino. Debería
facerse unha distinción clara entre o Galego e o Asturiano no próximo informe
periódico".
Galego en Castela-León
"Aínda que a lingua ten unha certa
presenza no sistema eductivo, necesita ser reforzada. Precísanse máis medidas
para promover o galego nos medios e en xeral na vida pública".
Galego en Extremadura
"A lingua non está recoñecida como unha
lingua minoritaria. Non se experimentaron progresos na protección e promoción
da lingua de acordo coa Carta".
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer