quarta-feira, 1 de julho de 2015

Negra sombra para as universidades públicas galegas



86 millóns de euros menos de financiamento das universidades en tan só cinco anos é o balance dos mandatos negros de Feijóo ao frente da Xunta no que a Universidade, tamén, soportou duros recortes. Ao recorte orzamentario uniuse unha intensísima intervención que pon en cuestión a autonomía universitaria para decidir onde e como realizar os axustes precisos e impide –mesmo dispoñendo de fondos- adoptar decisións de persoal sen a autorización da Xunta de Galicia.

O balance da insuficiencia orzamentaria deixa un panorama desolador. Hai 350 postos de traballo menos, nunha espiral de falta de renovación e promoción que pon en risco a continuidade de titulacións e a da actividade investigadora.  Suspéndese a impartición de mestrados; asígnase a docencia de materias a áreas afíns seguindo a estela comezada en secundaria e coa gravidade engadida que iso supón nun nivel de ensino superior; amoréanse estudantes para as prácticas...A calidade docente está resentíndose progresivamente debido á redución de profesorado e as universidades galegas xa son as segundas do estado co PDI (persoal docente e investigador) máis envellecido.  Un alarmante dato que leva a que en Galiza haxa tan só 35 PDI de menos de 30 anos e 845 de máis de 60. A precariedade e a ausencia de renovación son a consecuencia da taxa de reposición de efectivos que se lle impón ás administracións na lei de orzamentos do estado e os recortes.

E para rematar ese negro debuxo os 11 millóns de recortes só en nóminas que levou a cabo, por exemplo, a USC en tan só tres anos son un aforro que, no caso das universidades, nin sequera revirte en pagar a súa débeda. A Xunta nin llo ingresa nin o computa como diminución da débeda das universidades.

Galicia perdeu tamén 1287 investigadores/as entre 2010 e 2013. Nun país que a maioría da I+D se fai nas universidades públicas, a acción combinada do recorte de fondos, a non convocatoria de programas de I+D (proxectos, bolsas, contratos pre e postdoutorais...) e a inexistencia dunha liña política de impulso claro da investigación provocou unha perda de capacidade investigadora moi relevante.  Entre 2008 e 2013 (datos do INE) a baixada no investimento en I+D foi dun 20% (116 millóns de euros) en Galicia, case doblando a baixada no estado que foi dun 11%. Pasamos do posto 7 ao 11 en gasto en I+D.  Unha cuestión que é destacabel para analizar as cifras de I+D que se incluen anualmente no orzamento estatal é que nos últimos anos aproximadamente dous tercios son créditos, que hai que devolver, e só un tercio subvencións a fondo perdido. A dificultade para conseguir fondos por outras vías para poder afrontar as devolucións levan a que en torno a un 46% quede sen executar.

O estudantado atopa unha universidade que coa implantación de Boloña ofrece un ano menos de estudos (20% menos de formación) e co novo Decreto Wert 3+2 pretende reducir aínda a máis a cualificación dos estudantes (25% menos).  A crise e a diminución da duración das titulacións provocaron que as universidades galegas perderan 5053 estudantes (-7,26%) desde o curso 2009/10. A mala xestión ante o ministerio fixo tamén que Galiza perdera o 17,7% das bolsas de mobilidade ERASMUS en 2013/14 (a media estatal foi do -7% sendo GZ a que máis perda sofreu).

A folla de ruta do Partido Popular coas universidades públicas está clara. Primeiro unha estratexia de degradación mediante a asfixia orzamentaria, o empeoramento das condicións laborais e a ausencia de renovación. Iso acompáñase dunha suba de taxas aos estudantes que tende a equiparar as públicas e as privadas nun dos factores que dificultan a súa competencia polos estudantes.  Tamén dunha flexibilización dos requisitos para a creación de centros e universidades. E uns plans de estudos cunha nova estrutura, 3+2, na que tamén as universidades privadas poden posicionarse, especialmente para atraer ao alumnado de mestrado. Ese camiño xa se abriu de forma decidida. Dende 2001 creáronse 14 universidades privadas. No curso 2005-2006 as universidades privadas tiñan o 9,6% do estudantado e no curso 2012-2013 xa teñen o 12,8 %. As universidades privadas alcanzan o 27,9% dos matriculados en mestrados no curso 2012-2013. 


O recorte orzamentario non é pois máis que unha peza necesaria e importante para avanzar na privatización do ensino superior.  Un obxectivo enunciado polos think tanks conservadores, a OCDE e os altos cargos ministeriais sen rubor ningún.  Un obxectivo que en Galiza está colocando ás universidades públicas, á docencia e á investigación ao borde do colapso.

semanario SERMOS Galiza nº151, xuño 2015