Cando en 1985 no xulgado nº2 de Santiago o xuiz Carlos López
Keller absolvía a unha persoa acusada dun delito de danos por ter cambiado o
topónimo dun sinal, mal sabía o xuiz que o razonamento usado para a absolución,terse limitado "a adiantarse á actuación oficial" de
cumprimento do mandato estatutario de protexer a lingua propia, seguiría sendo válido en 2013. Outravolta a toponimia e un xuizo penal por inxurias contra o presidente
da Mesa pola Normalización Lingüística ou o cambio ao que está procedendo
AUDASA para castelanizar os sinais das autoestradas, lembran que a sociedade
civil segue "adiantandose" ao que o artigo 5 do Estatuto de Autonomía
lle esixe aos poderes públicos. E tamén que son estes poderes públicos, a
Xunta de Galicia, a xustiza, os representantes institucionais, os que fallaron
clamorosamente ao longo de 30 anos.
Non outra é a explicación do devalo do galego. A ausencia dunha
política de normalización dirixida polos responsables políticos que dera
pasos e marcara obxectivos para prestixiar a nosa lingua. Para asentala como
lingua de comunicación social en todo tipo de usos na educación, a
xustiza, os medios de comunicación, a administración, ou a sanidade cunha oferta positiva en galego.
Buscar culpables noutro lado, cando
sabemos a morte inexorable por inanición á que os poderes públicos someteron á
lingua, é ruín. Mostra de que hai que resintonizar a antena. Se en 30
anos as porcentaxes, nunca vixiadas, de uso na educación, medraron primeiro
nunhas porcentaxes mínimas e agora decrecen; se mentras se asiste ao peche de
medios de comunicación en galego danse millóns de euros de axudas a medios en
castelán; se o programa informático da xustiza non permite unha xustiza áxil en
galego; se a Xunta -esta semana pasada- esixe aos concellos enviar os anuncios
de contratos públicos en castelán á plataforma electrónica de contratación, o
que abafa o galego é tanta agresión e o fariseísmo que o acompaña.
Dixo o presidente da RAG, nesa calidade era entrevistado e será
interpretado mentras dure o seu mandato que non é de quita-e-pon, que el era un
falante táctico do galego. O dicionario da RAG define a táctica
como o "programa de acción coordinada para
levar a cabo unha empresa ou tentar acadar un obxectivo". Por máis
que lle dou voltas non vexo cal é o obxectivo, en relación co galego, que pode
acadar Xesús Alonso Montero cando afirma comprar as chirimoias na súa froitería en castelán. Porque
cando o fillo de Francisco Castro decide a mantenta tirar
corners en galego aos once anos; cando á miña filla xogando ao baloncesto aos
nove anos había nenas que lle sinalaban a diferenza entre elas, españolas, e ela galega por falar galego; cando Fran Lorenzo no Instituto Santa Irene
cometía a excentricidade de afirmarse en galego; estes falantes non tácticos,
seguros da nosa lingua, teñen que ter do seu lado ao presidente da RAG. As
vintecatro horas do día. Porque o maior compromiso ético que lle
pedimos á direción da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para
mercar chirimoias. Coa seguridade que lle damos as nais ás nosas fillas
queréndoas. O amor á lingua non abafa. Dalle seguridade.
Como
seguridade lle da á lingua e á súa continuidade, as mensaxes positivas e
actuais. Mensaxes non clasistas de criadas, pailáns, catedráticos ou gravatas. Mensaxes
que non quedaron ancoradas na normativa do galego dos oitenta. Mensaxes
novas e afirmativas como a de multiplicar x 100 a nosa lingua, a de Gústame
o galego, como as das 300 persoas reunidas en Vigo ao chamado da Irmandade Xurídica Galega, como as que saen da música de María Fumaça, Zënzar
ou de Dios ke te crew, dos recitais de María
Lado e Lucía Aldao, dos lipdup que fan tantas mestras e
mestres nas escolas que conseguen prender o compromiso (eu
falarei) na xuventude. A mensaxe que transmite xente que aínda hoxe ten que seguir "adiantándose" á Xunta no ensino en galego creando Avoaescola ou a Semente, nos medios en galego desde Dioivo, Praza Pública, Sermos Galiza, Quepasanacosta ou GalizaAnoCero. Porque a nosa lingua sabe a pan e, tamén, a chirimoia en Brasil.
Praza Pública 15 de maio de 2013
Praza Pública 15 de maio de 2013
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer