sexta-feira, 5 de junho de 2015

Un modelo de xestión do lixo insostibel e uns concellos en rebeldía (anaco da crónica semestral para a Revista Catalana de Dret Ambiental)



5. Un modelo insostible ambiental e económicamente de xestión de residuos e  un conflito cos concellos pola subida de tarifas

Galicia confía a maior parte do tratamento de residuos a unha única planta xestionada por unha sociedade pública cun 49% de capital privado (Gas Natural Fenosa) na que se incineran unha inmensa parte dos residuos municipais -coa excepción de dúas experiencias na cidade de Coruña e unha mancomunidad comarcal tamén nesta provincia de compostaxe-. Os cambios experimentados na normativa eléctrica coa supresión de primas e unha moi deficiente xestión económica e ambiental (acumulación de residuos, conflitos xudiciais...) colocaron á planta de SOGAMA nunha complicada situación. A Xunta tentara a posibilidade de construír unha segunda planta, tamén de incineración, para absorber unha parte dos residuos pero a mobilización cidadá en relación coa ubicación e a opción de incineración paralizou esta iniciativa anunciada na planificación de residuos. Debido a isto prevese unha ampliación da planta actual en 2015 para poder acoller as 225.000 toneladas de lixo que se acumulan en vertedero por falta de capacidade. No plano económico a retirada de primas foi utilizada pola Xunta como xustificación para unha subida dun 34% do canon que debían abonar os concellos pola recolleita do seu lixo provocando unha resposta concertada dun gran número de alcaldes que, nalgúns casos, acabaron desembocando en demandas xudiciais.

A Xunta, para resolver estes conflitos aprobou a Resolución de 15 de decembro de 2014 pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos . Esta resolución trae causa da disposición adicional vixésimoprimera da Lei 11/2013, de 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, que establecía, no seu apartado quinto, que a consellería competente en materia de residuos, a proposta da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., fixaría as condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos e aprobará o modelo para a formalización da adhesión. É bastante discutible que o establecemento das condicións de adhesión das entidades locais ao sistema de xestión institucional dos residuos domésticos na Comunidade Autónoma de Galicia se estableza por resolución administrativa e non mediante un decreto da consellería competente.

As condicións están presididas por unha aparente voluntariedad na adhesión que se formaliza mediante un "negocio xurídico-administrativo, que se formalizará entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema, seguindo o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos". No caso das mancomunidades deberá indicar a porcentaxe de participación de cada ente local. Con todo, e aí está un dos puntos fricción con esta resolución, a adhesión "voluntaria" blíndase coa fixación dun prazo mínimo de cinco anos de participación e cun fugaz prazo de dous meses, unha vez publicada esta resolución, para decidir integrarse ou para articular un sistema alternativo de recolleita e tratamento dos residuos, o cal parece inviabel.

Unha vez adheridas ao sistema as entidades locais quedan atadas posto que é a Xunta unilateralmente quen fixa o canon de recolleita e as subidas anuais. Ademais a resolución fixa un mecanismo para evitar impagos por parte das corporacións locais "en caso de impago das cantidades que corresponda abonar ás entidades locais en concepto de canon unitario, incluídas aquelas que se xeraron por devandito concepto unha vez transcorrido o prazo de dous meses desde a entrada en vigor da Lei 11/2013, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles a efectos do seu abono con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, a instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención dictado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo o seu normativa reguladora". Nun prazo de 30 días desde que se libre o apercibimiento para o pago SOGAMA solicitará a retención desa cantidade no Fondo de Cooperación Local actuándose mediante a aplicación do principio "solve et repete" xa que se indica que "que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, no seu caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións".

Hai xa que logo unha vontade clara de suxeitar aos entes locais dentro do sistema actual e evitar tanto a articulación de sistemas alternativos municipais ou comarcais, como unha discusión en plano de igualdade sobre as condicións de participación ou as eventuales controversias que poida xerar o pago do canon establecido.

Este Resolución provocou a presentación de diversas demandas por parte dalgúns concellos (seguindo un ronsel previo de controversias xudiciais sobre o custo do servizo existente por exemplo na cidade de Pontevedra). Polo momento coñecemos xa un asunto do Xulgado número 1 de Ourense do Contencioso-administrativo no que o xuíz anunciou a elevación do caso ao Tribunal Constitucional ao entender que a disposición adicional da Lei de orzamentos de 2014 que daba cobertura a esta Resolución podería ser inconstitucional por violar o principio de autonomía local, por utilizar a Lei de orzamentos para regular esta cuestión e por usar esta lei para evitar un control xudicial deste cambio nas condicións de participación no sistema de xestión de residuos.

Sem comentários:

Enviar um comentário

O teu parecer