86 millóns de
euros menos de financiamento das universidades en tan só cinco anos é o balance
dos mandatos negros de Feijóo ao frente da Xunta no que a Universidade, tamén, soportou
duros recortes. Ao recorte orzamentario uniuse unha intensísima intervención
que pon en cuestión a autonomía universitaria para decidir onde e como realizar
os axustes precisos e impide –mesmo dispoñendo de fondos- adoptar decisións de
persoal sen a autorización da Xunta de Galicia.
O balance da
insuficiencia orzamentaria deixa un panorama desolador. Hai 350 postos de
traballo menos, nunha espiral de falta de renovación e promoción que pon en
risco a continuidade de titulacións e a da actividade investigadora. Suspéndese a impartición de mestrados;
asígnase a docencia de materias a áreas afíns seguindo a estela comezada en
secundaria e coa gravidade engadida que iso supón nun nivel de ensino superior;
amoréanse estudantes para as prácticas...A calidade docente está resentíndose
progresivamente debido á redución de profesorado e as universidades galegas xa son
as segundas do estado co PDI (persoal docente e investigador) máis envellecido. Un alarmante dato que leva a que en Galiza haxa tan só 35 PDI de menos de 30 anos e 845 de
máis de 60. A
precariedade e a ausencia de renovación son a consecuencia
da taxa de reposición de efectivos que se lle impón ás administracións na lei
de orzamentos do estado e os recortes.
E para rematar
ese negro debuxo os 11 millóns de recortes só en nóminas que levou a cabo, por
exemplo, a USC en tan só tres anos son un
aforro que, no caso das universidades, nin sequera revirte en pagar a súa débeda.
A Xunta nin llo ingresa nin o computa como diminución da débeda das universidades.
Galicia perdeu tamén 1287 investigadores/as entre
2010 e 2013. Nun país que a maioría da I+D se fai nas universidades
públicas, a acción combinada do recorte de fondos, a non convocatoria de
programas de I+D (proxectos, bolsas, contratos pre e postdoutorais...) e a
inexistencia dunha liña política de impulso claro da investigación provocou
unha perda de capacidade investigadora moi relevante. Entre 2008 e 2013 (datos do INE) a baixada no
investimento en I+D foi dun 20% (116 millóns de euros) en Galicia, case
doblando a baixada no estado que foi dun 11%. Pasamos do posto 7 ao 11 en gasto
en I+D. Unha cuestión que é destacabel
para analizar as cifras de I+D que se incluen anualmente no orzamento estatal é
que nos últimos anos aproximadamente dous tercios son créditos, que hai que devolver,
e só un tercio subvencións a fondo perdido. A dificultade para conseguir fondos
por outras vías para poder afrontar as devolucións levan a que en torno a un
46% quede sen executar.
O estudantado
atopa unha universidade que coa implantación de Boloña ofrece un ano menos de
estudos (20% menos de formación) e co novo Decreto Wert 3+2 pretende reducir
aínda a máis a cualificación dos estudantes (25% menos). A crise e a diminución da duración das
titulacións provocaron que as universidades galegas perderan 5053 estudantes
(-7,26%) desde o curso 2009/10. A mala xestión ante o ministerio fixo tamén que
Galiza perdera o 17,7% das bolsas de mobilidade ERASMUS en 2013/14 (a media
estatal foi do -7% sendo GZ a que máis perda sofreu).
A folla de ruta
do Partido Popular coas universidades públicas está clara. Primeiro unha
estratexia de degradación mediante a asfixia orzamentaria, o empeoramento das
condicións laborais e a ausencia de renovación. Iso acompáñase dunha suba de
taxas aos estudantes que tende a equiparar as públicas e as privadas nun dos
factores que dificultan a súa competencia polos estudantes. Tamén dunha flexibilización dos requisitos
para a creación de centros e universidades. E uns plans de estudos cunha nova
estrutura, 3+2, na que tamén as universidades privadas poden posicionarse,
especialmente para atraer ao alumnado de mestrado. Ese camiño xa se abriu de
forma decidida. Dende 2001 creáronse 14 universidades privadas. No curso
2005-2006 as universidades privadas tiñan o 9,6% do estudantado e no curso
2012-2013 xa teñen o 12,8 %. As universidades privadas alcanzan o 27,9% dos
matriculados en mestrados no curso 2012-2013.
O recorte
orzamentario non é pois máis que unha peza necesaria e importante para avanzar
na privatización do ensino superior. Un
obxectivo enunciado polos think tanks
conservadores, a OCDE e os altos cargos ministeriais sen rubor ningún. Un obxectivo que en Galiza está colocando ás
universidades públicas, á docencia e á investigación ao borde do colapso.
semanario SERMOS Galiza nº151, xuño 2015
Sem comentários:
Enviar um comentário
O teu parecer