quarta-feira, 30 de janeiro de 2013

CRÓNICA SEMESTRAL DEREITO E POLÍTICA AMBIENTAL EN GALIZA

A crónica correspondente ao segundo semestre do 2012 do estado do dereito e as políticas ambientais en Galiza para a Revista Catalana de Dret Ambiental.  Como resumo deste semestre tan só destacar que non desentona da tónica de escaso interese ambiental habitual. Tan só algunhas normas de desenvolvemento da Lei de Augas, unha nova Lei de Montes para botar abaixo os restos visibles da política de prevención do bipartito e a significativa revisión do recentísimo Plan de Residuos 2010-2020 debido ás resistencias locais á ubicación dunha segunda macroplanta incineradora para absorber os residuos do sur de Galiza.

segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

DEGRADACIÓN A TODA COSTA


Os prematuros anuncios, aos poucos días da súa toma de posesión, do Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio sobre a urxencia de proceder á modificación da Lei de Costas están próximos a converterse nun feito tras a entrada no Congreso para a súa discusión. O proxecto de Lei de protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas afronta xa o debate parlamentario e parece pouco probable que as fortes críticas que suscitou no mundo ecoloxista e unha boa parte das forzas parlamentarias poidan cambiar substancialmente as liñas directoras que presiden esta reforma. A reforma toca o núcleo duro da Lei de Costas consolidando aproveitamentos privativos das zonas costeiras tanto mediante prolongadas concesións como, directamente, favorecendo a súa adquisición privada naqueles tramos que a actividade implantada provocase a súa desnaturalización. Dificúltase así a continuidade dun proceso de recuperación da costa para uso e desfrute público e tamén a reversión de procesos de degradación da franxa costeira, de recuperación das dinámicas litorais mediante a eliminación de barreiras físicas e visuais. A complexidade e lentitude do deslinde de costas, debida tanto á extensión costeira a abranguer, coma á existencia dunha morea de vivendas e actividades situadas ao ancho da xeografía costeira, ou a existencia de presión internacional para protexer cidadáns estranxeiros que no seu día se estableceron en zonas costeiras como a que, por exemplo, deduce un tanto nesgadamente o goberno do Informe Auken del Parlamento Europeo de 2009, non parecen argumentos dabondo para practicar unha política de saldos coa costa.
Dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio (MAAMA) achácase á vixente Lei de Costas "litixiosidade crónica" e apóstase por poñer en valor a costa como recurso económico. En prol da "seguridade xurídica" amplíanse os períodos concesionais de usos privativos en dominio público marítimo terrestre próximos a expirar (2018) por un novo período de 75 anos -coincidente co xeneral da Lei de Patrimonio das Administracións públicas-. Introdúcense cambios na propia definición dos elementos que conforman o dominio público marítimo terrestre deslegalizando aspectos relevantes (art.3.1.a) "A zona marítimo-terrestre ou espazo comprendido entre a liña de baixamar viva equinoccial escorada ou máxima, e o límite ata onde alcancen as ondas nos maiores temporais coñecidos, de acordo cos criterios técnicos que se establezan regulamentariamente... "). Incorpórase un réxime diferenciado, en canto a usos e nivel de protección aplicable, entre as praias que se denominan como "urbanas" e os tramos de praia "naturais" nun claro indicio dos cambios que efectuará o posterior desenvolvemento regulamentario ao que se remite novamente. Tamén se flexibiliza a declaración de innecesariedade para o dominio público de terreos que perdesen as súas características naturais permitindo a súa desafectación e, polo tanto, abrindo o camiño para o seu posterior paso a mans privadas (esta foi, por exemplo, unha das vías exploradas por ENCE para manterse na Ría de Pontevedra). Igualmente excepciónanse certos tramos de costas da consideración de dominio público marítimo terrestre buscando por unha parte solucionar a problemática de certos núcleos tradicionais que non quedaran cubertos polas disposicións da Lei de Costas, pero tamén asimilando amplas zonas turísticas froito da burbulla inmobiliaria e novas posibilidades de desenvolvementos promovidos por empresarios con claras conexións gobernamentais. A ampliación dos períodos de autorización das construcións desmontables de 1 a 4 anos vai tamén na liña de facilitar aproveitamentos privados da costa dando satisfacción aos "quioscos" praieiros.
Xa no período de emendas parlamentarias o PP anunciou algún outro cambio substancial do proxecto presentado polo Goberno. Nun principio prevíase a prórroga da concesión das grandes industrias polémicas máis alá de 2018 "logo de informe favorable do órgano ambiental da comunidade autónoma na que radique a ocupación". Iso deixaba, por exemplo, en mans da Xunta de Galicia, a prórroga da papeleira de Ence na ría de Pontevedra. Non obstante, unha emenda do PP reduce a capacidade de decisión das autonomías. A nova redacción establece que ese informe ambiental "terá carácter determinante" pero non vinculante e o Goberno poderá dar a prórroga en contra dese informe autonómico se motiva as razóns de interese xeral" para a continuidade. Tamén se introduciron emendas polo PP para permitir unha prórroga da concesión aos portos deportivos de 35 anos máis.
Dende as filas ecoloxistas -GreenpeaceADENA-WWF, Ecoloxistas en Acción, ADEGA- denúnciase este proxecto normativo que vai na liña dunha maior antropización e presión sobre a franxa costeira e que, tamén, parece premiar a aqueles que contribuíron a esa degradación do espazo costeiro precisamente con medidas como a flexibilización do procedemento de declaración de innecesariedade unha vez que se levou á costa a un nivel de desnaturalización incompatible coa súa función ecolóxica.
Dende o mundo académico o Manifiesto por la preservación y gestión de los espacios costeros aposta por unha acción decidida de protección e reforzamento dos mecanismos da vixente Lei de Costas no entendemento de que a fraxilidade e as ameazas que rodean este espazo non poden solucionarse nin cunha maior privatización pola vía do alongamento dos períodos concesionais, nin pola validación da degradación realizada por certas actividades pola vía da desafectación. Prevense contra unha involución normativa que non cumpra cos compromisos internacionais que asumiu o Reino de España sobre os espazos costeiros.
A paradoxal contradición que sinala por FPRIETO entre este texto normativo e a Avaliación da Política de Costas, realizada pola propia Administración Xeral do Estado a través da Axencia Estatal de Avaliación de Políticas Públicas (AEVAL) ao mesmo tempo que o borrador do proxecto de lei, é sumamente ilustrativa dalgúns dos erros que afectaron negativamente ao espazo costeiro. A ausencia dunha xestión integrada das zonas costeiras; de integración coa Directiva Marco de Augas e a Directiva Marco sobre Estratexia marítima; a deliberada relegación da cooperación coas Comunidades Autónomas que, non obstante, teñen importantes competencias en materias que afectan ao espazo marítimo-terrestre; o abandono de programas como o de adquisición de terreos para incorporalas ao dominio público costeiro; o esquecemento dos efectos do cambio climático; ou de iniciativas como a ampliación da franxa protexida (ex. Asturias ou Galicia durante o goberno bipartito), son algunhas das cuestións que o documento de Avaliación da Política de Costas sinalaba como aspectos necesitados de impulso para garantir a protección costeira e que non están presentes no proxecto de lei a debate.
En definitiva, malia o rótulo que a adorna estamos máis ante unha modificación da Lei de Costas que reabre debates xa resoltos -competenciais, deslindes, definición do dominio público marítimo-terrestre- que ante un texto de "protección e uso sostible do litoral".

Borrador editorial Revista catalana de Dret ambiental 14.1.2013

segunda-feira, 7 de janeiro de 2013

A Administración local como apéndice no proxecto recentralizador

A anunciada reforma da Administración local avanza no proxecto recentralizador e uniformizador do PP.  Os cambios que se queren introducir na Lei de Bases de Réxime Local e no Texto Refundido de Facendas Locais poñen o ramo a un proceso de involución constitucional que busca suprimir as cativas marxes existentes para outros modelos de organización territorial, política e económica.  A difuminación do papel autonómico na configuración de fórmulas propias de organización territorial, a subsidiaridade da intervención pública na economía, o férreo control á prestación directa de servizos polos entes locais, a reconstrución das deputacións como contrapoder territorial, son os eixos sobre os que se asentan os cambios.

1. Baleiramento do espazo local como ámbito de políticas diferenciadas
O proxecto de reforma local busca limitar tanto a capacidade autonómica de ter os seus propios modelos de réxime local, como esnaquizar a viabilidade de políticas alternativas ao modelo neoliberal do PP.  Se a taxa de reposición no reclutamento de empregados públicos xa non era dabondo para garantir a aniquilación dos servizos públicos e a consecuente posta a disposición nas mans privadas de calquera iniciativa que houber na liña de aumentar os dereitos prestacionais da cidadanía, agora sométese á lexislación estatal a decisión sobre a "conveniencia" de creación de servizos públicos locais.  Tamén se regula cun inusitado detalle -se quixermos comparalo coas discrecionais decisións de privatizar a xestión de servizos- a decisión de exercer a iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades económicas.  Se alguén ousar nos tempos que corren camiñar por eses camiños terá que asegurar que presta todos os servizos obrigatorios, mínimos ou non, con arreglo aos estándares de calidade e que a iniciativa non xera riscos para a sostibilidade financeira do concello.  Será necesario tamén un diagnóstico do mercado, da oferta e dos posibles efectos da actividade local sobre (adiviñen?)... a concorrencia empresarial.  O goberno central resérvase o dereito de recurso.  Dilixencia encomiable que sería bo que se aplicara tamén na motivación das decisións de privatización de xestión de servizos públicos.

2. Proxecto recentralizador
A reforma emprendida non só nega calquera espazo á autonomía municipal como un ámbito de construción de políticas diferenciadas, senon que os cambios están plenamente inseridos na lóxica recentralizadora emprendida polo PP -co PSOE como comparsa-.  O Estado resérvase a regulación da concreción das competencias municipais, os límites á creación de servizos, os estándares que determinarán a obriga de xestión dos servizos municipais polas Deputacións. 
As competencias municipais que se enumeran deberán ser especificadas en leis que, tamén, avaliarán "a conveniencia da implantación de servizos locais" conforme ao principio de estabilidade orzamentaria.
Un Real Decreto, estatal, será tamén o que determine os estándares de calidade dos servizos municipais que serán o parámetro que determine a obriga dos concellos de menos de 20000 habitantes deixar en mans das Deputacións -non doutros entes de cooperación municipal, tampouco das Comunidades Autónomas- servizos municipais.
Igualmente refórzase o control das contas municipais polo Tribunal de Cuentas estatal e introdúcese a obriga de someter a informe da Intervención Xeral do Estado os controis económicos que se desenvolverán conforme á normativa que tamén ditará o goberno central.

3. Consolidación das duplicidades
Unha vez os servizos municipais ficar en mans das Deputacións a lei blinda o status quo.  Os concellos non poderán crear ou unirse a mancomunidades coa finalidade de prestar os servizos que lle foron retirados. A irreversibilidade do proceso de absorción das competencias locais en mans das Deputacións son mostra clara da vontade de consolidalas.  Malia os anuncios propagandísticos que acompañan o texto a única duplicidade que existe de forma xeralizada en todo o territorio do Estado -as Deputacións- están aquí para quedar.  Pouco importa a difuminación da súa natureza democrática determinada pola non elexibilidade directa pola cidadanía ou a súa inoperatividade como goberno local de proximidade para a cooperación na prestación de servizos que difícilmente poden ter base provincial (servizos sociais, bibliotecas, abastecemento e tratamento de augas...).  O afortalamento das Deputacións chega mesmo a darlle un papel, inédito ata agora, na coordenación entre os concellos e as Comunidades Autónomas e o Estado en clara pugna coa previsión do noso Estatuto de Autonomía no que se prevía a coordenación das propias deputacións e dos seus orzamentos pola Xunta de Galicia.
O PP ten claro o obxectivo: crear un contrapoder territorial ás comunidades autónomas que, como se ve, pouco pintan neste conto.

SERMOS GALIZA 7.1.2013