Se quixeramos facer un resumo dos datos do último Boletín Estadístico do Persoal ao servizo das Administracións públicas que se publica semestralmente (datos de xaneiro de 2014) podería ser o seguinte:
1. Segue o recorte de empregados nos servizos públicos ligados ao estado social (sanidade, universidades...). Malia un leve repunte no ensino non-universitario -debido a que varias Comunidades Autónomas fixeron convocatorias de emprego despois de varios anos de tapón con graves consecuencias nas escolas e institutos-, a sanidade, as universidades e, probablemente, os servizos sociais municipais perden empregados públicos.
2. Na distribución por niveis territoriais o emprego público estatal experimenta este ano un pequeno descenso que non impide que sexa o ámbito territorial con menores descensos en todo o período da crise. A Administración Xeral do Estado e organismos estatais apenas perderon 14.000 empregados desde 2009, un 5,8%; mentres que os Concellos perderon un 14% do emprego e as Comunidades Autónomas un 16%.
3. Curiosamente o persoal de xestión burocrática estatal sigue sendo superior ao de todas as comunidades autónomas xuntas. Se se separa do emprego público autonómico o elevado número de empregados encargados dos servizos públicos (sanidade, educación...) vese que as oficinas de ministerios, Axencia Tributaria, etc. ocupan a 220.000 efectivos en tanto que as oficinas autonómicas das 17 comunidades contan en total con 216.000 efectivos.
A que se dedican os 8831 empregados do ministerio de agricultura, sendo as competencias exclusivas das comunidades autónomas, ou os 6.562 empregados do ministerio de educación non docentes é un deses paradoxos dun estado descentralizado con altas doses de ficción entre o que din os Estatutos de Autonomía e a realidade centralizadora.
4. Os concellos, aínda que recuperan algo de emprego, seguen con case 80.000 empregados menos que en xaneiro de 2009 no momento cun pico de emprego máis elevado. Son case 14 puntos de descenso que pode ser atribuíbel aos recortes nas prestacións e servizos sociais municipais.
5. Nas universidades cae novamente o número de persoal (-3173), algo máis dun 2%, e o número de profesorado en réxime laboral (46.974) supera o número de profesorado funcionario (45.463). O avance da laboralización é un reflexo claro da precarización no emprego na docencia universitaria na que a taxa de reposición está xeneralizando a figura fraudulenta do profesor interino para cubrir necesidades estabeis.
6. Non hai estatísticas da temporalidade no emprego público nin dos contratos a tempo parcial en ámbitos, por exemplo, como a sanidade ou as universidades, que permitirían apreciar como as administracións públicas estan convertíndose nun nicho de precarización que as enmendas do proxecto de Lei de Racionalización do Sector público quere consolidar.
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer