quarta-feira, 17 de dezembro de 2014
Crónica Llengua i Dret do primeiro semestre de 2014
Xa está aqui un novo número da revista Llengua i Dret. Por se é do voso interese deixo o enlace á miña crónica (http://revistes.eapc.gencat.cat/index.php/rld/article/view/10.2436-20.8030.02.86/pdf).
Na crónica sobre GZ que fago desde hai uns anos este sería o resumo: "A contraposición entre as iniciativas positivas da sociedade civil (ILP ensino portugués, dominio punto gal) e a persistencia do goberno galego por actúar tan só para reducir a presenza do galego (exención da materia de lingua galega, instrución para limitar o alcance do condicionado lingüístico nas subvencións) exemplifica o estado no que se atopa a lingua galega neste periodo".
terça-feira, 2 de dezembro de 2014
PODEMOS UNIRNOS Á TRUNFANTE MODA DA DESREGULACIÓN. O MANTRA DA ELIMINACIÓN DE AUTORIZACIÓNS.
"De este modo, la Ley de Economía Sostenible viene a continuar
el esfuerzo de remoción de obstáculos administrativos iniciado con las normas
de transposición de la Directiva de Servicios, pero, además, asume la necesidad
de incidir en otros aspectos que resultan en la actualidad negativos para la
situación de nuestra economía o que son susceptibles de simplificación y
agilización" Lei de Económia Sostible aprobada a iniciativa do PSOE
"Finalmente, esta lei aproveita para seguir impulsando un marco regulatorio eficiente
para as actividades económicas que simplifique a lexislación existente, elimine
regulacións innecesarias, estableza procedementos máis áxiles e minimice as cargas
administrativas. A maior parte das barreiras e obstáculos á unidade de mercado
elimínanse adoptando criterios de boa regulación económica". Lei de Garantía de Unidade de Mercado aprobada a iniciativa do Partido Popular
"También hay que realizar reformas administrativas que eliminen al máximo de lo posible los costes innecesarios que produce el mal funcionamiento de la administración. Tal y como ocurre en otros muchos países, es preferible y mucho más económico el control ex post que el previo al que la burocracia somete a la creación de empresas". Programa Económico de Podemos
Sorprendida porque o Programa Económico de Podemos se una á triunfante moda da supresión de controis administrativos preventivos (autorizacións) e reclame, sen matices ou límites, que o control de actividades se faga fundamentalmente a través de inspeccións (control ex post) creo que compre lembrar algúns dos efectos que esas, discutibeis, afirmacións teñen. Choca que o "mal funcionamento da administración" se identifique co control preventivo de actividades mentres se esquece aínda que só fora unha mención, por exemplo, ao papel das deputacións ou de ministerios en ámbitos nos que a Constitución non lle reserva competencias ao Estado.
Nun momento en que o Tratado Trasatlántico UE-USA ameaza rematar cos escasos bastións normativos e administrativos de protección dos dereitos sociais, ambientais, de seguridade laboral, alimentar, que aínda podemos conservar, o proceso de supresión de autorizacións que provocou a Directiva Bolkestein é a irmán maior do TIPP.
PORQUE?
Co pretexto de incorporar a Directiva europea de Servizos -a contundentemente combatida polos sindicatos e a esquerda europea Directiva Bolkestein-, o PSOE e o PP impulsaron un intenso proceso de desrregulación do
control de actividades cunha interpretación extensiva que desbordou a norma
europea estendéndoa a actividades que non son de servizos (industria, dominio
público, licenzas de obras).
Este proceso liquidou todos os
controis preventivos realizados mediante licenzas nun enorme abano de actividades. A excusa de facilitar a posta en marcha de
actividades reducindo as cargas administrativas facilita unha deconstrucción
intensa dos mecanismos de vixianza do cumprimento da normativa de seguridade,
protección do patrimonio, riscos laborais, medio ambiente, protección dos
consumidores ou ruidos que se realizaba durante a tramitación das licenzas
administrativas. Xa non haberá quen mire se o local está insonorizado, se o asilo ten os metros cuadrados e persoal médico preciso, se o taller de reparación de vehículos tira o aceite usado no alcantarillado antes de autorizar a apertura.
COMO?
O control administrativo desprázase ao momento en que a
actividade xa está en funcionamento, por tanto é un control correctivo mediante
inspeccións e non preventivo. O inicio
da actividade farase mediante comunicacións previas que son un documento polo
que o interesado pon en coñecemento da administración que vai iniciar unha
actividade e se compromete a cumprir a normativa. A administración non poder realizar actos de
comprobación inicial e limítase a recibir esa comunicación.
QUE ACTIVIDADES?
Nos últimos anos as medidas adoptadas polo PSOE, reforzadas polo PP e que agora Podemos parece que quere camiñar na mesma dirección teñen conducido a que a maioría dos establecementos comerciais; talleres de reparación; aloxamentos turísiticos; servizos sociais
(escolas infantís, centros de día); pequenas granxas ou canceiras ou
veterinarias; garaxes...poidan abrir sen necesidade de agardar a unha comprobación previa do seu impacto e das condicións de seguridade, ambientais...
Actividades que poden dirixirse a poboación sensible (crianzas,
anciáns), producir ruídos ou cheiros;
ocasionar perigos á saúde.
PROBLEMAS
1. Desaparece a prevención
O control, con carácter xeral, non vai ser preventivo
senón pola vía da inspección. As actividades comezan a funcionar sen máis que
comunicarllo á administración e se esta quixer saber se cumple realmente os
requisitos (seguridade, ambientais, saúde...) deberá realizar inspeccións.
2. Non hai persoal inspector
Moitas administracións non teñen persoal habilitado para realizar os
únicos controis que caberían que serían mediante inspeccións (control ex post). A inexistencia de
inspectores en moitas Administracións está levando a que como alternativa se
recurra en entidades colaboradoras de control técnico para facer este labor. O
PP favorece con este cambio a privatización “de facto” do control de
actividades. Todo iso sen regular a este
tipo de entidades co que pode haber prácticas de falta de independencia con
respecto ás empresas inspeccionadas.
3. Inseguridade xurídica para as persoas emprendedoras
Para as persoas que queran montar unha actividade este cambio
provócalles máis inseguridade xurídica. Comezarán a funcionar interpretando a
normativa e comprometéndose a cumprila pero poden atoparse que unha vez en
funcionamento a administración aprecie
que hai incumprimentos e ordee a clausura ou paralización da actividade. Ao non ter unha licenza na que a
administración fixe as condicións de funcionamento é o interesado o que debe
ter a dilixencia de saber se está en regra. Se houber unha inspección na que se
detectan incumprimentos pode verse obrigado a duplicar gastos, devolver axudas
por non ter disposto desa información como sucedía cando se abría mediante
licenza.
4. Recorte dos dereitos de participación veciñal
Os veciños e veciñas que poidan verse afectados pola actividade
perden dereitos de participación e control. Xa non hai un procedemento
administrativo de licenza no que realizar alegacións ou ser chamados a un
periodo de información pública antes de que abra a instalación. Se teñen queixas (ruidos, cheiros, fumes,
seguridade, aparcamento) como a Administración non tivo intervención na posta en marcha e non terá
responsabilidade. Só lles caberá denuncialo ao concello pero a potestade
inspectora iníciase de oficio pola administración polo que pode que reciban o
silencio por resposta.
5. Falta de documentación para o control de actividades
A Administración tampouco contará en moitos casos con documentos que
antes acompañaban ás solicitudes que lle permitían controlar o alcance da
actividade.
6. Tesourada aos ingresos municipais
Os ingresos por licenzas pérdense.
Modificouse a Lei de Facendas Locais para poder cobrar os controis de
funcionamento (inspeccións) mais a caída en picado de ingresos está garantida. As inspeccións van ser ocasionais e non
xeralizadas, como eran as licenzas de apertura, e, ademáis, poden ser o paso
previo a un procedemento sancionador polo que vai resultar moi impopular cobrar
polas inspeccións.
CONSECUENCIAS
Se houber problemas graves de incumprimento só van ser
detectados nun momento tardío e, xeralmente, cando se produza algún
acontecemento grave que permita detectalo.
A desprotección de valores que protexían as licenzas de xeito preventivo
(saúde, seguridade, medio ambiente, protección do patrimonio, dereitos dos
consumidores...)
domingo, 26 de outubro de 2014
Cemento e fábricas ou litoral para o goce público? Que se agocha detrás dos cambios na normativa de Costas
A reforma da normativa de Costas, apresuradamente
impulsada polo Partido Popular xunto con outras reformas de Cañete para reducir
a protección ambiental, desprotexe de xeito contundente os espazos costeiros.
Praias, dunas, esteiros...volven estar ameazados por uns cambios que supoñen
unha marcha atrás de trinta anos e provocan unha profunda inseguridade
xurídica. A cultura do cemento sae
triunfante e os espazos virxes e protexidos dos que nós gabamos e gozamos poden
ser pronto unha foto do pasado.
A desprotección avanza de varios xeitos. Por un lado cámbiase a propia
definición do que se entende por dominio público marítimo-terrestre, ou dito
doutro xeito do que é o espazo costeiro de goce público e gratuito. A costa, entendida ata agora por aquel
espazo ao que chega o mar nos máximos temporais coñecidos, coa reforma fixarase
atendendo aos temporais que ocorreran cando menos cinco veces nos últimos cinco
anos. Un prazo temporal demasiado
pequeno desde o punto de vista metereolóxico e técnico e que non tén en conta
os efectos do cambio climático nas dinámicas das mareas. A consecuencia primeira disto é que se
reabre o complexísimo procedemento de deslindar os terreos públicos e privados
permitindo recuperar a propiedade privada sobre espazos agora protexidos e, por
tanto, urbanizar moito máis achegado á liña de mar.
Elimínase tamén a inclusión no dominio público
das dunas “mortas” definidas como as que están máis alá do “límite que resulte
necesario para garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa”. Abrése asi a porta á urbanización en
complexos dunares como os de Limens, Barra, A Lanzada, Areabrava, Corrubedo, as
Furnas, Ancoiradoiro, Louro, Carnota, Trece, Traba, Baldaio, Doniños, San
Xurxo, Valdoviño, Santa Marta de Ortigueira, Viveiro ou Foz, simplemente con
demostrar que non periga a estabilidade da praia avanzando a liña que pode ser
de propiedade privada. Redúcese
tamén notablemente a protección das praias urbanas nas que se poderán ampliar
as instalacións hoteleiras (chiringuitos), establecer outros usos (ex.
instalacións deportivas) ou realizar actividades turísticas e espectáculos de
diverso tipo.
Xunto a esa redución do que se entende por
dominio público e a desproteción de tramos de costa como os urbanos, a lei
inclue unha amnistía pola que de
xeito totalmente arbitrario exclue do dominio público unha serie de núcleos de
poboación e a Illa de Formentera –na que ten fortes intereses económicos o
ex-ministro do PP Abel Matutes-.
Entre estes núcleos están o galego de Moaña pero quedan en cambio sen
resolver os problemas existentes en asentamentos tradicionais na costa noutros
puntos como Marín ou a Illa de Arousa, nunha clara mostra da aleatoriedade e
ausencia dun criterio transparente para esa amnistía e as sospeitas de
intereses pouco limpos. Ábrese
ademáis con ese precedente a espita a novas amnistías.
O segundo grande eixo de redución de protección
da costa realízase pola vía do cambio efectuado nas condicións para o uso do
dominio público por parte de particulares e empresas. A posibilidade de usar privativamente a costa para
actividades industriais e económicas (fábricas, hoteis, piscifactorías,
conserveiras...) ou para usos residenciais, impedindo o uso común xeral
gratuíto e público de toda a cidadanía, facilítase e alóngase. As concesións para o uso excluínte de
espazos costeiros, que son de todos e todas e estaban a punto de caducar en
2018, poderán prorrogarse dándolles un carácter que previsibelmente as fará
perpétuas. Prórrogas de ata
setenta e cinco anos máis que consolidan “de facto” a apropiación privada de
terreos públicos porque dificilmente será reversibel unha situación consolidada
por un uso continuado e ininterrumpido que durará, finalmente, máis dun século.
Esta contra-reforma privatizadora do litoral é a
que pode permitir a ENCE consolidar a súa posición na ría de Pontevedra logo de
perder xudicialmente contra asociacións cidadás APDR e Salvemos Pontevedra ou contra
o Concello de Pontevedra distintos xuizos sobre a súa irregular ubicación e os
intentos de amparala mediante subterfuxios diversos e escuros entramados
familiares entre responsabeis da Xunta e a empresa.
Acompaña toda esta desfeita unha preocupante recentralización
competencial dándolle un limitado valor aos informes autonómicos para a
decisión da continuidade de actividades económicas e industriais na costa e
impedindo o exercicio das competencias estatutarias en relación coa ordenación
do territorio. Intromisións
intolerabeis nas competencias autonómicas que fixeron que Asturias, País Vasco,
Cataluña, Andalucía e Canarias recorreran ante o Tribunal Constitucional esta
norma mentres o goberno Feijóo observa cómplice como se produce un auténtico
atentado á protección dos valores ambientais da costa e ás competencias
autonómicas sen sequera unha crítica.
quinta-feira, 4 de setembro de 2014
Crise e emprego público: machadazo nos servizos de benestar das administracións autonómica e local
O inmenso impacto das políticas neoliberais de recorte nos servizos públicos no emprego público permite visibilizar de forma gráfica a magnitude dos recortes. Algúns datos, engadidos a outras xa publicados aqui en distintas ocasións, que teñen moito que ver coa imposición centralizada dunha limitadísima taxa de reposición de efectivos como un mecanismo de control, poden poñer de manifesto o alcance desta política de derrubo dos servizos públicos.
Unha recente publicación do Banco de España aproxima datos sobre o impacto da crise no emprego público.
Aproximadamente o 50% do emprego público perdido na crise concéntrase na educación, sanidade e servizos sociais. Dentro destes tres sectores a educación é a que sae pior parada co 56% do recorte, se ben é previsibel que o impacto da reforma local reduza a curto prazo aínda máis o emprego público en servizos sociais. Non obstante no periodo 2007-2013 en educación, por exemplo, os cambios normativos para aumentar o número de horas traballadas fan que cunha contracción do emprego do 5,3% haxa un 1,5% máis de horas traballadas.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402.
Outro dato relevante, especialmente nos últimos anos (2012-13), é que a maior contracción do emprego dase, principalmente, nas administracións autonómicas e, en porcentaxes algo inferiores, nas administracións locais. Este dato é coherente co feito de ser de competencia autonómica os servizos ligados ao benestar que tanto teñen sofrido nesta etapa. 2013 foi un annus horribilis para o emprego nos servizos públicos de benestar autonómicos e o axuste parece non rematar.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402
Entre 2013-13 o 85% da redución do emprego público é nas Administracións autonómicas e locais. No emprego público galego os datos dispoñibeis do IGE indican que entre 2009 e 2014 perdéronse sobre 2000 empregos en sanidade e 1500 postos docentes non universitarios.
Tamén ten interese saber que o recorte no emprego faise por dúas vías. Por un lado coa limitación no acceso. Isto é, non repoñendo ou facéndoo nunha porcentaxe ínfima (excepto en defensa) as vacantes por xubilación ou baixas definitivas. E en segundo lugar aniquilando o emprego temporal existente ata o momento. De feito este periodo de crise ten suposto un recorte do 37% das prazas temporais que tiñan as administracións públicas.
Mentres que o recorte en educación pública ten unha correspondencia nun aumento do emprego na educación privada, os recortes en sanidade e servizos sociais non provocan un aumento no emprego neses sectores. As fortes dificultades que están pasando moitas familias parecen levar, por tanto, a unha redución na calidade de vida renunciando a tratamentos, escolas infantís, atención en centros de día ou residencias para anciáns e a un claro retroceso dos dereitos sociais.
Fonte: MONTESINOS, PÉREZ, RAMOS; El empleo de las Administraciones públicas en España: caracterización y evolución durante la crisis. Banco de España 2014, documento ocasional 1402
Os efectos destes recortes en persoal xa se están percibindo no aumento das listas de agarda sanitarias, o peche de unidades escolares e sanitarias, o deterioro da calidade na atención a estudantes, doentes e dependentes.
No caso das universidades un estudo da CRUE é revelador en canto a outro efecto preocupante. O envellecemento dos cadros de persoal. No caso galego o 50% do profesorado xa ten máis de 50 anos. Só o 15% está por baixo dos 40 (e estes nunhas condicións laborais precarias con contratos de interinidade, soldos baixos e sen perspectivas de mellora). As repercusións da falta de renovación do cadro de persoal hanse percibir en breve e moi especialmente na actividade investigadora e na innovación.
Fonte: MICHAVILA, F., La Universidad española en cifras 2012, CRUE
segunda-feira, 21 de julho de 2014
Observatorio de políticas ambientais 2013
O Observatorio de políticas ambientais realiza anualmente unha avaliación e análise das políticas, lexislación e xurisprudencia ambiental da UE, o estado e as todas as comunidades autónomas. As crónicas reflicten os principais cambios, sentenzas do TC e do TS constituindo un traballo de referencia para coñecermos a evolución das políticas ambientais. Neste enlace poden consultarse os distintos volumes e, en particular, o último en aberto que é o correspondente a 2013. Dende a primeira edición elaboro, ben soa ou en colaboración con J. Sanz Larruga da UdC, a crónica galega.
quinta-feira, 10 de julho de 2014
RECENTRALIZACIÓN. Información para federalistas e rupturistas
Só nas últimas semanas cambios normativos estatais ou sentenzas do Tribunal Constitucional ensanchan as competencias estatais reducindo ou dinamitando as autonómicas. En moitos casos a competencia estatal sobre as bases normativas é obxecto dunha ampliación desaforada amparando actividades de execución que inutilizan as competencias autonómicas. Noutros o suposto interese supraautonómico actúa como catalizador da competencia estatal.
-Comercio. Liberalización de horarios nas áreas declaradas como de gran afluencia turística polo estado. Autorización única con validez estatal. RDL 8/2014
-Banca. Regulación dun Imposto sobre os depósitos bancarios cun tipo moi reducido para desactivar os autonómicos xa regulados. RDL 8/2014
-Fracking. A prohibición autonómica non é unha norma adicional de protección ambiental. Invasión das competencias estatais. STC 24.6.2014
-Agricultura. Centralización da consulta para determinar a condición de organización agraria máis representativa e eliminación da posibilidade de o ser cun resultado importante nunha soa comunidade autónoma. Lei 12/2014.
-Axencias de avaliación universidades. Recoñecemento dunha competencia de execución estatal básica. STC 26.06.14
-Defensa da competencia. Eliminación da competencia executiva autonómica para autorizar concentracións empresariais nun mercado xeográfico definido. STC 26.06.2014
-Formación ocupacional. Recoñecemento de competencias executivas ao estado que invaden as competencias autonómicas. STC 88/2014.
terça-feira, 8 de julho de 2014
Democracia tan Agustín ou os problemas dos concelleiros non-electos en 10 puntos
- Porque chegamos aqui? Porque Gerardo Conde Roa, alcalde electo, foi condeado. Porque Albino Vázquez, Adrián Varela e Rebeca Domínguez dimitiron imputados. Porque sete concelleiros máis foron condeados cunha inhabilitación para o exercicio do cargo. Porque Paula Prado dimitiu para ser voceira do PP (cargo do que tamén dimitiu despois de aparecer nas conversas da Pokemon).
- Cantos concelleiros do PP quedaban? Catro (Currás -imputado-, Reyes Leis e L.Meijide e Rosende, ámbolos dous substitutos dalgún dos dimisionarios).
- Non quedaban persoas na candidatura que o PP presentou ás eleccións? Si. Desde o posto 18 ao 25 da lista máis os catro suplentes quedaban 11 persoas (restando unha falecida) para cubrir os 9 postos vacantes.
- Que di a Constitución? Artigo 140(...) Os concelleiros serán elixidos polos veciños do municipio mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, na forma establecida pola lei. Os alcaldes serán elixidos polos concelleiros ou polos veciños.
- Que cuestiona o BNG? A constitucionalidade do artigo 182 da Lei Orgánica Electoral (LOREG) que permite a existencia de concelleiros non electos.
- Porque? Porque as leis están sometidas á Constitución e resulta claro que esta non abre ningunha posibilidade para os concelleiros non seren elexidos directamente polos viciños mediante sufraxio directo.
- Porque é posibel que se declare a inconstitucionalidade do artigo 182 da LOREG? Porque o Tribunal Constitucional xa ten declarado inconstitucionais outras previsións en relación cos concelleiros non electos. Os concelleiros non electos non poden ser alcaldes (STC 125/2013, de 23 de mayo de 2013), nin tampouco ser membros da Xunta de Goberno local (STC 103/2013, de 25 de abril de 2013) porque se incumpriría o principio de lexitimación democrática destes postos e órganos.
- E logo porque se utilizou este artigo da LOREG ata agora? Porque ninguén cuestionou a constitucionalidade do nomeamento de concelleiros non electos.
- Para que se introduciu esta previsión na LOREG? Para poder cubrir as vacantes nos concellos afectados polo terrorismo. A brevísima Exposición de motivos da Lei que modificou a LOREG é nítida: “Hacer efectiva la voluntad política expresada por quienes tienen plena confianza en que el sistema democrático garantiza la adecuada convivencia de nuestra sociedad, y con ello el derecho que la Constitución otorga a todos los ciudadanos, obliga a modificar determinadas normas de nuestro ordenamiento jurídico de manera que se permita hacer realidad la decisión de aislar a los terroristas, garantizando una mayor eficacia en el uso de los recursos de los que puede disponer nuestro sistema político”.
- Dábase esa excepcionalidade en Santiago? Non. Agustín Hernández recoñeceu en declaracións públicas que a única razón para os 11 candidatos do PP votados pola cidadanía renunciar é o puro cálculo político e a conformación dun equipo nomeado a dedo entre persoas máis afíns.
| Declaracións de Agustín Hernández a La Voz de Galicia |
segunda-feira, 7 de julho de 2014
Crónica lexislativa de Galicia 2013 Revista Llengua i Dret
"En todas as frontes segue a producirse un profundo proceso de involución na protección do galego. Se o ensino segue sendo un ámbito moi preocupante cunha ofensiva dupla do goberno estatal e autonómico, o certo é que non existen moitos lugares solleiros para a lingua en 2013 se exceptuamos a boa nova do dominio .gal, curiosamente froito dunha iniciativa da sociedade civil".
Revista Llengua i Dret, n.61, xuño 2014
terça-feira, 1 de julho de 2014
Os datos do emprego público: menos empregados nos servizos públicos e os paradoxos da centralización na sombra
Se quixeramos facer un resumo dos datos do último Boletín Estadístico do Persoal ao servizo das Administracións públicas que se publica semestralmente (datos de xaneiro de 2014) podería ser o seguinte:
1. Segue o recorte de empregados nos servizos públicos ligados ao estado social (sanidade, universidades...). Malia un leve repunte no ensino non-universitario -debido a que varias Comunidades Autónomas fixeron convocatorias de emprego despois de varios anos de tapón con graves consecuencias nas escolas e institutos-, a sanidade, as universidades e, probablemente, os servizos sociais municipais perden empregados públicos.
2. Na distribución por niveis territoriais o emprego público estatal experimenta este ano un pequeno descenso que non impide que sexa o ámbito territorial con menores descensos en todo o período da crise. A Administración Xeral do Estado e organismos estatais apenas perderon 14.000 empregados desde 2009, un 5,8%; mentres que os Concellos perderon un 14% do emprego e as Comunidades Autónomas un 16%.
3. Curiosamente o persoal de xestión burocrática estatal sigue sendo superior ao de todas as comunidades autónomas xuntas. Se se separa do emprego público autonómico o elevado número de empregados encargados dos servizos públicos (sanidade, educación...) vese que as oficinas de ministerios, Axencia Tributaria, etc. ocupan a 220.000 efectivos en tanto que as oficinas autonómicas das 17 comunidades contan en total con 216.000 efectivos.
A que se dedican os 8831 empregados do ministerio de agricultura, sendo as competencias exclusivas das comunidades autónomas, ou os 6.562 empregados do ministerio de educación non docentes é un deses paradoxos dun estado descentralizado con altas doses de ficción entre o que din os Estatutos de Autonomía e a realidade centralizadora.
4. Os concellos, aínda que recuperan algo de emprego, seguen con case 80.000 empregados menos que en xaneiro de 2009 no momento cun pico de emprego máis elevado. Son case 14 puntos de descenso que pode ser atribuíbel aos recortes nas prestacións e servizos sociais municipais.
5. Nas universidades cae novamente o número de persoal (-3173), algo máis dun 2%, e o número de profesorado en réxime laboral (46.974) supera o número de profesorado funcionario (45.463). O avance da laboralización é un reflexo claro da precarización no emprego na docencia universitaria na que a taxa de reposición está xeneralizando a figura fraudulenta do profesor interino para cubrir necesidades estabeis.
6. Non hai estatísticas da temporalidade no emprego público nin dos contratos a tempo parcial en ámbitos, por exemplo, como a sanidade ou as universidades, que permitirían apreciar como as administracións públicas estan convertíndose nun nicho de precarización que as enmendas do proxecto de Lei de Racionalización do Sector público quere consolidar.
Subscrever:
Mensagens (Atom)




%2B12.54.40.png)
%2B13.09.44.png)
%2B13.09.08.png)
%2B13.50.17.png)
%2B13.50.27.png)
%2B13.34.24.png)



+16.44.55.png)

+13.21.04.png)
+13.56.51.png)