segunda-feira, 30 de junho de 2014

As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada


A reversibilidade dos dereitos sociais nun contexto de crise é unha mostra máis da necesidade de superar este marco constitucional.   As prestacións sociais son hoxe coma un acordeón cun fol que abre ou pecha ao arbitrio das reformas lexislativas e orzamentarias e sen o amparo constitucional que teñen outras previsións que comprometen o orzamento, caia quen caia, como é o pago da débeda do artigo 135.  Por iso é preciso camiñar cara unha blindaxe dos dereitos sociais co principio de non regresión como guía.
En 1998 a Lei da Xurisdicción Contencioso-Administrativa daba un paso adiante no control da actividade administrativa permitindo a fiscalización xudicial da inactividade da Administración.    Xa non só se podía demandar a revisión de decisións administrativas senon tamén a ausencia de actividade.  Porén ese control xudicial estaba sometido a uns condicionantes que limitan o exercicio dos recursos. Só as prestacións incondicionadas poden ser obxecto de reclamación (ex. un complemento retributivo recoñecido, unha praza nun centro de día asignada, unha bolsa concedida).
  • Artículo 29. 1. Cando a Administración, en virtude dunha disposición xeral que non precise de actos de aplicación ou en virtude dun acto, contrato ou convenio administrativo, estea obrigada a realizar unha prestación concreta en favor dunha ou varias persoas determinadas, quen tivera dereito a ela pode reclamar da Administración o cumprimento desa obriga. Se no prazo de tres meses desde a data da reclamación, a Administración non tivera dado cumprimento ao solicitado ou non tivera chegado a un acordo cos interesados, estes poden deducir recurso contencioso-administrativo contra a inactividade da Administración.
A lexislación que regula prestacións sociais con moita frecuencia evita a fixación de prestacións ou estándares de prestación concretos e deste xeito é complicado reclamar frente á inactividade.  Se as normas non establecen parámetros de cumprimento incondicionados (número de prazas comprometidas; dereito a unha determinada prestación se se cumpren uns requisitos establecidos; distancia máxima dos servizos públicos -sanitarios, educativos-; contía fixa da prestación...) é fácil que as prestacións sociais ensuman...por inanición.  Se non hai un recoñecemento legal dun dereito a ter a escola nun radio de proximidade preestablecido, a gozar dunha bolsa sempre que se conte cuns determinados requisitos, ao salario da liberdade se hai unha situación de violencia de xénero, o simple cambio de destino dos orzamentos pode facer retroceder décadas as prestacións e dereitos sociais.  O PP na inmensa operación de derrubo do estado social está reducindo á súa mínima expresión as prestacións deixando no esquelete os dereitos sociais cun, só teórico, recoñecemento constitucional.
Mais o mesmo PP campión do recorte social ten feito movementos para blindar certas prestacións no eido social. Prestacións que serán esixibeis xudicialmente e que se garanten orzamentariamente, mesmo comprometendo orzamentos alleos (os das comunidades autónomas onde non gobernan).
A LOMCE garante, e un decreto desenvolverao cun rapidez, que as persoas que queiran recibir educación monolingüe en castelán, saltándose a normativa educativa autonómica onde haxa un modelo de inmersión, poderán reclamar o pago do ensino na rede privada.  Igualmente Feijóo, nunha medida que se enmarca nesa operación de privatización da sanidade que leva a que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización sanitaria, promoveu unha Lei de Garantías Sanitarias que non é outra cousa que un artificio para desviar doentes ás privadas.   Cando a lista de agarda supere unha determinada duración recoñécese un dereito á asistencia sanitaria...na privada.  
O PP, en definitiva, non garante dereitos sociais, blinda o gasto público na educación e sanidade privada.

Sermos Galiza 27.06.2014

sexta-feira, 23 de maio de 2014

A galiña, o ovo, a privatización e a desfeita. "Depende de ti"



A Conselleira de Facenda vainos poñendo sobre aviso de novos recortes nos servizos públicos dicindo que as prestacións básicas están en perigo. Como non podía ser menos non é culpa das decididas políticas PPopulares de privatización e recorte de dereitos que fan que Galiza sexa, por exemplo, a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización da súa sanidade. A culpa é da teimosa tendencia galega a dispersarse polo territorio e a non menos teimuda tendencia a envellecer.
Esquece a conselleira o desbaldimento de recursos públicos na privatización do servizo de esterilización (160 millóns de euros), na contratación de alta tecnoloxía sanitaria (73 millóns que poden chegar a 200 co canon), na privatización dos servizos do CHOU (225 millóns de euros), na construcción do hospital de Vigo coa fórmula público-privada (+1100 millóns de sobre-custe).
Non se lembra tampouco de que foron eles os que puxeron en risco as prestacións básicas coas póliticas de desmantelamento de servicios sociais como consecuencia da Lei de Sostibilidade e Reforma local que vai eliminar servizos municipais de axuda no fogar, escolas infantís, centros de día, atención a mulleres maltratadas ou atención a situacións de emerxencia social como denunciou insistentemente o BNG.
Vellos e dispersión xeográfica son o ovo ou a galiña?  O envellecemento poboacional e a existencia de moitos núcleos, cada vez menos, poboados é a causa de que os servizos básicos estean en risco? Ou temos cada vez menos xente nova e unha estrutura territorial máis difícil de atender pola ausencia de políticas activas que ordenen o territorio e xeren empregos?
Temos unha poboación envellecida porque no canto de políticas que activen os nosos sectores produtivos (agro, pesca, monte, industria, naval) queren que vivamos de ser un parque temático subvencionado por desmantelar os seus sectores produtivos. Porque no canto de investir en innovación, reducen o gasto público en I+D e perden a metade dos cartos do Fondo tecnolóxico. Porque no canto ter unha rede de servizos e prestacións públicas que creen emprego, melloren a calidade de vida da xente e favorezan a natalidade, desmantelan os servizos. Temos unha poboación envellecida, en fin, porque a xente moza (máis de 100.000 nos últimos cinco anos) ten que montar a súa vida en Madrid, Londres, México DF ou Hamburgo, porque aqui non ten futuro.



Temos unha dispersión xeográfica que non se vai solucionar sen política de ordenación do territorio coordenada coa de infraestruturas, servizos, urbanística.  Que non se vai corrixir coa centralización provincial dos servizos nas deputacións, da xustiza coa reforma da planta xudicial. Sen políticas activas que mobilicen as terras como pretendía o Banco de Terras.
Temos un país que precisa algo máis que un goberno que nos diga que facer fillos/as depende de nós.


Depende de nós frear tanta desfeita. 

segunda-feira, 7 de abril de 2014

CHOU. A privatización que non cesa




A decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales de paralizar o macroconcurso para a privatización da xestión de servizos na sanidade pública  no hospital de Ourense pon só un punto e seguido no insistente rumbo de privatización da sanidade en Galiza.  Punto porque impide seguir adiante con esta contratación en concreto. E seguido porque a Xunta de Galicia manifestou que só será unha parada para coller impulso e que procederá rápidamente á división en tres contratos para continuar coa privatización (limpeza, seguridade e mantemento).
A contratación privada da alta tecnoloxía sanitaria, os laboratorios, unha boa parte da atención sanitaria na área de Vigo, o desvio das urxencias e a atención ás listas de agarda (que logo chegará como consecuencia da recente aprobación da Lei de Garantías Sanitarias) son só algúns dos anacos máis recentes do inxente pastel que ten situada xa a Galiza á cabeza das comunidades autónomas na privatización sanitaria só detrás de Madrid e Cataluña.
O caso do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) é ben significativo xa que presenta unha boa parte dos problemas que se sinalaban no Informe da Comisión Nacional da Competencia sobre a privatización sanitaria en relación coas privatizacións sanitarias. A nada sospeitosa Comisión Nacional da Competencia sinalaba que unha boa parte dos procesos de privatización da xestión da sanidade pública encubrían prácticas opacas nas que claramente se albiscaban concursos amañados e nulos beneficios en termos de calidade asistencial. 
Sucesivamente as empresas forzaron que o concurso de 150 millóns de euros do CHOU quedara deserto nun primeiro momento para pasar ao procedemento negociado sen publicidade fóra da luz pública.  Mesmo así a voracidade empresarial non foi axeitadamente satisfeita polo que o novo fracaso levou á Xunta a facer os dous movementos habituais nestes casos: aumentar a contía a 225 millóns e alongar a concesión a 15 anos.   Tambén flexibilizaba las cláusulas económicas e concedía á adxudicataria "cómodos prazos para aportar os 14 millones destinados ás obras de ampliación do complexo" que eran a finalidade primeira desta privatización. Un negocio de 225 millóns de euros a cambio dun investimento de 14 en cómodos prazos. Nestas condicións Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) tivo a caridade de asumir tan pesada carga que é a que agora o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais impide.
Cales eran algunhas das críticas facía a conspícua Comisión Nacional da Competencia ás privatizacións sanitarias? 
  • "Participación alarmantemente reducida de empresas", 
  • Non "optar, sempre que sexa posibel, polo procedemento aberto nas licitacións, ao ser o más favorecedor en termos de competencia" 
  • "Evitar que a licitación de varios servizos nun único contrato reduza o número de posibeis adxudicatarios""
  • Non "adecuar a duración dos contratos ao tempo preciso para amortizar os posibeis investimentos".
Para quedar pampa da sorprendente similitude entre estas analíses e a privatización dos servizos do CHOU (falta de concorrencia, procedemento negociado sen publicidade, todos os servizos nun paquete e unha elevada duración do contrato)
Todo iso sen esquecer  os problemas que apuntaba o Informe en relación coa acceso privilexiado á información, o acortamento de prazos para que só as empresas "informadas" poidan presentar ofertas ou a omisión de criterios de calidade na atención aos doentes para medir a eficacia do servizo.
Fronte a estas evidencias o goberno Feijóo axita insistentemente a propaganda.  O certo é que unha boa parte do orzamento público de sanidade está hoxe en mans de empresas privadas sanitarias e construtoras. E o deterioro da atención pública é constante con reducións de persoal, material e prestacións alarmantes.

sábado, 15 de março de 2014

“Trade irritants”. Se irritan é porque proen



Anuncian a UE e EEUU a inminente sinatura da Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio (TTIP, nas siglas inglesas).  Un tratado de libre comercio co que avanza imparabel a demolición da arquitectura normativa de protección dos dereitos sociais, ambientais, de saúde pública e a súa protección xudicial.  Un acordo que asegura a barra libre ás grandes corporacións para realizar os seus negocios nun amplísimo marco xeográfico e que, posteriormente, buscará extenderse alén das fronteiras europeas e norteamericanas.  Un documento redactado con opacidade e en roldas segredas de negociación, feito denunciado por diversas organizacións europeas ante o Ombusdman e o Parlamento Europeo, e con implicacións sumamente perigosas como alertaron máis de 200 organizacións da sociedade civil europea.
Cunha linguaxe políticamente marcada as dúas partes puñan o foco nos denominados "trade irritants" (irritantes dos intercambios).  Que lles proía aos negociadores librecambistas?. Os irritantes dos intercambios xa non son hoxe os inofensivos aranceis que poden limitar a comercialización de productos noutros países. As grandes corporacións esixen o desmantelamento de todos os obstáculos, esencialmente normativos e administrativos, que poidan limitar a súa expansión.  O que lles proe é esencialmente a democracia é o que esixen é o desmantelamento da capacidade dos gobernos regular os mercados para defender intereses públicos (seguridade alimentar, tutela ambiental, sáude...).
O acordo busca abrir o gorentoso pastel da contratación pública ás empresas trasatlánticas e pon o foco sobre as "cargas" administrativas que poden obstaculizar os intercambios. Estas irritantes cargas xa teñen sido obxecto de ataque ao abeiro doutros tratados con claúsulas semellantes ás que agora se lle quer dar carta de natureza.  Así grandes corporacións como Chevron, Philip Morris ou Vatterfall usaron tratados con previsións equivalentes para esixir indemnizacións multimillonarias pola decisión de suprimir a enerxía nuclear en Alemania, a obriga de comercializar o tabaco sen publicidade de marca en Australia, a protección de espazos naturais frente á minaría ou o fracking en Canada ou a normativa limitando a presenza de substancias nocivas en produtos alimentares.  
O Far-West normativo está aqui e a UE, co coro de lacaios de EEUU facendo reverencias, ponlle tapete vermello a un asalto sen precedentes ao sistema democrático.
Un asalto á democracia que se consuma co establecemento dun mecanismo tóxico de resolución de discrepancias (investor-to-state dispute settlement) á marxe dos sistemas xudiciais estatais. Europa acepta incorporar un instrumento típico dos tratados de comercio con estados fallidos ou subdesenvolvidos sometidos que lle permite ás grandes corporacións denunciar as normas e decisións que entendan que poñen en perigo os seus investimentos esixindo estratosféricas indemnizacións.  Unhas denuncias que serían resoltas á marxe do sistema xudicial por avogados corporativos.
Un botón fai mostra para apreciar o alcance que pode ter este mecanismo extra-xudicial de resolución de conflitos.  A empresa sueca Vattenfall, que actualmente mantén aberto un asunto esixindo 700 millóns pola decisión alemá de 2011 de adiantar o peche das súas centrais nucleares, previamente litigara tamén contra Alemania demandando unha compensación de 1400 millones de euros polo establecemento de normas ambientais de restrición do uso e verquido de auga de refrixeración para as centrais térmicas de carbón que a compañía estaba construindo no río Elba afirmando que irían contra as seguridades dadas polas autoridades públicas obstaculizando a súa viabilidade económica. Este asunto pechouse en agosto de 2010 cun acordo segredo entre as partes e posteriormente organizacións ecoloxistas denunciaron unha relaxación dos estándares ambientais. 
Convirtamos pois aos perigosos trade irritants nun motivo de irritación cívica. Esta é unha das principais cuestións que está na axenda europea e, como lembraba Ramonet, a vontade cívica para frear este inmenso desafío ten que ser un elemento central no debate das próximas eleccións europeas.

SERMOS GALIZA 15.03.2014

quinta-feira, 6 de março de 2014

Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica



As Universidades galegas xa teñen nas súas páxinas o estudo que realicei logo de que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística entendera preciso avaliar a presenza do galego na actividade investigadora e propoñer medidas de mellora.  Con Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica tentamos estudar algúns dos problemas que presenta o uso do galego na actividade científica e dar chaves para introducir cambios que incrementen a moi reducida presenza do galego na investigación.  Nestes días sae tamén en papel.

Preme nalgunha destas ligazóns se queres consultalo:
USC 

domingo, 2 de fevereiro de 2014

Pokemon. Privatizacións e corrupción


Ilustración de Luis Davila  " O Bichero"

"¿Tenéis problemas?"
"Para extender nuestro poder más allá del espacio exterior" 
Lemas Pokemon

Cousas que confirma a instrucción do caso POKEMON
1. A privatización da xestión de servizos abre un campo gorentoso que fomenta as prácticas corruptas

2. A xestión privada non é máis eficiente, máis limpa, nin mellor para a cidadanía. O pago do beneficio empresarial e cazos varios necesariamente implica que os cartos de todas e todos acaban nos petos duns poucos e non en mellorar os servizos.

3. Os pasos dados polo PP para ampliar o campo da privatización (reforma local e servizos locais, sanidade...) blindándoa coa imposibilidade de aumentar gasto ou contratar empregados públicos só van multiplicar estas prácticas.

4. A liquidación que pretenden dos espazos de control político, contabel e cidadá (Parlamento galego, Consellos de Contas, Valedores) coa disculpa do aforro só están dirixidos a aumentar a opacidade. A ofensiva de Feijóo e Cospedal contra os Parlamentos autonómicos, o informe CORA que recomenda a demolición dos órganos de control ou a fusión dos organismos reguladores buscan unha combinación de inoperancia por colapso e facilitar coa unificación centralizada o control das grandes corporacións sobre eles.

5. O aumento das taxas xudiciais pecha o círculo da indefensión. O abono de 200 a 1200 euros na orde contencioso-administrativa é claramente disuasoria á hora do control das ilegalidades, arbitrariedades ou as desviacións de poder na adopción de decisións de privatizacións, contratacións...

terça-feira, 7 de janeiro de 2014

MONCLOA S.A. O Canal de Panamá como parábola



O caso do Canal de Panamá e a empresa SACYR volve a poñer enriba da mesa de xeito descarnado o modelo económico neoliberal do PP. Ministras que traballan de comerciais para as grandes corporacións, cartos públicos avalando a empresas privadas, chantaxes corporativas a países soberanos e privatización de instrumentos públicos. Unha posta ao servizo das grandes corporacións do entramado institucional e do orzamento nunha dinámica de espolio dos recursos públicos e socialización das perdas privadas.
Tan pronto saltou a noticia Ana Pastor, hai nada solícita rescatadora das perdas dos consorcios da banca e construtoras xestoras das autopistas madrileñas quebradas, convertiuse na dilixente comercial da construtora SACYR. O indisimulado carrusel xiratorio de executivos de grandes corporacións enganchados aos gobernos populares para traballar para os seus e nuns anos voltar ao mol colchón privado (Agustín Hernández, Guindos, Morenés, Güemes...) chucha sen tregua o orzamento público. As vacas flacas das grandes infraestruturas son substituídas pola ampliación do ámbito de negocio ao seguro mundo das concesións públicas en sectores que nunca han fallar (lixo, auga, sanidade, servizos sociais) e unha internacionalización con trazas coloniais.  Aí están os diarios oficiais para blindar de xeito perdurabel a cota de negocio. E onde estea unha boa concesión obtida por mecanismos pouco transparentes e inxustificadamente prolongada, como denuncia a nada sospeitosa Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia,  o falso ídolo da competencia pode ser sacrificado sen dor. 
O affaire panameño ten todos os ingredientes da política popular. Ao mesmo tempo que a ministra pastoril coidaba o pesebre soubemos que SACYR ten as costas ben cubertas para os seus incumprimentos por un seguro da empresa pública CESCE que avala os 400 millóns de dólares de fianza depositados polo consorcio construtor.  En definitiva, que se houber unha resolución do contrato a fianza pagaríase con cartos maioritariamente públicos.
Tirando un chisquiño do nobelo chegamos a que esta aseguradora, con capital maioritariamente público, está adicada a avalar o risco da internacionalización de empresas e que en 2012 tivo case 30 millóns de euros de beneficios. Mais o PP acaba de iniciar o ano emprendendo o proceso da súa privatización.  Desbaldindo instrumentos públicos entrega a cuarta maior aseguradora europea en seguro de crédito como gorentoso agasallo para o insaciabel sector financeiro.  
Para iso tivo que salvar o, pequeno, obstáculo de cambiar a normativa.  En menos de catro meses terá recorrido de xeito expeditivo e en petit comité o trámite parlamentar a Ley sobre cobertura por cuenta del Estado de los riesgos de la internacionalización de la economía española pola que se abre a porta a esa privatización dun instrumento da política económica exterior.  As empresas, abandeiradas do liberalismo para o que lles conven, seguirán emprendendo a aventura exterior con rede, unha cobertura do risco por conta do Estado. Mais os beneficios que poider xerar esa actividade de aseguramento serán agora aproveitados polas empresas privadas que xestionen o sistema facéndose coa maioría do capital de CESCE.  O proxecto de lei a piques de aprobarse garante que a "cobertura por cuenta del Estado de los riesgos asociados a la internacionalización se realizará a través de un Agente Gestor con quien se celebrará un Convenio de gestión sin que sea necesaria la naturaleza pública de aquel".  O paraíso neoliberal. Os nosos cartos aos servizo das súas aventuras empresariais co Estado como avalista, unha empresa pública rendibel privatizada e un benéfico anxo-xestor que cobrará unha remuneración por esta actividade que ata agora viña desenvolvéndose con beneficios no ámbito público.  A normativa tamén compromete a non competencia pública aplicando un principio de subsidiariedade polo que o Estado non poderá cubrir os riscos susceptibeis de ser cubertos pola iniciativa privada.
Moncloa S.A. está inmersa nun completo programa de reformas normativas, institucionais e territoriais para facilitar un control centralizado dos recursos públicos que acaban nese inmenso sumidoiro que son as empresas da contabilidade B dos papeis de Bárcenas. Mentres que o ministro Soria acompañaba a Repsol a Arxentina a defender os seus intereses comerciais, Repsol decidía contratar buques no extranxeiro sen ter en conta a difícil situación do sector naval. O capital non ten patria, pero si ten PPartido.

SERMOS GALIZA, 5.1.2014

domingo, 8 de dezembro de 2013

Servizos públicos e establecemento de solos de gasto para a garantía do Estado social no contexto de crise



A redución do gasto público para o control do déficit pon en risco o Estado social. A ausencia de solos de gasto social ou de determinación normativa de prestacións básicas garantidas sitúa aos dereitos sociais constitucionalmente protexidos nunha posición xurídica que pode, nun contexto como o actual, facelos irrecoñecibeis. Este traballo formula tamén as posibilidades dunha blindaxe prestacional que favoreza a garantía xudicial dos dereitos sociais que debería entroncar coa smart regulation que figura como unha das principais liñas de acción da UE para o ano 2012 desde una óptica contraria ao mantra neoliberal (para ler máis: Papeles de relaciones ecosociales y cambio global , Nº 117 2012, pp. 121-130 121)