sexta-feira, 28 de dezembro de 2012

SALDOS FEIJÓO





Agora Corcoesto coa febre do ouro. Antes a nuclear en Xove (1976-77), a extración de area en Baldaio (1977), a celulosa en Ponteceso (1976), a mina de carbón das Encrobas (1977), o verquido á foxa atlántica de residuos nucleares (1981). Historias de loitas colectivas, de autoorganización e dignidade na defensa da terra e das actividades productivas existentes.  Están abertas as loitas contra a mina de seixo na Terra Chá e a ubicación indiscriminada de parques eólicos, instalacións de acuicultura e centrais hidroeléctricas por todo o país.  Galiza como paraíso dun modelo productivo caduco baseado na depredación dos recursos naturais sen transformar e sen retornos.
Na búsqueda do difícil equilibrio entre o desenvolvemento económico e a protección ambiental xúntanse a fame e as ganas de comer.  A precarísima situación económica utilízase con irresponsabilidade pola Xunta de Galicia para apoiar proxectos cun elevado impacto ambiental coa excusa dunhas mancheas de postos de traballo.  Onte e hoxe as cifras de emprego magnifícanse para achegar vontades (en Corcoesto Feijóo anuncia 1400 e a empresa limítaos a 270 –son necesarios 250 para ser declarado proxecto industrial estratéxico- dos que tan só eventualmente a metade serían locais sen aclarar a duración dos contratos).  
En todos os casos as pautas de explotación combinan actividades con problemas ambientais moi severos (uso de mercurio no blanqueado do papel, de cianuro e arsénico na extracción do ouro, residuos nucleares...), a aplicación de estándares de explotación moi alonxados das mellores tecnoloxías dispoñibles, o control dos nosos recursos por empresas de fóra e a ausencia de compensación pola depredación intensiva realizada.
A Xunta de Galicia, lonxe de poñerlle trabas a estes proxectos dalles para adiante sen ningún tipo de limitacións.  Impulsa a Lei de Política Industrial coa que se un proxecto tiver a declaración de proxecto industrial estratéxico reduciríase substancialmente o periodo de participación pública para presentar alegacións, tería dereito á expropiación urxente dos bens necesarios para poñerse en marcha, a axudas públicas directas sen concorrencia competitiva e evitaría o control urbanístico local. Blinda normativamente, en definitiva, o que o Decreto plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal de 2000 puxera en marcha para evitar que o Concello de Pontevedra poidese facerlle a vida incómoda a ENCE.
Torturando a aplicación da normativa ambiental, a Xunta de Galicia aproveita a lentitude da xustiza en poñer couto aos desmáns para seguir adiante (a APDR e o Concello de Pontevedra venceron en 2012 o recurso frente á declaración de supramunicipalidade de 2003). Aceptando estudos de impacto ambiental sesgados ou directamente falsos (Agustín Hernández promoveu desde Augas de Galicia unha "corrección de erros" para aplicar un estudo de impacto andaluz plaxiado ao encoro do Umia).  Omitindo informes esenciais.  Negando información á que temos dereito á cidadanía.  Dando prevalencia a uns intereses sobre outros.  Permitindo a utilización de tecnoloxías obsoletas ou a piques de ser prohibidas (ex. o uso do cianuro na minaría de ouro).
A loita do sindicalismo labrego en Xove ou na Terra Chá, dos comuneiros en man común en Chantada para o mantemento dos usos tradicionais do monte frente a un parque eólico, son indicativos de que na valoración da implantación de actividades tamén hai que ter en conta os impactos noutras actividades produtivas (agricultura, gandaría, aproveitamentos forestais, pesca, marisqueo, turismo...).  Non obstante, o envellecemento e o despoboamento de moitas partes de Galiza, provoca que moitos destes proxectos se acollan calorosamente e obriga a reflexionar sobre a forma de facer que o respecto polo medio non sexa só unha inquedanza de "urbanitas" aos que os a poboación local percibe como intrusos que negan alternativas de emprego para os que, en definitiva, non abandonaron o seu.  
Por outra banda, a inexistencia dunha política industrial tamén fai que estas actividades fortemente esquilmadoras de recursos non se vexan acompañadas de instalacións industriais que pechen os ciclos productivos aportando valor engadido.  A grande pureza do seixo que se extrae no monte mítico do Pico Sacro, sen respecto algún para os valores paisaxísticos e culturais, será utilizado na industria óptica ou electrónica doutros países. O ouro de Corcoesto acabará en Canadá.  O proxecto de transformación da pasta de papel en papel tisú de ENCE tan só sae á luz pública cando toca utilizalo para renovar tramposamente as licencias ambientais.
Os riscos ambientais tampouco se someten a fianzas ou sistemas de aseguramento. Non porque non se poida xa que hai normas que o permiten. Porque non se quere.  Se a balsa de lodos vermellos de Alcoa ou a de residuos tóxicos de Corcoesto romper, as galegas e galegos aportaremos os nosos cartos para restaurar os estragos (lembremos Aznalcollar) e soportaremos a contaminación.  As empresas desaparecerán nun escuro entramado empresarial con sede allea e esquiva ao control (na memoria tamén o Prestige e Aznalcollar).
E que quitamos de proveito? A nosa auga, o noso vento, os nosos recursos mineiros son bens de dominio público.  Cal é o prezo que pagan as empresas por deixarnos sen eles?. En 8 anos Corcoesto será só un furado contaminado de cianuro e arsénico.  Os cañóns do Sil non teñen o caudal ecolóxico. Valdeorras ou Porriño serán paisaxes arrasadas.  A cambio de que?.  Na maior parte das actividades non se impón canon de aproveitamento. Houbo que agardar ao Decreto eólico promovido polo BNG  no bipartito para falarmos dunha participación pública nos beneficios do vento.  A tarifa eléctrica non é máis barata malia a que os custes de transporte son máis reducidos.  Mesmo hai lugares de Galicia cun abastecemento eléctrico impropio dunha potencia na produción enerxética.  
A soberanía tamén é isto. Decidir sobre os nosos recursos, tirar proveito deles, proporcionarlle benestar á cidadanía con eles,  protexer o medio no que nós imos seguir vivindo cando esas empresas protexidas por Feijóo xa non estean aquí.