quarta-feira, 28 de agosto de 2013

S.O.S. Emerxencias, privatización e as desgrazas por vir



Vivimos nunha sociedade de risco mais tamén nunha sociedade avanzada que foi construindo uns servizos públicos para facer frente ás emerxencias tanto por causas naturais (incendios, asolagamentos...) como por efecto de desastres industriais, accidentes e outros feitos ligados aos riscos tecnolóxicos.  Lentamente, aprendendo en moitos casos de catástrofes previas, foise construindo un dispositivo público de resposta e coordenación dos efectivos.  Un dispositivo que, efectivamente, pasa moitos periodos de inactividade, pero que ten que estar ben engraxado para funcionar se houber necesidade.
Porén, o PP vén aplicando unha política de privatización dos efectivos e medios, adoptando decisións que ameazan a coordenación das emerxencias, como se ten comprobado nos últimos incendios, no accidente ferroviario de Santiago ou no salvamento marítimo.
Os cadros de persoal das estruturas públicas minguan alarmantemente.  Os orzamentos estatais veñen reducindo cada ano máis ata a asfixia as posibilidades de repoñer as vacantes no emprego público coa imposición dunha taxa de reposición de efectivos.  Un efectivo método centralista de impoñer a lóxica neoliberal a todas as administracións.  Paralelamente, o PP autonómico privatiza servizos ou mantén no ámbito privado unha boa parte dos dispositivos existentes con serios riscos para a súa efectividade.  Que a xestión de emerxencias se efectúe por persoal que non ten a condición de autoridade pública pode ter unhas consecuencias graves.  Que unha parte dos custes que podían mellorar a prestación do servizo se perdan en garantir o beneficio empresarial das empresas xestoras é un despropósito sen sentido.
Despois do accidente de Angrois, os bombeiros de Coruña e Santiago criticaron non só a manifesta descordinación e a tardía adopción de decisións, senon a activación preferente dos parques de bombeiros de xestión privada prescindindo dos de xestión pública curiosamente máis próximos ao lugar do accidente. Como sucedeu na atención sanitaria, permanecendo sen uso o hospital de Conxo viciño ao sinistro mentras se enviaban enfermos a clínicas privadas mesmo doutras cidades galegas, o PP mantén con pulso firme a aposta pola privatización dos servizos públicos aínda en momentos de aparente caos.
Así actúa o PP.  Desmantelando meticulosamente os servizos de emerxencias. Vendendo os medios técnicos a empresas privadas e contratando posteriormente por un prezo máis elevado os seus servizos. Así sucedeu cos helicópteros de salvamento marítimo, vendidos a unha empresa e de seguido encarecido o custe nun 18%. Tamén co buque anticontaminación construido logo da catástrofe do Prestige e que, pasado o día pasada a romaría, hoxe é propiedade dunha empresa privada e vai realizar funcións de gasolineira flotante en Ferrol. Igualmente cos medios necesarios para a extinción de incendios. Como denunciaron a CIG e o BNG, o goberno Feijóo vén efectuando unha desmantelaxe da empresa pública SEAGA, prescindindo tamén da empresa pública estatal TRAGSA, e entregando a xestión do dispositivo de loita contra o lume a empresas privadas. SEAGA pasou de 2225 efectivos no 2011 a 530 no 2012.
Este ano o desmantelamento avanza igualmente polo camiño da descoordenación clientelar.  Fragmentando a loita contra o lume "empaquetándolla" aos concellos.  Favorécese así prácticas de contratación atomizada, pouco transparente, con salarios moi dispares, sistemas de selección opacos.  Mais tamén se leva o dispositivo de loita contra o lume a unha descoordenación total.  Con brigadas municipais que poderían non acudir a apagar lumes fóra do seu ámbito de contratación e dificultades para coordenar as diminuidas brigadas.  Con concellos sen brigadas por non dispor dos cartos para cofinanciar os contratos ou, simplemente, porque aplican a estratexia de que gaste o viciño.  E o PP, maestro da prestidixitación dialéctica, despois de poñer en cuestión as contratacións de SEAGA no bipartito (feita con procedementos públicos e únicos) convirte a contratación da loita anti-incendios nunha inmensa chapuza escura. Por un lado o picadillo municipal de convocatorias, por outra a contratación dixital e tardía das empresas privadas que monopolizan o dispositivo aerotransportado e os medios técnicos nas que se aplica un control clientelar e e ideolóxico das contratacións sistemático e os despidos das voces díscolas.
Nos incendios forestais, nas emerxencias xestionadas polos parques de bombeiros, no salvamento marítimo as pautas son as mesmas: privatización para engordar os petos dun reducido, e coincidente, grupo de empresas; privatización para facilitar a contratación a dedo de persoal precarizado e dócil política e sindicalmente; privatización que provoca o aforro en medios provocando a súa non dispoñibilidade nos momentos en que son necesarios; ausencia dunha perspectiva global e nacional dos dispositivos existentes o que é claramente contrario á loxica moderna de xestión de emerxencias. As desgrazas maiores están por vir.

SERMOS GALIZA 28.08.2013

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer