quinta-feira, 30 de agosto de 2012

Balance. Impulso



Feijoo salta do barco fuxindo da súa incapacidade para levalo a porto. Finalizada a lexislatura da incompetencia, o lingüicidio e a prestidixitación orzamentaria, convoca eleccións sen nada que ofrecer ao electorado. Este é Feijoo, o presidente dun goberno anémico que non tivo fol para traballar máis que oito meses ao ano pechando os exercicios orzamentarios á volta do verán.  Un presidente en contínua xira por Madrid e as comunidades autónomas nas que o PP poidera ter eleccións, fuxindo do día a día en Galicia. Un dirixente ao que lle convoca as eleccións Rajoy.  Un presidente cun magro balance para amosar.
Menos empregados; escolas con menos mestres e aulas; hospitais parados; co sector eólico desmantelado tendo que indemnizar ás empresas pola súa premeditada desviación de poder; co atraco das preferentes en marcha; sen sector financeiro propio; coa rede de escolas infantís pública e de residencias de maiores en mans de empresas privadas; sen noticias das fabulacións sobre a fábrica de baterias para automobeis no mesmo camiño que parece que van seguir os anuncios dos barcos de PEMEX...cos orzamentos sen facer e as facturas debaixo dos cobertores. Normal que teña presa por rematar esta inmensa nada.  Un mandato esquecible dun goberno inexistente.
Un mandato en que desapareceron as matemáticas en galego no ensino e os xornais A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Vieiros ou A Peneira.  No que se desmontaron con interesado empeño o Consorcio Galego de Benestar, os programas de prevención de incendios e de apoio ao sector agro-gandeiro, as estruturas de apoio autonómico á I+D, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, as políticas de apoio á cultura.  Un periodo en que se desbaldaron moitos cartos coa anulada licitación da Autovía da Costa da Morte para encarecela en varios centos de millóns; en que se privatizou a construción de hospitais e centros de saude endebedando perigosamente aos futuros gobernos e aumentado vertixinosamente os custes dos proxectos; no que se prescindiu de mais de dous mil ensinantes nas etapas educativas obligatorias e se asfixiou irreversibelmente ás universidades no seu labor docente e investigador.  Unha lexislatura en que da garantía dos dereitos das mulleres pasamos á Red Madre; do software libre pasamos a contratos millonarios con empresas multinacionais con sistemas de licencia; da ampliación e garantía de construción de vivenda protexida voltamos ao mercado de vivenda especulativo.  Un tempo en que Corcoesto, Barreiros, Cabo Touriñan ou o Courel saltan aos medios por prácticas depredadoras da paisaxe e os recursos naturais amparadas desde o goberno.  Un tempo que temos que deixar atrás.
Hai alternativa. Hai outras formas de facer política e de traballar polo benestar da cidadanía desde a esquerda nacionalista.  Sen sometimento aos poderosos ou a intereses alleos. En Bruxelas, Santiago, Madrid, Tomiño ou Pontevedra estase poñendo en práctica, facendo propostas e defendendo esa outra política.  A das solucións para os sectores e cidadáns que sofren a crise polas decisións duns gobernos decididos a completar unha contrarreforma económica aos que se lles contrapoñen medidas para que o noso sector naval poida producir en igualdade; a dación en pago; o apoio ao sector lácteo; o aumento do gasto en I+D; a defensa dos medios públicos de comunicación; o pago do IBI pola Igrexa; un modelo comercial ordenado territorialmente, sostible socialmente e non vampirizado polas grandes distribuidoras comerciais; un sistema eleitoral limpo, xusto e adaptado á estrutura territorial; a igualdade de xénero ou o apoio aos dereitos máis básicos dos inmigrantes no Congreso dos Deputados a través das iniciativas dos deputados Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila que, como ben sabe o impresentable deputado do PP Collarte, desenvolven un intenso labor para poñer en práctica o programa polo que foron elexidos. 
A política da ética no desempeño dos cargos públicos, a defensa do noso sector pesqueiro, a saude dos nosos ríos ou a presenza internacional de Galiza realizada pola nosa eurodiputada Ana Miranda ante as institucións comunitarias.  
A da incidencia nos ingresos para dispor de fondos para necesidades perentorias co plan alternativo para arrecadar 100 millóns de euros; a da defensa do aforro galego e da nosa capacidade financeira co mantemento das caixas de aforro, o impulso da banca pública ou a loita contra a expropiación perpetrada coas preferentes; a da denuncia pola desmantelación de servizos sociais, comedores, ensino, centros de saude; a do continuado apoio á nosa lingua no Parlamento galego.  
No sindicalismo máis combativo que paga con condeas de cárcere a defensa dos dereitos laborais no naval, nas Asociacións de Pais e Nais, en SOS SANIDADE PÚBLICA, nos colectivos das preferentes,  xunto a outra xente, contribuindo a que a sociedade se organice na defensa dos seus dereitos. Ese traballo social nutre políticas transformadoras. Integrando a loita contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, o mantemento das pagas extras no emprego público ou a creación de redes contra a pobreza na acción de goberno. 
Non son casualidades a rexeneración urbana de Pontevedra ou Allariz; a defensa da nosa cultura e patrimonio en Rianxo ou Carballo; a proteción dos espazos naturais de Carnota; o apoio ao cooperativismo hortícola de Tomiño; tampouco o foron as políticas de impulso da cultura propia, a limpeza na adxudicación eólica, os contratos para garantir prezos xustos no sector leiteiro ou a rede de galescolas e servizos no rural das consellerías nacionalistas do bipartito.  Son froito da vontade colectiva dunha organización que ten eivas, na que faltan compañeiros e compañeiras para sumar esforzos, pero que xa está preparada para ofrecer alternativas transformadoras para a nosa sociedade. 
Non fagamos bo aquel triste título dun libro de denuncia da violencia de xénero "mi marido me pega lo normal".  Tratemos ben a Galiza. Este é o momento. Xa nos zouparon dabondo nesta legislatura.

Publicado en Sermos Galiza 30.08.2012


Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer