quarta-feira, 28 de março de 2012




TEMPOS MODERNOS


Interrógase o moderno ministro De Guindos sobre a vixencia da folga no século XXI.  Tráenos á memoria o retrato das condicións de emprego extremas realizada por Charles Chaplin en Tempos Modernos.  A dereita neoliberal leva tempo buscando minar os dereitos laborais con iniciativas legais mais tamén devaluando as palabras.  Folga/antiga, dereitos laborais/sindicatos caducos, medidas de conflito colectivo/século pasado.
Xosé Manuel Carril explica (VVAA, La termita Bolkestein. Mercado único vs. derechos ciudadanos) os ataques que están sofrendo os dereitos fundamentais e laborais no ámbito da Unión Europea mediante unha xurisprudencia que pon por riba as libertades económicas comunitarias frente ás medidas de conflito colectivo e a folga.  As Sentenzas Viking, Lavall, Ruffert e Luxemburgo do Tribunal de Xustiza da UE abren o camiño á aplicación do principio do país de orixe na determinación das condicións laborais aplicables a traballadores desplazados noutro Estado membro. O famoso fontaneiro polaco do referendum francés sobre a Constitución Europea traballaría en Francia de acordo co sistema laboral polaco (salario, xornada, despido...) e os sindicatos franceses, se ousaran adoptar medidas de presión ante esa precarización do seu propio mercado laboral, estarían violando a libertade de establecemento e prestación de servizos europea, valor superior frente ás medidas de folga. O modelo social europeo está en crise sucedéndose as excepcións aos dereitos de cidadanía no espazo comunitario  (Reino Unido, República Checa e Polonia excluen a aplicación da Carta de Dereitos Fundamentais sen ir máis lonxe).
Novas manifestacións desa incesante presión cara a limitación dos dereitos sociais atópase na recente Directiva UE de permiso único que permite unha limitación dos dereitos (educación, acceso á vivenda...) de traballadores desplazados temporalmente en países comunitarios para prestar a súa forza de traballo.  Aceptamos man de obra, negamos a equiparación social coa cidadanía europea.
A precarización das condicións de emprego, a rebaixa dos dereitos cidadás ao servizo dunha economía cada vez máis sometida aos intereses duns poucos e alonxada das necesidades do tecido productivo non terá límite de non reacionarmos.
Qué ten de moderno un modelo laboral baseado na fixación unilateral polos empresarios das condicións laborais, na absoluta renuncia aos avances nas condicións de emprego que foron conquistas de xeracións de traballadores e traballadoras?
A sociedade do século XXI non pode desandar o camiño e as conquistas sociais do século XX voltando a un modelo laboral asentado na explotación, na desregulación total das relacións laborais, na precarización do emprego e as condicións salariais.  Sen aplicar a reforma laboral os datos que menciona Xavier Vence revelan unha escandalosa situación: "16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir miles e miles de contratos temporais de meses e mesmo de días;(...) un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada) e con salarios efectivos moi por debaixo do salario mínimo; (...) o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros". Aproveitando a reforma laboral ministeriosbancaconcellos realizan despidos, reducen salarios, obrigan á mobilidade e modifican a xornada dos empregados.
A folga pode non ser moderna. A esclavitude moito menos.


segunda-feira, 5 de março de 2012



A VAQUIÑA POLO QUE VALE


Anuncian eses medios de comunicación que se manteñen cos nosos impostos que a cidadanía galega considera oportunos máis recortes en gastos "innecesarios e duplicados".  Para botarlle unha man no intento sería bo ter na cabeza algúns datos sobre eses gastos efectivamente innecesarios que permitirían adicar o orzamento a manter e mellorar os nosos servizos públicos, protexer a nosa lingua ou coidar o noso ambiente.
Comeza a ser cada vez máis frecuente que empresas que viven do orzamento público -construtoras, grupos mediáticos, patronal da sanidade ou educación privada- emprendan campañas para facernos ver o útiles que son os seus servizos e o acertado que sería domiciliar parte do orzamento nas súas contas pola vía de subvencións, novos ámbitos de negocio ou concesión de servizos públicos.  Moitas veces con amplas campañas sobre as ineficiencias do sector público como telón de fondo ou a suposta debacle futura dos servizos, sinálase a "anomalía" que supón manter fora da lóxica do beneficio privado partes crecentes do noso sistema de benestar.
Unha vez inaugurado o orzamento galego para 2012 pola vía de urxencia para contratar campañas de publicidade -obviamente non dirixidas ás publicacións en galego porque iso entra no capítulo dos recortables-, as diversas patronais andan á búsqueda do negocio público facendo propostas cada día máis atrevidas ante a sintonía gobernante.
Ao aumento dos concertos co sector privado no ámbito da sanidade (como nos lembra SOS Sanidade Pública en Galiza ou podemos ver en Madrid) e na educación, únese a camuflaxe de ingresos pola vía de subvencións por outros conceptos (axudas para necesidades educativas especiais, uso do galego, AVALAR, centros plurilingües).
Porén, xa non abondan as chamadas á privatización de servizos e as subvencións saben a pouco.  Con total fachenda pídese que o orzamento público asuma os naufraxios privados cando non se obteñen  as taxas de beneficio agardadas. 
Na sanidade, as comunidades autónomas nas que o PP ensaiou a fórmula de colaboración público-privada -a empresa construe e a cambio recibe unha longuísima concesión que dispara os custes finais do investimento-  importada por Feijoo para o hospital de Vigo e moitos centros de saude, os resultados foron parecidos.  O rescate dalgúns hospitais por insuficiencia de beneficios xa é un feito e as solícitas Administracións teiman no desbalde de recursos públicos volvendo a sacar a concurso o servizo cun aumento na cantidade entregada a mans privadas. En Galiza os parques de bombeiros inician un camiño de volta ao ámbito público logo da desastrosa experiencia de xestión privada.  Todo iso sen esquecer as nefastas condicións laborais do persoal destes servizos con xestión privada e a patente mingua na calidade do servizo.
O caso das autoestradas do entorno madrileño supón un dos casos máis escandalosos.  Negociadas co goberno Zapatero unhas subvencións gorentosas para suplir a diferencia nos ingresos por peaxes previstos, a través dunha rocambolesca enmenda á Lei Postal (?), as grandes construtoras agora choromiquean pola nacionalización. Nacionalizacións?...Aprendido o camiño coa banca agora imos á burbulla do cemento. Só piden que o Estado asuma as perdas e as empresas "confórmanse" con que lles contrate o mantemento das autoestradas.
Visto o éxito da fórmula agora teiman con ampliar a súa funcionalidade ás vivendas de aluguer de protección oficial.  A forma de darlle saída aos amplos stocks de vivenda construída e a novas promocións viría pola súa incorporación á oferta pública cunha xestión polas propias promotoras privadas e sometida ao pago por parte da Administración.  Unha vez que o parque de vivenda envelleza pode volver a mans da Administración.
Para que o orzamento público poda soportar o gasto innecesario de rescatar servizos mal xestionados pola empresa privada ou aboar a marxe de beneficio empresarial por servizos que estarían mellor xestionados no ámbito público, é preciso proceder a recortes nos servizos esenciais. Pagar doblemente, pola vía de impostos e con taxas ou co-pago adicional, pola xustiza ou os servizos sanitarios.  Xustiza para ricos e conformidade coas inxustizas para os pobres; atención sanitaria express para os que pagan seguros privados e caos polos recortes para os que utilizamos a cobertura xeral sanitaria.
Todo ten solución cando as prioridades están claras e os gobernos saben responder con prontitude ás necesidades da grande empresa.  A cidadanía pode apretar un chisco máis o cinto...ou reaxir.






quinta-feira, 1 de março de 2012

Para poder continuar a súa andaina a prol do pobo galego, evitando retrocesos nas conquistas sociais e procurando avances, é indispensábel que o BNG ofreza un proxecto soberanista de esquerdas anovado nas formas, inclusivo e participativo no funcionamento e con vocación de transformar a sociedade gañando a maioría social. Dificilmente se poderá facer iso sen anovar o BNG, e dificilmente se poderá facer partindo o BNG.
Tamén connosco. 
http://tamenconnosco.blogaliza.org/



quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

O BOSÓN DE HIGGS




Enguedellada nunha irresponsable sucesión de estériles proclamas (des)organizativas segue a esquerda nacionalista.  Lonxe de ofrecer respostas a unha sociedade profundamente atacada no seu ser nacional, distante dunha resposta contundente ao programa de ultra-reformas para desfacer todo resto de dereitos sociais, seguimos dubidando como o chiste de vascos se andamos a cogumelos ou a rolex.
Esquecendo o difícil camiño de construcción de alternativas políticas, sindicais, agrarias, estudantís ou ecoloxistas, desandamos o que eran logros singulares do nacionalismo de esquerdas en Galiza en contraste con outras nacións do estado.  Paga a pena tanta desfeita? É a alternativa da separación a mellor? Cabe a avinza entre forzas políticas en competencia electoral e social?
Defendo a unidade porque non vexo nas distintas alternativas máis que escenificacións de loitas de poder resesas.  Ulas diferenzas? Desfacer un frente para montar outro presidido pola fraternidade, ata que haxa que elaborar as primeiras listas electorais?
Nas tres últimas asembleas discrepei coas maiorías nas que participaron sucesivamente as tres correntes e persoas que agora deciden o futuro do nacionalismo de esquerdas. Discordei coa deriva que nos alonxou das loitas sindicais, ambientais e sociais en xeral.  Coas alianzas co nacionalismo de dereitas.  Cunha defensa da lingua propia non suficientemente firme e na que palabras como inmersión soan ousadas.  Coa falta de medidas organizativas para garantir o control democrático pola militancia dos nosos representantes institucionais, do seu comportamento radicalmente ético e do papel da militancia non-adscrita nun BNG con cada vez máis partes.  Non é este o BNG que eu quero e agardo que a convulsión na que estamos leve a todos os que están, os que estiveron e os que están por vir a traballar con certa altura de miras para construirmos outra organización unitaria na que se resolvan os profundos erros organizativos dos que todos somos partícipes.  Debemos abrir a porta da organización para que participen compañeir@s que cada día traballan connosco en moitos ámbitos (asociacións de viciños, culturais, de nais e pais...) que confían no BNG cando nos ven traballar na base, na Xunta ou nos concellos.  Xente á que lle resultará difícil distinguir os matices que seica diferencian o modelo de goberno de Rianxo, Pontevedra, Teo ou Allariz. Xente á que hai que dicirlle que o BNG se trabucou en Reganosa, facéndolle as beiras ao directivos das caixas, bailando con vellos ou tardando moito máis do necesario en marcar as diferenzas co PSOE.  Que foron graves equivocacións tamén as dinámicas que se instalaron no asociacionismo ecoloxista, de defensa da lingua, agrario ou estudantil.  Mais xente tamén que sabe que se Galiza houbo algún momento en que tivo un proxecto de servizos sociais propio dunha sociedade avanzada foi cando gobernaba o BNG; se alguén defendeu ao sector naval  ou o sector agrario foi o BNG; se hai orgullo do propio, da nosa cultura, da nosa lingua e apoio aos  que cada día traballan para facernos un pobo máis intelixente, culto e pleno é alí onde o BNG ten presenza; se hai un discurso alternativo á crise é coa voz do BNG polo emprego e a economía productiva, contra os desfiuzamentos, contra a toma da democracia como refén polos especuladores que orixinaron a crise.
A esa xente hai que ofrecerlle un proxecto de esquerda soberanista anovado nas formas, democrático e inclusivo no funcionamento e con vocación de transformar a sociedade gañando a maioría social.  Difícilmente podemos facer iso sen anovar o BNG, difícilmente podemos facelo tamén partindo o BNG.
Desde a militancia non-adscrita, tan maioritaria coma esquecida, compre reclamar a disolución de todos os sub-bloques que traen precociñados acordos e desacordos, listas e opinións, pechadas á transversalidade e á construcción colaborativa das nosas propostas sociais.  As dinámicas separadoras esquecen tamén as dificultades e a precariedade na que se desenvolve o traballo de moitos e moitas compañeiras en concellos pequenos con medios moi limitados e claras eivas para facer chegar á cidadanía as nosas propostas. Realistamente, resulta pouco defendible e crible pensar que os matices entre dous/tres novas forzas políticas poidan aspirar a ser algo máis que caricaturas dun proxecto político transformador para nosa sociedade.  Pode que atopen esa partícula divina, o bosón de Higgs, despois de anos de duros experimentos.  Anos perdidos para o noso país e para varias xeracións de galeg@s.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

Ambiente: condena a perpetuidade. ENCE: indulto lexislativo


A enmenda á totalidade á política ambiental que anunciou o ministro Arias Cañete na súa primeira comparecencia parlamentar permite adiviñar un futuro rico en estragos e curto na defensa dos recursos naturais e nun crecemento sustentable.
Sen panos quentes avanzou unha política ambiental claramente sometida ás consideracións económicas.  Para iso estorban os límites que establece a Lei de Costas ao urbanismo desenfreado ou implantación de certas actividades no litoral, a obriga de restaurar os danos ambientais que se lle impuña aos promotores por parte da Lei de Responsabilidade Medioambiental mediante a suscripción dun seguro, ou o cumprimento dos límites de emisión atmosférica que asigna o Protocolo de Kioto á industria.  Todas elas serán reformadas.  Pouco máis se podía agardar dun ministro que afirmou descoñecer todo sobre o ambiente que quedaba baixo a súa dirección e que viña avalado por unha rica carteira de intereses no sector petroleiro e nas aseguradoras que tanto loitaron contra a aprobación da normativa europea de responsabilidade medioambiental.
O paso ao dominio público de toda a franxa litoral e das augas continentais e soterráneas que se operara polas leis de Costas e Augas garantindo o desfrute por toda a cidadanía e protexéndoos dos ataques mediante un conxunto de medidas de protección, ten os días contados para "por en valor" a costa e favorecer o uso de "augas excedentarias" nunha agricultura insostible que ademáis destrue espazos naturais protexidos como as Táboas de Daimiel.  Tampouco van durar as medidas de control do ambiente atmosférico que impuñan o Protocolo de Kioto e a Lei de Calidade do Ar.  Co fácil que sería cambiar de lugar as estacións medidoras como fai Ana Botella con probados resultados na "redución da contaminación"...E postos a poñerllo fácil aos emprendedores, para que facerlles pagar os danos que ocasionen ao medio no caso de que teñan un accidente se podemos pagar todos?.  A lóxica do rescate bancario é xusto que se aplique a outras actividades. Ou eses pesos que nos quedan no peto non estamos dispostos a gastalos en restaurar o ambiente?.
ENCE está de noraboa. Os resquicios legais que pretendeu usar para manter a súa actividade na ría de Pontevedra máis alá de 2018 ,cando caducaba a súa concesión, van abrirse con toda intensidade segundo os anuncios do ministro. Ademáis de alongar o periodo de uso privativo da costa coas concesións despois de 2018, apúntase unha reforma da lei que inclue a "recuperación de terrenos degradados para el desarrollo de actividades económicas"  e o fomento da "desafectación de espacios del dominio público que ya no requieren una protección especial por haber perdido sus características naturales".  O chollo definitivo. Primeiro unha concesión usada a mantenta para degradar a costa e despois, como xa perdeu as súas características naturais, o interesado indícalle á Administración que iso xa non é nin costa nin farrapos de gaita. tramítase a desafectación do dominio público e xa pode pasar a mans privadas.
Con presa e sen pausa o ministerio ponse ao servizo dos poderosos.  Os espazos naturais están moi ben...para facer churrascadas ou facer bonito en frente dunha urbanización de luxo con praia privada.

segunda-feira, 30 de janeiro de 2012

TAXA DE REPOSICIÓN DE EFECTIVOS, OU TAXA DE ANIQUILACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS?




Agora co pretexto da crise, mais desde hai anos como vía para forzar a privatización de servizos, no debate sobre o desmantelamento dos servizos públicos rara vez se sitúa como un problema central o da taxa de reposición de efectivos.  Nos últimos tempos o goberno central -antes co PSOE, agora con maior contundencia co PP- colocan un obstáculo difícilmente salvable non xa para ofertar novos servizos, senon mesmo á hora de manter os existentes: a imposición dunha reducidísima taxa de reposición de efectivos. Falando con claridade, a limitación da cobertura de vacantes no cadro de persoal provocando unha aguda diminución dos empregados públicos nun país cuns servizos públicos moito pior dotados que nos da nosa contorna (% empregados públicos).
A fixación dunha taxa de reposición de efectivos ten como consecuencia que as Administracións (central, autonómicas, locais, Universidades...) só poidan contratar á porcentaxe que se fixe con respecto ao persoal que causa baixa definitiva no seu cadro (por xubilacións, incapacidades definitivas ou outras causas).
No pasado exercicio orzamentario esa taxa fixouse no 25% para os servizos esenciais e o 10% para o resto. Neste ano o goberno Rajoy (BOE) reduciuna ata á asfixia baixándoa ao 10% para educación obrigatoria, sanidade, seguridade e inspección fiscal e ao 0% para o resto. Por cada 10 vacantes de persoal do ensino ou sanitario tan só se vai contratar 1 nova persoa. Nin servizos sociais (centros de atención a menores, residencias de maiores, atención a dependentes ou a mulleres maltratadas), nin ensino universitario, nin prevención ambiental ou outros servizos relevantes para a sociedade poderán contratar persoal ao longo de 2012, mesmo en prazas de carácter temporal que só poderán ser cubertas de xeito excepcional e para necesidades urxentes e inaplazables.
Os populistas discursos que falan dunha Administración con moito unto e pouca eficacia son o sustento para a acrítica aprobación destas medidas cegas que poñen en risco a viabilidade mesma de moitos servizos.  Pouco máis ten que os xubilados sexan todos dun mesmo servizo especializado (cardiólog@s ou profesor@s de Dereito mercantil) e que resulte falaz falar de que un hipotético exceso de persoal noutros servizos (pediatras ou profesorado de Botánica) poida dar solución ao problema.
Mesmo nos servizos aos que se lles autoriza esa ínfima taxa de reposición do 10% o goberno central teima, e as seguidistas comunidades autónomas do PP consinten, en aplicar unha taxa de reposición nula (CIG).  A paralización das oposicións na educación é o primeiro exemplo.  As vacantes que se produzan quedarán sen cubrir.  A calidade dos servizos resentirase impartíndose materias por non especialistas, incrementando as listas de agarda ou as ratios de estudantes por aula.
Os servizos quedarán desatendidos.  Ou ben -eis é o obxectivo perseguido- haberá que recorrer á privatización da xestión dos servizos facendo contratos con empresas privadas (concertos con clínicas e colexios, contratos con empresas de atención a maiores, privatización de escolas infantís...) para atender á demanda xa existente ou directamente privatizar a súa titularidade.
Resulta claro que, nesas circunstancias, a ampliación de servizos e o recoñecemento de novos dereitos na rede pública faise inviable. Sen persoal que os atenda, a extensión de dereitos, a aspiración de construir unha rede pública que garanta os servizos propios dun Estado de benestar, queda imposibilitada.  A única vía é a xestión privada, quer sostida con fondos públicos ou inaccesible para a maioría da cidadanía. 
A disculpa da imposibilidade material froito dese límite común para todas as Administracións consigue un duplo efecto.  Por un lado favorece a privatización de servizos abrindo ou ampliando un campo de negocio para empresas afíns. Por outro obriga a adoptar esas mesmas solucións, en caso de querer manter o nivel de prestación de servizos, a gobernos ideolóxicamente opostos, dificultando a explicación ante a sociedade da existencia de modelos diversos. Sen esquecer a clara intromisión competencial que supón a fixación centralizada dun patrón único de cadro de persoal para as Administracións que nin ten en conta os servizos que lles corresponden a cada unha delas, nin respecta as opcións políticas que poidan existir á hora de conformar a Administración e os servizos que se acordan para a cidadanía.