quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

O BOSÓN DE HIGGS




Enguedellada nunha irresponsable sucesión de estériles proclamas (des)organizativas segue a esquerda nacionalista.  Lonxe de ofrecer respostas a unha sociedade profundamente atacada no seu ser nacional, distante dunha resposta contundente ao programa de ultra-reformas para desfacer todo resto de dereitos sociais, seguimos dubidando como o chiste de vascos se andamos a cogumelos ou a rolex.
Esquecendo o difícil camiño de construcción de alternativas políticas, sindicais, agrarias, estudantís ou ecoloxistas, desandamos o que eran logros singulares do nacionalismo de esquerdas en Galiza en contraste con outras nacións do estado.  Paga a pena tanta desfeita? É a alternativa da separación a mellor? Cabe a avinza entre forzas políticas en competencia electoral e social?
Defendo a unidade porque non vexo nas distintas alternativas máis que escenificacións de loitas de poder resesas.  Ulas diferenzas? Desfacer un frente para montar outro presidido pola fraternidade, ata que haxa que elaborar as primeiras listas electorais?
Nas tres últimas asembleas discrepei coas maiorías nas que participaron sucesivamente as tres correntes e persoas que agora deciden o futuro do nacionalismo de esquerdas. Discordei coa deriva que nos alonxou das loitas sindicais, ambientais e sociais en xeral.  Coas alianzas co nacionalismo de dereitas.  Cunha defensa da lingua propia non suficientemente firme e na que palabras como inmersión soan ousadas.  Coa falta de medidas organizativas para garantir o control democrático pola militancia dos nosos representantes institucionais, do seu comportamento radicalmente ético e do papel da militancia non-adscrita nun BNG con cada vez máis partes.  Non é este o BNG que eu quero e agardo que a convulsión na que estamos leve a todos os que están, os que estiveron e os que están por vir a traballar con certa altura de miras para construirmos outra organización unitaria na que se resolvan os profundos erros organizativos dos que todos somos partícipes.  Debemos abrir a porta da organización para que participen compañeir@s que cada día traballan connosco en moitos ámbitos (asociacións de viciños, culturais, de nais e pais...) que confían no BNG cando nos ven traballar na base, na Xunta ou nos concellos.  Xente á que lle resultará difícil distinguir os matices que seica diferencian o modelo de goberno de Rianxo, Pontevedra, Teo ou Allariz. Xente á que hai que dicirlle que o BNG se trabucou en Reganosa, facéndolle as beiras ao directivos das caixas, bailando con vellos ou tardando moito máis do necesario en marcar as diferenzas co PSOE.  Que foron graves equivocacións tamén as dinámicas que se instalaron no asociacionismo ecoloxista, de defensa da lingua, agrario ou estudantil.  Mais xente tamén que sabe que se Galiza houbo algún momento en que tivo un proxecto de servizos sociais propio dunha sociedade avanzada foi cando gobernaba o BNG; se alguén defendeu ao sector naval  ou o sector agrario foi o BNG; se hai orgullo do propio, da nosa cultura, da nosa lingua e apoio aos  que cada día traballan para facernos un pobo máis intelixente, culto e pleno é alí onde o BNG ten presenza; se hai un discurso alternativo á crise é coa voz do BNG polo emprego e a economía productiva, contra os desfiuzamentos, contra a toma da democracia como refén polos especuladores que orixinaron a crise.
A esa xente hai que ofrecerlle un proxecto de esquerda soberanista anovado nas formas, democrático e inclusivo no funcionamento e con vocación de transformar a sociedade gañando a maioría social.  Difícilmente podemos facer iso sen anovar o BNG, difícilmente podemos facelo tamén partindo o BNG.
Desde a militancia non-adscrita, tan maioritaria coma esquecida, compre reclamar a disolución de todos os sub-bloques que traen precociñados acordos e desacordos, listas e opinións, pechadas á transversalidade e á construcción colaborativa das nosas propostas sociais.  As dinámicas separadoras esquecen tamén as dificultades e a precariedade na que se desenvolve o traballo de moitos e moitas compañeiras en concellos pequenos con medios moi limitados e claras eivas para facer chegar á cidadanía as nosas propostas. Realistamente, resulta pouco defendible e crible pensar que os matices entre dous/tres novas forzas políticas poidan aspirar a ser algo máis que caricaturas dun proxecto político transformador para nosa sociedade.  Pode que atopen esa partícula divina, o bosón de Higgs, despois de anos de duros experimentos.  Anos perdidos para o noso país e para varias xeracións de galeg@s.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

Ambiente: condena a perpetuidade. ENCE: indulto lexislativo


A enmenda á totalidade á política ambiental que anunciou o ministro Arias Cañete na súa primeira comparecencia parlamentar permite adiviñar un futuro rico en estragos e curto na defensa dos recursos naturais e nun crecemento sustentable.
Sen panos quentes avanzou unha política ambiental claramente sometida ás consideracións económicas.  Para iso estorban os límites que establece a Lei de Costas ao urbanismo desenfreado ou implantación de certas actividades no litoral, a obriga de restaurar os danos ambientais que se lle impuña aos promotores por parte da Lei de Responsabilidade Medioambiental mediante a suscripción dun seguro, ou o cumprimento dos límites de emisión atmosférica que asigna o Protocolo de Kioto á industria.  Todas elas serán reformadas.  Pouco máis se podía agardar dun ministro que afirmou descoñecer todo sobre o ambiente que quedaba baixo a súa dirección e que viña avalado por unha rica carteira de intereses no sector petroleiro e nas aseguradoras que tanto loitaron contra a aprobación da normativa europea de responsabilidade medioambiental.
O paso ao dominio público de toda a franxa litoral e das augas continentais e soterráneas que se operara polas leis de Costas e Augas garantindo o desfrute por toda a cidadanía e protexéndoos dos ataques mediante un conxunto de medidas de protección, ten os días contados para "por en valor" a costa e favorecer o uso de "augas excedentarias" nunha agricultura insostible que ademáis destrue espazos naturais protexidos como as Táboas de Daimiel.  Tampouco van durar as medidas de control do ambiente atmosférico que impuñan o Protocolo de Kioto e a Lei de Calidade do Ar.  Co fácil que sería cambiar de lugar as estacións medidoras como fai Ana Botella con probados resultados na "redución da contaminación"...E postos a poñerllo fácil aos emprendedores, para que facerlles pagar os danos que ocasionen ao medio no caso de que teñan un accidente se podemos pagar todos?.  A lóxica do rescate bancario é xusto que se aplique a outras actividades. Ou eses pesos que nos quedan no peto non estamos dispostos a gastalos en restaurar o ambiente?.
ENCE está de noraboa. Os resquicios legais que pretendeu usar para manter a súa actividade na ría de Pontevedra máis alá de 2018 ,cando caducaba a súa concesión, van abrirse con toda intensidade segundo os anuncios do ministro. Ademáis de alongar o periodo de uso privativo da costa coas concesións despois de 2018, apúntase unha reforma da lei que inclue a "recuperación de terrenos degradados para el desarrollo de actividades económicas"  e o fomento da "desafectación de espacios del dominio público que ya no requieren una protección especial por haber perdido sus características naturales".  O chollo definitivo. Primeiro unha concesión usada a mantenta para degradar a costa e despois, como xa perdeu as súas características naturais, o interesado indícalle á Administración que iso xa non é nin costa nin farrapos de gaita. tramítase a desafectación do dominio público e xa pode pasar a mans privadas.
Con presa e sen pausa o ministerio ponse ao servizo dos poderosos.  Os espazos naturais están moi ben...para facer churrascadas ou facer bonito en frente dunha urbanización de luxo con praia privada.