“Aqueliño, es ben aquelado. Aquela lixeiro que chegas tarde”.
Como explicarlle o que é aquelar a unha persoa que nunca tal escoitou? Aquelar é coller e deitar. Aquelar é romper e arranxar. Aquelar é berrar e loubar. Só a proximidade coloquial nos dá o tempero xusto para cada aquelar.
Aqueliña, chamábame de pequena Oliva cando non lle viña á punta da lingua o meu nome entre o de todos os curmáns. O diminutivo agarimoso que se xunta para converter en nome o incerto aquelar.
E cantas veces fomos os curmáns moi aquelados? Revirados, apoucados, valentes, mollados, ocorrentes...Oliva sabía ben o que nos dicía e nós tamén se de seguido ía ofrecernos uns zorregazos ou escachar a rir polas nosas trasnadas.
E por iso o Dicionario non lles dá posto cumprido fin ás vaguidades e dinos que aquelar é un “verbo de sentido vago que se usa na lingua coloquial cando non se atopa o adecuado, e que adquire un significado preciso dependendo do contexto en que se use”.
Ten o seu aquel.
Portal das palabras 19.12.2014
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer