sexta-feira, 9 de novembro de 2012

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e os efectos dos informes do Comité de Expertos





Delegación galega asistente ao encontro co Comité de expertos (xullo 2011)

O Consello de Europa e a estratexia lingüística da actual Xunta de Galicia
Entrevista con Alba Nogueira

Semella claro que a crise e os seus efectos teñen a capacidade de agachar e empequenecer grandes cuestións que tocan o noso futuro e o noso patrimonio inmaterial. Ou doutra forma: non deberiamos nunca esquecer e asfixiar aquilo  que nos fai culturalmente ricos e distintas, precisamente cando nun mercado globalizado a diferenciación é unha clave de éxito. Coa cuestión lingüística en Galicia levamos anos teimando, xunto con outros moitos e variados colectivos e organizacións galegas, no argumento de que a lingua galega é un patrimonio demasiado precioso e demasiado en perigo como para deixalo en mans de políticos que, ou ben o desprezan sen pudor, ou ou ben o “veneran” tanto que nunca o usan fóra da liturxia parlamentaria e mediática. O Consello de Europa acaba de dar un apoio claro ás nosas posturas no seu terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nas que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Comentamos a importancia de todo isto coa doutora Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago e académica correspondente da Real Academia Galega, que publicou recentemente un estudo sobre a Carta Europea das Linguas Minoritarias.


Antes de nada, poderías explicar brevemente en que consiste esa Carta Europea das Linguas Minoritarias e a súa importancia?
A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa para protexer a riqueza que supoñen para o patrimonio cultural europeo as linguas tradicionalmente faladas nos seus territorios. Non é, polo tanto, unha norma para protexer todas as linguas –as dos emigrantes, por exemplo-.  Ao ser unha norma internacional só se convirte nunha norma interna de aplicación no Estado español se se produce a súa ratificación. España fíxoo no ano 2001 mediante un acordo pola práctica unanimidade do Congreso dos Deputados no mandato de J.M.Aznar ( http://www.boe.es/boe/dias/2001/09/15/pdfs/A34733-34749.pdf). A singularidade que ten a súa incorporación ao ordenamento interno é que é unha norma de obrigada aplicación pero que non pode ser modificada polas leis posteriores.  É en certo modo unha “lei blindada” xa que a única forma de non cumprir os compromisos sería denunciar o tratado ante o Consello de Europa ou, por usar termos coloquiais, “darse de baixa” co desprestixio internacional que implica.
A estrutura da CELRM é bastante singular porque establece unha gradación de compromisos que deixaba unha ampla marxe de decisión aos Estados.  Hai unha parte xeral de compromisos menos fortes aplicables a todas as linguas e unha parte de compromisos sectoriais (educación, administración, xustiza, medios de comunicación e actividade económica) na que os Estados ratificantes tiñan a liberdade de escoller as linguas ás que se lle aplicaban e entre varios niveis de protección en función da situación en que estiveran as linguas.  O Reino de España ratificou os compromisos máis fortes en case todos os sectores (excepto na Universidade) para todas as linguas que son oficiais.
Por poñer un exemplo que pode permitir visualizar mellor ese sistema de “menú variable” que implica a CELRM, no ensino para cada nivel educativo a Carta permitía escoller entre:

  1. prever un ensino garantido nas linguas rexionais ou minoritarias,
  2. prever que unha parte substancial do ensino se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
  3. prever que o ensino das linguas rexionais ou minoritarias correspondentes forme parte integrante do plan de estudos; ou
  4. aplicar unha das medidas a que se refire os puntos 1) a 3) anteriores, polo menos aos alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente

España ratificou, por tanto, para todos os niveis educativos un sistema de inmersión lingüística nas linguas propias en todos os territorios nos que son oficiais, con independencia de que exista demanda suficiente ou non das familias.  Debe haber unha oferta positiva no sistema educativo que pode viabilizarse de dúas formas: como o fai Cataluña cun sistema educativo igual para todos os estudantes en catalán ou como fai Euskadi con oferta de liñas en euskera para as familias que o demanden.  Non ratificou, en consecuencia, niveis menos elevados de protección: ensino dunha porcentaxe elevada de materias nas linguas propias,  ensino da lingua propia pero non o seu uso como lingua vehicular, ou ensino da ou na lingua propia só para aquelas familias que o pidan sempre que a Administración considere que hai un número suficiente de solicitantes para poñelo en marcha.


Que son os informes do Comité de expertos e que relevancia teñen?
Outra singularidade da Carta é que frente á habitual falta de seguemento dos incumprimentos dos Tratados Internacionais neste caso está previsto un mecanismo de avaliación periódica.  Cada tres anos expertos independentes nomeados polo Consello de Europa visitan os países ratificantes e mediante un sistema de reunións e envio de informes fan entrevistas tanto ás administracións implicadas nas medidas de cumprimento como a axentes da sociedade civil para que acheguen a súa versión.  No último ciclo de avaliación, por exemplo, unha delegación galega da que eu formei parte na que estaban representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, a Coordenadora de Equipos de normalización Lingüística, Nova Escola Galega, Colexio de Xornalistas entre outros, mantivemos unha reunión na que lles fixemos chegar a nosa valoración do periodo avaliado.  Con esas opinións e informes elaboran o seu propio dictame que é publicado e no que se incluen consideracións e recomendacións en relación co cumprimento dos compromisos.  A detección de incumprimentos ten servido no pasado para que as administracións sexan máis dilixentes e adopten medidas de protección máis estrictas.  Non obstante, aparte da publicidade negativa que implica, polo momento non se ten explorado a vía de esixir a garantía dos compromisos acordados.


Este terceiro informe que elabora o Comité de expertos, que é o que achega como novidade?
 O informe, ao igual que sucedía co segundo informe, reitera que se están producindo incumprimentos dos compromisos ratificados por parte da Xunta de Galicia.  A desaparición do modelo de inmersión das Galescolas, os cambios introducidos co Decreto de plurilingüismo alonxan máis do cumprimento do compromiso de existencia de liñas en galego na educación en todos os niveis educativos.  Tamén se fai unha mención relevante a facer unha reflexión sobre o uso do inglés en detrimento da presenza do galego no ensino e en relación cos materiais educativos.  Outro grande punto vermello é o dos medios de comunicación no que a desaparición de moitos medios en galego neste periodo e a falta de medidas para aumentar a presenza do galego nos medios privados de TV e radio detéctanse como incumprimentos da Carta.  Tamén en relación con compentencias autonómicas se determina que as medidas para promover o uso do galego na sanidade e nas actividades económicas dependentes do sector público son insuficientes.


Se efectivamente este informe é un tirón de orellas ao goberno galego, ese tirón sentiríao alguén?  Pode ter repercusións?
Agardo que o sentira o Presidente, en primeiro término, e o responsable de Política Lingüística a continuación.  Existen previsións que deben ser postas en práctica e que poderían ser esixidas polos interesados en caso de incumprimento.  Seguramente é chegado o momento de que os interesados tomemos a palabra e decidamos esixir o cumprimento dos dereitos que recoñece a Carta que son esixibles directamente.  Non todos o son pero si algúns como os relacionados coa educación.



O galego, a súa utilidade, a súa viabilidade, o  seu futuro, neste contexto no que nos movemos....Como ves ti a cousa?
A situación é complexa xa que nos últimos anos o goberno ten traballado activamente para construir prexuizos en torno ao galego e para restar ámbitos de presenza (educación, medios de comunicación, xustiza...). A perda de falantes especialmente nas xeracións novas é moi preocupante ao igual que a situación en moitas contornas urbanas.  É unha situación reversible pero para iso faría falta unha acción decidida.  En definitiva, unha discriminación positiva que é no que consisten as políticas de normalización buscando garantir espazos de presenza social que corrixan a desigualdade na que se atopa a lingua en moitos contextos lingüísticos.

Revista Irimia  
O informe do Comité de expertos pode consultarse en: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282012%29111&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383




  

domingo, 7 de outubro de 2012

Longa noite de pedra





O trunfo eleitoral do PP en marzo 2009, logo dunha campaña cunha forte polarización do discurso ao redor da lingua, marcou un inicio de lexislatura no que con prontitude o galego foi o albo das primeiras medidas do novo goberno do PP.  Nada máis tomar posesión adóptanse decisións que indican unha clara vontade de deconstrucción do xa de por si escaso acervo normativo de protección do galego e unha consolidación dos prexuizos contra o galego.
Aos anuncios e primeiros pasos para derrogar a normativa de uso do galego no ensino que garantía que un mínimo 50% das materias se impartiran na nosa lingua, úniuse a modificación pola vía de urxencia da Lei de Función Pública para suprimir a necesidade de acreditación obrigatoria do coñecemento do galego coa realización de cando menos unha proba en galego no acceso ao emprego público.  Cunha exposición de motivos sumamente explícita na que se lamenta a dificultade de cidadáns doutras partes do Estado para acceder ao emprego público e se obvian os dereitos lingüísticos da cidadanía, o Partido Popular revela o valor que lle da ao mandato estatutario de protección do galego.
A modificación da normativa de función pública foi pronto seguida polo Decreto 79/2010 de plurilingüismo que marca un retroceso histórico na presenza do galego nas etapas obrigatorias do ensino non adoptando medidas que reforcen o uso do galego na educación infantil nas contornas castelán falantes; colocando o inglés como unha cuña para a redución das horas impartidas en galego; establecendo máximos de presenza do galego no ensino; fixando prexuízos sobre os usos lingüísticos ao eliminar o galego nas materias científicas; permitindo que o alumnado eluda os contidos formativos habilitando un dereito á escolla lingüística con independencia das competencias lingüísticas reguladas, e; sometendo a fixación do curriculum educativo a consultas sesgadas as familias sen apoio en criterios de planificación pedagóxica ou sociolingüística.  Un Decreto, por outra banda, que tamén fixa o inicio dunha estratexia máis global do Partido Popular de degradación da normativa lingüística con iniciativas en Euskadi, Aragón, Valencia ou Illes Balears nunha liña semellante.
As dúbidas xurídicas suscitadas polo Decreto de plurilingüismo levaron ao goberno a presentar no Parlamento a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa. A Lei de Convivencia e Participación fundamentada na falsa premisa  de que o ensino en Galiza, un dos que ten as ratios máis baixas de conflitividade do Estado e cun número moi pequeno de sancións, ten como problema principal a violencia nas aulas foi unha cortina de fume detrás da que se agachaba o obxectivo de regular nunha norma con rango de lei a consulta ás familias sobre as súas preferencias lingüísticas no ámbito educativo.  Lembremos que o Consello Consultivo de Galicia emitira un informe negativo á pretensión de facer estas consultas en educación primaria e secundaria no Decreto para o plurilingüismo e o goberno busca a cobertura dunha norma de superior rango para darlle continuidade a esa cuestión.
Tamén na educación infantil a ampla modificación do proxecto das Galescolas suprimiu o único programa de inmersión en galego que permitira recibir loubanzas do Consello de Europa no informe de seguimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e evitar a tacha xeral de insuficiencia do marco educativo para os compromisos adoptados ao ratificar este tratado internacional.
O implacable cambio do escaso entramado normativo existente de protección do galego realizado nos primeiros dous anos da lexislatura viuse acompañado dunha asfixia económica dos sectores ligados á presenza social da lingua.  Desde 2009 a redución experimentada nos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística é de case o 63% pasando de 21,5 millóns de euros no 2009 a 8,1 millóns de euros no orzamento de 2012.  Os programas dependentes doutros órganos da Administración tamén sofreron recortes semellantes.  Os servizos de normalización lingüística, os medios de comunicación en galego, o ensino e os materiais docentes, as mostras culturais, as traducións e o sector editorial en xeral, foron pinga a pinga sendo obxecto preferente dos recortes económicos coa desculpa da crise.  Mesmo antes que en calquera outro sector é no ámbito da lingua no que aparecen por primeira vez as anulacións de convocatorias de axuda xa en marcha (servizos de normalización dos entes locais, materiais pedagóxicos).  A desaparición do Xornal de Galicia, Vieiros, A Peneira ou A Nosa Terra, nunha lexislatura na que houbo sustanciosos recursos para o sostemento de certos medios de comunicación, é elocuente do sesgo das convocatorias existentes. A meritoria resistencia de Tempos Novos ou o nacemento desde a autoorganización social de proxectos como Dioivo, Sermos Galiza, Praza Pública ou Compas da Costa mostran que hai vontade colectiva de actuar malia as enormes dificultades de soster os proxectos comunicativos sen apoio público.
De xeito semellante a iniciativa da sociedade civil buscou camiños no ámbito do ensino.  Proxectos como o da Semente en Compostela ou o da Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola” indican que a iniciativa cidadá quere suplir a deixación de funcións desde o poder público.
No ámbito cultural a desaparición do Culturgal, da programación cultural sobre a música ou libro galegos nos medios públicos (Lume na palleira, Aberto por reformas, Extrarradio, Libro Aberto, Onda Curta, Miraxes) amosa claramente o proxecto político existente destrutivo dos nosos sinais de identidade.
Con todo as decisións contra o galego que marcan a lexislatura foron acompañadas dun alto nivel de rexeitamento social, mais tamén dunha acentuada cobertura mediática de grupos pouco significativos en canto a representatividade contrarios ao galego que fixan o discurso do PP.  A resposta contundente dun amplo abano de asociacións, colectivos e sindicatos, nomeadamente da Mesa Pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos Galego, a través de manifestacións e da denuncia cívica das medidas adoptadas, secundadas con intensidade diversa por BNG e PSOE, non permitiu paralizar estas agresións.  Porén a baixada do ton do PP na segunda parte da lexislatura, cunha elocuente substitución do responsabel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é reveladora da medida en que a percepción social destas agresións foi negativa.
No plano social compre salientar tamén o nacemento de Prolingua en 2009; o amplo papel desenvolvido pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística no ensino ou a Coordenadora de Técnicos de Normalización Lingüística nas reivindicacións en relación co mantemento dos servizos de normalización; a resistente loita levada a cabo polo profesorado, especialmente das áreas científicas afectadas polo Decreto con iniciativas como Ciencia en Galego (http://www.cienciaengalego.org/drupal6/), Profes co Galego; son mostras significativas da contestación existente a estas medidas.  As exitosas manifestacións da Plataforma Queremos Galego traduciron en mareas humanas a vontade de defensa da lingua existente na sociedade.
No institucional o papel firme, novidoso tamén, desenvolvido pola Real Academia Galega en defensa da lingua e das funcións que ten atribuídas, deu azos ao movemento de rexeitamento das medidas.  O documentado e contundente informe sobre o Decreto de plurilingüismo foi acollido con tanta reticencia desde o goberno como satisfacción pola sociedade civil.  Nese mesmo ámbito tamén o Consello da Cultura Galega e o Consello Consultivo de Galicia expresaron pareceres discordantes co proxecto de Decreto de plurilingüismo.

Publicado en TEMPOS NOVOS nº 184 outubro 2012

quarta-feira, 26 de setembro de 2012

A gran evasión




             
Cúmprese un ano da alianza entre o PSOE e o PP para facer unha modificación express da Constitución española que rematou co mito da intanxibilidade constitucional e domiciliou os nosos impostos ao servizo do sector financeiro.  A claúsula de estabilidade que concede prioridade absoluta aos créditos bancarios frente ao sostemento dos servizos públicos necesarios para facer efectivos todos os dereitos proclamados na Constitución (saude, educación, sostemento da vellez ou a infancia, protección frente ao desemprego) simboliza a volta de chave dunha extensa contrarreforma económica que ameaza con empobrecer irreversiblemente á sociedade e cun retroceso de décadas nos dereitos laborais e sociais.  Os recentes problemas de tesourería de Catalunya deixando impaga a factura pola prestación de servizos sociais ao mesmo tempo que atende unha conta equivalente coa banca é claro exemplo do camiño que se emprendeu.

Por se houber tentacións de resistencia ao saqueo Rajoy quere reforzar a garantía de cobro bancario con sancións para os cargos públicos que incumplan a prioridade dos créditos bancarios.  Desoíndo as recriminacións do Consello de Estado pretende, inconstitucionalmente, regular o dereito fundamental ao exercicio de cargos públicos mediante unha lei ordinaria (sendo unha cuestión que requeriría lei orgánica), prevendo a destitución dos elexidos pola cidadanía se eles decidir seguir pagando os servizos públicos en vez de engrosar as contas dos bancos. 

O obxectivo último é a fagocitación do aparello público e a precarización total da cidadanía nun extenso exercicio de dominación.  

O asalto á caixa pública comeza polos negocios seguros. Os servizos relacionados coa cobertura dos dereitos e necesidades básicas é o botín.  A propaganda intensa diríxese a desacreditar todo o que pode supoñer un muro de contención ao saqueo do público. Empeórase a calidade dos servizos públicos e, demagóxicamente, establéncese re-pagos para as clases medias dirixidos a que busquen alternativas no aseguramento e servizos privados fomentados con exencións fiscais.  Mesmo o anuncio do aumento de pensións parece dirixido a provocar unha quebra no sistema de cobertura que abra o paso ás aseguradoras privadasO discurso abstracto e falaz do tamaño das Administracións despersonaliza o traballo do persoal do ensino, a sanidade, a extinción de incendios, as bibliotecas.  O público molesta e o ataque aos seus alicerces comeza pola diana fácil para os púlpitos madrileños: as autonomías desbaldidoras.  Efectivamente é a Administración autonómica a que máis medrou nos últimos anos xa que sustenta a educación, a sanidade, os servizos para a vellez, a xestión ambiental.  Sendo o número de empregados públicos no Estado español inferior á maioría dos países europeos, o que habería que preguntarse é polo tamaño da Administración central.

Nun calculado programa de apertura do novos espazos ao pelotazo privado aprovéitase a precarísima situación en que vive unha parte relevante da cidadanía para utilizar a estabilidade no emprego dos traballadores públicos como un “privilexio” indigno que hai que nivelar polo baixo. Eis a reforma laboral que abre a vía aos EREs no sector público e o Real Decreto en proxecto que a desenvolve, como ven de denunciar a CIG.  Conseguir converter a estabilidade no emprego nunha vergoña a forza de intoxicación mediática é sintomático do profundo que penetra a ideoloxía ultraliberal.  Todo iso sen esquecer que a inamobilidade no emprego público sempre foi entendida como un escudo protector para garantir decisións admininistrativas independentes frente ás presións corruptas.  

A clara correlación entre o  descenso no emprego público -nun 6% de media no último ano e ata un 11% nas Administracións locais- e a apertura de negocio ás empresas privadas nos mesmos sectores témolo no xérmolo de rede de servizos sociais que lograra crear o BNG no periodo do bipartito.  Despídense profesionais na rede pública e aplícase unha taxa de reposición de efectivos que impide novas contratacións abocando á xestión dos servizos indirecta a través de concesionarias ou á privatización.  Aplícase unha meticulosa entrega de dotacións públicas á xestión privada preferentemente en mans de empresas afíns: Galescolas xestionadas polo Opus Dei e residencias de anciáns en mans de  fondos de investimento.  O caso das residencias de Vimianzo, Monforte e Viveiro construidas polo bipartito e que o goberno actual non conseguiu abrir na rede pública procedendo a unha privatización plagada de mentiras é significativo.  Rendible negocio: constrúense por unha sociedade na que case a metade de capital é público (SOGASERSO), os concellos ceden terreos e a Xunta de Feijoo  transfíreos ao sector privado (Geriatros) condicionando á non existencia dun terceiro socio con fins lucrativos. En menos dun ano Geriatros vende a un fondo internacional (Magnum Capital) esas residencias, que teñen asegurado un retorno constante pola reserva de prazas en réxime de concerto a razón de 9 millóns de euros en menos de dous anos no caso da de Vimianzo. Choio redondo, negocio sen riscos.  Desde a frivolidade a conselleira Mato alardea de ter atopado a fórmula máxica para reducir costes: Quendas máis prolongadas, menos persoal. Oculta o descenso da calidade na atención e seguridade para os usuarios.  Obvia a marxe empresarial pagada cos nosos impostos.

Estamos ante unha economía sometida aos intereses dos grandes grupos empresariais, sexan estes as distribuidoras comerciais, que ditan unha reforma da normativa comercial que vai precarizar o emprego e afundir o pequeno comercio coa liberalización horaria; as construtoras, que buscan refuxio no orzamento público e na xestión das infraestruturas públicas; ou o sector financeiro que segue ditando as reglas de xogo. Unha economía dominada pola banca e a gran empresa na que hai cartos no orzamento público para poñelos ao servizo do rescate dos seus negocios fallidos ou do seu peculiar concepto do risco empresarial.  O rescate da banca; das autoestradas sen tránsito en Madrid ou Murcia que non dan o suficiente negocio e van recibir sobre 4000 millóns de euros do orzamento público; dos hospitais en réxime de concerto que non daban suficiente beneficio en Valencia ou Madrid; da autovía da Costa da Morte e, previsiblemente, do novo hospital de Vigo, cando as construtoras deixan o traballo sen concluir; a prórroga sine-die das concesións de autoestradas que con insistencia se reclama se amplie ás autovías ata agora gratuitas;  unha inxente cantidade de cartos restados aos servizos públicos, ao emprego.  Socialización das perdas e privatización dos nosos impostos.

O saqueo non é completo se non rexe á lei da selva que permite maximizar o beneficio á marxe de controis públicos.  Solicitamente o aplicado goberno central anuncia que vai seguir as directrices que fixa un estudo encargado por Telefónica a unha consultora no que se recomenda a fusión dos organismos reguladores (Comisión nacional da competencia, da enerxía, das telecomunicacións...).  Tan desinteresada recomendación diminue radicalmente a súa capacidade de vixianza de prácticas en contra dos consumidores.  Coa disculpa de aforro nas estruturas administrativas desmóntase o aparello sancionador –e arrecadador- que ten permitido controlar acordos anticompetitivos nas tarifas aéreas, telefónicas ou enerxéticas, fórmulas de tarificación lesivas (como o cobro por minutos en telefonía) ou cobros por servizos que non debe asumir o consumidor (ex. os contadores da luz).

A redución de prestacións sociais, sanitarias e educativas responde pois a un extenso programa de contrarreforma económica no que todos os cabos están atados.  Mesmo a sempre aparentemente dificultosa reforma constitucional.
SERMOS GALIZA 26.09.2012

quinta-feira, 30 de agosto de 2012

Balance. Impulso



Feijoo salta do barco fuxindo da súa incapacidade para levalo a porto. Finalizada a lexislatura da incompetencia, o lingüicidio e a prestidixitación orzamentaria, convoca eleccións sen nada que ofrecer ao electorado. Este é Feijoo, o presidente dun goberno anémico que non tivo fol para traballar máis que oito meses ao ano pechando os exercicios orzamentarios á volta do verán.  Un presidente en contínua xira por Madrid e as comunidades autónomas nas que o PP poidera ter eleccións, fuxindo do día a día en Galicia. Un dirixente ao que lle convoca as eleccións Rajoy.  Un presidente cun magro balance para amosar.
Menos empregados; escolas con menos mestres e aulas; hospitais parados; co sector eólico desmantelado tendo que indemnizar ás empresas pola súa premeditada desviación de poder; co atraco das preferentes en marcha; sen sector financeiro propio; coa rede de escolas infantís pública e de residencias de maiores en mans de empresas privadas; sen noticias das fabulacións sobre a fábrica de baterias para automobeis no mesmo camiño que parece que van seguir os anuncios dos barcos de PEMEX...cos orzamentos sen facer e as facturas debaixo dos cobertores. Normal que teña presa por rematar esta inmensa nada.  Un mandato esquecible dun goberno inexistente.
Un mandato en que desapareceron as matemáticas en galego no ensino e os xornais A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Vieiros ou A Peneira.  No que se desmontaron con interesado empeño o Consorcio Galego de Benestar, os programas de prevención de incendios e de apoio ao sector agro-gandeiro, as estruturas de apoio autonómico á I+D, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, as políticas de apoio á cultura.  Un periodo en que se desbaldaron moitos cartos coa anulada licitación da Autovía da Costa da Morte para encarecela en varios centos de millóns; en que se privatizou a construción de hospitais e centros de saude endebedando perigosamente aos futuros gobernos e aumentado vertixinosamente os custes dos proxectos; no que se prescindiu de mais de dous mil ensinantes nas etapas educativas obligatorias e se asfixiou irreversibelmente ás universidades no seu labor docente e investigador.  Unha lexislatura en que da garantía dos dereitos das mulleres pasamos á Red Madre; do software libre pasamos a contratos millonarios con empresas multinacionais con sistemas de licencia; da ampliación e garantía de construción de vivenda protexida voltamos ao mercado de vivenda especulativo.  Un tempo en que Corcoesto, Barreiros, Cabo Touriñan ou o Courel saltan aos medios por prácticas depredadoras da paisaxe e os recursos naturais amparadas desde o goberno.  Un tempo que temos que deixar atrás.
Hai alternativa. Hai outras formas de facer política e de traballar polo benestar da cidadanía desde a esquerda nacionalista.  Sen sometimento aos poderosos ou a intereses alleos. En Bruxelas, Santiago, Madrid, Tomiño ou Pontevedra estase poñendo en práctica, facendo propostas e defendendo esa outra política.  A das solucións para os sectores e cidadáns que sofren a crise polas decisións duns gobernos decididos a completar unha contrarreforma económica aos que se lles contrapoñen medidas para que o noso sector naval poida producir en igualdade; a dación en pago; o apoio ao sector lácteo; o aumento do gasto en I+D; a defensa dos medios públicos de comunicación; o pago do IBI pola Igrexa; un modelo comercial ordenado territorialmente, sostible socialmente e non vampirizado polas grandes distribuidoras comerciais; un sistema eleitoral limpo, xusto e adaptado á estrutura territorial; a igualdade de xénero ou o apoio aos dereitos máis básicos dos inmigrantes no Congreso dos Deputados a través das iniciativas dos deputados Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila que, como ben sabe o impresentable deputado do PP Collarte, desenvolven un intenso labor para poñer en práctica o programa polo que foron elexidos. 
A política da ética no desempeño dos cargos públicos, a defensa do noso sector pesqueiro, a saude dos nosos ríos ou a presenza internacional de Galiza realizada pola nosa eurodiputada Ana Miranda ante as institucións comunitarias.  
A da incidencia nos ingresos para dispor de fondos para necesidades perentorias co plan alternativo para arrecadar 100 millóns de euros; a da defensa do aforro galego e da nosa capacidade financeira co mantemento das caixas de aforro, o impulso da banca pública ou a loita contra a expropiación perpetrada coas preferentes; a da denuncia pola desmantelación de servizos sociais, comedores, ensino, centros de saude; a do continuado apoio á nosa lingua no Parlamento galego.  
No sindicalismo máis combativo que paga con condeas de cárcere a defensa dos dereitos laborais no naval, nas Asociacións de Pais e Nais, en SOS SANIDADE PÚBLICA, nos colectivos das preferentes,  xunto a outra xente, contribuindo a que a sociedade se organice na defensa dos seus dereitos. Ese traballo social nutre políticas transformadoras. Integrando a loita contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, o mantemento das pagas extras no emprego público ou a creación de redes contra a pobreza na acción de goberno. 
Non son casualidades a rexeneración urbana de Pontevedra ou Allariz; a defensa da nosa cultura e patrimonio en Rianxo ou Carballo; a proteción dos espazos naturais de Carnota; o apoio ao cooperativismo hortícola de Tomiño; tampouco o foron as políticas de impulso da cultura propia, a limpeza na adxudicación eólica, os contratos para garantir prezos xustos no sector leiteiro ou a rede de galescolas e servizos no rural das consellerías nacionalistas do bipartito.  Son froito da vontade colectiva dunha organización que ten eivas, na que faltan compañeiros e compañeiras para sumar esforzos, pero que xa está preparada para ofrecer alternativas transformadoras para a nosa sociedade. 
Non fagamos bo aquel triste título dun libro de denuncia da violencia de xénero "mi marido me pega lo normal".  Tratemos ben a Galiza. Este é o momento. Xa nos zouparon dabondo nesta legislatura.

Publicado en Sermos Galiza 30.08.2012


sexta-feira, 24 de agosto de 2012


Contrarreforma política


















No ano 0 do agresivo mandato de Rajoy e o ano 4 da grisácea etapa de Feijoo, o PP afánase na aniquilación do xogo democrático e o proceso autonómico. A radical contrarreforma con eixos no ámbito político, social e económico pasa por facer bascular o marco político cara un amplo proceso de recentralización institucional e de agresión aos principios de participación democrática.
A asfixia financeira das Comunidades Autónomas, coa reserva para o goberno central da maior parte da marxe de déficit dispoñible, está forzando recortes drásticos nos servizos públicos -que teñen o seu núcleo de prestación no ámbito autonómico- poñendo en bandexa rebaixas dos teitos competenciais e un amplo proceso de recentralización.
O vaciamento competencial que atopa azos na sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya, consolídase co cortocircuito ás competencias financeiras propias no proceso de aniquilación das caixas de aforro e reestruturación bancaria e cun secuestro das competencias económicas autonómicas.
A intensa propaganda frente á pretendida ineficiencia económica dos servizos públicos de proximidade (hospitais comarcais, centros de día, escolas rurais, trens de cercanías...) é a antesala dun proceso de recentralización de competencias tamén nestes ámbitos como paso de reconstrución do discurso españolista radial con estación de saída e retorno en Madrid. A coordenada acción contra o galego, catalán e euskera de Galiza a Illes Balears ou Aragón ou o discurso sucursalista de pura descentralización administrativa que emana desde as propias institucións autonómicas rexidas polo PP deben facer reflexionar sobre o sentido do “café-para-todos” e da necesidade de unión no asentamento do proceso de construción nacional propio.
Non sobran, pola contra, nese discurso dominante as deputacións, vestixios claros doutrora. A nova posta de longo que se pretende dar ás deputacións provinciais, na mais pura esencia españolista, supón tamén unha cuña frente ao poder autonómico dunha institución sen elección directa da cidadanía e que, curiosamente, permanece incólume no minucioso reconto de políticos- sobrantes que realiza a dereita mediática a diario. Aproximadamente 2000 deputados provinciais ou membros de cabidos insulares quedan alleos ao ardor antipolítico.
Por outra banda, a contrarreforma política que executa o PP pasa por un sistemático ataque ás liberdades democráticas que ten por finalidade completar o extenso programa de desmantelamento do Estado de Benestar e de descentralización territorial fuxindo do debate parlamentar ou o escrutinio público.
A negación do papel do Parlamento busca opacar o traballo da oposición recorrendo ao Real Decreto Lei (norma gubernamental) ou a procedementos de urxencia que limitan os debates á caricatura nas ocasionais incursións parlamentares –mesmo o golpe de estado electoral que quere practicarse en Galiza vai seguir esta vía que xa foi a utilizada noutras ocasións, por exemplo, en contra do galego na reforma da Lei de Función pública para suprimir as probas obligatorias en galego-. O control opresivo dos medios de comunicación públicos e privados practicado en Galicia complétase no ámbito estatal coa manipulación meteórica e sen complexos das normas que regulan o estatuto da RTVE ou a Lei do Audiovisual para privatizar as cadeas autonómicas.
Nun insistente exercicio de propaganda o Partido Popular adopta as proclamas naïf pre-políticas do “non-nos-representan” para vender as medidas de redución dos cargos públicos electos como unha esixencia social. Tanto ten que a redución dos parlamentarios galegos manipule groseiramente as reglas de xogo para gañar unhas eleccións previsiblemente perdidas por un goberno incapaz, aumente a desigualdade do valor do voto entre cidadáns, limite radicalmente a actividade parlamentaria ou reduza a pluralidade. A diminución de parlamentarios autonómicos busca invisibilizar a oposición parlamentar e forma parte dunha ofensiva clara contra o Estado-autonómico coa manipulación extrema da normativa electoral. Un tongo electoral executado coa duplicación do valor do voto nos graneiros electorais do PP. Lugo e Ourense en Galiza. O dos cidadáns de Euskadi que poderán votar a Esperanza Aguirre e Basagoiti sen estar no censo.
Estorban tamén os órganos de control autonómicos. Singularmente os Valedores que protexen os dereitos da cidadanía. Por se parece unha cifra baixa as case 4000 queixas anuais que acumula o Valedor galego redúcese a súa estrutura e en outras comunidades autónomas suprímense os seus para acumular máis asuntos no atascado Defensor del Pueblo estatal. Os incómodos órganos de fiscalización de contas, outros órganos consultivos como os Consellos Económicos e Sociais e en xeral todos os órganos consultivos que, a pesar das timoratas regulacións existentes, permiten a partipación de colectivos sindicais e sociais van caendo coa desculpa do aforro na trituradora da democracia do PP.
Non outro sentido ten o extenso ataque á negociación sindical que introduce a reforma laboral. A propaganda do aforro asáñase contra os que poidan facer frente ou botar luz sobre o calculado programa de destrución de dereitos e empobrecemento social. Desde os sindicatos ata FACUA, o baleiramento dos petos da maioría social debe manterse oculto e para iso é preciso eliminar ou desprestixiar ás últimas miradas incómodas.
Sen escrúpulos o PP fai de altofalante na mellor tradición tardo-franquista do desprestixio da política e do público: banalización do golpe de estado electoral como o simple cambio dun número nunha lei; prescindibilidade dos políticos; caricaturización dos funcionarios-tomando-cafelitos; mamandurrias.
Expresións todas do sesgo profundamente antidemocrático da reforma política, social e económica que están practicando. Fuxindo das institucións control democrático e participación. Poñendo fin á episódica ficción de pluralidade nacional.

domingo, 3 de junho de 2012


Propaganda comercial ou as catro mentiras do BOE deste sábado





Saca o peito o goberno aprobando o Real Decreto Lei número 19 deste corto ano mostrando que nin vai ir ao Parlamento para debater democráticamente as normas, nin ten pensado deixar de recorrer á propaganda que tape a súa ineficacia ou renunciar á liberalización e centralización como signos distintivos da súa (in)acción de goberno. Catro mentiras agóchanse no RDL 19/2012 de liberalización do comercio.
Mentira 1ª: A mellora

A substitución de autorizacións administrativas por comunicacións previas ou declaracións responsables implica que os operadores que queren abrir un comercio ou actividade de servizos poden iniciar a súa actividade sen máis trámite que unha comunicación ao concello de que cumplen a normativa. As implicacións deste cambio, que xa introducía a Lei de Economía Sostible, son que a comprobación do cumprimento da normativa (ruidos, control sanitario, seguridade para os usuarios...) só pode realizarse a través de inspeccións a posteriori. Isto non beneficia aos usuarios, aos operadores, nin aos concellos.

Aos usuarios a intervención administrativa de comprobación previa que se realizaba no procedemento de autorización permitía garantirlles de xeito preventivo que as medidas de protección dos seus dereitos –lingüísticos, ambientais, de seguridade industrial e alimentar etc.- se aseguraban no proxecto de actividade sen ter que activar denuncias cando percibiran problemas.
Aos operadores estas comprobacións administrativas preventivas facilitáballes corrixir eivas antes da apertura evitando a posible clausura do local pola detección de incumprimentos normativos a través de inspeccións cando xa a actividade está funcionando cos conseguintes gastos suplementarios que pode provocar (ex. novas obras para insonorizar axeitadamente, cambios na rotulación...), e incluso a devolución de axudas. A autorización aportaba, en definitiva, seguridade xurídica e mesmo a posibilidade de reclamar responsabilidade á Administración se a actividade tiña problemas por decisións avaladas pola Administración na súa autorización. Agora o empresario é totalmente responsable polos seus incumprimentos e a reclamación de responsabilidades desplázase ao ámbito privado.

Aos concellos este cambio normativo cólleos sen ter feito cambios relevantes no seu cadro de persoal. Sobra persoal para tramitar procedementos de autorización e falta, clamorosamente, persoal de inspección. Desregúlase ademáis o sector do comercio e os servizos sen unha estrutura de vixianza acaída. Ninguén comprobará xa que se cumplen as normas antes de botar a andar a actividade ao desaparecer as autorizacións e, probablemente, non o fará tampouco cando estea funcionando por carecer de inspectores cualificados. Os dereitos dos consumidores serán os máis perxudicados neste tránsito impulsivo e sen adaptación das estruturas administrativas.
Por outra banda, a modificación que pretende salvar a perda dos recursos económicos por licenzas que tiñan os entes locais é tamén un suicidio orzamentario para os concellos. Habilítase unha nova fonte de ingresos substitutiva que sería o cobro por inspeccións que presenta dous problemas relevantes. En primeiro lugar, non será xeralizada e por tanto os ingresos reduciranse. Se todos os negocios tiñan que ter licencia de apertura, non todos serán obxecto de inspección. En segundo lugar, resulta difícil coñecendo a cultura en relación co ben público que hai neste país implementar unha medida de “corrección”, a inspección, e por riba cobrar por ela, especialmente nos concellos máis pequenos e para actividades con menos impacto.

Mentira 2ª: A novidade

O RDL non fai máis que reproducir o xa aprobado hai xa un ano polo goberno Zapatero, que xa ofrecera nos altares da reunión do G-8 de Seul en novembro de 2010 a liberalización do comercio como unha das medidas anti-crise que ían sandar a economía española. A Lei de Economía Sostible contén as dúas principais liñas de actuación que volve a repetir o RDL: substitución de autorizacións por comunicacións previas para a apertura de negocios e intento de solucionar a merma de ingresos locais con pequenos parches. Nun evidente abuso da propaganda, ou nunha mostra de incompetencia dos servizos xurídicos ás ordes da Vicepresidenta, inauguran unha nova fórmula xurídica digna de estudo: a confirmación das normas por outras posteriores. Por se os esforzados operadores xurídicos ou os sufridos cidadáns non son quen de estar ao tanto da morea de normas que se aproban, re-apróbanse.
Tan só tres elementos de novidade salientable en plena sintonía coas liñas forza da política gubernamental. Elimínase a posibilidade de manter autorizacións nestes sectores por razóns de protección do medio ambiente, a seguridade pública e a saude (tan só a protección do patrimonio histórico xustificaría o mantemento de licenzas municipais). Pásase por enriba das competencias autonómicas en materia de comercio indicando futuras actuacións do goberno central para promover ordenanzas tipo e formularios estándar. Garántese un novo ámbito de privatización de funcións públicas habilitando a entidades privadas de inspección para que poidan realizar as funcións de comprobación que hoxe se realizan no ámbito público.
Mentira 3ª: A necesidade.
Como nos lembra o sector o RDL anula o que xa non existe. Os datos do INE en relación co comercio nos últimos anos son indicativos de que o problema do sector comercial e de servizos non son as cargas administrativas. Desde que se adoptaron as primeiras medidas para a transposición da Directiva de Servizos, coñecida como Directiva Bolkestein, das que estas medidas non son máis que unha parte do paquete que inauguraron as Leis 17/2009 e 25/2009 e continuou a Lei de Economía Sostible en 2011, o certo é que o INE ven rexistrando datos de caída nas vendas do comercio minorista e aumento nas grandes cadeas. En definitiva, aplicándose xa as medidas que repite o RDL 19/2012 o pequeno comercio ao que se dirixía a redución de trámites administrativos sofre de forma moito máis acusada a ralentización da actividade económica.

Isto ten moito que ver coa liberalización máis xeneralizada no sector comercial que está levando a unha expansión acusada das grandes superficies comerciais, con liberdade absoluta de horarios en comunidades como Madrid, nun modelo suicida de sociedade tanto para os dereitos dos consumidores –vellos, persoas con mobilidade reducida e outros colectivos que só utilizan o comercio de proximidade-; para os produtores, pola perda de ingresos derivada das agresivas estratexias de negocio da grande distribución comercial; e para o conxunto da cidadanía que ve desaparecer o tecido comercial tradicional, a diversidade, aumentando o deterioro urbanístico e a inseguridade nos centros das vilas.

Mentira 4ª: A urxencia.

A democracia ocasional que practica o goberno do PP con esporádicas visitas ás cámaras parlamentares para escapar polas portas de atrás repite a fuxida dos venres co enésimo Real Decreto Lei. Unha vez máis evita o debate parlamentar o Goberno Rajoy aprobando un Real Decreto Lei, norma por razóns de extraordinaria e urxente necesidade, que agora paradóxicamente reitera o xa regulado pola Lei de Economía Sostible aprobada hai un ano (hai un par de semanas aprobábase outro no que a urxencia, prospectiva, viña de anticiparse a unha hipotética sequía).