sábado, 15 de março de 2014

“Trade irritants”. Se irritan é porque proen



Anuncian a UE e EEUU a inminente sinatura da Asociación Transatlántica de Investimento e Comercio (TTIP, nas siglas inglesas).  Un tratado de libre comercio co que avanza imparabel a demolición da arquitectura normativa de protección dos dereitos sociais, ambientais, de saúde pública e a súa protección xudicial.  Un acordo que asegura a barra libre ás grandes corporacións para realizar os seus negocios nun amplísimo marco xeográfico e que, posteriormente, buscará extenderse alén das fronteiras europeas e norteamericanas.  Un documento redactado con opacidade e en roldas segredas de negociación, feito denunciado por diversas organizacións europeas ante o Ombusdman e o Parlamento Europeo, e con implicacións sumamente perigosas como alertaron máis de 200 organizacións da sociedade civil europea.
Cunha linguaxe políticamente marcada as dúas partes puñan o foco nos denominados "trade irritants" (irritantes dos intercambios).  Que lles proía aos negociadores librecambistas?. Os irritantes dos intercambios xa non son hoxe os inofensivos aranceis que poden limitar a comercialización de productos noutros países. As grandes corporacións esixen o desmantelamento de todos os obstáculos, esencialmente normativos e administrativos, que poidan limitar a súa expansión.  O que lles proe é esencialmente a democracia é o que esixen é o desmantelamento da capacidade dos gobernos regular os mercados para defender intereses públicos (seguridade alimentar, tutela ambiental, sáude...).
O acordo busca abrir o gorentoso pastel da contratación pública ás empresas trasatlánticas e pon o foco sobre as "cargas" administrativas que poden obstaculizar os intercambios. Estas irritantes cargas xa teñen sido obxecto de ataque ao abeiro doutros tratados con claúsulas semellantes ás que agora se lle quer dar carta de natureza.  Así grandes corporacións como Chevron, Philip Morris ou Vatterfall usaron tratados con previsións equivalentes para esixir indemnizacións multimillonarias pola decisión de suprimir a enerxía nuclear en Alemania, a obriga de comercializar o tabaco sen publicidade de marca en Australia, a protección de espazos naturais frente á minaría ou o fracking en Canada ou a normativa limitando a presenza de substancias nocivas en produtos alimentares.  
O Far-West normativo está aqui e a UE, co coro de lacaios de EEUU facendo reverencias, ponlle tapete vermello a un asalto sen precedentes ao sistema democrático.
Un asalto á democracia que se consuma co establecemento dun mecanismo tóxico de resolución de discrepancias (investor-to-state dispute settlement) á marxe dos sistemas xudiciais estatais. Europa acepta incorporar un instrumento típico dos tratados de comercio con estados fallidos ou subdesenvolvidos sometidos que lle permite ás grandes corporacións denunciar as normas e decisións que entendan que poñen en perigo os seus investimentos esixindo estratosféricas indemnizacións.  Unhas denuncias que serían resoltas á marxe do sistema xudicial por avogados corporativos.
Un botón fai mostra para apreciar o alcance que pode ter este mecanismo extra-xudicial de resolución de conflitos.  A empresa sueca Vattenfall, que actualmente mantén aberto un asunto esixindo 700 millóns pola decisión alemá de 2011 de adiantar o peche das súas centrais nucleares, previamente litigara tamén contra Alemania demandando unha compensación de 1400 millones de euros polo establecemento de normas ambientais de restrición do uso e verquido de auga de refrixeración para as centrais térmicas de carbón que a compañía estaba construindo no río Elba afirmando que irían contra as seguridades dadas polas autoridades públicas obstaculizando a súa viabilidade económica. Este asunto pechouse en agosto de 2010 cun acordo segredo entre as partes e posteriormente organizacións ecoloxistas denunciaron unha relaxación dos estándares ambientais. 
Convirtamos pois aos perigosos trade irritants nun motivo de irritación cívica. Esta é unha das principais cuestións que está na axenda europea e, como lembraba Ramonet, a vontade cívica para frear este inmenso desafío ten que ser un elemento central no debate das próximas eleccións europeas.

SERMOS GALIZA 15.03.2014

quinta-feira, 6 de março de 2014

Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica



As Universidades galegas xa teñen nas súas páxinas o estudo que realicei logo de que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística entendera preciso avaliar a presenza do galego na actividade investigadora e propoñer medidas de mellora.  Con Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica tentamos estudar algúns dos problemas que presenta o uso do galego na actividade científica e dar chaves para introducir cambios que incrementen a moi reducida presenza do galego na investigación.  Nestes días sae tamén en papel.

Preme nalgunha destas ligazóns se queres consultalo:
USC 

domingo, 2 de fevereiro de 2014

Pokemon. Privatizacións e corrupción


Ilustración de Luis Davila  " O Bichero"

"¿Tenéis problemas?"
"Para extender nuestro poder más allá del espacio exterior" 
Lemas Pokemon

Cousas que confirma a instrucción do caso POKEMON
1. A privatización da xestión de servizos abre un campo gorentoso que fomenta as prácticas corruptas

2. A xestión privada non é máis eficiente, máis limpa, nin mellor para a cidadanía. O pago do beneficio empresarial e cazos varios necesariamente implica que os cartos de todas e todos acaban nos petos duns poucos e non en mellorar os servizos.

3. Os pasos dados polo PP para ampliar o campo da privatización (reforma local e servizos locais, sanidade...) blindándoa coa imposibilidade de aumentar gasto ou contratar empregados públicos só van multiplicar estas prácticas.

4. A liquidación que pretenden dos espazos de control político, contabel e cidadá (Parlamento galego, Consellos de Contas, Valedores) coa disculpa do aforro só están dirixidos a aumentar a opacidade. A ofensiva de Feijóo e Cospedal contra os Parlamentos autonómicos, o informe CORA que recomenda a demolición dos órganos de control ou a fusión dos organismos reguladores buscan unha combinación de inoperancia por colapso e facilitar coa unificación centralizada o control das grandes corporacións sobre eles.

5. O aumento das taxas xudiciais pecha o círculo da indefensión. O abono de 200 a 1200 euros na orde contencioso-administrativa é claramente disuasoria á hora do control das ilegalidades, arbitrariedades ou as desviacións de poder na adopción de decisións de privatizacións, contratacións...

terça-feira, 7 de janeiro de 2014

MONCLOA S.A. O Canal de Panamá como parábola



O caso do Canal de Panamá e a empresa SACYR volve a poñer enriba da mesa de xeito descarnado o modelo económico neoliberal do PP. Ministras que traballan de comerciais para as grandes corporacións, cartos públicos avalando a empresas privadas, chantaxes corporativas a países soberanos e privatización de instrumentos públicos. Unha posta ao servizo das grandes corporacións do entramado institucional e do orzamento nunha dinámica de espolio dos recursos públicos e socialización das perdas privadas.
Tan pronto saltou a noticia Ana Pastor, hai nada solícita rescatadora das perdas dos consorcios da banca e construtoras xestoras das autopistas madrileñas quebradas, convertiuse na dilixente comercial da construtora SACYR. O indisimulado carrusel xiratorio de executivos de grandes corporacións enganchados aos gobernos populares para traballar para os seus e nuns anos voltar ao mol colchón privado (Agustín Hernández, Guindos, Morenés, Güemes...) chucha sen tregua o orzamento público. As vacas flacas das grandes infraestruturas son substituídas pola ampliación do ámbito de negocio ao seguro mundo das concesións públicas en sectores que nunca han fallar (lixo, auga, sanidade, servizos sociais) e unha internacionalización con trazas coloniais.  Aí están os diarios oficiais para blindar de xeito perdurabel a cota de negocio. E onde estea unha boa concesión obtida por mecanismos pouco transparentes e inxustificadamente prolongada, como denuncia a nada sospeitosa Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia,  o falso ídolo da competencia pode ser sacrificado sen dor. 
O affaire panameño ten todos os ingredientes da política popular. Ao mesmo tempo que a ministra pastoril coidaba o pesebre soubemos que SACYR ten as costas ben cubertas para os seus incumprimentos por un seguro da empresa pública CESCE que avala os 400 millóns de dólares de fianza depositados polo consorcio construtor.  En definitiva, que se houber unha resolución do contrato a fianza pagaríase con cartos maioritariamente públicos.
Tirando un chisquiño do nobelo chegamos a que esta aseguradora, con capital maioritariamente público, está adicada a avalar o risco da internacionalización de empresas e que en 2012 tivo case 30 millóns de euros de beneficios. Mais o PP acaba de iniciar o ano emprendendo o proceso da súa privatización.  Desbaldindo instrumentos públicos entrega a cuarta maior aseguradora europea en seguro de crédito como gorentoso agasallo para o insaciabel sector financeiro.  
Para iso tivo que salvar o, pequeno, obstáculo de cambiar a normativa.  En menos de catro meses terá recorrido de xeito expeditivo e en petit comité o trámite parlamentar a Ley sobre cobertura por cuenta del Estado de los riesgos de la internacionalización de la economía española pola que se abre a porta a esa privatización dun instrumento da política económica exterior.  As empresas, abandeiradas do liberalismo para o que lles conven, seguirán emprendendo a aventura exterior con rede, unha cobertura do risco por conta do Estado. Mais os beneficios que poider xerar esa actividade de aseguramento serán agora aproveitados polas empresas privadas que xestionen o sistema facéndose coa maioría do capital de CESCE.  O proxecto de lei a piques de aprobarse garante que a "cobertura por cuenta del Estado de los riesgos asociados a la internacionalización se realizará a través de un Agente Gestor con quien se celebrará un Convenio de gestión sin que sea necesaria la naturaleza pública de aquel".  O paraíso neoliberal. Os nosos cartos aos servizo das súas aventuras empresariais co Estado como avalista, unha empresa pública rendibel privatizada e un benéfico anxo-xestor que cobrará unha remuneración por esta actividade que ata agora viña desenvolvéndose con beneficios no ámbito público.  A normativa tamén compromete a non competencia pública aplicando un principio de subsidiariedade polo que o Estado non poderá cubrir os riscos susceptibeis de ser cubertos pola iniciativa privada.
Moncloa S.A. está inmersa nun completo programa de reformas normativas, institucionais e territoriais para facilitar un control centralizado dos recursos públicos que acaban nese inmenso sumidoiro que son as empresas da contabilidade B dos papeis de Bárcenas. Mentres que o ministro Soria acompañaba a Repsol a Arxentina a defender os seus intereses comerciais, Repsol decidía contratar buques no extranxeiro sen ter en conta a difícil situación do sector naval. O capital non ten patria, pero si ten PPartido.

SERMOS GALIZA, 5.1.2014

domingo, 8 de dezembro de 2013

Servizos públicos e establecemento de solos de gasto para a garantía do Estado social no contexto de crise



A redución do gasto público para o control do déficit pon en risco o Estado social. A ausencia de solos de gasto social ou de determinación normativa de prestacións básicas garantidas sitúa aos dereitos sociais constitucionalmente protexidos nunha posición xurídica que pode, nun contexto como o actual, facelos irrecoñecibeis. Este traballo formula tamén as posibilidades dunha blindaxe prestacional que favoreza a garantía xudicial dos dereitos sociais que debería entroncar coa smart regulation que figura como unha das principais liñas de acción da UE para o ano 2012 desde una óptica contraria ao mantra neoliberal (para ler máis: Papeles de relaciones ecosociales y cambio global , Nº 117 2012, pp. 121-130 121)





quarta-feira, 13 de novembro de 2013

Naufraxio. Notas urxentes ao fío dunha decepcionante sentenza




como Gagarin
 
ver que a terra 
é de cor azul 
ou sexa 
un mar redondo 
que alguén esqueceu 
para nós 
ou sexa 
que o único límite 
é o naufraxio 
ou sexa 
o diluvio 
RAFA VILLAR
A decepcionante sentenza do caso Prestige pouco máis ten que loubar que ser ditada en galego e aínda iso sinala a excepcionalidade de a nosa lingua ser usada na Xustiza.
Once anos da catástrofe. Un ano desde o comezo da fase de xuizo. O simbolismo de este comezar e rematar o mesmo día no que desde Muxía se avistou o barco en perigo para rematar establecendo que fomos quedando sós o mar e nós.
A sentenza exculpa de delito ecolóxico ás tres persoas imputadas e presentes no xuizo, Apostolos Mangouras, capitán do buque, López Sors, Director Xeral da Marina Mercante e ao xefe de máquinas. Curiosamente logo dun relato de feitos probados nos que se fala dunha xestión difusa e confusa do salvamento, na que se apunta á responsabilidade de cargos da Administración xerárquicamente superiores a López Sors, na que se obvia a propia declaración en xuizo de López Sors indicando que tomara a decisión de mandar ao buque ao quinto pino despois dun simple asesoramento telefónico apenas dúas horas despois de comezar a xestionar o salvamento, o tribunal escúdase na contradición entre as probas periciais para pechar en falso o xuizo máis importante por delito ecolóxico dos últimos anos.
As consecuencias inmediatas da absolución por delito ecolóxico son graves.  Por unha banda mándase unha mensaxe de impunidade total para as empresas armadoras en relación co estado dos buques que fletan. O tribunal considera que nin o armador nin o capitán podían apreciar co seu coñecemento técnico-profesional as deficiencias do buque. A sentenza insiste na eventual responsabilidade exclusiva de ABS -a empresa encargada da inspección do buque- en relación co seu calamitoso estado do Prestige.  A non imputabilidade de persoas xurídicas de acordo co Código Penal vixente en 2002 fai que no banco dos acusados non estea a única responsabel cara a que a sentenza parece apuntar con claridade que sería ABS, encargada de vixiar o mantemento.  Hai que lembrar que a pretensión de perseguir a ABS ante os tribunais estadounidenses rematou nun ruinoso e carísimo fracaso.
Esta absolución obriga tamén a devolver os 22 millóns de euros que a aseguradora da armadora tiña consignados, e daba por perdidos, para pagar posibeis responsabilidades.  Sae caro o conto porque todas as indemnizacións e a reparación do dano ambiental realizados no seu día van correr a cargo das arcas públicas.  A sentenza peta na liña de flotación tamén da avogacía do estado e a fiscalía.
Por outra banda as partes persoadas que decidiran agardar para o cobro das indemnizacións, ao non aceptar a renuncia á exixir responsabilidades ás que obrigaba a norma aprobada polo goberno de Aznar, ven truncadas as súas posibilidades de resarcimento.
En relación coa responsabilidade dos cargos políticos a sentenza combina unha contraditoria insinuación de que faltan os verdadeiros responsabeis, nunha clara alusión a Álvarez Cascos, cuns fundamentos nos que a o tribunal vén dicir que non opta por dar maior valor a ningunha das valoracións técnicas posibeis (porto de refuxio si ou non; nese caso ¿que porto de refuxio?; resistencia do buque coas condicións de mar existentes...) absténdose de determinar se cabían outras opcións distintas ao errático rumbo ao que se obriga ao Prestige.  Aválase tamén que a decisión adoptada foi técnicamente estudiada esquecendo a relevante manifestación do propio López Sors de que o propio día 13 logo dunha pequena conversa telefónica adopta esa decisión, por tanto, con precipitación e escaso apoio técnico.  Non se entra a valorar o apartamento dos protocolos de emerxencia existentes. Frouxa fundamentación para tan graves imputacións. Incoherente relato para as insinuacións do propio órgano xudicial doutros responsabeis políticos de máis alta xerarquía.
Desconcerto, decepción, eran os termos cos que Pedro Trepat, avogado de Nunca Máis xunto con Alejandro Martín e Miguel Angel Fernández, calificaba a sentenza.  Estafa, engadiríamos moitas.  Queda o recordo dunha mobilización cidadá sen precedentes para exixirmos responsabilidades e a auto-organización para defender e limpar o noso mar cando quen tiña que facelo non o facía.  Queda tamén o agradecemento ao labor inxente e totalmente desinteresado e altruista dos avogados de Nunca Máis sen os que López Sors nin sequera tería estado no banco dos acusados.

Notas de urxencia ao fío do escoitado no acto de lectura da sentenza do Prestige (13.11.2013)
SERMOS GALIZA

terça-feira, 29 de outubro de 2013

Inmenso desafío aos dereitos sociais



Comezaron o inefabel PSOE e o PP modificando a Constitución Española para garantir a prioridade absoluta do pago da débeda frente a calquera outro gasto.  O artigo 135 da Constitución como xendarme da prevalencia do sistema financeiro sobre os dereitos sociais da cidadanía.
Seguiu o pertinaz PP cun amplo varrido normativo que busca asentar no tempo cambios institucionais e sociais que asenten o cambio de modelo.  Na LOMCE fixando definitivamente que se houber solicitude de concertos esta non "pueda representar para las familias, alumnos y centros un trato menos favorable, ni una desventaja" ou, dito doutro xeito, garantindo o concerto mesmo habendo prazas na pública. Na Lei de Reforma e Sostibilidade Local impulsando o desapoderamento municipal dos servizos sociais para garantir o control das deputacións e facilitar o proceso de privatización. No cambio dun modelo de sanidade universal para a cidadanía a un modelo de prestación aos asegurados (fóra parad@s; xuventude; inmigrantes...). Na aniquilación dun sistema de pensións pública para camiñar a un mercado ás aseguradoras privadas. Os principais piares do Estado de Benestar, educación, sanidade, servizos sociais, pensións e prestacións por paro, cambian radicalmente de fasquía en procesos que dificultan a súa reversión.
Todos estes procesos combinan ademáis o máis absoluto desprezo polo reparto competencial vixente.  Para o "programa de reformas" chegar a bo porto opérase unha recentralización de competencias inconstitucional.  Disponse das competencias autonómicas exclusivas en servizos sociais na reforma local; recupera competencias estúpidas (sic) ao impor unha tarxeta sanitaria única que exclúe a cobertura universal e o dereito á saúde garantido por Estatutos de Autonomía; pasa por riba das competencias educativas autonómicas condicionando se e con quen se fan os concertos.  O cambio de modelo social e territorial van da man e precisan un do outro.
Finalmente adóptanse reformas na administración que van garantir a pervivencia do cambio por décadas. Por un lado estrangúlanse os cadros de persoal impedindo non só a asunción de novas prestacións senon mesmo a subsistencia de moitos servizos públicos.  A aplicación da taxa de reposición de efectivos (non se repón ningunha vacante por xubilación ou outras baixas definitivas na maioría dos servizos ou só unha de cada dez en sanidade e educación) está levando a unha aceleradísima perda de empregados públicos.  Ao se establecer este límite na Lei de orzamentos do estado para todas as administracións garántese ademáis un control férreo impedindo que desde outras posicións ideolóxicas se opte pola xestión directa de servizos públicos.
Por outra banda blíndanse as privatizacións na xestión de servizos establecendo unha duración, condicións económicas e falta de garantías frente aos incumprimentos que han facer inviabel o rescate para gobernos vindeiros.  O Consello de Contas xa alertara en 2008 da hipoteca orzamentaria que supuña o recurso ao sistema de colaboración público privado para a execución de infraestruturas (sen ir máis lonxe o hospital de Vigo pasou de costar 400 millóns de euros a 1500 millóns) comprometendo o orzamento para as próximas décadas e garantíndolle rendas estabeis ás construtoras e financiadoras.  A nada sospeitosa de intervencionismo público Comisión Nacional de la Competencia, advirte nun recente informe sobre toda unha serie de extremos dos procesos de privatización de servizos que poñen en evidencia a vontade de bloquear o modelo cara o futuro.  A fixación de prazos moi prolongados de concesión -mesmo cando as empresas xestoras non teñen que amortizar fortes investimentos ao facerse cargo de infraestruturas construidas con cartos públicos-, a inexistencia de medidas de control da calidade das prestacións e de penalización dos incumprimentos, os curtísimos prazos para optar ás adxudicacións e inexistencia real de competencia son indicativos de que detrás destes procesos de privatización da xestión estase garantindo un negocio seguro con cargo aos orzamentos públicos e vocación de perpetuidade a empresas amigas.
Se outros gobernar han atopar hospitais que co sistema de colaboración público-privada quedan en mans de empresas privadas por décadas e hipotecan o orzamento cos peaxes na sombra; concertos nas escolas agora blindados por lei mesmo habendo recursos na pública; a rede de servizos sociais desmantelada e privatizada na liña que sinala a reforma local. Todo atado e ben atado.
Mais, como dicía un cartaz, a resignación é un suicidio cotiá.  A insubmisión á reforma local, ao copago farmaceútico, á fixación de teito de gasto que impide aplicar políticas sociais en concellos saneados, á LOMCE, aos desafiuzamentos, ás privatizacións sanitarias son fachos que mostran que outras políticas son posíbeis e que hai camiños para frear este inmenso desafío.

SERMOS GALIZA 27.10.2013

Observatorio de Políticas Ambientais


Observatorio de Políticas Ambientales é unha iniciativa constituida co obxectivo de analizar periódicamente as políticas en materia de medio ambiente do Estado e das Comunidades Autónomas, tendo en conta o contexto internacional, comunitario europeo e comparado. Para a súa organización conta co apoio do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, do Centro Internacional de Derecho Ambiental, e da Fundación Ecología y Desarrollo.
A idea de este proxecto xurdiu a principios de 2005. O equipo promotor integrábano: José Francisco Alenza García, Francisco Delgado Piqueras, Agustín García Ureta, Jesús Jordano Fraga, Demetrio Loperena Rota, Fernando López Ramón, Blanca Lozano Cutanda, Alba Nogueira López, Luis Ortega Álvarez, Juan Rosa Moreno, Iñigo Sanz Rubiales y Germán Valencia Martín.
Desde 2006 publícase anualmente na editorial Aranzadi e poden consultarse os números precedentes total ou parcialmente en Actualidad Jurídica Ambiental.  A análise das políticas e lexislación ambiental de Galiza levo elaborándoas, en solitario ou conxuntamente con Javier Sanz Larruga da UdC, desde a primeira entrega ata hoxe.  O primeiro volume facía un repaso de 1978 ata o 2006.

sexta-feira, 25 de outubro de 2013

Informe Lingua e Investigación



En xuño de 2013 entreguei o Informe Lingua e Investigación á Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.  Este informe fora encargado por esta comisión na que están representadas as tres universidades galegas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e foi discutido nunha sesión na Universidade de Vigo o 19 de xuño de 2013 baixo a presidencia do Reitor da Universidade de Vigo, que nese momento exercía a coordinación rotatoria da comisión e encomendara o traballo.  O Informe contén un diagnóstico da situación e problemas que presenta a promoción do uso do galego na actividade investigadora e unha serie de propostas de actuación tanto para as universidades como para a Xunta de Galicia.
http://www.udc.es/snl/
http://anl.uvigo.es/