Anuncian a UE e EEUU a inminente sinatura da Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio (TTIP, nas siglas inglesas). Un tratado de libre comercio co que avanza imparabel a demolición da arquitectura normativa de protección dos dereitos sociais, ambientais, de saúde pública e a súa protección xudicial. Un acordo que asegura a barra libre ás grandes corporacións para realizar os seus negocios nun amplísimo marco xeográfico e que, posteriormente, buscará extenderse alén das fronteiras europeas e norteamericanas. Un documento redactado con opacidade e en roldas segredas de negociación, feito denunciado por diversas organizacións europeas ante o Ombusdman e o Parlamento Europeo, e con implicacións sumamente perigosas como alertaron máis de 200 organizacións da sociedade civil europea.
Cunha linguaxe políticamente marcada as dúas partes puñan o foco nos denominados "trade irritants" (irritantes dos intercambios). Que lles proía aos negociadores librecambistas?. Os irritantes dos intercambios xa non son hoxe os inofensivos aranceis que poden limitar a comercialización de productos noutros países. As grandes corporacións esixen o desmantelamento de todos os obstáculos, esencialmente normativos e administrativos, que poidan limitar a súa expansión. O que lles proe é esencialmente a democracia é o que esixen é o desmantelamento da capacidade dos gobernos regular os mercados para defender intereses públicos (seguridade alimentar, tutela ambiental, sáude...).
O acordo busca abrir o gorentoso pastel da contratación pública ás empresas trasatlánticas e pon o foco sobre as "cargas" administrativas que poden obstaculizar os intercambios. Estas irritantes cargas xa teñen sido obxecto de ataque ao abeiro doutros tratados con claúsulas semellantes ás que agora se lle quer dar carta de natureza. Así grandes corporacións como Chevron, Philip Morris ou Vatterfall usaron tratados con previsións equivalentes para esixir indemnizacións multimillonarias pola decisión de suprimir a enerxía nuclear en Alemania, a obriga de comercializar o tabaco sen publicidade de marca en Australia, a protección de espazos naturais frente á minaría ou o fracking en Canada ou a normativa limitando a presenza de substancias nocivas en produtos alimentares.
O Far-West normativo está aqui e a UE, co coro de lacaios de EEUU facendo reverencias, ponlle tapete vermello a un asalto sen precedentes ao sistema democrático.
Un asalto á democracia que se consuma co establecemento dun mecanismo tóxico de resolución de discrepancias (investor-to-state dispute settlement) á marxe dos sistemas xudiciais estatais. Europa acepta incorporar un instrumento típico dos tratados de comercio con estados fallidos ou subdesenvolvidos sometidos que lle permite ás grandes corporacións denunciar as normas e decisións que entendan que poñen en perigo os seus investimentos esixindo estratosféricas indemnizacións. Unhas denuncias que serían resoltas á marxe do sistema xudicial por avogados corporativos.
Un botón fai mostra para apreciar o alcance que pode ter este mecanismo extra-xudicial de resolución de conflitos. A empresa sueca Vattenfall, que actualmente mantén aberto un asunto esixindo 700 millóns pola decisión alemá de 2011 de adiantar o peche das súas centrais nucleares, previamente litigara tamén contra Alemania demandando unha compensación de 1400 millones de euros polo establecemento de normas ambientais de restrición do uso e verquido de auga de refrixeración para as centrais térmicas de carbón que a compañía estaba construindo no río Elba afirmando que irían contra as seguridades dadas polas autoridades públicas obstaculizando a súa viabilidade económica. Este asunto pechouse en agosto de 2010 cun acordo segredo entre as partes e posteriormente organizacións ecoloxistas denunciaron unha relaxación dos estándares ambientais.
Convirtamos pois aos perigosos trade irritants nun motivo de irritación cívica. Esta é unha das principais cuestións que está na axenda europea e, como lembraba Ramonet, a vontade cívica para frear este inmenso desafío ten que ser un elemento central no debate das próximas eleccións europeas.
SERMOS GALIZA 15.03.2014
SERMOS GALIZA 15.03.2014
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer