sábado, 24 de janeiro de 2015

Sachando en leira allea



Tén o Estado competencias en agricultura? Non. A Constitución española establecía que os Estatutos de Autonomía podían asumir como competencia exclusiva autonómica a agricultura e gandairía, de acordo coa ordeación xeral da economía. O noso Estatuto de Autonomia recolleu a competencia exclusiva en agricultura e gandairía. 
Fai política agrícola e lexislación o Estado? Si, cada vez máis. E tamén cada vez máis toma decisións de xestión diaria da agricultura convertendo ás comunidades autónomas en sucursais gubernativas.
As previsións estatutarias foron pronto rebaixadas por dúas vías. A cláusula de ordeación xeral da economía foi usada con profusión amparando todo tipo de intervencións estatais regulando cuestións agrícolas. A adhesión á Comunidade Económica Europea-Unión Europea levou a un profundo proceso de recentralización competencial pola vía da negación da participación autonómica na negociación da normativa europea agrícola, que é o tronco da regulación do sector, e tamén co establecemento duns mecanismos de aplicación desa normativa que canalizan a través de Madrid todo o control de cumprimento e información. A diferenza do que sucede noutros estados descentralizados, coma Bélxica, os "Cañetes" negociaban para si as nosas competencias.
Nos últimos anos o Estado deu uns pasos máis invadindo o espazo competencial autonómico. Xa Zapatero promovera a Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural amparándose no título competencial de ordenación da economía para meter un pé cunha norma estatal xeral nunha materia na que non tiña competencia pero que lle daba cobertura a unha planificación unificada e a condicionar pola vía das axudas as políticas autonómicas. Agora o PP pisa o acelerador, coa complacencia submisa do goberno galego, e aproba sucesivamente dúas leis que entran claramente na regulación do sector agrícola invadindo a competencia autonómica. 
A Ley 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mejorar el funcionamiento de la cadena alimentaria entra con decisión na esfera competencial autonómica. Co mantra da unidade de mercado como guía regula os contratos do leite tantas veces demandados polo sector ante a impasibel inacción de Feijóo, indica que se van facer directrices estatais comúns en materia sancionadora, deixa en mans estatais os laboratorios oficiais de control, crea unha Axencia estatal de información e control alimentario, impide a existencia de organizacións interprofesionais con base nunha única comunidade autónoma só dá representación unha organización interprofesional por sector obrigando á organización estatal dos interesados. Non fai falta ser moi aguda para decatarse das consecuencias que tén esta norma na competencia galega en agricultura.  Tampouco para percibir a que xoga o goberno galego co consemento desta aniquilación do marco competencial.
Anúnciase agora un paso máis no sostido proceso de anulación competencial.  O anteproxecto de Lei de Calidade Alimentar dá outra volta ao proceso xa non só de recentralización normativa, senon de asunción de competencias de xestión por parte do Ministerio. Parece que o "sector" da alimentación e bebidas -como sabemos dominado por un reducido número de grandes holdings que son quen de fixar as condicións aos pequenos produtores- quéixase dunha fragmentación da unidade de mercado. O solícito Ministerio elaborou un anteproxecto no que se lanza a fixar procedementos de control e sancionadores unificados.  A unidade de destino xa está aqui e pouco máis queda que unha pura descentralización administrativa para, algúns, procedementos de xestión. Do resto xa se encargan en Madrid. E as grandes corporacións alimentarias e da distribución contentas de que os seus delegados ministeriais lle achanden o camiño para exercer aínda un dominio maior sobre os pequenos produtores, os prezos e a calidade alimentar.
Comprendemos agora porque o Ministerio de Agricultura mantén case 9000 empregados públicos no seu cadro de persoal cando todas as consellerías galegas xuntas só suman en total 16000 empregados? 
Sachando na leira allea o PP avanza, tamén na agricultura, no seu proxecto de baleiramento competencial.


Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer