segunda-feira, 30 de junho de 2014

As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada


A reversibilidade dos dereitos sociais nun contexto de crise é unha mostra máis da necesidade de superar este marco constitucional.   As prestacións sociais son hoxe coma un acordeón cun fol que abre ou pecha ao arbitrio das reformas lexislativas e orzamentarias e sen o amparo constitucional que teñen outras previsións que comprometen o orzamento, caia quen caia, como é o pago da débeda do artigo 135.  Por iso é preciso camiñar cara unha blindaxe dos dereitos sociais co principio de non regresión como guía.
En 1998 a Lei da Xurisdicción Contencioso-Administrativa daba un paso adiante no control da actividade administrativa permitindo a fiscalización xudicial da inactividade da Administración.    Xa non só se podía demandar a revisión de decisións administrativas senon tamén a ausencia de actividade.  Porén ese control xudicial estaba sometido a uns condicionantes que limitan o exercicio dos recursos. Só as prestacións incondicionadas poden ser obxecto de reclamación (ex. un complemento retributivo recoñecido, unha praza nun centro de día asignada, unha bolsa concedida).
  • Artículo 29. 1. Cando a Administración, en virtude dunha disposición xeral que non precise de actos de aplicación ou en virtude dun acto, contrato ou convenio administrativo, estea obrigada a realizar unha prestación concreta en favor dunha ou varias persoas determinadas, quen tivera dereito a ela pode reclamar da Administración o cumprimento desa obriga. Se no prazo de tres meses desde a data da reclamación, a Administración non tivera dado cumprimento ao solicitado ou non tivera chegado a un acordo cos interesados, estes poden deducir recurso contencioso-administrativo contra a inactividade da Administración.
A lexislación que regula prestacións sociais con moita frecuencia evita a fixación de prestacións ou estándares de prestación concretos e deste xeito é complicado reclamar frente á inactividade.  Se as normas non establecen parámetros de cumprimento incondicionados (número de prazas comprometidas; dereito a unha determinada prestación se se cumpren uns requisitos establecidos; distancia máxima dos servizos públicos -sanitarios, educativos-; contía fixa da prestación...) é fácil que as prestacións sociais ensuman...por inanición.  Se non hai un recoñecemento legal dun dereito a ter a escola nun radio de proximidade preestablecido, a gozar dunha bolsa sempre que se conte cuns determinados requisitos, ao salario da liberdade se hai unha situación de violencia de xénero, o simple cambio de destino dos orzamentos pode facer retroceder décadas as prestacións e dereitos sociais.  O PP na inmensa operación de derrubo do estado social está reducindo á súa mínima expresión as prestacións deixando no esquelete os dereitos sociais cun, só teórico, recoñecemento constitucional.
Mais o mesmo PP campión do recorte social ten feito movementos para blindar certas prestacións no eido social. Prestacións que serán esixibeis xudicialmente e que se garanten orzamentariamente, mesmo comprometendo orzamentos alleos (os das comunidades autónomas onde non gobernan).
A LOMCE garante, e un decreto desenvolverao cun rapidez, que as persoas que queiran recibir educación monolingüe en castelán, saltándose a normativa educativa autonómica onde haxa un modelo de inmersión, poderán reclamar o pago do ensino na rede privada.  Igualmente Feijóo, nunha medida que se enmarca nesa operación de privatización da sanidade que leva a que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización sanitaria, promoveu unha Lei de Garantías Sanitarias que non é outra cousa que un artificio para desviar doentes ás privadas.   Cando a lista de agarda supere unha determinada duración recoñécese un dereito á asistencia sanitaria...na privada.  
O PP, en definitiva, non garante dereitos sociais, blinda o gasto público na educación e sanidade privada.

Sermos Galiza 27.06.2014