Coma no conto do paisano que vai ao
avogado debemos preguntarnos se as normas son para que si ou para que non. O PP
avanza compulsivamente na súa vontade de facer saldos co país retorcendo a
aplicación das normas ambientais e aprobando outras para facilitar que toda
Galiza sexa unha mina.
As normas da minaría hoxendía deberían
cumprir varias funcións. En primeiro lugar impedir totalmente as actividades
extractivas que supoñan unha agresión inadmisibel quer do punto de vista
ecolóxico, territorial ou económico.
En segundo lugar establecer as condicións para que aqueles
proxectos que poidan ser admisibeis
e se mostren necesarios (ex. materiais primas precisas para facer desde
bolígrafos ata móbiles) se desenvolvan de xeito que se minimice o seu
impacto. En terceiro lugar, as
normas tamén deberían servir para impulsar políticas de fomento da redución do
uso de minerais, de recuperación e reciclaxe (ex. a denominada minaría
urbana). Finalmente a lexislación
podería axudar a garantir que os bens públicos, os minerais sono, ofrezan
retornos ás comunidades e á sociedade que os posúe. Prohibicións de
determinadas prácticas e ubicacións; condicionados estritos e avaliacións de
impacto ambiental; política de residuos e; participación pública nas sociedades
ou cánones de aproveitamento, serían algunhas das fórmulas para impedir de
plano a megaminaría contaminante e fixar pautas sustentabeis nas actividades
extractivas que poideran ser precisas e admisibeis.
Desde a Consellería de Industria do BNG
durante o goberno bipartito impulsouse a Lei de Ordenación da Minaría que abría
portas tanto para denegar proxectos mineiros como para limitar os impactos dos
que se autorizaran. Por unha banda
permitíase deixar desertos concursos de dereitos mineiros, por exemplo por
consideracións ambientais. Por
outra introducíase un trámite de compatibilidade con outros usos que permitía
apreciar se a explotación mineira era incompatibel desde o punto de vista
ambiental ou económico con outras actividades (agrícolas, pesqueiras...)
impedindo a súa posta en marcha.
Ademáis o Plan sectorial de actividades extractivas debía fixar “a
coordinación cos instrumentos de protección ambiental e patrimonio cultural coa
determinación dos ámbitos incompatibeis con actividades extractivas polas
necesidades de preservación dos ditos bens sociais”. No tinteiro quedou, pola falta de desenvolvemento do
regulamento polo goberno do PP, a regulación dos concursos dos dereitos
mineiros que debía servir para garantir unha participación pública nos
beneficios desta actividade e impoñer limitacións a modelos de explotación
fortemente depredadores e ambientalmente inviabeis.
Hoxe as tornas van noutra direción. A
Xunta de Galicia, lonxe de poñerlle trabas a estes proxectos dalles para
adiante sen ningún tipo de limitacións. Impulsa a Lei de Política
Industrial coa que se un proxecto tiver a declaración de
proxecto industrial estratéxico reduciríase substancialmente o periodo de
participación pública para presentar alegacións, tería dereito á expropiación
urxente dos bens necesarios para poñerse en marcha, a axudas públicas directas
sen concorrencia competitiva e evitaría o control urbanístico local.
A política de saldos co país de Feijóo
está levando tamén a un uso, xa non deturpado, directamente contraditorio coa
súa finalidade das técnicas de avaliación ambiental. O documento de inicio do Plan sectorial de actividades
extractivas en tramitación non fixa claramente ningún tipo de exclusión de
partes do territorio á voracidade mineira (espazos naturais protexidos, solos
agrarios...). Por outra banda, a inexistencia dunha política industrial tamén
fai que estas actividades esgotadoras de recursos, se for considerado preciso
obter eses minerais, non se vexan acompañadas de instalacións industriais que
pechen os ciclos productivos ou de participación pública nos beneficios. Eles
levan a riqueza, nós quedamos cos residuos e os buratos.
Finalmente óbvianse os instrumentos
existentes para someter os riscos ambientais a fianzas ou sistemas de
aseguramento. Non porque non se poida, porque non se quere xa que hai
normas que o permiten (Decreto 455/1996 de fianzas en materia ambiental, Lei
26/2007, responsabilidade medioambiental, Real Decreto 975/2009, de 12 de
junio, sobre xestión dos residuos das industrias). Se as balsas de residuos
tóxicos romper, as galegas e galegos aportaremos os nosos cartos para restaurar
os estragos (lembremos Aznalcollar) e soportaremos a contaminación. As empresas
desaparecerán nun escuro entramado empresarial con sede allea e esquiva ao
control (na memoria o Prestige e Aznalcollar).
En definitiva, o PP ponlle unha alfombra
vermella, tamén xurídica, a proxectos que buscan abrir Galiza en canal e que só
van deixar estragos ambientais.
Sermos Galiza, A fondo (só en papel), nº 49/2013
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer