terça-feira, 7 de janeiro de 2014

MONCLOA S.A. O Canal de Panamá como parábola



O caso do Canal de Panamá e a empresa SACYR volve a poñer enriba da mesa de xeito descarnado o modelo económico neoliberal do PP. Ministras que traballan de comerciais para as grandes corporacións, cartos públicos avalando a empresas privadas, chantaxes corporativas a países soberanos e privatización de instrumentos públicos. Unha posta ao servizo das grandes corporacións do entramado institucional e do orzamento nunha dinámica de espolio dos recursos públicos e socialización das perdas privadas.
Tan pronto saltou a noticia Ana Pastor, hai nada solícita rescatadora das perdas dos consorcios da banca e construtoras xestoras das autopistas madrileñas quebradas, convertiuse na dilixente comercial da construtora SACYR. O indisimulado carrusel xiratorio de executivos de grandes corporacións enganchados aos gobernos populares para traballar para os seus e nuns anos voltar ao mol colchón privado (Agustín Hernández, Guindos, Morenés, Güemes...) chucha sen tregua o orzamento público. As vacas flacas das grandes infraestruturas son substituídas pola ampliación do ámbito de negocio ao seguro mundo das concesións públicas en sectores que nunca han fallar (lixo, auga, sanidade, servizos sociais) e unha internacionalización con trazas coloniais.  Aí están os diarios oficiais para blindar de xeito perdurabel a cota de negocio. E onde estea unha boa concesión obtida por mecanismos pouco transparentes e inxustificadamente prolongada, como denuncia a nada sospeitosa Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia,  o falso ídolo da competencia pode ser sacrificado sen dor. 
O affaire panameño ten todos os ingredientes da política popular. Ao mesmo tempo que a ministra pastoril coidaba o pesebre soubemos que SACYR ten as costas ben cubertas para os seus incumprimentos por un seguro da empresa pública CESCE que avala os 400 millóns de dólares de fianza depositados polo consorcio construtor.  En definitiva, que se houber unha resolución do contrato a fianza pagaríase con cartos maioritariamente públicos.
Tirando un chisquiño do nobelo chegamos a que esta aseguradora, con capital maioritariamente público, está adicada a avalar o risco da internacionalización de empresas e que en 2012 tivo case 30 millóns de euros de beneficios. Mais o PP acaba de iniciar o ano emprendendo o proceso da súa privatización.  Desbaldindo instrumentos públicos entrega a cuarta maior aseguradora europea en seguro de crédito como gorentoso agasallo para o insaciabel sector financeiro.  
Para iso tivo que salvar o, pequeno, obstáculo de cambiar a normativa.  En menos de catro meses terá recorrido de xeito expeditivo e en petit comité o trámite parlamentar a Ley sobre cobertura por cuenta del Estado de los riesgos de la internacionalización de la economía española pola que se abre a porta a esa privatización dun instrumento da política económica exterior.  As empresas, abandeiradas do liberalismo para o que lles conven, seguirán emprendendo a aventura exterior con rede, unha cobertura do risco por conta do Estado. Mais os beneficios que poider xerar esa actividade de aseguramento serán agora aproveitados polas empresas privadas que xestionen o sistema facéndose coa maioría do capital de CESCE.  O proxecto de lei a piques de aprobarse garante que a "cobertura por cuenta del Estado de los riesgos asociados a la internacionalización se realizará a través de un Agente Gestor con quien se celebrará un Convenio de gestión sin que sea necesaria la naturaleza pública de aquel".  O paraíso neoliberal. Os nosos cartos aos servizo das súas aventuras empresariais co Estado como avalista, unha empresa pública rendibel privatizada e un benéfico anxo-xestor que cobrará unha remuneración por esta actividade que ata agora viña desenvolvéndose con beneficios no ámbito público.  A normativa tamén compromete a non competencia pública aplicando un principio de subsidiariedade polo que o Estado non poderá cubrir os riscos susceptibeis de ser cubertos pola iniciativa privada.
Moncloa S.A. está inmersa nun completo programa de reformas normativas, institucionais e territoriais para facilitar un control centralizado dos recursos públicos que acaban nese inmenso sumidoiro que son as empresas da contabilidade B dos papeis de Bárcenas. Mentres que o ministro Soria acompañaba a Repsol a Arxentina a defender os seus intereses comerciais, Repsol decidía contratar buques no extranxeiro sen ter en conta a difícil situación do sector naval. O capital non ten patria, pero si ten PPartido.

SERMOS GALIZA, 5.1.2014

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer