Para
Muddi e Sara que deixaron os xoguetes en Gaza e hoxe xogan en Galiza
Ante os ollos do mundo. Co beneplácito do xendarme
mundial e a vergonzante aquiescencia europea, Palestina loita por vivir na
terra de seu.
Unha terra comesta a bocados, fragmentada, usurpada por
asentamentos xudeos ilegais, confiscada. Unha cidadanía sen dereito ao máis
básico: liberdade, comida, sanidade, educación, luz. Un lugar no que é posible morrer agardando a
cruzar o muro ignominioso que separa a seres humanos dun hospital ante a
inmisericorde vixianza dun soldado. Un
sitio no que o exército xoga ao “afundido” cos barcos de pesca que se alonxan
da beira da praia.
Nun esforzo pacífico, cidadáns do mundo, cidadáns
galegos, forman parte da Frota da Liberdade que busca levar a Gaza subministros
básicos lembrándolle ás conciencias democráticas que a inxustiza segue ahí. Que
Palestina precisa dun presente en paz e a súa cidadanía dos dereitos básicos.
Estas e outras accións que promove BDS Galiza buscan unha solución xusta para o
pobo palestino. Unha solución que pasa
por poder comprar libremente comida, recibir axuda humanitaria, manter en
funcionamento os servizos básicos, circular libremente, vivir na terra dos seus
país e nais.
A nosa mirada non pode permanecer impasible ao continuo e
metódico arrinconamento de Palestina convertíndoa nunha nación inviable. Sen
terra, sen recursos, cunha poboación perseguida. Negándolle o que o pobo xudeo,
e calquera pobo do mundo, sempre reclamou para si: liberdade, terra, dereitos.
Xornal de Galicia 4.6.2011
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer