domingo, 26 de outubro de 2014

Cemento e fábricas ou litoral para o goce público? Que se agocha detrás dos cambios na normativa de Costas

A reforma da normativa de Costas, apresuradamente impulsada polo Partido Popular xunto con outras reformas de Cañete para reducir a protección ambiental, desprotexe de xeito contundente os espazos costeiros. Praias, dunas, esteiros...volven estar ameazados por uns cambios que supoñen unha marcha atrás de trinta anos e provocan unha profunda inseguridade xurídica.  A cultura do cemento sae triunfante e os espazos virxes e protexidos dos que nós gabamos e gozamos poden ser pronto unha foto do pasado.
A desprotección avanza de varios xeitos.  Por un lado cámbiase a propia definición do que se entende por dominio público marítimo-terrestre, ou dito doutro xeito do que é o espazo costeiro de goce público e gratuito.  A costa, entendida ata agora por aquel espazo ao que chega o mar nos máximos temporais coñecidos, coa reforma fixarase atendendo aos temporais que ocorreran cando menos cinco veces nos últimos cinco anos.  Un prazo temporal demasiado pequeno desde o punto de vista metereolóxico e técnico e que non tén en conta os efectos do cambio climático nas dinámicas das mareas.  A consecuencia primeira disto é que se reabre o complexísimo procedemento de deslindar os terreos públicos e privados permitindo recuperar a propiedade privada sobre espazos agora protexidos e, por tanto, urbanizar moito máis achegado á liña de mar. 
Elimínase tamén a inclusión no dominio público das dunas “mortas” definidas como as que están máis alá do “límite que resulte necesario para garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa”.  Abrése asi a porta á urbanización en complexos dunares como os de Limens, Barra, A Lanzada, Areabrava, Corrubedo, as Furnas, Ancoiradoiro, Louro, Carnota, Trece, Traba, Baldaio, Doniños, San Xurxo, Valdoviño, Santa Marta de Ortigueira, Viveiro ou Foz, simplemente con demostrar que non periga a estabilidade da praia avanzando a liña que pode ser de propiedade privada.  Redúcese tamén notablemente a protección das praias urbanas nas que se poderán ampliar as instalacións hoteleiras (chiringuitos), establecer outros usos (ex. instalacións deportivas) ou realizar actividades turísticas e espectáculos de diverso tipo.
Xunto a esa redución do que se entende por dominio público e a desproteción de tramos de costa como os urbanos, a lei inclue unha amnistía pola que de xeito totalmente arbitrario exclue do dominio público unha serie de núcleos de poboación e a Illa de Formentera –na que ten fortes intereses económicos o ex-ministro do PP Abel Matutes-.  Entre estes núcleos están o galego de Moaña pero quedan en cambio sen resolver os problemas existentes en asentamentos tradicionais na costa noutros puntos como Marín ou a Illa de Arousa, nunha clara mostra da aleatoriedade e ausencia dun criterio transparente para esa amnistía e as sospeitas de intereses pouco limpos.  Ábrese ademáis con ese precedente a espita a novas amnistías.
O segundo grande eixo de redución de protección da costa realízase pola vía do cambio efectuado nas condicións para o uso do dominio público por parte de particulares e empresas.  A posibilidade de usar privativamente a costa para actividades industriais e económicas (fábricas, hoteis, piscifactorías, conserveiras...) ou para usos residenciais, impedindo o uso común xeral gratuíto e público de toda a cidadanía, facilítase e alóngase.  As concesións para o uso excluínte de espazos costeiros, que son de todos e todas e estaban a punto de caducar en 2018, poderán prorrogarse dándolles un carácter que previsibelmente as fará perpétuas.  Prórrogas de ata setenta e cinco anos máis que consolidan “de facto” a apropiación privada de terreos públicos porque dificilmente será reversibel unha situación consolidada por un uso continuado e ininterrumpido que durará, finalmente, máis dun século.
Esta contra-reforma privatizadora do litoral é a que pode permitir a ENCE consolidar a súa posición na ría de Pontevedra logo de perder xudicialmente contra asociacións cidadás APDR e Salvemos Pontevedra ou contra o Concello de Pontevedra distintos xuizos sobre a súa irregular ubicación e os intentos de amparala mediante subterfuxios diversos e escuros entramados familiares entre responsabeis da Xunta e a empresa.
Acompaña toda esta desfeita unha preocupante recentralización competencial dándolle un limitado valor aos informes autonómicos para a decisión da continuidade de actividades económicas e industriais na costa e impedindo o exercicio das competencias estatutarias en relación coa ordenación do territorio.  Intromisións intolerabeis nas competencias autonómicas que fixeron que Asturias, País Vasco, Cataluña, Andalucía e Canarias recorreran ante o Tribunal Constitucional esta norma mentres o goberno Feijóo observa cómplice como se produce un auténtico atentado á protección dos valores ambientais da costa e ás competencias autonómicas sen sequera unha crítica.

Faro de Vigo 26.10.2014




Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer