quarta-feira, 28 de agosto de 2013

S.O.S. Emerxencias, privatización e as desgrazas por vir



Vivimos nunha sociedade de risco mais tamén nunha sociedade avanzada que foi construindo uns servizos públicos para facer frente ás emerxencias tanto por causas naturais (incendios, asolagamentos...) como por efecto de desastres industriais, accidentes e outros feitos ligados aos riscos tecnolóxicos.  Lentamente, aprendendo en moitos casos de catástrofes previas, foise construindo un dispositivo público de resposta e coordenación dos efectivos.  Un dispositivo que, efectivamente, pasa moitos periodos de inactividade, pero que ten que estar ben engraxado para funcionar se houber necesidade.
Porén, o PP vén aplicando unha política de privatización dos efectivos e medios, adoptando decisións que ameazan a coordenación das emerxencias, como se ten comprobado nos últimos incendios, no accidente ferroviario de Santiago ou no salvamento marítimo.
Os cadros de persoal das estruturas públicas minguan alarmantemente.  Os orzamentos estatais veñen reducindo cada ano máis ata a asfixia as posibilidades de repoñer as vacantes no emprego público coa imposición dunha taxa de reposición de efectivos.  Un efectivo método centralista de impoñer a lóxica neoliberal a todas as administracións.  Paralelamente, o PP autonómico privatiza servizos ou mantén no ámbito privado unha boa parte dos dispositivos existentes con serios riscos para a súa efectividade.  Que a xestión de emerxencias se efectúe por persoal que non ten a condición de autoridade pública pode ter unhas consecuencias graves.  Que unha parte dos custes que podían mellorar a prestación do servizo se perdan en garantir o beneficio empresarial das empresas xestoras é un despropósito sen sentido.
Despois do accidente de Angrois, os bombeiros de Coruña e Santiago criticaron non só a manifesta descordinación e a tardía adopción de decisións, senon a activación preferente dos parques de bombeiros de xestión privada prescindindo dos de xestión pública curiosamente máis próximos ao lugar do accidente. Como sucedeu na atención sanitaria, permanecendo sen uso o hospital de Conxo viciño ao sinistro mentras se enviaban enfermos a clínicas privadas mesmo doutras cidades galegas, o PP mantén con pulso firme a aposta pola privatización dos servizos públicos aínda en momentos de aparente caos.
Así actúa o PP.  Desmantelando meticulosamente os servizos de emerxencias. Vendendo os medios técnicos a empresas privadas e contratando posteriormente por un prezo máis elevado os seus servizos. Así sucedeu cos helicópteros de salvamento marítimo, vendidos a unha empresa e de seguido encarecido o custe nun 18%. Tamén co buque anticontaminación construido logo da catástrofe do Prestige e que, pasado o día pasada a romaría, hoxe é propiedade dunha empresa privada e vai realizar funcións de gasolineira flotante en Ferrol. Igualmente cos medios necesarios para a extinción de incendios. Como denunciaron a CIG e o BNG, o goberno Feijóo vén efectuando unha desmantelaxe da empresa pública SEAGA, prescindindo tamén da empresa pública estatal TRAGSA, e entregando a xestión do dispositivo de loita contra o lume a empresas privadas. SEAGA pasou de 2225 efectivos no 2011 a 530 no 2012.
Este ano o desmantelamento avanza igualmente polo camiño da descoordenación clientelar.  Fragmentando a loita contra o lume "empaquetándolla" aos concellos.  Favorécese así prácticas de contratación atomizada, pouco transparente, con salarios moi dispares, sistemas de selección opacos.  Mais tamén se leva o dispositivo de loita contra o lume a unha descoordenación total.  Con brigadas municipais que poderían non acudir a apagar lumes fóra do seu ámbito de contratación e dificultades para coordenar as diminuidas brigadas.  Con concellos sen brigadas por non dispor dos cartos para cofinanciar os contratos ou, simplemente, porque aplican a estratexia de que gaste o viciño.  E o PP, maestro da prestidixitación dialéctica, despois de poñer en cuestión as contratacións de SEAGA no bipartito (feita con procedementos públicos e únicos) convirte a contratación da loita anti-incendios nunha inmensa chapuza escura. Por un lado o picadillo municipal de convocatorias, por outra a contratación dixital e tardía das empresas privadas que monopolizan o dispositivo aerotransportado e os medios técnicos nas que se aplica un control clientelar e e ideolóxico das contratacións sistemático e os despidos das voces díscolas.
Nos incendios forestais, nas emerxencias xestionadas polos parques de bombeiros, no salvamento marítimo as pautas son as mesmas: privatización para engordar os petos dun reducido, e coincidente, grupo de empresas; privatización para facilitar a contratación a dedo de persoal precarizado e dócil política e sindicalmente; privatización que provoca o aforro en medios provocando a súa non dispoñibilidade nos momentos en que son necesarios; ausencia dunha perspectiva global e nacional dos dispositivos existentes o que é claramente contrario á loxica moderna de xestión de emerxencias. As desgrazas maiores están por vir.

SERMOS GALIZA 28.08.2013

terça-feira, 13 de agosto de 2013

La transposició de directives europees i l'autogovern. Transposició de directives en medi ambient (IEA 29 maio 2013)

Intervención sobre as pautas na incorporación do Dereito ambiental da UE ao ordenamento interno (parte 1/2, min. 53-77) no Institut d'Estudis Autonòmics nas xornadas celebradas para presentar os resultados dos traballos sectoriais froito da bolsa de investigación concedida en 2011 ao grupo dirixido por Xabier Arzoz (UPV-EHU, Tribunal Constitucional) e formado por Hector López Bofill (UPF), Tomás de la Quadra-Salcedo Giannini (UCarlos III, TC), José Manuel Pérez (UOviedo), Miguel Azpitarte (UGranada) e Alba Nogueira (USC).

sexta-feira, 19 de julho de 2013

Estado de excepción ambiental

Rosa Fernández Caamaño (1º premio concurso APDR 2007)

A crise económica vén utilizándose como escusa para un profundo excepcionamento da normativa ambiental.  Nos últimos tempos proliferan as normas que recollen amplos catálogos de excepcións ao réxime aplicabel, que reducen as garantías propias do ordenamento ambiental ou mesmo que buscan a blindaxe legal de proxectos que son obxecto de contestación social.  O goberno de Feijóo, sempre punteiro no que se refire a levantar a veda depredadora, acumula exemplos nesa dirección, mais tamén na lexislación estatal e doutras comunidades autónomas o estado de excepción parece esparexerse.
En primeiro lugar, a excepción ambiental atopa o seu acomodo máximo na aprobación por lei de proxectos singulares controvertidos.  Saltando o carácter xeral e indeterminado das leis blíndanse o que materialmente son decisións administrativas ou normas propiamente regulamentarias.  Deste xeito prácticamente se elimina a posibilidade de recurso xudicial (as leis só son recorribeis ante o Tribunal Constitucional e por un catálogo pechado de suxeitos) e anúlanse as vías de participación que contempla a normativa ambiental para os procedementos administrativos (ex. trámites de información pública, scooping na avaliación de impacto...).  A elevación de rango da normativa eólica en Galiza foi a vía usada por Feijóo para intentar sortear o regueiro de recursos que sementara coa súa ilegal decisión de paralizar o concurso eólico. Do mesmo xeito apróbanse por lei proxectos fortemente controvertidos para blindar esas decisións materialmente administrativas como as infraestruturas hidráulicas do Plano hidrolóxico estatal, a destrución do barrio do Cabanyal en Valencia, o proxecto Meseta-Ski en Castela-Léón ou, antes, o vertedoiro de residuos de Santovenia ou polémico caso de Itoiz.
Unha segunda estratexia usada para limitar os condicionamentos da normativa ambiental é a inclusión de amplos catálogos de excepcións na normativa. O indulto masivo que se establece na reforma da Lei de Costas e que afecta a 154.000 inmobeis, 1700 instalacións industriais e 12 núcleos costeiros, é un exemplo evidente nesa liña.  Tamén recentemente o PP promovía en Galiza unha Lei de Vivenda que permitiría incumprir as sentenzas firmes de derrubo de vivendas e instalacións comerciais e industriais declaradas ilegais.  Afortunadamente é de agardar que a doutrina sentada polo Tribunal Constitucional na STC 92/2013, de 22 de abril, en relación cunha lei semellante cántabra declare inconstitucionais estas previsións. Non moi lonxe desas prácticas está a habitual pretensión de desclasificación de espazos naturais para "acomodar" os seus límites cos de actividades depredadoras e lesivas.  A UE esixe que se motiven os criterios científicos que levan a reverter decisións previas sobre a importancia dos ecosistemas mais iso non parece supor unha pexa para rexedores municipais, autonómicos ou estatais á hora de priorizar consideracións económicas sobre as ambientais.
A seguinte vía de instaurar un estado de excepción ambiental é a dos procedementos ou convenios administrativos que facilitan un tratamento singular de determinados proxectos. Búscase o efecto "tapete vermello" mediante a substracción de determinados proxectos da tramitación ambiental ordinaria coa súa tramitación por unha vía privilexiada.  En Galiza antes co Decreto de supramunicipalidade -ideado polo goberno Fraga para quitar a ENCE do control do concello de Pontevedra-, agora coa Lei de Política Industrial de Galicia  e os proxectos industriais estratéxicos -pensada por Feijóo, por exemplo, para Corcoesto- permíteselles unha tramitación acelerada, a redución dos trámites de participación da cidadanía e dos movementos sociais, a eliminación de controis preventivos municipais (licenzas...), a preferencia para obter axudas públicas ou axudas directas sen concorrencia, o beneficio da expropiación urxente e a obriga de modificación do planeamento urbanístico aos ditados da Xunta.   A numantina resistencia do Concello de Pontevedra ou a Asociación para a defensa da ría (APDR) conseguiou doblarlle o pulso á Xunta con senllas sentenzas do Tribunal Supremo en 2012 logo dunha prolongada batalla xudicial.  A reforma da Lei de Costas foi a resposta.  Igualmente o escandaloso caso do convenio urbanístico promovido pola Xunta de Galicia para legalizar máis de 3000 vivendas ilegais en Barreiros, que acaba de coñecer unha derrota xudicial da man da tenacidade de ADEGA, mostra como a pretensión de torturar a normativa ambiental é firme e busca con insistencia camiños
Finalmente, o pretexto da simplificación administrativa.  Con teimosía véndese a redución de trámites administrativos como un logro da desburocratización (nin asomo do impulso dunha verdadeira administración electrónica que internamente prescinda do papel e o lento decorrer polos gabinetes administrativos dos papeis para conseguir acurtamentos de prazos). Porén a supresión de trámites, mesmo a eliminación de licenzas, tan en boga, ten como contraparte a desaparición dos mecanismos de participación que permiten á cidadanía, aos colectivos ecoloxistas, aos movementos sociais en xeral, participar nos procedementos.  Se non hai licenzas de funcionamento ou, como apunta o novo proxecto de lei de Unidade de Mercado, se unha licenza obtida no territorio do estado coa lexislación máis laxa serve para implantarse en calquera comunidade autónoma, o dumping normativo está en marcha.  As instalacións problemáticas buscarán o acceso ao mercado no punto onde os estándares ambientais, de seguridade, de protección dos consumidores sexan máis relaxados.  Se a actividade comeza cunha simple comunicación previa non haberá un procedemento administrativo no que presentar alegacións sobre os impactos ambientais. A empresa comezará a funcionar só con comunicalo asumindo baixo a súa responsabilidade que coñece e cumpre a normativa aplicabel.  
Hai ben pouco aprobábase a Lei 5/2013 pola que se modifica a normativa de control integrado de contaminación, que somete a autorización ambiental integrada ás instalacións cun impacto ambiental severo.  Pois ben, a renovación da autorización que antes era preciso facer como máximo cada oito anos e que permitía novamente alegar os problemas percibidos, adaptar aos cambios lexislativos ou técnicos a licenza, agora desaparece.  Só será preciso renovar a autorización se a Administración requirir á instalación que o faga.  Apostamos algo a que unha boa parte das instalacións diríxense cara autorizacións prácticamente indefinidas?.
En definitiva, un amplo cadro de estratexias que van desdebuxando os perfís da normativa ambiental convertíndoa nunha sorte de queixo emmental con furados polos que é doado eludir o control sempre que se atopen cun complacente goberno dispostos a unha política de saldos co medio.

SERMOS GALIZA 19.07.2013

domingo, 14 de julho de 2013

Persoal ao servizo das Administracións públicas #mitos do centralismo

O emprego público descendeu un 4% en só seis meses (xullo 2012-xaneiro 2013). Agora ben a tesoura afecta con moito maior intensidade a Comunidades Autónomas, Universidades e, sobre todo, entes locais, que á Administración Xeral do Estado (menos do 2%). 






Porén na noticia que publica hoxe El Pais faltan uns datos do Boletín Estatístico de Persoal moito máis reveladores. 




A administración estatal conta con máis persoal para funcións burocráticas que todas as administracións autonómicas xuntas. Entre todas as CCAA teñen 222.954 empregados públicos frente aos 227.814 do Estado adicados a funcións xerais da administración. O groso do persoal das comunidades autónomas é o sanitario e docente (case un millón). A pregunta é, que fan os case 7000 funcionarios de oficinas do Ministerio de Educación? E os 8500 do Ministerio de Agricultura e Medio ambiente?. Tendo en conta as competencias estatais nesas materias resulta difícil de explicar...‪#‎eseburatonegro‬
Outro dato relevante para o modelo social e económico: case tanto persoal nas forzas armadas como nas universidades.

terça-feira, 9 de julho de 2013

Centralismo desatado ao servizo da contra-reforma neoliberal


Estamos con clareza nunha fin de etapa. Os avances miudos no proceso de descentralización hai tempo que abriron paso a un acelerado proceso de recentralización competencial e territorial.  Unha recentralización intensa que é un presuposto necesario para a extensión do proxecto neoliberal.  No plano estatal e no europeo centralización, baleiramento dos espazos de control democrático e políticas neoliberais van unidos como pezas dun mesmo puzzle.  A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos. No sector bancario, comercial, sanitario, enerxético, vemos como a garantía da posición das grandes corporacións esixe suprimir calquera ámbito de decisión política autónoma que poida trazar modelos diferenciandos que resten espazo ao seu control. A loita dos horarios comerciais de Euskadi; o concurso eólico do bipartito; a poxa farmacéutica de Andalucía; o intento de supervivencia dun sistema de caixas territorial, son todas incómodas mostras de como o autogoberno é combatido con crueza para garantir o control oligopólico dos recursos.
Xa desde antes, mais simbólicamente coa segunda vaga de Estatutos de Autonomía márcase un punto de inflexión e estreitamento do marco autonómico. A discusión do plan Ibarretxe no parlamento estatal une ás forzas políticas estatais (PP, PSOE, IU...) coa súa negativa, ou pasividade, en pechar a posibilidade de Euskadi ter maiores cotas de autogoberno. Posteriormente o "cepillado" nas Cortes e a rebarbadora no TC coa sentenza do Estatut catalán marcan a ferro a fin dunha etapa de avances miudos e abren un camiño acelerado de recentralización institucional, territorial, competencial e cultural.
O PP somete o autogoberno a unha placaxe institucional extrema. Redución dos parlamentos e desprezo das súas funcións, desempeño gratuíto dos postos, anulación doutras institucións de autogoberno (Valedores, órganos de fiscalización das contas, consellos económicos e sociais), ofensiva para a supresión das oficinas de acción exterior, reformas na normativa audiovisual para privatizar e suprimir as televisións públicas autonómicas. 
Territorialmente tamén impulsan cambios radicais.  A reforma local invade o espazo competencial autonómico tomando decisións sobre competencias que non son estatais (ex. servizos sociais) e esfarela a autonomía local.  O pulo polas decadentes deputacións provinciais non ten outra finalidade que elas actuar como contrapoder do autonómico.  Na mesma liña a supresión dos partidos xudiciais que pretende reforzar as capitais de provincia avanzando na desvertebración territorial, reforzando a planta provincial e facilitando a implantación dos grandes bufetes. A eliminación do tren de proximidade, a reconfiguración das áreas sanitarias...medidas todas  de aposta por un modelo territorial provincializado controlabel radialmente desde Madrid.
O varrido competencial rebaixa a unha pura autonomía administrativa o autogoberno autonómico.  
No plano económico a reforma constitucional express pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución provocou o secuestro das competencias económicas autonómicas orzamentarias e foi acompañada por medidas de control do déficit infinitamente máis severas para as CCAA que as aplicadas á Administración central.  Pero podemos engadir: a liquidación por derrubo das competencias no sector bancario -caixas de aforro-;  a futura lei de unidade do mercado que pretende eliminar todas as políticas propias (ambientais, de protección dos consumidores, sociais, lingüísticas...) que poidan "estorbar" a implantación de actividades favorecendo un "dumping" normativo ao garantir que a licenza obtida en calquera parte do estado (preferibelmente onde os estándares de esixencia sexan menores) vai permitir operar sen someterse ao control de ningunha outra administración; a imposición manu militari da normativa de horarios comerciais frente ás CCAA que se resistían a permitir a apertura en domingos e festivos -Euskadi-;  a  centralización total das competencias enerxéticas que, unido ás ilegalidades do goberno Feijóo, ten provocado o colapso do sector eólico en Galicia; a lei de cadea alimentar que invade as competencias en agricultura autonómicas e non resolve o problema dos prezos do leite; ou a imposición dunha severísima taxa de reposición de efectivos uniforme ás Administracións que obriga a prestar os servizos mediante a contratación de empresas privadas sen marxe para políticas diferenciadas de xestión pública directa.
A aposta é tamén cultural. Marca España, lei Wert na educación, supresión das TV autonómicas, ofensiva frente ás linguas propias (do decreto de plurilingüismo en Galiza ou Baleares, ao lapao en Aragón, ao ataque ao modelo de inmersión en Cataluña, ao peche das liñas en catalán en Valencia). Non hai marxe para veleidades e o programa implacabel de unidade política, económica e ideolóxica avanza firme.  Un programa que blinda a monocorde interpretación da Constitución coa toma do control das principais institucións centrais, nomeadamente, o Tribunal Constitucional extremando máis se cabe unha deriva centralista xa perceptibel desde hai un tempo pero que terá sen dúbida capítulos memorabeis nos vindeiros anos.
Contra-reforma económica e contra-reforma política camiñan da man e son parte inseparable dun mesmo agresivo programa neoliberal.  Con igual urxencia teñen que ser as dúas atacadas pois unha está ao servizo da outra.  A emerxencia social está provocada por recortes e políticas que se garanten mediante un profundo proceso de recentralización.  O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia.  Centralizadamente decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución das axudas á dependencia, a situación do sector naval, a reforma da PAC, a destrución do sistema financeiro galego, a eliminación do tren de proximidade, o atraco das preferentes.  Dicía Séneca en Medea: cui prodest scelus, is fecit (ao que beneficia o crime é quen o cometeu), sabemos a quen benefician esas medidas (grandes corporacións de servizos, gran banca, agricultura extensiva do sul, grandes construtoras...) e sabemos tamén que a centralización do poder en Madrid e Bruxelas son precisas para que o que se cociña no palco do Bernabeu, Davos ou no clube Bilderberg poida lerse axiña nas páxinas do BOE ou o DOUE.
Por iso a loita contra a desvertebración social, económica e territorial froito das políticas neoliberais é tamén a loita para termos capacidade para decidir.  E adiando este debate adiamos tamén as solucións ao estado de emerxencia social.

SERMOS GALIZA 4.7.2013

domingo, 2 de junho de 2013

O Dereito e a minaría: normas para que?



Coma no conto do paisano que vai ao avogado debemos preguntarnos se as normas son para que si ou para que non. O PP avanza compulsivamente na súa vontade de facer saldos co país retorcendo a aplicación das normas ambientais e aprobando outras para facilitar que toda Galiza sexa unha mina.
As normas da minaría hoxendía deberían cumprir varias funcións. En primeiro lugar impedir totalmente as actividades extractivas que supoñan unha agresión inadmisibel quer do punto de vista ecolóxico, territorial ou económico.  En segundo lugar establecer as condicións para que aqueles proxectos  que poidan ser admisibeis e se mostren necesarios (ex. materiais primas precisas para facer desde bolígrafos ata móbiles) se desenvolvan de xeito que se minimice o seu impacto.  En terceiro lugar, as normas tamén deberían servir para impulsar políticas de fomento da redución do uso de minerais, de recuperación e reciclaxe (ex. a denominada minaría urbana).  Finalmente a lexislación podería axudar a garantir que os bens públicos, os minerais sono, ofrezan retornos ás comunidades e á sociedade que os posúe. Prohibicións de determinadas prácticas e ubicacións; condicionados estritos e avaliacións de impacto ambiental; política de residuos e; participación pública nas sociedades ou cánones de aproveitamento, serían algunhas das fórmulas para impedir de plano a megaminaría contaminante e fixar pautas sustentabeis nas actividades extractivas que poideran ser precisas e admisibeis.
Desde a Consellería de Industria do BNG durante o goberno bipartito impulsouse a Lei de Ordenación da Minaría que abría portas tanto para denegar proxectos mineiros como para limitar os impactos dos que se autorizaran.  Por unha banda permitíase deixar desertos concursos de dereitos mineiros, por exemplo por consideracións ambientais.  Por outra introducíase un trámite de compatibilidade con outros usos que permitía apreciar se a explotación mineira era incompatibel desde o punto de vista ambiental ou económico con outras actividades (agrícolas, pesqueiras...) impedindo a súa posta en marcha.  Ademáis o Plan sectorial de actividades extractivas debía fixar “a coordinación cos instrumentos de protección ambiental e patrimonio cultural coa determinación dos ámbitos incompatibeis con actividades extractivas polas necesidades de preservación dos ditos bens sociais”.  No tinteiro quedou, pola falta de desenvolvemento do regulamento polo goberno do PP, a regulación dos concursos dos dereitos mineiros que debía servir para garantir unha participación pública nos beneficios desta actividade e impoñer limitacións a modelos de explotación fortemente depredadores e ambientalmente inviabeis.
Hoxe as tornas van noutra direción. A Xunta de Galicia, lonxe de poñerlle trabas a estes proxectos dalles para adiante sen ningún tipo de limitacións.  Impulsa a Lei de Política Industrial coa que se un proxecto tiver a declaración de proxecto industrial estratéxico reduciríase substancialmente o periodo de participación pública para presentar alegacións, tería dereito á expropiación urxente dos bens necesarios para poñerse en marcha, a axudas públicas directas sen concorrencia competitiva e evitaría o control urbanístico local.
A política de saldos co país de Feijóo está levando tamén a un uso, xa non deturpado, directamente contraditorio coa súa finalidade das técnicas de avaliación ambiental.  O documento de inicio do Plan sectorial de actividades extractivas en tramitación non fixa claramente ningún tipo de exclusión de partes do territorio á voracidade mineira (espazos naturais protexidos, solos agrarios...). Por outra banda, a inexistencia dunha política industrial tamén fai que estas actividades esgotadoras de recursos, se for considerado preciso obter eses minerais, non se vexan acompañadas de instalacións industriais que pechen os ciclos productivos ou de participación pública nos beneficios. Eles levan a riqueza, nós quedamos cos residuos e os buratos.
Finalmente óbvianse os instrumentos existentes para someter os riscos ambientais a fianzas ou sistemas de aseguramento. Non porque non se poida, porque non se quere  xa que hai normas que o permiten (Decreto 455/1996 de fianzas en materia ambiental, Lei 26/2007, responsabilidade medioambiental, Real Decreto 975/2009, de 12 de junio, sobre xestión dos residuos das industrias). Se as balsas de residuos tóxicos romper, as galegas e galegos aportaremos os nosos cartos para restaurar os estragos (lembremos Aznalcollar) e soportaremos a contaminación. As empresas desaparecerán nun escuro entramado empresarial con sede allea e esquiva ao control (na memoria o Prestige e Aznalcollar).
En definitiva, o PP ponlle unha alfombra vermella, tamén xurídica, a proxectos que buscan abrir Galiza en canal e que só van deixar estragos ambientais.

Sermos Galiza, A fondo (só en papel), nº 49/2013

quarta-feira, 22 de maio de 2013

A lingua na sinalización nos ámbitos de competencia estatal



Os intentos de desaparición do galego da sinalización, a nosa paisaxe lingüística, non veñen de agora.  Este ano facíase pública interesadamente unha sentenza antiga relacionada co Concello de Pontevedra  e a polémica sobre o cambio da rotulación de AUDASA volve sobre o asunto.  Vemos como pouco a pouco todos os elementos que dotan de visibilidade á nosa lingua son obxecto de ataques. 
A solicitude do SNL de Ames hai un par de anos elaborara as notas que seguen precisamente ante a presión da policía municipal para cambiar a sinaléctica en galego coa desculpa de atallar posibeis recursos.

A sinalización pública de estradas, aeroportos, estacións ferroviarias, de autobuses e marítimas e outros servizos de interese xeral foi regulada inicialmente polo Real Decreto 334/1982, de 12 de febreiro, que establecía que naquelas Comunidades Autónomas con lingua propia todas as instalacións competencia da Administración do Estado, a lingua utilizada será o castelán e a lingua propia. Esta obriga que se lle impuña tanto á Administración como aos concesionarios responsables, curiosamente, "estará condicionada a que cada unha das comunidades Autónomas ás que se refire a presente disposición dicte, no ámbito da súa propia competencia, unha norma que determine a utilización do castelán en idéntico senso". En definitiva establecía un principio de reciprocidade que, no caso galego, non atoparía correlato nunha norma autonómica con idénticas previsións. 
Porén, hai que entender que, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, tanto polo seu rango de lei como por cuestións competenciais xa que o TC ten sinalado reiteradamente que a lingua é competencia autonómica e a lexislación lingüística autonómica se aplica a todas as Administracións, deixaría sen efecto estas previsións. A Administración Xeral do Estado tan só podería establecer as disposicións organizativas para dar cumprimento ás previsións da Lei de Normalización Lingüística ou ben doutras normas autonómicas que, no seu caso, estableceran previsións en materia de sinalización e toponimia.  De feito entendemos que o Real Decreto 1465/1999, de 17 de septiembre, por el que se establecen criterios de imagen institucional y se regula la producción documental y el material impreso de la Administración General del Estado tería derrogado o RD de 1982 implícitamente por ser contrarias as súas previsións a este RD posterior que vai esixir que nas Comunidades Autónomas con lingua oficial propia as sinalizacións teñan que ser en todo caso bilingües para os servizos dependentes da Administración Xeral do Estado.
Artículo 11 Carteles, rótulos y señalizaciones
1. Las señalizaciones exteriores de identificación de las dependencias administrativas, así como los carteles de carácter informativo o publicitario destinados a su ubicación en vías públicas urbanas e interurbanas, se ajustarán a lo que disponga al respecto el Manual de Imagen Institucional que se apruebe en aplicación del presente Real Decreto.
2. En la elaboración y colocación de los elementos a los que se refiere el apartado anterior se tendrán en cuenta los siguientes criterios:
a) La conservación de los elementos de interés histórico, artístico o cultural, así como la conservación de aquellos soportes cuya modificación presente graves dificultades de orden técnico o económico.
b) La concordancia de los elementos con el entorno en el que estén situados.
c) El aprovechamiento de los elementos existentes cuya adecuación a lo dispuesto en el Manual de Imagen Institucional resulte posible.
d) En el ámbito territorial de las Comunidades Autónomas con lengua cooficial, el cumplimiento de lo dispuesto en el artículo 6 de este Real Decreto[1].

Por outra banda o Estado ten aproveitado a súa competencia en materia de tráfico para establecer no Texto Articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial aprobada por Real Decreto Lexislativo 339/1990, de 2 de marzo, no seu art.56 que “as indicacións escritas dos sinais se expresarán cando menos no idioma español oficial do Estado”.  Este texto desenvólvese no Regulamento Xeral de Circulación, RD 1428/2003, de 21 de decembro, (art.137) que fixa que “as indicacións escritas que se inclúan ou acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas, e inscripcións, figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma recoñecida no respectivo estatuto de autonomía, cando o sinal esté ubicada no ámbito territorial desa comunidade. Os núcleos de poboación e demáis topónimos serán designados na súa denominación oficial e, cando fose necesario a efectos de identificación en castelán”.
A regulación do Texto Articulado, con rango de lei, pode considerarse que entraría dentro das competencias estatais en materia de tráfico na que pode entenderse comprendida a fixación das especificacións sobre a sinalización de tráfico incluidos os aspectos que figuren por escrito nos sinais, todo iso tendo en conta que eses sinais teñen unha regulación internacional na que o contido gráfico ou visual é o principal sendo o texto escrito (ex.indicación sobre horarios de determinadas prohibicións...) un aspecto secundario da sinalización.
Porén, ao noso xuizo, o Regulamento excede claramente o seu ámbito de desenvolvemento por canto invade competencias claramente autonómicas de regulación da lingua sen, por outra banda, ter o amparo da lexislación do Estado e estando en clara contradición coa xurisprudencia constitucional en canto á reserva formal de lei para a lexislación básica.  Así o Regulamento innova –non desenvolve- ao cambiar os sinais aos que se lle fixan especificacións en canto á lingua por canto o Texto Articulado da Lei sobre Tráfico -como tamén a Lei 18/1989, de 25 de xullo, de bases que habilitou ao goberno a elaborar o texto articulado- claramente regulan únicamente os sinais de circulación e non os “paneis de sinalización das vías públicas” se por iso se entende, como parece deducirse pola mención á toponimia, os sinais de localización xeográfica.  Esta extralimitación no alcance do desenvolvemento propio dos regulamentos tamén invade competencias autonómicas, curiosamente non tocadas pola lei que o habilita, ao indicar que os paneis de sinalización das vías públicas deben estar na lingua propia.  Esta previsión, respectuosa co uso das linguas propias, resulta lesiva da competencia autonómica de regulación do uso da lingua. Tamén, finalmente, a referencia á toponimia, abrindo a porta á fixación en castelán dos topónimos cando sexa preciso a efectos de identificación, invade claramente competencias autonómicas e mesmo entra en contradición coa lexislación galega.
Estas previsións da normativa de tráfico teñen sido utilizadas ultimamente como unha vía para intentar eludir o pago de sancións pola sinalización só na lingua propia (ex. Agás carga e descarga de 14 h. a 16 h.).  Parece difilmente sostible que o incumprimento da sinalización cando menos en castelán dos sinais de tráfico poida provocar a nulidade dunha sanción xa que os sinais teñen unha dimensión internacional e gráfica coa finalidade de que cumplan a súa función informativa mediante a harmonización dos aspectos gráficos e de cores nos que o texto escrito habitualmente non está presente ou ten unha función secundaria.  De aceptarse unha interpretación no sentido de que o descoñecemento dunha lingua oficial permite eludir o cumprimento normativo poderíamos chegar ao absurdo de que os cidadáns extranxeiros foran impunes ou que a vella máxima de que “a ignorancia da lei non exime do seu incumprimento“ resultara inválida cando median cuestións lingüísticas ligadas, non o esquezamos, ao uso da linguas oficiais.



[1] Artículo 6 Utilización de lenguas cooficiales en señalizaciones y carteles
Serán bilingües, redactándose en castellano y en la lengua cooficial correspondiente, las señalizaciones exteriores de identificación de las dependencias administrativas, así como los contenidos más relevantes de los carteles de carácter informativo o publicitario que se elaboren para su ubicación en el ámbito territorial de una Comunidad Autónoma con lengua cooficial. El Manual de Imagen Institucional que se apruebe en aplicación de este Real Decreto determinará los supuestos y los formatos de las señalizaciones de identificación y carteles a que se refiere el presente artículo.

quarta-feira, 15 de maio de 2013

CHIRIMOIAS OU PAN PARA O GALEGO



Cando en 1985 no xulgado nº2 de Santiago o xuiz Carlos López Keller absolvía a unha persoa acusada dun delito de danos por ter cambiado o topónimo dun sinal, mal sabía o xuiz que o razonamento usado para a absolución,terse limitado "a adiantarse á actuación oficial" de cumprimento do mandato estatutario de protexer a lingua propia, seguiría sendo válido en 2013.  Outravolta a toponimia e un xuizo penal por inxurias contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística ou o cambio ao que está procedendo AUDASA para castelanizar os sinais das autoestradas, lembran que a sociedade civil segue "adiantandose" ao que o artigo 5 do Estatuto de Autonomía lle esixe aos poderes públicos.  E tamén que son estes poderes públicos, a Xunta de Galicia, a xustiza, os representantes institucionais, os que fallaron clamorosamente ao longo de 30 anos.
Non outra é a explicación do devalo do galego. A ausencia dunha política de normalización dirixida polos responsables políticos que dera pasos e marcara obxectivos para prestixiar a nosa lingua. Para asentala como lingua de comunicación social en todo tipo de usos na educación, a xustiza, os medios de comunicación, a administración, ou a sanidade cunha oferta positiva en galego. 
Buscar culpables noutro lado, cando sabemos a morte inexorable por inanición á que os poderes públicos someteron á lingua, é ruín. Mostra de que hai que resintonizar a antena.  Se en 30 anos as porcentaxes, nunca vixiadas, de uso na educación, medraron primeiro nunhas porcentaxes mínimas e agora decrecen; se mentras se asiste ao peche de medios de comunicación en galego danse millóns de euros de axudas a medios en castelán; se o programa informático da xustiza non permite unha xustiza áxil en galego; se a Xunta -esta semana pasada- esixe aos concellos enviar os anuncios de contratos públicos en castelán á plataforma electrónica de contratación, o que abafa o galego é tanta agresión e o fariseísmo que o acompaña.
Dixo o presidente da RAG, nesa calidade era entrevistado e será interpretado mentras dure o seu mandato que non é de quita-e-pon, que el era un falante táctico do galego.  O dicionario da RAG define a táctica como o "programa de acción coordinada para levar a cabo unha empresa ou tentar acadar un obxectivo".  Por máis que lle dou voltas non vexo cal é o obxectivo, en relación co galego, que pode acadar Xesús Alonso Montero cando afirma comprar as chirimoias na súa froitería en castelán.  Porque cando o fillo de Francisco Castro decide a mantenta tirar corners en galego aos once anos; cando á miña filla xogando ao baloncesto aos nove anos había nenas que lle sinalaban a diferenza entre elas, españolas, e ela galega por falar galego; cando Fran Lorenzo no Instituto Santa Irene cometía a excentricidade de afirmarse en galego; estes falantes non tácticos, seguros da nosa lingua, teñen que ter do seu lado ao presidente da RAG. As vintecatro horas do día.  Porque o maior compromiso ético que lle pedimos á direción da RAG é o da lingua. Sen tacticismos, sen tregua para mercar chirimoias.  Coa seguridade que lle damos as nais ás nosas fillas queréndoas.  O amor á lingua non abafa. Dalle seguridade.
Como seguridade lle da á lingua e á súa continuidade, as mensaxes positivas e actuais. Mensaxes non clasistas de criadas, pailáns, catedráticos ou gravatas. Mensaxes que non quedaron ancoradas na normativa do galego dos oitenta. Mensaxes novas e afirmativas como a de multiplicar x 100 a nosa lingua, a de Gústame o galego, como as das 300 persoas reunidas en Vigo ao chamado da Irmandade Xurídica Galega, como as que saen da música de María Fumaça, Zënzar ou de Dios ke te crew, dos recitais de María Lado e Lucía Aldao, dos lipdup que fan tantas mestras e mestres nas escolas que conseguen prender o compromiso (eu falarei) na xuventude. A mensaxe que transmite xente que aínda hoxe ten que seguir "adiantándose" á Xunta no ensino en galego creando Avoaescola ou a Semente, nos medios en galego desde Dioivo, Praza Pública, Sermos Galiza, Quepasanacosta ou GalizaAnoCero. Porque a nosa lingua sabe a pan e, tamén, a chirimoia en Brasil.

Praza Pública 15 de maio de 2013

quinta-feira, 4 de abril de 2013

INDO AO CASO


O caso non é se Feijóo aos 34 anos era un inconsciente ou parvo. O casó non é que, aínda así, o PP confiara nel para ser o segundo da Consellería de Sanidade ou o Presidente do Insalud. Tampouco o momento, ou as causas ou o medio no que saen publicadas.
Hai caso porque a mediados dos anos noventa cando xa se producira a operación Nécora, morrían máis de 1000 persoas ao ano polas drogas (precisamente no pico máis alto de mortes), as redadas se sucedían con cadencia reiterada, ninguén mínimamente informado subía despreocupadamente a unha planeadora con alguén claramente significado con negocios ilegais.  Ninguén mantiña relacións indirectas con persoas que xa tiñan sido encausadas en varios procesos xudiciais despois de eles caeren detidos en distintas redadas.  Daquela xa as relacións só podían ser directas. Ao sol, con luz e sen complexos. 
A confianza, a reiteración dos contactos (en Galiza e fóra, con sol e neve, durante varios anos) mostran algo máis que unha coincidencia casual.  Revisemos os álbumes de fotos familiares e miremos cantas fotos temos en bañador con alguén que non pertenza ao noso círculo máis próximo.  Unha confianza, en fin, intolerabel para un gobernante.  Unhas disculpas tatexantes indignas dun presidente.  
Se alguén leva anos intentando chantexar ou coaccionar a Feijóo, aí están os xulgados. Sería preocupante que o presidente de Galicia goberne preso da ameaza de revelación de asuntos turbios que el argumenta ser tan fácilmente explicables.  Que denuncie a chantaxe e a coacción se ese for o caso.
Tamén é preocupante que non perciba o gravísimo ataque á confianza na política e nas nosas institucións que supón manterse como presidente da Xunta despois deste indefendibel compadreo.  O PP segue enlamado nas súas perigosas conexións cun entramado que sementou de mortes a miles de familias e buscou construir un control social paralelo e antidemocrático.  
O feito do presidente do noso país manter unha relación de grande amistade cun dos principais capos do narcotráfico de Galicia é absolutamente intolerabel. Non era o amigo do patio escolar ou da mocidade. É un amigo conscientemente elexido cando xa era un alto cargo político e Marcial Dorado xa fora detido e procesado en distintas ocasións.  E iso non é un erro persoal, é un gravísimo problema político.  Un problema político que, malia a tinta de lura, non ten que ver con fotos en barcos senon cos vencellos  sospeitosos con actividades ilegais e as implicacións reitaradas do PP con estes suxeitos.  Porque actividades ilegais eran tanto o contrabando de tabaco como o posterior narcotráfico.   Ninguén lle está pedindo contas a Feijóo polas súas relacións cun empresario estase pedindo que actúe como calquera gobernante democrático debería facer ante unhas relacións tan indignas.  Noutros países dimiten por plaxiar teses ou falsear datos en multas de tráfico, peccata minuta indo ao caso.

Publicado en SERMOS GALIZA 4.4.2013

quarta-feira, 20 de março de 2013

A TERMITA BOLKESTEIN



La termita Bolkestein
(traballo publicado en xuño de 2011 en El Cronista del Estado Social y Democrático de Derecho


¿ZONA DE LIBRE CAMBIO OU ESPAZO DE DEREITOS CIDADÁS?

A capacidade para atravesar obstáculos aparentemente infranqueables, o seu silencioso traballo apartado da luz, confire ás termitas unha capacidade de atacar estruturas abrindo galerías que só poden ser apreciadas despois dun prolongado periodo de actividade. Do mesmo modo un conxunto de iniciativas lexislativas e sentenzas comunitarias que acompañan temporalmente á Directiva de Servizos (DIRSE) parecen realizar unha aposta decidida por superar as aspiracións de equilibrio entre a construción dun mercado único e o respeto ao modelo social que caracterizaba a moitos Estados europeos. (continúa no enlace)