A ESQUERDA NACIONALISTA NA ENCRUCILLADA CENTRALIZADORA
A contrarreforma
centralizadora avanza implacable.
Nos últimos anos a insistente propaganda da caverna mediática madrileña
conseguiu amplas unanimidades na España-nacional frente ás nacións do estado.
A sentenza do
Estatut de Catalunya púxolle o ramo a unha deleiva na que se piden cambios do
sistema electoral que primen aínda máis aos partidos estatais, a protección do
castelán frente á implacable omnipresenza das linguas propias, a
recentralización de competencias autonómicas exclusivas como a educación ou a
sanidade e se reclama a primacía da unidade de mercado para coutar políticas
propias en materia económica.
Combinando as dúas almas do Partido Popular, nestes días bótase no lombo
das comunidades autónomas o peso de correxir o déficit público inviabilizando
os proxectos de autogoberno e obrigando a recortes no estado de benestar que
acapara o groso dos orzamentos autonómicos. Só compre agardar a que como froita madura as comunidades
autónomas pidan papas e o goberno central “se vexa obrigado” a recortar o
estado autonómico ante a imposibilidade de este xestionar a cota de poder
político que lle corresponde.
O amplo dominio do
PP no mapa autonómico e a evidente concepción das autonomías como unha pura
descentralización administrativa xa está dando os primeiros froitos coa
invasión desde o executivo central das competencias autonómicas. O condicionamento dos servizos públicos
autonómicos pola vía das limitacións introducidas recentemente coa modificación
constitucional e a fixación polo Estado de topes á contratación de empregados
públicos; a liquidación do sistema de caixas e do control autonómico sobre o
sector; a vontade de limitar as competencias educativas autonómicas cunha
converxencia aínda máis elevada dos currículos educativos (hoxe entre o 55% e o
65% xa é de fixación estatal), a imposición dunha moratoria na convocatoria de
oposicións no ensino...en poucos meses temos mostras abondas da determinación
para desandar o camiño andado e poñer fin aos cativos avances acadados.
Nese contexto
compre máis que nunca que o nacionalismo de esquerdas actúe organizada e
conxuntamente. A cidadanía sabe
que se Galiza houbo algún momento en que tivo un proxecto de servizos sociais
propio dunha sociedade avanzada foi cando gobernou o BNG na Xunta e nos
concellos; se alguén defendeu ao sector naval ou o sector agrario foi o
nacionalismo de esquerdas organizado política e socialmente; se hai orgullo do
propio, da nosa cultura, da nosa lingua e apoio aos que cada día
traballan para facernos un pobo máis intelixente, culto e pleno é alí onde ten
presenza o nacionalismo de esquerdas; e tamén é ahí onde pode atoparse un
discurso alternativo á crise polo emprego e a economía productiva, contra os
desfiuzamentos, contra a toma da democracia como refén polos especuladores que
orixinaron a crise.
Nestes momentos
convulsos para a esquerda nacional compre pensar se existe espazo, xa non
electoral senon de formulación de alternativas políticas, para diversas forzas
cun discurso na esquerda soberanista.
As chamadas a unha ruptura para nun futuro voltar a buscar a confluencia
só poden entenderse en clave interna pero non como unha resposta que poña por diante
a solución dos complicados retos que temos como nación e como cidadáns. Máis
que nunca a unión é necesaria. A convivencia debe ser reformulada baixo
parámetros de integración, respecto democrático mutuo e traballo leal, pero sen
convivencia e novas incorporacións non hai proxecto de futuro para o país. Tampouco para o nacionalismo.
Contribución ao Dossier "A esquerda en Galicia. O nacionalismo que virá" no número 178 de marzo de 2012 da revista Tempos Novos no que tamén hai colaboracións de Paula Vázquez Verao, Teresa Táboas Veleiro, Teresa Moure e María Xesús Boo
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer