sábado, 24 de janeiro de 2015

Sachando en leira allea



Tén o Estado competencias en agricultura? Non. A Constitución española establecía que os Estatutos de Autonomía podían asumir como competencia exclusiva autonómica a agricultura e gandairía, de acordo coa ordeación xeral da economía. O noso Estatuto de Autonomia recolleu a competencia exclusiva en agricultura e gandairía. 
Fai política agrícola e lexislación o Estado? Si, cada vez máis. E tamén cada vez máis toma decisións de xestión diaria da agricultura convertendo ás comunidades autónomas en sucursais gubernativas.
As previsións estatutarias foron pronto rebaixadas por dúas vías. A cláusula de ordeación xeral da economía foi usada con profusión amparando todo tipo de intervencións estatais regulando cuestións agrícolas. A adhesión á Comunidade Económica Europea-Unión Europea levou a un profundo proceso de recentralización competencial pola vía da negación da participación autonómica na negociación da normativa europea agrícola, que é o tronco da regulación do sector, e tamén co establecemento duns mecanismos de aplicación desa normativa que canalizan a través de Madrid todo o control de cumprimento e información. A diferenza do que sucede noutros estados descentralizados, coma Bélxica, os "Cañetes" negociaban para si as nosas competencias.
Nos últimos anos o Estado deu uns pasos máis invadindo o espazo competencial autonómico. Xa Zapatero promovera a Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural amparándose no título competencial de ordenación da economía para meter un pé cunha norma estatal xeral nunha materia na que non tiña competencia pero que lle daba cobertura a unha planificación unificada e a condicionar pola vía das axudas as políticas autonómicas. Agora o PP pisa o acelerador, coa complacencia submisa do goberno galego, e aproba sucesivamente dúas leis que entran claramente na regulación do sector agrícola invadindo a competencia autonómica. 
A Ley 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mejorar el funcionamiento de la cadena alimentaria entra con decisión na esfera competencial autonómica. Co mantra da unidade de mercado como guía regula os contratos do leite tantas veces demandados polo sector ante a impasibel inacción de Feijóo, indica que se van facer directrices estatais comúns en materia sancionadora, deixa en mans estatais os laboratorios oficiais de control, crea unha Axencia estatal de información e control alimentario, impide a existencia de organizacións interprofesionais con base nunha única comunidade autónoma só dá representación unha organización interprofesional por sector obrigando á organización estatal dos interesados. Non fai falta ser moi aguda para decatarse das consecuencias que tén esta norma na competencia galega en agricultura.  Tampouco para percibir a que xoga o goberno galego co consemento desta aniquilación do marco competencial.
Anúnciase agora un paso máis no sostido proceso de anulación competencial.  O anteproxecto de Lei de Calidade Alimentar dá outra volta ao proceso xa non só de recentralización normativa, senon de asunción de competencias de xestión por parte do Ministerio. Parece que o "sector" da alimentación e bebidas -como sabemos dominado por un reducido número de grandes holdings que son quen de fixar as condicións aos pequenos produtores- quéixase dunha fragmentación da unidade de mercado. O solícito Ministerio elaborou un anteproxecto no que se lanza a fixar procedementos de control e sancionadores unificados.  A unidade de destino xa está aqui e pouco máis queda que unha pura descentralización administrativa para, algúns, procedementos de xestión. Do resto xa se encargan en Madrid. E as grandes corporacións alimentarias e da distribución contentas de que os seus delegados ministeriais lle achanden o camiño para exercer aínda un dominio maior sobre os pequenos produtores, os prezos e a calidade alimentar.
Comprendemos agora porque o Ministerio de Agricultura mantén case 9000 empregados públicos no seu cadro de persoal cando todas as consellerías galegas xuntas só suman en total 16000 empregados? 
Sachando na leira allea o PP avanza, tamén na agricultura, no seu proxecto de baleiramento competencial.


sexta-feira, 2 de janeiro de 2015

AQUELAR



Aqueliño, es ben aqueladoAquela lixeiro que chegas tarde”.  

Como explicarlle o que é aquelar a unha persoa que nunca tal escoitou? Aquelar é coller e deitar. Aquelar é romper e arranxar. Aquelar é berrar e loubar. Só a proximidade coloquial nos dá o tempero xusto para cada aquelar.

Aqueliña, chamábame de pequena Oliva cando non lle viña á punta da lingua o meu nome entre o de todos os curmáns. O diminutivo agarimoso que se xunta para converter en nome o incerto aquelar.

E cantas veces fomos os curmáns moi aquelados? Revirados, apoucados, valentes, mollados, ocorrentes...Oliva sabía ben o que nos dicía e nós tamén se de seguido ía ofrecernos uns zorregazos ou escachar a rir polas nosas trasnadas.

E por iso o Dicionario non lles dá posto cumprido fin ás vaguidades e dinos que aquelar é un “verbo de sentido vago que se usa na lingua coloquial cando non se atopa o adecuado, e que adquire un significado preciso dependendo do contexto en que se use”.

Ten o seu aquel.
 
Portal das palabras 19.12.2014

Furiosa recentralización. Plácida aceptación

Aínda hai quen quere pechar os ollos á evidencia. Unha furiosa actividade de recentralización que non ten freo. Unha recentralización ao servizo dun proxecto político económico e social do que non se quere deixar fóra a ninguén, nin admitir poderes díscolos. 
Un control orzamentario centralizado coa disculpa da estabilidade orzamentaria. Un control do modelo de servizos públicos mediante a limitación de crecemento de persoal coa taxa de reposición de efectivos e, tamén, coas reformas educativa, sanitaria, da dependencia, local. 
Modificacións normativas extensivas que desfiguran o marco competencial autonómico convertíndoo nunha caricatura: dende a vixianza da actividade exterior dos gobernos autonómicos, ata a Lei de Garantía de unidade de mercado con fórmulas de dubidosa constitucionalidade que tratan de recortar garantías aos consumidores, ambientais sacrificadas no altar da sacrosanta competencia ao servizo das grandes corporacións; dende a conversión das deputacións nun contrapoder coa reforma local ata a LOMCE que lamina as competencias lingüísticas e educativas autonómicas. A invasión competencial posta ao servizo da reforma económica e social. 
Sen freo e co acelerador pisado.



Fonte: MHAP, CONFLICTIVIDAD ENTRE EL ESTADO Y LAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS (Boletín Informativo) SEGUNDO TRIMESTRE 2014 
http://www.seap.minhap.gob.es/dms/es/areas/politica_autonomica/regimen_juridico/2_trimestre_2014-publicaciones.pdf

Estas dúas gráficas son significativas. Aínda que o goberno Feijóo está instalado nunha plácida aceptación da aniquilación do autogoberno, a conflitividade entre o Estado e as Comunidades autónomas acada agora picos históricos. O conflito competencial é grande. As ameazas ao autogoberno tamén o son e non poden desligarse do proxecto social e político que as acompañan.  O Partido Popular aniquila o autogoberno para aniquilar tamén calquera posibilidade de políticas diferenciadas.  O Partido Popular liquidando o autogoberno tamén fire de morte o cerne das políticas autonómicas -sanidade, servizos sociais, educación- e unifica a aposta privatizadora.
Galiza estivo ausente na reunión desta fin de semana na que os presidentes catalá e vasco denunciaron a recentralización e marcan un camiño novo para as súas sociedades. Outras comunidades autónomas tamén din basta. Interpoñen recursos  fronte ao copagamento sanitario e a retirada da tarxeta sanitaria, fronte á Lei de Costas privatizadora do dominio público, fronte á LOMCE, fronte á Lei de reforma local, fronte á Lei de Unidade de Mercado...
O goberno central teima na súa política e retruca. Recursos do Estado ante o Tribunal Constitucional contra políticas autonómicas como a poxa farmacéutica para abaratar os medicamentos, as medidas para impedir os desafiuzamentos, as normas para protexeren á cidadanía fronte aos copagamentos, as prohibicións autonómicas do fracking, as convocatorias de oposicións para o emprego público docente, as normas de horarios comerciais que impiden a apertura indiscriminada das grandes superficies...
E mentres Rajoy leva adiante a súa cruzada recentralizadora e outras comunidades autónomas loitan por defenderen o seu precario marco competencial ou dan por pechado o ciclo autonómico no camiño da soberanía, Feijóo entre 2011 e 2013 non atoupou motivo ningún para interpoñer recursos en defensa das nosas competencias. Nin fronte á Lei da cadea alimentar que invade as competencias exclusivas en agricultura; nin contra a de reforma local que invade as competencias exclusivas en servizos sociais; nin a do sector eléctrico... Un botaporela.  
O caso do custe da enerxía que puxo en risco o emprego en Alcoa, Megasa... mentres Euskadi negociaba un prezo da enerxía que favorecía a súa industria non é a excepción. É unha mostra máis dun presidente que vive de facto en Madrid e vén a Galiza a dar a rolda de prensa dos xoves. É a mostra tamén, do papel que queren que xoguemos. Despensa, produtora de enerxía, fabricante de emigrantes. E como di a publicidade natalista de Feijóo: Depende de ti.