quarta-feira, 1 de julho de 2015

Negra sombra para as universidades públicas galegas



86 millóns de euros menos de financiamento das universidades en tan só cinco anos é o balance dos mandatos negros de Feijóo ao frente da Xunta no que a Universidade, tamén, soportou duros recortes. Ao recorte orzamentario uniuse unha intensísima intervención que pon en cuestión a autonomía universitaria para decidir onde e como realizar os axustes precisos e impide –mesmo dispoñendo de fondos- adoptar decisións de persoal sen a autorización da Xunta de Galicia.

O balance da insuficiencia orzamentaria deixa un panorama desolador. Hai 350 postos de traballo menos, nunha espiral de falta de renovación e promoción que pon en risco a continuidade de titulacións e a da actividade investigadora.  Suspéndese a impartición de mestrados; asígnase a docencia de materias a áreas afíns seguindo a estela comezada en secundaria e coa gravidade engadida que iso supón nun nivel de ensino superior; amoréanse estudantes para as prácticas...A calidade docente está resentíndose progresivamente debido á redución de profesorado e as universidades galegas xa son as segundas do estado co PDI (persoal docente e investigador) máis envellecido.  Un alarmante dato que leva a que en Galiza haxa tan só 35 PDI de menos de 30 anos e 845 de máis de 60. A precariedade e a ausencia de renovación son a consecuencia da taxa de reposición de efectivos que se lle impón ás administracións na lei de orzamentos do estado e os recortes.

E para rematar ese negro debuxo os 11 millóns de recortes só en nóminas que levou a cabo, por exemplo, a USC en tan só tres anos son un aforro que, no caso das universidades, nin sequera revirte en pagar a súa débeda. A Xunta nin llo ingresa nin o computa como diminución da débeda das universidades.

Galicia perdeu tamén 1287 investigadores/as entre 2010 e 2013. Nun país que a maioría da I+D se fai nas universidades públicas, a acción combinada do recorte de fondos, a non convocatoria de programas de I+D (proxectos, bolsas, contratos pre e postdoutorais...) e a inexistencia dunha liña política de impulso claro da investigación provocou unha perda de capacidade investigadora moi relevante.  Entre 2008 e 2013 (datos do INE) a baixada no investimento en I+D foi dun 20% (116 millóns de euros) en Galicia, case doblando a baixada no estado que foi dun 11%. Pasamos do posto 7 ao 11 en gasto en I+D.  Unha cuestión que é destacabel para analizar as cifras de I+D que se incluen anualmente no orzamento estatal é que nos últimos anos aproximadamente dous tercios son créditos, que hai que devolver, e só un tercio subvencións a fondo perdido. A dificultade para conseguir fondos por outras vías para poder afrontar as devolucións levan a que en torno a un 46% quede sen executar.

O estudantado atopa unha universidade que coa implantación de Boloña ofrece un ano menos de estudos (20% menos de formación) e co novo Decreto Wert 3+2 pretende reducir aínda a máis a cualificación dos estudantes (25% menos).  A crise e a diminución da duración das titulacións provocaron que as universidades galegas perderan 5053 estudantes (-7,26%) desde o curso 2009/10. A mala xestión ante o ministerio fixo tamén que Galiza perdera o 17,7% das bolsas de mobilidade ERASMUS en 2013/14 (a media estatal foi do -7% sendo GZ a que máis perda sofreu).

A folla de ruta do Partido Popular coas universidades públicas está clara. Primeiro unha estratexia de degradación mediante a asfixia orzamentaria, o empeoramento das condicións laborais e a ausencia de renovación. Iso acompáñase dunha suba de taxas aos estudantes que tende a equiparar as públicas e as privadas nun dos factores que dificultan a súa competencia polos estudantes.  Tamén dunha flexibilización dos requisitos para a creación de centros e universidades. E uns plans de estudos cunha nova estrutura, 3+2, na que tamén as universidades privadas poden posicionarse, especialmente para atraer ao alumnado de mestrado. Ese camiño xa se abriu de forma decidida. Dende 2001 creáronse 14 universidades privadas. No curso 2005-2006 as universidades privadas tiñan o 9,6% do estudantado e no curso 2012-2013 xa teñen o 12,8 %. As universidades privadas alcanzan o 27,9% dos matriculados en mestrados no curso 2012-2013. 


O recorte orzamentario non é pois máis que unha peza necesaria e importante para avanzar na privatización do ensino superior.  Un obxectivo enunciado polos think tanks conservadores, a OCDE e os altos cargos ministeriais sen rubor ningún.  Un obxectivo que en Galiza está colocando ás universidades públicas, á docencia e á investigación ao borde do colapso.

semanario SERMOS Galiza nº151, xuño 2015

quarta-feira, 24 de junho de 2015

AUDIS, COCHES DE INCIDENCIAS E GASOLINA SIMBÓLICA

Falar da ilegalidade do concurso eólico, e os efectos que iso tivo, ou centrar o debate público no detalle e no simbólico? Acertada reflexión de Xosé Manuel Pereiro en La Opinión. 
E aínda concordando, imos falar de cuestións simbólicas. Teño a miña opinión, como na cuestión dos soldos, sobre o uso de coches oficiais pero non vén ao caso. E teño preguntas: 
1. É o mesmo usar o coche oficial para ir ao traballo que usalo para desplazarse por razóns de traballo (viaxes fóra, asistencia a reunións en distintos puntos da cidade...)?2. Se non se usa o coche oficial, vanse pagar taxis ou kilometraxes? 3. Que se fai cos chóferes do cadro de persoal? Despídense? Rebáixaselles o complemento de especial dedicación?4. Que sae máis caro (chóferes ou taxis/chóferes+taxis/indemnizacións por despidos ou taxis)?5. De que xeito o cargo público traballa mellor?6. Se as persoas nos cargos públicos (alcaldes, concelleiros, presidentes de deputacións ou autonómicos) van ser os seus propios chóferes, porque non fan as súas fotocopias, xestionan as súas chamadas...?7. Se cambia o modelo de coche (Audi por Citroen ou Seat Alhambra) ou o nome que se lle dá (ex. coche de incidencias), cambia o tipo de uso que se fai?8. É inherente ao uso de coches oficiais saltarse as normas de tráfico, estacionamento ou peonalización?9. Cal é a diferenza entre que use o coche o técnico dun servizo municipal ou que o use o alcalde para ir a cuestións de traballo?

sexta-feira, 5 de junho de 2015

Un modelo de xestión do lixo insostibel e uns concellos en rebeldía (anaco da crónica semestral para a Revista Catalana de Dret Ambiental)



5. Un modelo insostible ambiental e económicamente de xestión de residuos e  un conflito cos concellos pola subida de tarifas

Galicia confía a maior parte do tratamento de residuos a unha única planta xestionada por unha sociedade pública cun 49% de capital privado (Gas Natural Fenosa) na que se incineran unha inmensa parte dos residuos municipais -coa excepción de dúas experiencias na cidade de Coruña e unha mancomunidad comarcal tamén nesta provincia de compostaxe-. Os cambios experimentados na normativa eléctrica coa supresión de primas e unha moi deficiente xestión económica e ambiental (acumulación de residuos, conflitos xudiciais...) colocaron á planta de SOGAMA nunha complicada situación. A Xunta tentara a posibilidade de construír unha segunda planta, tamén de incineración, para absorber unha parte dos residuos pero a mobilización cidadá en relación coa ubicación e a opción de incineración paralizou esta iniciativa anunciada na planificación de residuos. Debido a isto prevese unha ampliación da planta actual en 2015 para poder acoller as 225.000 toneladas de lixo que se acumulan en vertedero por falta de capacidade. No plano económico a retirada de primas foi utilizada pola Xunta como xustificación para unha subida dun 34% do canon que debían abonar os concellos pola recolleita do seu lixo provocando unha resposta concertada dun gran número de alcaldes que, nalgúns casos, acabaron desembocando en demandas xudiciais.

A Xunta, para resolver estes conflitos aprobou a Resolución de 15 de decembro de 2014 pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos . Esta resolución trae causa da disposición adicional vixésimoprimera da Lei 11/2013, de 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, que establecía, no seu apartado quinto, que a consellería competente en materia de residuos, a proposta da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., fixaría as condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos e aprobará o modelo para a formalización da adhesión. É bastante discutible que o establecemento das condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia se estableza por resolución administrativa e non mediante un decreto da consellería competente.

As condicións están presididas por unha aparente voluntariedad na adhesión que se formaliza mediante un "negocio xurídico-administrativo, que se formalizará entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema, seguindo o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos". No caso das mancomunidades deberá indicar a porcentaxe de participación de cada ente local. Con todo, e aí está un dos puntos fricción con esta resolución, a adhesión "voluntaria" blíndase coa fixación dun prazo mínimo de cinco anos de participación e cun fugaz prazo de dous meses, unha vez publicada esta resolución, para decidir integrarse ou para articular un sistema alternativo de recolleita e tratamento dos residuos, o cal parece inviabel.

Unha vez adheridas ao sistema as entidades locais quedan atadas posto que é a Xunta unilateralmente quen fixa o canon de recolleita e as subidas anuais. Ademais a resolución fixa un mecanismo para evitar impagos por parte das corporacións locais "en caso de impago das cantidades que corresponda abonar ás entidades locais en concepto de canon unitario, incluídas aquelas que se xeraron por devandito concepto unha vez transcorrido o prazo de dous meses desde a entrada en vigor da Lei 11/2013, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles a efectos do seu abono con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, a instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención dictado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo o seu normativa reguladora". Nun prazo de 30 días desde que se libre o apercibimiento para o pago SOGAMA solicitará a retención desa cantidade no Fondo de Cooperación Local actuándose mediante a aplicación do principio "solve et repete" xa que se indica que "que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, no seu caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións".

Hai xa que logo unha vontade clara de suxeitar aos entes locais dentro do sistema actual e evitar tanto a articulación de sistemas alternativos municipais ou comarcais, como unha discusión en plano de igualdade sobre as condicións de participación ou as eventuales controversias que poida xerar o pago do canon establecido.

Este Resolución provocou a presentación de diversas demandas por parte dalgúns concellos (seguindo un ronsel previo de controversias xudiciais sobre o custo do servizo existente por exemplo na cidade de Pontevedra). Polo momento coñecemos xa un asunto do Xulgado número 1 de Ourense do Contencioso-administrativo no que o xuíz anunciou a elevación do caso ao Tribunal Constitucional ao entender que a disposición adicional da Lei de orzamentos de 2014 que daba cobertura a esta Resolución podería ser inconstitucional por violar o principio de autonomía local, por utilizar a Lei de orzamentos para regular esta cuestión e por usar esta lei para evitar un control xudicial deste cambio nas condicións de participación no sistema de xestión de residuos.

domingo, 29 de março de 2015

NON HAI PIOR CEGO QUE O QUE NON QUERE VER

TRES IDEAS SOBRE A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO DE 11 DE MARZO DE 2015 SOBRE O DECRETO DE PLURILINGÜISMO

1. Os maxistrados do Tribunal Supremo non teñen, ou non queren ter, nin idea da posición no ordenamento xurídico dos tratados internacionais como a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias nin dos compromisos que adquiriu o Reino de España coa súa ratificación. Pobrísima argumentación e formación impropia de quen está no cumio do sistema xudicial.
2. O TS lembra que están anulados os artigos 5.2 y 12.3 do Decreto e que a Xunta non pode abdicar da programación educativa que lle corresponde en exclusiva (facendo a consulta de infantil), nin permitir que os alumnos escollan a lingua na que se expresan porque iría en contra do uso progresivo da lingua.
3. O TS fai exactamente o contrario ao que fixo en relación co catalán no ensino. No caso do galego establece que non vai meterse a valorar se a proporción de galego no ensino é suficiente ou non porque iso correspóndelle á administración educativa e non aos xuices. Di, iso si, que se a Xunta "estimase la existencia de un déficit en ese proceso de normalización en detrimento de la lengua propia de la Comunidad Autónoma, se debería otorgar a ésta un trato diferenciado sobre el castellano en una proporción razonable”. Tócaríalle á Xunta, por tanto, avaliar e adoptar medidas para o que, atención, o TS recorda que hai unha previsión no Decreto (disposición adicional 5ª) para o facer. 
No caso do catalán o TS decidiu meterse en fariña e entrou a valorar os datos de normalización existentes establecendo, sen deixar que o fixera a Generalitat, que xa se acadara un nivel suficiente de normalización e por iso ordeou que determinados escolares poideran exixir a escolarización en castelán. A asepsia co galego transfórmase en combatividade co catalán. Nos dous casos gaña o castelán, como non podía ser doutro xeito.

O QUE IGNORARON AS MENSAXES TRUNFANTES DA XUNTA DA SENTENZA DO TS

1."Prueba de ello es que han anulado dos preceptos de aquella disposición (los artículos 5.2 y 12.3) al acoger la impugnación de la recurrente, por entender que con la regulación que contienen “se produce una abdicación de la potestad de programación general de la enseñanza que corresponde en exclusiva a la Administración educativa”  (al someter a votación entre los padres el uso de la lengua) y al considerar, respecto de la libertad que se otorga a los alumnos para optar por la lengua oficial de preferencia, que se vulnera la ley “por resultar contraria al fomento del uso progresivo del idioma”
2. “corresponde a la autoridad educativa autonómica determinar la proporción que corresponde a cada una de las lenguas cooficiales como lengua vehicular en la enseñanza, de modo que si creyese que el objetivo de normalización lingüística estuviera ya conseguido, ambas lenguas cooficiales deberían ser vehiculares en la misma proporción, y si, por el contrario, se estimase la existencia de un déficit en ese proceso de normalización en detrimento de la lengua propia de la Comunidad Autónoma, se debería otorgar a ésta un trato diferenciado sobre el castellano en una proporción razonable” 
3. "porque prevé también expresamente (Disposición Adicional Quinta) una evaluación de resultados, de periodicidad anual, por parte de la Consellería competente en relación “con los resultados derivados de la aplicación de este Real Decreto”, a efectos de “desarrollar cuantas disposiciones fueran precisas para el mejor cumplimiento y adaptación a sus objetivos con el fin de que pueda acercarse gradualmente al marco de una enseñanza plurilingüe y a la plena aplicación de la Carta Europea de las Lenguas Regionales o Minoritarias”.

A IGNORANCIA DA LEI SI QUE EXIME DO SEU CUMPRIMENTO... SE ES MAXISTRADO DO TRIBUNAL SUPREMO 
(en negriña o texto da sentenza, en azul a Carta Europea de Linguas Rexionais e minoritarias e os informes de seguemento do Comité de Expertos que prevé este tratado internacional)

4. "Pero de tal circunstancia no se sigue en modo alguno que las previstas en el Decreto impugnado infrinjan las exigencias, postulados o directrices establecidos en la Carta Europea: la lengua propia de la Comunidad no solo está presente en la enseñanza en una parte sustancial de las asignaturas" (STS)

Os apartados ratificados do artigo 8 da Carta polo Reino de España non son unha parte substancial en galego senon a inmersión lingüística en galego:

Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (apartados ratificados en ensino infantil, primario, secundario e FP)
Art. 8. i) prever una educación preescolar garantizada en las lenguas regionales o minoritarias correspondientes; o 
i) prever una enseñanza primaria garantizada en las lenguas regionales o minoritarias correspondientes;
i) prever una enseñanza secundaria garantizada en las lenguas regionales o minoritarias correspondientes;
i) prever una enseñanza técnica y profesional garantizada en las lenguas regionales o minoritarias correspondientes; 

5." sin que ni siquiera pueda afirmarse que los dictámenes emitidos en relación con Galicia hagan referencia a incumplimientos específicos, por parte de las autoridades educativas de la Comunidad, de los postulados, principios o deberes que la propia Carta europea establece" (STS).

874. Con independencia de la incertidumbre que predomina con respecto a la práctica que se sigue en la enseñanza preescolar y primaria, que consiste en utilizar la lengua predominante entre los alumnos, el Comité de Expertos considera que, según la información de que dispone, el modelo educativo actual no alcanza el nivel exigido por los compromisos específicos contraídos por España, que suponen que la enseñanza o una parte fundamental del programa escolar se impartan esencialmente en gallego, y no sólo unas pocas asignaturas. El sistema educativo establecido actualmente en Galicia corresponde a la obligación menos importante contenida en el pár. 1.a/b/c del artículo 8 (por lo tanto, las obligaciones contenidas en los párs. 1.a.ii, 1.b.ii y 1.c.ii del artículo 8). Asimismo, el Comité de Expertos recibió quejas, durante su visita “en el lugar”, acerca de que el gallego es raramente una lengua de enseñanza, que muchas escuelas primarias y secundarias no enseñan todas las materias que deberían impartirse normalmente en gallego, y que en muchos centros educativos no se dispone de libros de texto en gallego. Por último, parece que el gallego no está presente fuera de las clases.
875. A la luz de los compromisos específicos contraídos por España, es decir, el más importante en virtud del artículo 8 de la Carta, el Comité de Expertos considera que éstos no se cumplen.

El Comité de Expertos alienta a las autoridades competentes a establecer modelos educativos esencialmente en gallego para la enseñanza preescolar, primaria y secundaria, de conformidad con los compromisos específicos contraídos en estos ámbitos. 
(1º Informe do Comité de Expertos, 2005, http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/EvaluationReports/SpainECRML1_es.pdf, p.148)


2º Informe do Comité de expertos, 2008,http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/EvaluationReports/SpainECRML2_es.pdf, p.128

3º Informe do Comité de expertos, 2011, http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/EvaluationReports/SpainECRML3_fr.pdf, p. 121

quarta-feira, 25 de fevereiro de 2015

Centralismo desatado ao servizo da contra-reforma neoliberal



Estamos con clareza nunha fin de etapa. Os avances miúdos no proceso de descentralización hai tempo que abriron paso a un acelerado proceso de recentralización competencial e territorial. Unha recentralización intensa que é un presuposto necesario para a extensión do proxecto neoliberal. No plano estatal e no europeo centralización, baleiramento dos espazos de control democrático e políticas neoliberais van unidos como pezas dun mesmo puzzle. A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos. No sector bancario, comercial, sanitario, enerxético, vemos como a garantía da posición das grandes corporacións esixe suprimir calquera ámbito de decisión política autónoma que poida trazar modelos diferenciados que resten espazo ao seu control. A loita dos horarios comerciais de Euskadi; o concurso eólico do bipartito; a poxa farmacéutica de Andalucía; o intento de supervivencia dun sistema de caixas territorial, son todas incómodas mostras de como o autogoberno é combatido con crueza para garantir o control oligopólico dos recursos.
A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos.
Xa desde antes, mais simbolicamente coa segunda vaga de Estatutos de Autonomía márcase un punto de inflexión e estreitamento do marco autonómico. A discusión do plan Ibarretxe no parlamento estatal une as forzas políticas estatais (PP, PSOE, IU...) coa súa negativa, ou pasividade, en pechar a posibilidade de Euskadi ter maiores cotas de autogoberno. Posteriormente o «cepillado» nas Cortes e a rebarbadora no TC coa sentenza do Estatut catalán marcan a ferro a fin dunha etapa de avances miúdos e abren un camiño acelerado de recentralización institucional, territorial, competencial e cultural.
O PP somete o autogoberno a unha placaxe institucional extrema. Redución dos parlamentos(link is external) e desprezo das súas funcións, desempeño gratuíto dos postos(link is external), anulación doutras institucións de autogoberno (valedores, órganos de fiscalización das contas, consellos económicos e sociais), ofensiva para a supresión das oficinas de acción exterior(link is external)reformas na normativa audiovisual(link is external) para privatizar e suprimir as televisións públicas autonómicas. 
Territorialmente tamén impulsan cambios radicais. A reforma local (link is external)invade o espazo competencial autonómico tomando decisións sobre competencias que non son estatais (ex. servizos sociais) e esfarela a autonomía local.  O pulo polas decadentes deputacións provinciais non ten outra finalidade que elas actuar como contrapoder do autonómico.  Na mesma liña camiñaba a supresión dos partidos xudiciais(link is external) que pretendía reforzar as capitais de provincia avanzando na desvertebración territorial, reforzando a planta provincial e facilitando a implantación dos grandes bufetes. A eliminación do tren de proximidade, a reconfiguración das áreas sanitarias..., medidas todas de aposta por un modelo territorial provincializado controlábel radialmente desde Madrid.
O varrido competencial rebaixa a unha pura autonomía administrativa o autogoberno autonómico.
No plano económico a reforma constitucional express pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución provocou o secuestro das competencias económicas autonómicas orzamentarias e foi acompañada por medidas de control do déficit infinitamente máis severas para as CCAA que as aplicadas á Administración central. 
Pero podemos engadir: a liquidación por derrubo das competencias no sector bancario -caixas de aforro-; a lei de unidade do mercado que pretende eliminar todas as políticas propias (ambientais, de protección dos consumidores, sociais, lingüísticas...) que poidan “estorbar” a implantación de actividades favorecendo un «dumping» normativo ao garantir que a licenza obtida en calquera parte do estado (preferibelmente onde os estándares de esixencia sexan menores) vai permitir operar sen someterse ao control de ningunha outra administración; a imposición manu militari da normativa de horarios comerciais fronte ás CCAA que se resistían a permitir a apertura en domingos e festivos -Euskadi-;  a  centralización total das competencias enerxéticas que, unido ás ilegalidades do goberno Feijóo, provocou o colapso do sector eólico en Galicia; a lei de cadea alimentar que invade as competencias en agricultura autonómicas e non resolve o problema dos prezos do leite; ou a imposición dunha severísima taxa de reposición de efectivos uniforme ás Administracións que obriga a prestar os servizos mediante a contratación de empresas privadas sen marxe para políticas diferenciadas de xestión pública directa.
A aposta é tamén cultural(link is external). Marca España, lei Wert na educación, supresión das TV autonómicas, ofensiva fronte ás linguas propias (do decreto de plurilingüismo en Galiza ou Baleares, ao lapao en Aragón, ao ataque ao modelo de inmersión en Cataluña, ao peche das liñas en catalán en Valencia). Non hai marxe para veleidades e o programa implacábel de unidade política, económica e ideolóxica avanza firme. É un programa que blinda a monocorde interpretación da Constitución coa toma do control das principais institucións centrais, nomeadamente, o Tribunal Constitucional extremando máis se cabe unha deriva centralista xa claramente perceptíbel desde hai un tempo pero que terá sen dúbida capítulos memorábeis nos vindeiros anos.
O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia.
Contra-reforma económica e contra-reforma política camiñan da man e son parte inseparábel dun mesmo agresivo programa neoliberal. Con igual urxencia teñen que ser as dúas atacadas pois unha está ao servizo da outra. A emerxencia social está provocada por recortes e políticas que se garanten mediante un profundo proceso de recentralización. O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia. Centralizadamente decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución das axudas á dependencia, a situación do sector naval, a reforma da PAC, a destrución do sistema financeiro galego, a eliminación do tren de proximidade, o atraco das preferentes. Dicía Séneca en Medea: cui prodest scelus, is fecit (ao que beneficia o crime é quen o cometeu), sabemos a quen benefician esas medidas (grandes corporacións de servizos, gran banca, agricultura extensiva do sul, grandes construtoras...) e sabemos tamén que a centralización do poder en Madrid e Bruxelas son precisas para que o que se cociña no palco do Bernabeu, Davos ou no clube Bilderberg poida lerse axiña nas páxinas do BOE ou o DOUE.
Por iso a loita contra a desvertebración social, económica e territorial froito das políticas neoliberais é tamén a loita para termos capacidade para decidir. E adiando este debate adiamos tamén as solucións ao estado de emerxencia social.


A propósito do roubo do electricista e as esmolas





Rematou o xuizo do Códice Calixtino e a sentenza ordea a devolución á Igrexa de 2,4 millóns de euros roubados. Unha parte pequena dos ingresos que tiña a Catedral procedente das doazóns feitas polos fregreses. A sentenza parece que lle dá un tirón de orellas ao cabido compostelá polo descontrol contabel existente mais, aínda non sendo o obxecto do xuizo, compre falar un chisquiño de esmolas e outros contos.
Os Acordos da Santa Sé co Estado asinados en 1979 efectivamente contemplan, non xa unha exención, senon directamente a non suxeizón a impostos das prestacións, colectas públicas, esmolas e oblacións recibidas dos seus fieis asi como dos centros adicados ao ensino e os edificios e obxectos destinados ao culto ou a residencia relixiosa.  Esta amplísimo recoñecemento dun espazo á marxe da solidariedade tributaria non se acompaña de ningún tipo de control contabel facilitando unha total opacidade sobre a procedencia, destino ou contía difícilmente sostibel hoxendía. 
Mesmo se non se discutira a necesidade dese amplo recoñecemento de espazo inmune á fiscalidade xeral en base á protección da libertade relixiosa, non é tolerabel a ausencia dunhas mínimas normas de transparencia contabel que se aplican a outros suxeitos cunha posición constitucional cando menos equivalente.  Lembremos que a liberdade ideolóxica e relixiosa comparten un mesmo artigo na Constitución e que a participación política vese reforzada por outros dereitos fundamentais (reunión, asociación, participación nos cargos públicos).
Sen ir máis lonxe só hai que botar unha ollada á Lei orgánica de financiamento dos partidos políticos.   A Lei suxeita os ingresos dos partidos políticos á normativa fiscal e prevé algunhas exencións para as  doazóns privadas. Exencións que teñen límites severos en función da contía, procedencia e forma de efectivizarse. Non poden recibirse doazóns procedentes de empresas ou fundacións que contraten ou vivan do orzamento público. Non poden ser anónimas, finalistas ou revogabeis. Ten que haber constancia bancaria dos ingresos e da procedencia. Non poden superar os 100.000 euros anuais e deben notificarse ao Tribunal de Cuentas nun prazo de tres meses todas as que superen os 50.000 euros. E toda a contabilidade está suxeita a unhas estritas normas en canto á forma de levanza.
A asimetría no rexime xurídico non resiste a comparanza.  E non parece precisamente que o que sobren sexan as normas contabeis e límites no caso dos partidos políticos senon a clamorosa omisión de control deses millóns de euros en b nos que a administración tributaria acepta que non ten sequera que saber cantos son, cal é a súa procedencia e se realmente se destinan a fins relixiosos ou non para a súa non suxeizón estar xustificada.  Os Acordos coa Santa Sé, tamén nisto, precisan unha relectura xa non só á vista do texto constitucional senon mesmo voltando a Guillermo de Ockham.

Sermos Galiza 20.2.2015

sábado, 24 de janeiro de 2015

Sachando en leira allea



Tén o Estado competencias en agricultura? Non. A Constitución española establecía que os Estatutos de Autonomía podían asumir como competencia exclusiva autonómica a agricultura e gandairía, de acordo coa ordeación xeral da economía. O noso Estatuto de Autonomia recolleu a competencia exclusiva en agricultura e gandairía. 
Fai política agrícola e lexislación o Estado? Si, cada vez máis. E tamén cada vez máis toma decisións de xestión diaria da agricultura convertendo ás comunidades autónomas en sucursais gubernativas.
As previsións estatutarias foron pronto rebaixadas por dúas vías. A cláusula de ordeación xeral da economía foi usada con profusión amparando todo tipo de intervencións estatais regulando cuestións agrícolas. A adhesión á Comunidade Económica Europea-Unión Europea levou a un profundo proceso de recentralización competencial pola vía da negación da participación autonómica na negociación da normativa europea agrícola, que é o tronco da regulación do sector, e tamén co establecemento duns mecanismos de aplicación desa normativa que canalizan a través de Madrid todo o control de cumprimento e información. A diferenza do que sucede noutros estados descentralizados, coma Bélxica, os "Cañetes" negociaban para si as nosas competencias.
Nos últimos anos o Estado deu uns pasos máis invadindo o espazo competencial autonómico. Xa Zapatero promovera a Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural amparándose no título competencial de ordenación da economía para meter un pé cunha norma estatal xeral nunha materia na que non tiña competencia pero que lle daba cobertura a unha planificación unificada e a condicionar pola vía das axudas as políticas autonómicas. Agora o PP pisa o acelerador, coa complacencia submisa do goberno galego, e aproba sucesivamente dúas leis que entran claramente na regulación do sector agrícola invadindo a competencia autonómica. 
A Ley 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mejorar el funcionamiento de la cadena alimentaria entra con decisión na esfera competencial autonómica. Co mantra da unidade de mercado como guía regula os contratos do leite tantas veces demandados polo sector ante a impasibel inacción de Feijóo, indica que se van facer directrices estatais comúns en materia sancionadora, deixa en mans estatais os laboratorios oficiais de control, crea unha Axencia estatal de información e control alimentario, impide a existencia de organizacións interprofesionais con base nunha única comunidade autónoma só dá representación unha organización interprofesional por sector obrigando á organización estatal dos interesados. Non fai falta ser moi aguda para decatarse das consecuencias que tén esta norma na competencia galega en agricultura.  Tampouco para percibir a que xoga o goberno galego co consemento desta aniquilación do marco competencial.
Anúnciase agora un paso máis no sostido proceso de anulación competencial.  O anteproxecto de Lei de Calidade Alimentar dá outra volta ao proceso xa non só de recentralización normativa, senon de asunción de competencias de xestión por parte do Ministerio. Parece que o "sector" da alimentación e bebidas -como sabemos dominado por un reducido número de grandes holdings que son quen de fixar as condicións aos pequenos produtores- quéixase dunha fragmentación da unidade de mercado. O solícito Ministerio elaborou un anteproxecto no que se lanza a fixar procedementos de control e sancionadores unificados.  A unidade de destino xa está aqui e pouco máis queda que unha pura descentralización administrativa para, algúns, procedementos de xestión. Do resto xa se encargan en Madrid. E as grandes corporacións alimentarias e da distribución contentas de que os seus delegados ministeriais lle achanden o camiño para exercer aínda un dominio maior sobre os pequenos produtores, os prezos e a calidade alimentar.
Comprendemos agora porque o Ministerio de Agricultura mantén case 9000 empregados públicos no seu cadro de persoal cando todas as consellerías galegas xuntas só suman en total 16000 empregados? 
Sachando na leira allea o PP avanza, tamén na agricultura, no seu proxecto de baleiramento competencial.


sexta-feira, 2 de janeiro de 2015

AQUELAR



Aqueliño, es ben aqueladoAquela lixeiro que chegas tarde”.  

Como explicarlle o que é aquelar a unha persoa que nunca tal escoitou? Aquelar é coller e deitar. Aquelar é romper e arranxar. Aquelar é berrar e loubar. Só a proximidade coloquial nos dá o tempero xusto para cada aquelar.

Aqueliña, chamábame de pequena Oliva cando non lle viña á punta da lingua o meu nome entre o de todos os curmáns. O diminutivo agarimoso que se xunta para converter en nome o incerto aquelar.

E cantas veces fomos os curmáns moi aquelados? Revirados, apoucados, valentes, mollados, ocorrentes...Oliva sabía ben o que nos dicía e nós tamén se de seguido ía ofrecernos uns zorregazos ou escachar a rir polas nosas trasnadas.

E por iso o Dicionario non lles dá posto cumprido fin ás vaguidades e dinos que aquelar é un “verbo de sentido vago que se usa na lingua coloquial cando non se atopa o adecuado, e que adquire un significado preciso dependendo do contexto en que se use”.

Ten o seu aquel.
 
Portal das palabras 19.12.2014

Furiosa recentralización. Plácida aceptación

Aínda hai quen quere pechar os ollos á evidencia. Unha furiosa actividade de recentralización que non ten freo. Unha recentralización ao servizo dun proxecto político económico e social do que non se quere deixar fóra a ninguén, nin admitir poderes díscolos. 
Un control orzamentario centralizado coa disculpa da estabilidade orzamentaria. Un control do modelo de servizos públicos mediante a limitación de crecemento de persoal coa taxa de reposición de efectivos e, tamén, coas reformas educativa, sanitaria, da dependencia, local. 
Modificacións normativas extensivas que desfiguran o marco competencial autonómico convertíndoo nunha caricatura: dende a vixianza da actividade exterior dos gobernos autonómicos, ata a Lei de Garantía de unidade de mercado con fórmulas de dubidosa constitucionalidade que tratan de recortar garantías aos consumidores, ambientais sacrificadas no altar da sacrosanta competencia ao servizo das grandes corporacións; dende a conversión das deputacións nun contrapoder coa reforma local ata a LOMCE que lamina as competencias lingüísticas e educativas autonómicas. A invasión competencial posta ao servizo da reforma económica e social. 
Sen freo e co acelerador pisado.



Fonte: MHAP, CONFLICTIVIDAD ENTRE EL ESTADO Y LAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS (Boletín Informativo) SEGUNDO TRIMESTRE 2014 
http://www.seap.minhap.gob.es/dms/es/areas/politica_autonomica/regimen_juridico/2_trimestre_2014-publicaciones.pdf

Estas dúas gráficas son significativas. Aínda que o goberno Feijóo está instalado nunha plácida aceptación da aniquilación do autogoberno, a conflitividade entre o Estado e as Comunidades autónomas acada agora picos históricos. O conflito competencial é grande. As ameazas ao autogoberno tamén o son e non poden desligarse do proxecto social e político que as acompañan.  O Partido Popular aniquila o autogoberno para aniquilar tamén calquera posibilidade de políticas diferenciadas.  O Partido Popular liquidando o autogoberno tamén fire de morte o cerne das políticas autonómicas -sanidade, servizos sociais, educación- e unifica a aposta privatizadora.
Galiza estivo ausente na reunión desta fin de semana na que os presidentes catalá e vasco denunciaron a recentralización e marcan un camiño novo para as súas sociedades. Outras comunidades autónomas tamén din basta. Interpoñen recursos  fronte ao copagamento sanitario e a retirada da tarxeta sanitaria, fronte á Lei de Costas privatizadora do dominio público, fronte á LOMCE, fronte á Lei de reforma local, fronte á Lei de Unidade de Mercado...
O goberno central teima na súa política e retruca. Recursos do Estado ante o Tribunal Constitucional contra políticas autonómicas como a poxa farmacéutica para abaratar os medicamentos, as medidas para impedir os desafiuzamentos, as normas para protexeren á cidadanía fronte aos copagamentos, as prohibicións autonómicas do fracking, as convocatorias de oposicións para o emprego público docente, as normas de horarios comerciais que impiden a apertura indiscriminada das grandes superficies...
E mentres Rajoy leva adiante a súa cruzada recentralizadora e outras comunidades autónomas loitan por defenderen o seu precario marco competencial ou dan por pechado o ciclo autonómico no camiño da soberanía, Feijóo entre 2011 e 2013 non atoupou motivo ningún para interpoñer recursos en defensa das nosas competencias. Nin fronte á Lei da cadea alimentar que invade as competencias exclusivas en agricultura; nin contra a de reforma local que invade as competencias exclusivas en servizos sociais; nin a do sector eléctrico... Un botaporela.  
O caso do custe da enerxía que puxo en risco o emprego en Alcoa, Megasa... mentres Euskadi negociaba un prezo da enerxía que favorecía a súa industria non é a excepción. É unha mostra máis dun presidente que vive de facto en Madrid e vén a Galiza a dar a rolda de prensa dos xoves. É a mostra tamén, do papel que queren que xoguemos. Despensa, produtora de enerxía, fabricante de emigrantes. E como di a publicidade natalista de Feijóo: Depende de ti.