O trunfo eleitoral do PP en marzo
2009, logo dunha campaña cunha forte polarización do discurso ao redor da
lingua, marcou un inicio de lexislatura no que con prontitude o galego foi o
albo das primeiras medidas do novo goberno do PP. Nada máis tomar posesión adóptanse decisións que indican
unha clara vontade de deconstrucción do xa de por si escaso acervo normativo de
protección do galego e unha consolidación dos prexuizos contra o galego.
Aos anuncios e primeiros pasos para
derrogar a normativa de uso do galego no ensino que garantía que un mínimo 50%
das materias se impartiran na nosa lingua, úniuse a modificación pola vía de
urxencia da Lei de Función Pública para suprimir a necesidade de acreditación
obrigatoria do coñecemento do galego coa realización de cando menos unha proba
en galego no acceso ao emprego público.
Cunha exposición de motivos sumamente explícita na que se lamenta a
dificultade de cidadáns doutras partes do Estado para acceder ao emprego
público e se obvian os dereitos lingüísticos da cidadanía, o Partido Popular
revela o valor que lle da ao mandato estatutario de protección do galego.
A modificación da normativa de
función pública foi pronto seguida polo Decreto 79/2010 de plurilingüismo que
marca un retroceso histórico na presenza do galego nas etapas obrigatorias do
ensino non adoptando medidas que reforcen o uso do galego na educación infantil
nas contornas castelán falantes; colocando o inglés como unha cuña para a
redución das horas impartidas en galego; establecendo máximos de presenza do
galego no ensino; fixando prexuízos sobre os usos lingüísticos ao eliminar o
galego nas materias científicas; permitindo que o alumnado eluda os contidos
formativos habilitando un dereito á escolla lingüística con independencia das
competencias lingüísticas reguladas, e; sometendo a fixación do curriculum
educativo a consultas sesgadas as familias sen apoio en criterios de
planificación pedagóxica ou sociolingüística. Un Decreto, por outra banda, que tamén fixa o inicio dunha
estratexia máis global do Partido Popular de degradación da normativa
lingüística con iniciativas en Euskadi, Aragón, Valencia ou Illes Balears nunha
liña semellante.
As dúbidas xurídicas suscitadas polo
Decreto de plurilingüismo levaron ao goberno a presentar no Parlamento a Lei
4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.
A Lei de Convivencia e Participación fundamentada na falsa premisa de que o ensino en Galiza, un dos que
ten as ratios máis baixas de conflitividade do Estado e cun número moi pequeno
de sancións, ten como problema principal a violencia nas aulas foi unha cortina
de fume detrás da que se agachaba o obxectivo de regular nunha norma con rango
de lei a consulta ás familias sobre as súas preferencias lingüísticas no ámbito
educativo. Lembremos que o
Consello Consultivo de Galicia emitira un informe negativo á pretensión de
facer estas consultas en educación primaria e secundaria no Decreto para o
plurilingüismo e o goberno busca a cobertura dunha norma de superior rango para
darlle continuidade a esa cuestión.
Tamén na
educación infantil a ampla modificación do proxecto das Galescolas suprimiu o
único programa de inmersión en galego que permitira recibir loubanzas do
Consello de Europa no informe de seguimento da Carta Europea de Linguas
Rexionais e Minoritarias e evitar a tacha xeral de insuficiencia do marco
educativo para os compromisos adoptados ao ratificar este tratado
internacional.
O implacable cambio do escaso
entramado normativo existente de protección do galego realizado nos primeiros
dous anos da lexislatura viuse acompañado dunha asfixia económica dos sectores
ligados á presenza social da lingua.
Desde 2009 a redución experimentada nos orzamentos da Secretaría Xeral
de Política Lingüística é de case o 63% pasando de 21,5 millóns de euros no
2009 a 8,1 millóns de euros no orzamento de 2012. Os programas dependentes doutros órganos da Administración
tamén sofreron recortes semellantes.
Os servizos de normalización lingüística, os medios de comunicación en
galego, o ensino e os materiais docentes, as mostras culturais, as traducións e
o sector editorial en xeral, foron pinga a pinga sendo obxecto preferente dos
recortes económicos coa desculpa da crise. Mesmo antes que en calquera outro sector é no ámbito da
lingua no que aparecen por primeira vez as anulacións de convocatorias de axuda
xa en marcha (servizos de normalización dos entes locais, materiais
pedagóxicos). A desaparición do
Xornal de Galicia, Vieiros, A Peneira ou A Nosa Terra, nunha lexislatura na que
houbo sustanciosos recursos para o sostemento de certos medios de comunicación,
é elocuente do sesgo das convocatorias existentes. A meritoria resistencia de
Tempos Novos ou o nacemento desde a autoorganización social de proxectos como Dioivo,
Sermos Galiza, Praza Pública ou Compas da Costa mostran que hai vontade
colectiva de actuar malia as enormes dificultades de soster os proxectos
comunicativos sen apoio público.
De xeito semellante a iniciativa da
sociedade civil buscou camiños no ámbito do ensino. Proxectos como o da Semente en Compostela ou o da Cooperativa
de Ensino Popular “Avoaescola” indican que a iniciativa cidadá quere suplir a
deixación de funcións desde o poder público.
No ámbito cultural a desaparición do Culturgal, da
programación cultural sobre a música ou libro galegos nos medios públicos (Lume na palleira, Aberto por reformas,
Extrarradio, Libro Aberto, Onda Curta, Miraxes) amosa claramente o proxecto
político existente destrutivo dos nosos sinais de identidade.
Con todo as decisións contra o
galego que marcan a lexislatura foron acompañadas dun alto nivel de
rexeitamento social, mais tamén dunha acentuada cobertura mediática de grupos
pouco significativos en canto a representatividade contrarios ao galego que
fixan o discurso do PP. A resposta
contundente dun amplo abano de asociacións, colectivos e sindicatos,
nomeadamente da Mesa Pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos
Galego, a través de manifestacións e da denuncia cívica das medidas adoptadas,
secundadas con intensidade diversa por BNG e PSOE, non permitiu paralizar estas
agresións. Porén a baixada do ton
do PP na segunda parte da lexislatura, cunha elocuente substitución do
responsabel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é reveladora da medida
en que a percepción social destas agresións foi negativa.
No plano social compre salientar
tamén o nacemento de Prolingua en 2009; o amplo papel desenvolvido pola
Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística no ensino ou a
Coordenadora de Técnicos de Normalización Lingüística nas reivindicacións en
relación co mantemento dos servizos de normalización; a resistente loita levada
a cabo polo profesorado, especialmente das áreas científicas afectadas polo
Decreto con iniciativas como Ciencia en Galego (http://www.cienciaengalego.org/drupal6/), Profes
co Galego; son mostras significativas da contestación existente a estas
medidas. As exitosas
manifestacións da Plataforma Queremos Galego traduciron en mareas humanas a
vontade de defensa da lingua existente na sociedade.
No institucional o papel firme,
novidoso tamén, desenvolvido pola Real Academia Galega en defensa da lingua e
das funcións que ten atribuídas, deu azos ao movemento de rexeitamento das
medidas. O documentado e
contundente informe sobre o Decreto de plurilingüismo foi acollido con tanta
reticencia desde o goberno como satisfacción pola sociedade civil. Nese mesmo ámbito tamén o Consello da
Cultura Galega e o Consello Consultivo de Galicia expresaron pareceres
discordantes co proxecto de Decreto de plurilingüismo.
Publicado en TEMPOS NOVOS nº 184 outubro 2012
Bó resume
ResponderEliminar