O Observatorio de políticas ambientais realiza anualmente unha avaliación e análise das políticas, lexislación e xurisprudencia ambiental da UE, o estado e as todas as comunidades autónomas. As crónicas reflicten os principais cambios, sentenzas do TC e do TS constituindo un traballo de referencia para coñecermos a evolución das políticas ambientais. Neste enlace poden consultarse os distintos volumes e, en particular, o último en aberto que é o correspondente a 2013. Dende a primeira edición elaboro, ben soa ou en colaboración con J. Sanz Larruga da UdC, a crónica galega.
segunda-feira, 21 de julho de 2014
quinta-feira, 10 de julho de 2014
RECENTRALIZACIÓN. Información para federalistas e rupturistas
Só nas últimas semanas cambios normativos estatais ou sentenzas do Tribunal Constitucional ensanchan as competencias estatais reducindo ou dinamitando as autonómicas. En moitos casos a competencia estatal sobre as bases normativas é obxecto dunha ampliación desaforada amparando actividades de execución que inutilizan as competencias autonómicas. Noutros o suposto interese supraautonómico actúa como catalizador da competencia estatal.
-Comercio. Liberalización de horarios nas áreas declaradas como de gran afluencia turística polo estado. Autorización única con validez estatal. RDL 8/2014
-Banca. Regulación dun Imposto sobre os depósitos bancarios cun tipo moi reducido para desactivar os autonómicos xa regulados. RDL 8/2014
-Fracking. A prohibición autonómica non é unha norma adicional de protección ambiental. Invasión das competencias estatais. STC 24.6.2014
-Agricultura. Centralización da consulta para determinar a condición de organización agraria máis representativa e eliminación da posibilidade de o ser cun resultado importante nunha soa comunidade autónoma. Lei 12/2014.
-Axencias de avaliación universidades. Recoñecemento dunha competencia de execución estatal básica. STC 26.06.14
-Defensa da competencia. Eliminación da competencia executiva autonómica para autorizar concentracións empresariais nun mercado xeográfico definido. STC 26.06.2014
-Formación ocupacional. Recoñecemento de competencias executivas ao estado que invaden as competencias autonómicas. STC 88/2014.
terça-feira, 8 de julho de 2014
Democracia tan Agustín ou os problemas dos concelleiros non-electos en 10 puntos
- Porque chegamos aqui? Porque Gerardo Conde Roa, alcalde electo, foi condeado. Porque Albino Vázquez, Adrián Varela e Rebeca Domínguez dimitiron imputados. Porque sete concelleiros máis foron condeados cunha inhabilitación para o exercicio do cargo. Porque Paula Prado dimitiu para ser voceira do PP (cargo do que tamén dimitiu despois de aparecer nas conversas da Pokemon).
- Cantos concelleiros do PP quedaban? Catro (Currás -imputado-, Reyes Leis e L.Meijide e Rosende, ámbolos dous substitutos dalgún dos dimisionarios).
- Non quedaban persoas na candidatura que o PP presentou ás eleccións? Si. Desde o posto 18 ao 25 da lista máis os catro suplentes quedaban 11 persoas (restando unha falecida) para cubrir os 9 postos vacantes.
- Que di a Constitución? Artigo 140(...) Os concelleiros serán elixidos polos veciños do municipio mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, na forma establecida pola lei. Os alcaldes serán elixidos polos concelleiros ou polos veciños.
- Que cuestiona o BNG? A constitucionalidade do artigo 182 da Lei Orgánica Electoral (LOREG) que permite a existencia de concelleiros non electos.
- Porque? Porque as leis están sometidas á Constitución e resulta claro que esta non abre ningunha posibilidade para os concelleiros non seren elexidos directamente polos viciños mediante sufraxio directo.
- Porque é posibel que se declare a inconstitucionalidade do artigo 182 da LOREG? Porque o Tribunal Constitucional xa ten declarado inconstitucionais outras previsións en relación cos concelleiros non electos. Os concelleiros non electos non poden ser alcaldes (STC 125/2013, de 23 de mayo de 2013), nin tampouco ser membros da Xunta de Goberno local (STC 103/2013, de 25 de abril de 2013) porque se incumpriría o principio de lexitimación democrática destes postos e órganos.
- E logo porque se utilizou este artigo da LOREG ata agora? Porque ninguén cuestionou a constitucionalidade do nomeamento de concelleiros non electos.
- Para que se introduciu esta previsión na LOREG? Para poder cubrir as vacantes nos concellos afectados polo terrorismo. A brevísima Exposición de motivos da Lei que modificou a LOREG é nítida: “Hacer efectiva la voluntad política expresada por quienes tienen plena confianza en que el sistema democrático garantiza la adecuada convivencia de nuestra sociedad, y con ello el derecho que la Constitución otorga a todos los ciudadanos, obliga a modificar determinadas normas de nuestro ordenamiento jurídico de manera que se permita hacer realidad la decisión de aislar a los terroristas, garantizando una mayor eficacia en el uso de los recursos de los que puede disponer nuestro sistema político”.
- Dábase esa excepcionalidade en Santiago? Non. Agustín Hernández recoñeceu en declaracións públicas que a única razón para os 11 candidatos do PP votados pola cidadanía renunciar é o puro cálculo político e a conformación dun equipo nomeado a dedo entre persoas máis afíns.
| Declaracións de Agustín Hernández a La Voz de Galicia |
segunda-feira, 7 de julho de 2014
Crónica lexislativa de Galicia 2013 Revista Llengua i Dret
"En todas as frontes segue a producirse un profundo proceso de involución na protección do galego. Se o ensino segue sendo un ámbito moi preocupante cunha ofensiva dupla do goberno estatal e autonómico, o certo é que non existen moitos lugares solleiros para a lingua en 2013 se exceptuamos a boa nova do dominio .gal, curiosamente froito dunha iniciativa da sociedade civil".
Revista Llengua i Dret, n.61, xuño 2014
terça-feira, 1 de julho de 2014
Os datos do emprego público: menos empregados nos servizos públicos e os paradoxos da centralización na sombra
Se quixeramos facer un resumo dos datos do último Boletín Estadístico do Persoal ao servizo das Administracións públicas que se publica semestralmente (datos de xaneiro de 2014) podería ser o seguinte:
1. Segue o recorte de empregados nos servizos públicos ligados ao estado social (sanidade, universidades...). Malia un leve repunte no ensino non-universitario -debido a que varias Comunidades Autónomas fixeron convocatorias de emprego despois de varios anos de tapón con graves consecuencias nas escolas e institutos-, a sanidade, as universidades e, probablemente, os servizos sociais municipais perden empregados públicos.
2. Na distribución por niveis territoriais o emprego público estatal experimenta este ano un pequeno descenso que non impide que sexa o ámbito territorial con menores descensos en todo o período da crise. A Administración Xeral do Estado e organismos estatais apenas perderon 14.000 empregados desde 2009, un 5,8%; mentres que os Concellos perderon un 14% do emprego e as Comunidades Autónomas un 16%.
3. Curiosamente o persoal de xestión burocrática estatal sigue sendo superior ao de todas as comunidades autónomas xuntas. Se se separa do emprego público autonómico o elevado número de empregados encargados dos servizos públicos (sanidade, educación...) vese que as oficinas de ministerios, Axencia Tributaria, etc. ocupan a 220.000 efectivos en tanto que as oficinas autonómicas das 17 comunidades contan en total con 216.000 efectivos.
A que se dedican os 8831 empregados do ministerio de agricultura, sendo as competencias exclusivas das comunidades autónomas, ou os 6.562 empregados do ministerio de educación non docentes é un deses paradoxos dun estado descentralizado con altas doses de ficción entre o que din os Estatutos de Autonomía e a realidade centralizadora.
4. Os concellos, aínda que recuperan algo de emprego, seguen con case 80.000 empregados menos que en xaneiro de 2009 no momento cun pico de emprego máis elevado. Son case 14 puntos de descenso que pode ser atribuíbel aos recortes nas prestacións e servizos sociais municipais.
5. Nas universidades cae novamente o número de persoal (-3173), algo máis dun 2%, e o número de profesorado en réxime laboral (46.974) supera o número de profesorado funcionario (45.463). O avance da laboralización é un reflexo claro da precarización no emprego na docencia universitaria na que a taxa de reposición está xeneralizando a figura fraudulenta do profesor interino para cubrir necesidades estabeis.
6. Non hai estatísticas da temporalidade no emprego público nin dos contratos a tempo parcial en ámbitos, por exemplo, como a sanidade ou as universidades, que permitirían apreciar como as administracións públicas estan convertíndose nun nicho de precarización que as enmendas do proxecto de Lei de Racionalización do Sector público quere consolidar.
segunda-feira, 30 de junho de 2014
As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada
A reversibilidade dos dereitos sociais nun contexto de crise é unha mostra máis da necesidade de superar este marco constitucional. As prestacións sociais son hoxe coma un acordeón cun fol que abre ou pecha ao arbitrio das reformas lexislativas e orzamentarias e sen o amparo constitucional que teñen outras previsións que comprometen o orzamento, caia quen caia, como é o pago da débeda do artigo 135. Por iso é preciso camiñar cara unha blindaxe dos dereitos sociais co principio de non regresión como guía.
En 1998 a Lei da Xurisdicción Contencioso-Administrativa daba un paso adiante no control da actividade administrativa permitindo a fiscalización xudicial da inactividade da Administración. Xa non só se podía demandar a revisión de decisións administrativas senon tamén a ausencia de actividade. Porén ese control xudicial estaba sometido a uns condicionantes que limitan o exercicio dos recursos. Só as prestacións incondicionadas poden ser obxecto de reclamación (ex. un complemento retributivo recoñecido, unha praza nun centro de día asignada, unha bolsa concedida).
- Artículo 29. 1. Cando a Administración, en virtude dunha disposición xeral que non precise de actos de aplicación ou en virtude dun acto, contrato ou convenio administrativo, estea obrigada a realizar unha prestación concreta en favor dunha ou varias persoas determinadas, quen tivera dereito a ela pode reclamar da Administración o cumprimento desa obriga. Se no prazo de tres meses desde a data da reclamación, a Administración non tivera dado cumprimento ao solicitado ou non tivera chegado a un acordo cos interesados, estes poden deducir recurso contencioso-administrativo contra a inactividade da Administración.
A lexislación que regula prestacións sociais con moita frecuencia evita a fixación de prestacións ou estándares de prestación concretos e deste xeito é complicado reclamar frente á inactividade. Se as normas non establecen parámetros de cumprimento incondicionados (número de prazas comprometidas; dereito a unha determinada prestación se se cumpren uns requisitos establecidos; distancia máxima dos servizos públicos -sanitarios, educativos-; contía fixa da prestación...) é fácil que as prestacións sociais ensuman...por inanición. Se non hai un recoñecemento legal dun dereito a ter a escola nun radio de proximidade preestablecido, a gozar dunha bolsa sempre que se conte cuns determinados requisitos, ao salario da liberdade se hai unha situación de violencia de xénero, o simple cambio de destino dos orzamentos pode facer retroceder décadas as prestacións e dereitos sociais. O PP na inmensa operación de derrubo do estado social está reducindo á súa mínima expresión as prestacións deixando no esquelete os dereitos sociais cun, só teórico, recoñecemento constitucional.
Mais o mesmo PP campión do recorte social ten feito movementos para blindar certas prestacións no eido social. Prestacións que serán esixibeis xudicialmente e que se garanten orzamentariamente, mesmo comprometendo orzamentos alleos (os das comunidades autónomas onde non gobernan).
A LOMCE garante, e un decreto desenvolverao cun rapidez, que as persoas que queiran recibir educación monolingüe en castelán, saltándose a normativa educativa autonómica onde haxa un modelo de inmersión, poderán reclamar o pago do ensino na rede privada. Igualmente Feijóo, nunha medida que se enmarca nesa operación de privatización da sanidade que leva a que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización sanitaria, promoveu unha Lei de Garantías Sanitarias que non é outra cousa que un artificio para desviar doentes ás privadas. Cando a lista de agarda supere unha determinada duración recoñécese un dereito á asistencia sanitaria...na privada.
O PP, en definitiva, non garante dereitos sociais, blinda o gasto público na educación e sanidade privada.
Sermos Galiza 27.06.2014
Sermos Galiza 27.06.2014
sexta-feira, 23 de maio de 2014
A galiña, o ovo, a privatización e a desfeita. "Depende de ti"
A Conselleira de Facenda vainos poñendo sobre aviso de novos recortes nos servizos públicos dicindo que as prestacións básicas están en perigo. Como non podía ser menos non é culpa das decididas políticas PPopulares de privatización e recorte de dereitos que fan que Galiza sexa, por exemplo, a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización da súa sanidade. A culpa é da teimosa tendencia galega a dispersarse polo territorio e a non menos teimuda tendencia a envellecer.
Esquece a conselleira o desbaldimento de recursos públicos na privatización do servizo de esterilización (160 millóns de euros), na contratación de alta tecnoloxía sanitaria (73 millóns que poden chegar a 200 co canon), na privatización dos servizos do CHOU (225 millóns de euros), na construcción do hospital de Vigo coa fórmula público-privada (+1100 millóns de sobre-custe).
Non se lembra tampouco de que foron eles os que puxeron en risco as prestacións básicas coas póliticas de desmantelamento de servicios sociais como consecuencia da Lei de Sostibilidade e Reforma local que vai eliminar servizos municipais de axuda no fogar, escolas infantís, centros de día, atención a mulleres maltratadas ou atención a situacións de emerxencia social como denunciou insistentemente o BNG.
Vellos e dispersión xeográfica son o ovo ou a galiña? O envellecemento poboacional e a existencia de moitos núcleos, cada vez menos, poboados é a causa de que os servizos básicos estean en risco? Ou temos cada vez menos xente nova e unha estrutura territorial máis difícil de atender pola ausencia de políticas activas que ordenen o territorio e xeren empregos?
Temos unha poboación envellecida porque no canto de políticas que activen os nosos sectores produtivos (agro, pesca, monte, industria, naval) queren que vivamos de ser un parque temático subvencionado por desmantelar os seus sectores produtivos. Porque no canto de investir en innovación, reducen o gasto público en I+D e perden a metade dos cartos do Fondo tecnolóxico. Porque no canto ter unha rede de servizos e prestacións públicas que creen emprego, melloren a calidade de vida da xente e favorezan a natalidade, desmantelan os servizos. Temos unha poboación envellecida, en fin, porque a xente moza (máis de 100.000 nos últimos cinco anos) ten que montar a súa vida en Madrid, Londres, México DF ou Hamburgo, porque aqui non ten futuro.
Temos unha dispersión xeográfica que non se vai solucionar sen política de ordenación do territorio coordenada coa de infraestruturas, servizos, urbanística. Que non se vai corrixir coa centralización provincial dos servizos nas deputacións, da xustiza coa reforma da planta xudicial. Sen políticas activas que mobilicen as terras como pretendía o Banco de Terras.
Temos un país que precisa algo máis que un goberno que nos diga que facer fillos/as depende de nós.
Depende de nós frear tanta desfeita.
terça-feira, 22 de abril de 2014
segunda-feira, 7 de abril de 2014
CHOU. A privatización que non cesa
A decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales de paralizar o macroconcurso para a privatización da xestión de servizos na sanidade pública no hospital de Ourense pon só un punto e seguido no insistente rumbo de privatización da sanidade en Galiza. Punto porque impide seguir adiante con esta contratación en concreto. E seguido porque a Xunta de Galicia manifestou que só será unha parada para coller impulso e que procederá rápidamente á división en tres contratos para continuar coa privatización (limpeza, seguridade e mantemento).
A contratación privada da alta tecnoloxía sanitaria, os laboratorios, unha boa parte da atención sanitaria na área de Vigo, o desvio das urxencias e a atención ás listas de agarda (que logo chegará como consecuencia da recente aprobación da Lei de Garantías Sanitarias) son só algúns dos anacos máis recentes do inxente pastel que ten situada xa a Galiza á cabeza das comunidades autónomas na privatización sanitaria só detrás de Madrid e Cataluña.
O caso do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) é ben significativo xa que presenta unha boa parte dos problemas que se sinalaban no Informe da Comisión Nacional da Competencia sobre a privatización sanitaria en relación coas privatizacións sanitarias. A nada sospeitosa Comisión Nacional da Competencia sinalaba que unha boa parte dos procesos de privatización da xestión da sanidade pública encubrían prácticas opacas nas que claramente se albiscaban concursos amañados e nulos beneficios en termos de calidade asistencial.
Sucesivamente as empresas forzaron que o concurso de 150 millóns de euros do CHOU quedara deserto nun primeiro momento para pasar ao procedemento negociado sen publicidade fóra da luz pública. Mesmo así a voracidade empresarial non foi axeitadamente satisfeita polo que o novo fracaso levou á Xunta a facer os dous movementos habituais nestes casos: aumentar a contía a 225 millóns e alongar a concesión a 15 anos. Tambén flexibilizaba las cláusulas económicas e concedía á adxudicataria "cómodos prazos para aportar os 14 millones destinados ás obras de ampliación do complexo" que eran a finalidade primeira desta privatización. Un negocio de 225 millóns de euros a cambio dun investimento de 14 en cómodos prazos. Nestas condicións Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) tivo a caridade de asumir tan pesada carga que é a que agora o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais impide.
Cales eran algunhas das críticas facía a conspícua Comisión Nacional da Competencia ás privatizacións sanitarias?
- "Participación alarmantemente reducida de empresas",
- Non "optar, sempre que sexa posibel, polo procedemento aberto nas licitacións, ao ser o más favorecedor en termos de competencia"
- "Evitar que a licitación de varios servizos nun único contrato reduza o número de posibeis adxudicatarios""
- Non "adecuar a duración dos contratos ao tempo preciso para amortizar os posibeis investimentos".
Para quedar pampa da sorprendente similitude entre estas analíses e a privatización dos servizos do CHOU (falta de concorrencia, procedemento negociado sen publicidade, todos os servizos nun paquete e unha elevada duración do contrato)
Todo iso sen esquecer os problemas que apuntaba o Informe en relación coa acceso privilexiado á información, o acortamento de prazos para que só as empresas "informadas" poidan presentar ofertas ou a omisión de criterios de calidade na atención aos doentes para medir a eficacia do servizo.
Fronte a estas evidencias o goberno Feijóo axita insistentemente a propaganda. O certo é que unha boa parte do orzamento público de sanidade está hoxe en mans de empresas privadas sanitarias e construtoras. E o deterioro da atención pública é constante con reducións de persoal, material e prestacións alarmantes.
sábado, 15 de março de 2014
“Trade irritants”. Se irritan é porque proen
Anuncian a UE e EEUU a inminente sinatura da Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio (TTIP, nas siglas inglesas). Un tratado de libre comercio co que avanza imparabel a demolición da arquitectura normativa de protección dos dereitos sociais, ambientais, de saúde pública e a súa protección xudicial. Un acordo que asegura a barra libre ás grandes corporacións para realizar os seus negocios nun amplísimo marco xeográfico e que, posteriormente, buscará extenderse alén das fronteiras europeas e norteamericanas. Un documento redactado con opacidade e en roldas segredas de negociación, feito denunciado por diversas organizacións europeas ante o Ombusdman e o Parlamento Europeo, e con implicacións sumamente perigosas como alertaron máis de 200 organizacións da sociedade civil europea.
Cunha linguaxe políticamente marcada as dúas partes puñan o foco nos denominados "trade irritants" (irritantes dos intercambios). Que lles proía aos negociadores librecambistas?. Os irritantes dos intercambios xa non son hoxe os inofensivos aranceis que poden limitar a comercialización de productos noutros países. As grandes corporacións esixen o desmantelamento de todos os obstáculos, esencialmente normativos e administrativos, que poidan limitar a súa expansión. O que lles proe é esencialmente a democracia é o que esixen é o desmantelamento da capacidade dos gobernos regular os mercados para defender intereses públicos (seguridade alimentar, tutela ambiental, sáude...).
O acordo busca abrir o gorentoso pastel da contratación pública ás empresas trasatlánticas e pon o foco sobre as "cargas" administrativas que poden obstaculizar os intercambios. Estas irritantes cargas xa teñen sido obxecto de ataque ao abeiro doutros tratados con claúsulas semellantes ás que agora se lle quer dar carta de natureza. Así grandes corporacións como Chevron, Philip Morris ou Vatterfall usaron tratados con previsións equivalentes para esixir indemnizacións multimillonarias pola decisión de suprimir a enerxía nuclear en Alemania, a obriga de comercializar o tabaco sen publicidade de marca en Australia, a protección de espazos naturais frente á minaría ou o fracking en Canada ou a normativa limitando a presenza de substancias nocivas en produtos alimentares.
O Far-West normativo está aqui e a UE, co coro de lacaios de EEUU facendo reverencias, ponlle tapete vermello a un asalto sen precedentes ao sistema democrático.
Un asalto á democracia que se consuma co establecemento dun mecanismo tóxico de resolución de discrepancias (investor-to-state dispute settlement) á marxe dos sistemas xudiciais estatais. Europa acepta incorporar un instrumento típico dos tratados de comercio con estados fallidos ou subdesenvolvidos sometidos que lle permite ás grandes corporacións denunciar as normas e decisións que entendan que poñen en perigo os seus investimentos esixindo estratosféricas indemnizacións. Unhas denuncias que serían resoltas á marxe do sistema xudicial por avogados corporativos.
Un botón fai mostra para apreciar o alcance que pode ter este mecanismo extra-xudicial de resolución de conflitos. A empresa sueca Vattenfall, que actualmente mantén aberto un asunto esixindo 700 millóns pola decisión alemá de 2011 de adiantar o peche das súas centrais nucleares, previamente litigara tamén contra Alemania demandando unha compensación de 1400 millones de euros polo establecemento de normas ambientais de restrición do uso e verquido de auga de refrixeración para as centrais térmicas de carbón que a compañía estaba construindo no río Elba afirmando que irían contra as seguridades dadas polas autoridades públicas obstaculizando a súa viabilidade económica. Este asunto pechouse en agosto de 2010 cun acordo segredo entre as partes e posteriormente organizacións ecoloxistas denunciaron unha relaxación dos estándares ambientais.
Convirtamos pois aos perigosos trade irritants nun motivo de irritación cívica. Esta é unha das principais cuestións que está na axenda europea e, como lembraba Ramonet, a vontade cívica para frear este inmenso desafío ten que ser un elemento central no debate das próximas eleccións europeas.
SERMOS GALIZA 15.03.2014
SERMOS GALIZA 15.03.2014
Subscrever:
Mensagens (Atom)



+16.44.55.png)

+13.21.04.png)
+13.56.51.png)




