quinta-feira, 4 de setembro de 2014

Crise e emprego público: machadazo nos servizos de benestar das administracións autonómica e local

O inmenso impacto das políticas neoliberais de recorte nos servizos públicos no emprego público permite visibilizar de forma gráfica a magnitude dos recortes.  Algúns datos, engadidos a outras xa publicados aqui en distintas ocasións, que teñen moito que ver coa imposición centralizada dunha limitadísima taxa de reposición de efectivos como un mecanismo de control, poden poñer de manifesto o alcance desta política de derrubo dos servizos públicos.
Unha recente publicación do Banco de España aproxima datos sobre o impacto da crise no emprego público.
Aproximadamente o 50% do emprego público perdido na crise concéntrase na educación, sanidade e servizos sociais.  Dentro destes tres sectores a educación é a que sae pior parada co 56% do recorte, se ben é previsibel que o impacto da reforma local reduza a curto prazo aínda máis o emprego público en servizos sociais.  Non obstante no periodo 2007-2013 en educación, por exemplo, os cambios normativos para aumentar o número de horas traballadas fan que cunha contracción do emprego do 5,3% haxa un 1,5% máis de horas traballadas.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402.

Outro dato relevante, especialmente nos últimos anos (2012-13), é que a maior contracción do emprego dase, principalmente, nas administracións autonómicas e, en porcentaxes algo inferiores, nas administracións locais.  Este dato é coherente co feito de ser de competencia autonómica os servizos ligados ao benestar que tanto teñen sofrido nesta etapa.  2013 foi un annus horribilis para o emprego nos servizos públicos de benestar autonómicos e o axuste parece non rematar.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402

Entre 2013-13 o 85% da redución do emprego público é nas Administracións autonómicas e locais. No emprego público galego os datos dispoñibeis do IGE indican que entre 2009 e 2014 perdéronse sobre 2000 empregos en sanidade e 1500 postos docentes non universitarios.
Tamén ten interese saber que o recorte no emprego faise por dúas vías. Por un lado coa limitación no acceso. Isto é, non repoñendo ou facéndoo nunha porcentaxe ínfima (excepto en defensa) as vacantes por xubilación ou baixas definitivas. E en segundo lugar aniquilando o emprego temporal existente ata o momento.  De feito este periodo de crise ten suposto un recorte do 37% das prazas temporais que tiñan as administracións públicas.
Mentres que o recorte en educación pública ten unha correspondencia nun aumento do emprego na educación privada, os recortes en sanidade e servizos sociais non provocan un aumento no emprego neses sectores.  As fortes dificultades que están pasando moitas familias parecen levar, por tanto, a unha redución na calidade de vida renunciando a tratamentos, escolas infantís, atención en centros de día ou residencias para anciáns e a un claro retroceso dos dereitos sociais.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402

Os efectos destes recortes en persoal xa se están percibindo no aumento das listas de agarda sanitarias, o peche de unidades escolares e sanitarias, o deterioro da calidade na atención a estudantes, doentes e dependentes.
No caso das universidades un estudo da CRUE é revelador en canto a outro efecto preocupante. O envellecemento dos cadros de persoal.  No caso galego o 50% do profesorado xa ten máis de 50 anos. Só o 15% está por baixo dos 40 (e estes nunhas condicións laborais precarias con contratos de interinidade, soldos baixos e sen perspectivas de mellora).  As repercusións da falta de renovación do cadro de persoal hanse percibir en breve e moi especialmente na actividade investigadora e na innovación.
Fonte: MICHAVILA, F., La Universidad española en cifras 2012, CRUE