quarta-feira, 25 de fevereiro de 2015

Centralismo desatado ao servizo da contra-reforma neoliberal



Estamos con clareza nunha fin de etapa. Os avances miúdos no proceso de descentralización hai tempo que abriron paso a un acelerado proceso de recentralización competencial e territorial. Unha recentralización intensa que é un presuposto necesario para a extensión do proxecto neoliberal. No plano estatal e no europeo centralización, baleiramento dos espazos de control democrático e políticas neoliberais van unidos como pezas dun mesmo puzzle. A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos. No sector bancario, comercial, sanitario, enerxético, vemos como a garantía da posición das grandes corporacións esixe suprimir calquera ámbito de decisión política autónoma que poida trazar modelos diferenciados que resten espazo ao seu control. A loita dos horarios comerciais de Euskadi; o concurso eólico do bipartito; a poxa farmacéutica de Andalucía; o intento de supervivencia dun sistema de caixas territorial, son todas incómodas mostras de como o autogoberno é combatido con crueza para garantir o control oligopólico dos recursos.
A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos.
Xa desde antes, mais simbolicamente coa segunda vaga de Estatutos de Autonomía márcase un punto de inflexión e estreitamento do marco autonómico. A discusión do plan Ibarretxe no parlamento estatal une as forzas políticas estatais (PP, PSOE, IU...) coa súa negativa, ou pasividade, en pechar a posibilidade de Euskadi ter maiores cotas de autogoberno. Posteriormente o «cepillado» nas Cortes e a rebarbadora no TC coa sentenza do Estatut catalán marcan a ferro a fin dunha etapa de avances miúdos e abren un camiño acelerado de recentralización institucional, territorial, competencial e cultural.
O PP somete o autogoberno a unha placaxe institucional extrema. Redución dos parlamentos(link is external) e desprezo das súas funcións, desempeño gratuíto dos postos(link is external), anulación doutras institucións de autogoberno (valedores, órganos de fiscalización das contas, consellos económicos e sociais), ofensiva para a supresión das oficinas de acción exterior(link is external)reformas na normativa audiovisual(link is external) para privatizar e suprimir as televisións públicas autonómicas. 
Territorialmente tamén impulsan cambios radicais. A reforma local (link is external)invade o espazo competencial autonómico tomando decisións sobre competencias que non son estatais (ex. servizos sociais) e esfarela a autonomía local.  O pulo polas decadentes deputacións provinciais non ten outra finalidade que elas actuar como contrapoder do autonómico.  Na mesma liña camiñaba a supresión dos partidos xudiciais(link is external) que pretendía reforzar as capitais de provincia avanzando na desvertebración territorial, reforzando a planta provincial e facilitando a implantación dos grandes bufetes. A eliminación do tren de proximidade, a reconfiguración das áreas sanitarias..., medidas todas de aposta por un modelo territorial provincializado controlábel radialmente desde Madrid.
O varrido competencial rebaixa a unha pura autonomía administrativa o autogoberno autonómico.
No plano económico a reforma constitucional express pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución provocou o secuestro das competencias económicas autonómicas orzamentarias e foi acompañada por medidas de control do déficit infinitamente máis severas para as CCAA que as aplicadas á Administración central. 
Pero podemos engadir: a liquidación por derrubo das competencias no sector bancario -caixas de aforro-; a lei de unidade do mercado que pretende eliminar todas as políticas propias (ambientais, de protección dos consumidores, sociais, lingüísticas...) que poidan “estorbar” a implantación de actividades favorecendo un «dumping» normativo ao garantir que a licenza obtida en calquera parte do estado (preferibelmente onde os estándares de esixencia sexan menores) vai permitir operar sen someterse ao control de ningunha outra administración; a imposición manu militari da normativa de horarios comerciais fronte ás CCAA que se resistían a permitir a apertura en domingos e festivos -Euskadi-;  a  centralización total das competencias enerxéticas que, unido ás ilegalidades do goberno Feijóo, provocou o colapso do sector eólico en Galicia; a lei de cadea alimentar que invade as competencias en agricultura autonómicas e non resolve o problema dos prezos do leite; ou a imposición dunha severísima taxa de reposición de efectivos uniforme ás Administracións que obriga a prestar os servizos mediante a contratación de empresas privadas sen marxe para políticas diferenciadas de xestión pública directa.
A aposta é tamén cultural(link is external). Marca España, lei Wert na educación, supresión das TV autonómicas, ofensiva fronte ás linguas propias (do decreto de plurilingüismo en Galiza ou Baleares, ao lapao en Aragón, ao ataque ao modelo de inmersión en Cataluña, ao peche das liñas en catalán en Valencia). Non hai marxe para veleidades e o programa implacábel de unidade política, económica e ideolóxica avanza firme. É un programa que blinda a monocorde interpretación da Constitución coa toma do control das principais institucións centrais, nomeadamente, o Tribunal Constitucional extremando máis se cabe unha deriva centralista xa claramente perceptíbel desde hai un tempo pero que terá sen dúbida capítulos memorábeis nos vindeiros anos.
O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia.
Contra-reforma económica e contra-reforma política camiñan da man e son parte inseparábel dun mesmo agresivo programa neoliberal. Con igual urxencia teñen que ser as dúas atacadas pois unha está ao servizo da outra. A emerxencia social está provocada por recortes e políticas que se garanten mediante un profundo proceso de recentralización. O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia. Centralizadamente decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución das axudas á dependencia, a situación do sector naval, a reforma da PAC, a destrución do sistema financeiro galego, a eliminación do tren de proximidade, o atraco das preferentes. Dicía Séneca en Medea: cui prodest scelus, is fecit (ao que beneficia o crime é quen o cometeu), sabemos a quen benefician esas medidas (grandes corporacións de servizos, gran banca, agricultura extensiva do sul, grandes construtoras...) e sabemos tamén que a centralización do poder en Madrid e Bruxelas son precisas para que o que se cociña no palco do Bernabeu, Davos ou no clube Bilderberg poida lerse axiña nas páxinas do BOE ou o DOUE.
Por iso a loita contra a desvertebración social, económica e territorial froito das políticas neoliberais é tamén a loita para termos capacidade para decidir. E adiando este debate adiamos tamén as solucións ao estado de emerxencia social.


A propósito do roubo do electricista e as esmolas





Rematou o xuizo do Códice Calixtino e a sentenza ordea a devolución á Igrexa de 2,4 millóns de euros roubados. Unha parte pequena dos ingresos que tiña a Catedral procedente das doazóns feitas polos fregreses. A sentenza parece que lle dá un tirón de orellas ao cabido compostelá polo descontrol contabel existente mais, aínda non sendo o obxecto do xuizo, compre falar un chisquiño de esmolas e outros contos.
Os Acordos da Santa Sé co Estado asinados en 1979 efectivamente contemplan, non xa unha exención, senon directamente a non suxeizón a impostos das prestacións, colectas públicas, esmolas e oblacións recibidas dos seus fieis asi como dos centros adicados ao ensino e os edificios e obxectos destinados ao culto ou a residencia relixiosa.  Esta amplísimo recoñecemento dun espazo á marxe da solidariedade tributaria non se acompaña de ningún tipo de control contabel facilitando unha total opacidade sobre a procedencia, destino ou contía difícilmente sostibel hoxendía. 
Mesmo se non se discutira a necesidade dese amplo recoñecemento de espazo inmune á fiscalidade xeral en base á protección da libertade relixiosa, non é tolerabel a ausencia dunhas mínimas normas de transparencia contabel que se aplican a outros suxeitos cunha posición constitucional cando menos equivalente.  Lembremos que a liberdade ideolóxica e relixiosa comparten un mesmo artigo na Constitución e que a participación política vese reforzada por outros dereitos fundamentais (reunión, asociación, participación nos cargos públicos).
Sen ir máis lonxe só hai que botar unha ollada á Lei orgánica de financiamento dos partidos políticos.   A Lei suxeita os ingresos dos partidos políticos á normativa fiscal e prevé algunhas exencións para as  doazóns privadas. Exencións que teñen límites severos en función da contía, procedencia e forma de efectivizarse. Non poden recibirse doazóns procedentes de empresas ou fundacións que contraten ou vivan do orzamento público. Non poden ser anónimas, finalistas ou revogabeis. Ten que haber constancia bancaria dos ingresos e da procedencia. Non poden superar os 100.000 euros anuais e deben notificarse ao Tribunal de Cuentas nun prazo de tres meses todas as que superen os 50.000 euros. E toda a contabilidade está suxeita a unhas estritas normas en canto á forma de levanza.
A asimetría no rexime xurídico non resiste a comparanza.  E non parece precisamente que o que sobren sexan as normas contabeis e límites no caso dos partidos políticos senon a clamorosa omisión de control deses millóns de euros en b nos que a administración tributaria acepta que non ten sequera que saber cantos son, cal é a súa procedencia e se realmente se destinan a fins relixiosos ou non para a súa non suxeizón estar xustificada.  Os Acordos coa Santa Sé, tamén nisto, precisan unha relectura xa non só á vista do texto constitucional senon mesmo voltando a Guillermo de Ockham.

Sermos Galiza 20.2.2015

sábado, 24 de janeiro de 2015

Sachando en leira allea



Tén o Estado competencias en agricultura? Non. A Constitución española establecía que os Estatutos de Autonomía podían asumir como competencia exclusiva autonómica a agricultura e gandairía, de acordo coa ordeación xeral da economía. O noso Estatuto de Autonomia recolleu a competencia exclusiva en agricultura e gandairía. 
Fai política agrícola e lexislación o Estado? Si, cada vez máis. E tamén cada vez máis toma decisións de xestión diaria da agricultura convertendo ás comunidades autónomas en sucursais gubernativas.
As previsións estatutarias foron pronto rebaixadas por dúas vías. A cláusula de ordeación xeral da economía foi usada con profusión amparando todo tipo de intervencións estatais regulando cuestións agrícolas. A adhesión á Comunidade Económica Europea-Unión Europea levou a un profundo proceso de recentralización competencial pola vía da negación da participación autonómica na negociación da normativa europea agrícola, que é o tronco da regulación do sector, e tamén co establecemento duns mecanismos de aplicación desa normativa que canalizan a través de Madrid todo o control de cumprimento e información. A diferenza do que sucede noutros estados descentralizados, coma Bélxica, os "Cañetes" negociaban para si as nosas competencias.
Nos últimos anos o Estado deu uns pasos máis invadindo o espazo competencial autonómico. Xa Zapatero promovera a Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural amparándose no título competencial de ordenación da economía para meter un pé cunha norma estatal xeral nunha materia na que non tiña competencia pero que lle daba cobertura a unha planificación unificada e a condicionar pola vía das axudas as políticas autonómicas. Agora o PP pisa o acelerador, coa complacencia submisa do goberno galego, e aproba sucesivamente dúas leis que entran claramente na regulación do sector agrícola invadindo a competencia autonómica. 
A Ley 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mejorar el funcionamiento de la cadena alimentaria entra con decisión na esfera competencial autonómica. Co mantra da unidade de mercado como guía regula os contratos do leite tantas veces demandados polo sector ante a impasibel inacción de Feijóo, indica que se van facer directrices estatais comúns en materia sancionadora, deixa en mans estatais os laboratorios oficiais de control, crea unha Axencia estatal de información e control alimentario, impide a existencia de organizacións interprofesionais con base nunha única comunidade autónoma só dá representación unha organización interprofesional por sector obrigando á organización estatal dos interesados. Non fai falta ser moi aguda para decatarse das consecuencias que tén esta norma na competencia galega en agricultura.  Tampouco para percibir a que xoga o goberno galego co consemento desta aniquilación do marco competencial.
Anúnciase agora un paso máis no sostido proceso de anulación competencial.  O anteproxecto de Lei de Calidade Alimentar dá outra volta ao proceso xa non só de recentralización normativa, senon de asunción de competencias de xestión por parte do Ministerio. Parece que o "sector" da alimentación e bebidas -como sabemos dominado por un reducido número de grandes holdings que son quen de fixar as condicións aos pequenos produtores- quéixase dunha fragmentación da unidade de mercado. O solícito Ministerio elaborou un anteproxecto no que se lanza a fixar procedementos de control e sancionadores unificados.  A unidade de destino xa está aqui e pouco máis queda que unha pura descentralización administrativa para, algúns, procedementos de xestión. Do resto xa se encargan en Madrid. E as grandes corporacións alimentarias e da distribución contentas de que os seus delegados ministeriais lle achanden o camiño para exercer aínda un dominio maior sobre os pequenos produtores, os prezos e a calidade alimentar.
Comprendemos agora porque o Ministerio de Agricultura mantén case 9000 empregados públicos no seu cadro de persoal cando todas as consellerías galegas xuntas só suman en total 16000 empregados? 
Sachando na leira allea o PP avanza, tamén na agricultura, no seu proxecto de baleiramento competencial.


sexta-feira, 2 de janeiro de 2015

AQUELAR



Aqueliño, es ben aqueladoAquela lixeiro que chegas tarde”.  

Como explicarlle o que é aquelar a unha persoa que nunca tal escoitou? Aquelar é coller e deitar. Aquelar é romper e arranxar. Aquelar é berrar e loubar. Só a proximidade coloquial nos dá o tempero xusto para cada aquelar.

Aqueliña, chamábame de pequena Oliva cando non lle viña á punta da lingua o meu nome entre o de todos os curmáns. O diminutivo agarimoso que se xunta para converter en nome o incerto aquelar.

E cantas veces fomos os curmáns moi aquelados? Revirados, apoucados, valentes, mollados, ocorrentes...Oliva sabía ben o que nos dicía e nós tamén se de seguido ía ofrecernos uns zorregazos ou escachar a rir polas nosas trasnadas.

E por iso o Dicionario non lles dá posto cumprido fin ás vaguidades e dinos que aquelar é un “verbo de sentido vago que se usa na lingua coloquial cando non se atopa o adecuado, e que adquire un significado preciso dependendo do contexto en que se use”.

Ten o seu aquel.
 
Portal das palabras 19.12.2014

Furiosa recentralización. Plácida aceptación

Aínda hai quen quere pechar os ollos á evidencia. Unha furiosa actividade de recentralización que non ten freo. Unha recentralización ao servizo dun proxecto político económico e social do que non se quere deixar fóra a ninguén, nin admitir poderes díscolos. 
Un control orzamentario centralizado coa disculpa da estabilidade orzamentaria. Un control do modelo de servizos públicos mediante a limitación de crecemento de persoal coa taxa de reposición de efectivos e, tamén, coas reformas educativa, sanitaria, da dependencia, local. 
Modificacións normativas extensivas que desfiguran o marco competencial autonómico convertíndoo nunha caricatura: dende a vixianza da actividade exterior dos gobernos autonómicos, ata a Lei de Garantía de unidade de mercado con fórmulas de dubidosa constitucionalidade que tratan de recortar garantías aos consumidores, ambientais sacrificadas no altar da sacrosanta competencia ao servizo das grandes corporacións; dende a conversión das deputacións nun contrapoder coa reforma local ata a LOMCE que lamina as competencias lingüísticas e educativas autonómicas. A invasión competencial posta ao servizo da reforma económica e social. 
Sen freo e co acelerador pisado.



Fonte: MHAP, CONFLICTIVIDAD ENTRE EL ESTADO Y LAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS (Boletín Informativo) SEGUNDO TRIMESTRE 2014 
http://www.seap.minhap.gob.es/dms/es/areas/politica_autonomica/regimen_juridico/2_trimestre_2014-publicaciones.pdf

Estas dúas gráficas son significativas. Aínda que o goberno Feijóo está instalado nunha plácida aceptación da aniquilación do autogoberno, a conflitividade entre o Estado e as Comunidades autónomas acada agora picos históricos. O conflito competencial é grande. As ameazas ao autogoberno tamén o son e non poden desligarse do proxecto social e político que as acompañan.  O Partido Popular aniquila o autogoberno para aniquilar tamén calquera posibilidade de políticas diferenciadas.  O Partido Popular liquidando o autogoberno tamén fire de morte o cerne das políticas autonómicas -sanidade, servizos sociais, educación- e unifica a aposta privatizadora.
Galiza estivo ausente na reunión desta fin de semana na que os presidentes catalá e vasco denunciaron a recentralización e marcan un camiño novo para as súas sociedades. Outras comunidades autónomas tamén din basta. Interpoñen recursos  fronte ao copagamento sanitario e a retirada da tarxeta sanitaria, fronte á Lei de Costas privatizadora do dominio público, fronte á LOMCE, fronte á Lei de reforma local, fronte á Lei de Unidade de Mercado...
O goberno central teima na súa política e retruca. Recursos do Estado ante o Tribunal Constitucional contra políticas autonómicas como a poxa farmacéutica para abaratar os medicamentos, as medidas para impedir os desafiuzamentos, as normas para protexeren á cidadanía fronte aos copagamentos, as prohibicións autonómicas do fracking, as convocatorias de oposicións para o emprego público docente, as normas de horarios comerciais que impiden a apertura indiscriminada das grandes superficies...
E mentres Rajoy leva adiante a súa cruzada recentralizadora e outras comunidades autónomas loitan por defenderen o seu precario marco competencial ou dan por pechado o ciclo autonómico no camiño da soberanía, Feijóo entre 2011 e 2013 non atoupou motivo ningún para interpoñer recursos en defensa das nosas competencias. Nin fronte á Lei da cadea alimentar que invade as competencias exclusivas en agricultura; nin contra a de reforma local que invade as competencias exclusivas en servizos sociais; nin a do sector eléctrico... Un botaporela.  
O caso do custe da enerxía que puxo en risco o emprego en Alcoa, Megasa... mentres Euskadi negociaba un prezo da enerxía que favorecía a súa industria non é a excepción. É unha mostra máis dun presidente que vive de facto en Madrid e vén a Galiza a dar a rolda de prensa dos xoves. É a mostra tamén, do papel que queren que xoguemos. Despensa, produtora de enerxía, fabricante de emigrantes. E como di a publicidade natalista de Feijóo: Depende de ti. 

quarta-feira, 17 de dezembro de 2014

Pla, Anna Maria, dir., Garantia dels drets lingüístics : estudis de cas : Bèlgica, Canadà, Espanya, Itàlia, Moldàvia i Suïssa. – ISBN 9788439392125 I. II. Institut d’Estudis Autonòmics (Catalunya), 2014



Crónica Llengua i Dret do primeiro semestre de 2014


Xa está aqui un novo número da revista Llengua i Dret. Por se é do voso interese deixo o enlace á miña crónica (http://revistes.eapc.gencat.cat/index.php/rld/article/view/10.2436-20.8030.02.86/pdf).
Na crónica sobre GZ que fago desde hai uns anos este sería o resumo: "A contraposición entre as iniciativas positivas da sociedade civil (ILP ensino portugués, dominio punto gal) e a persistencia do goberno galego por actúar tan só para reducir a presenza do galego (exención da materia de lingua galega, instrución para limitar o alcance do condicionado lingüístico nas subvencións) exemplifica o estado no que se atopa a lingua galega neste periodo".

terça-feira, 2 de dezembro de 2014

PODEMOS UNIRNOS Á TRUNFANTE MODA DA DESREGULACIÓN. O MANTRA DA ELIMINACIÓN DE AUTORIZACIÓNS.


"De este modo, la Ley de Economía Sostenible viene a continuar el esfuerzo de remoción de obstáculos administrativos iniciado con las normas de transposición de la Directiva de Servicios, pero, además, asume la necesidad de incidir en otros aspectos que resultan en la actualidad negativos para la situación de nuestra economía o que son susceptibles de simplificación y agilización" Lei de Económia Sostible aprobada a iniciativa do PSOE


"Finalmente, esta lei aproveita para seguir impulsando un marco regulatorio eficiente para as actividades económicas que simplifique a lexislación existente, elimine regulacións innecesarias, estableza procedementos máis áxiles e minimice as cargas administrativas. A maior parte das barreiras e obstáculos á unidade de mercado elimínanse adoptando criterios de boa regulación económica". Lei de Garantía de Unidade de Mercado aprobada a iniciativa do Partido Popular



"También hay que realizar reformas administrativas que eliminen al máximo de lo posible los costes innecesarios que produce el mal funcionamiento de la administración. Tal y como ocurre en otros muchos países, es preferible y mucho más económico el control ex post que el previo al que la burocracia somete a la creación de empresas". Programa Económico de Podemos


Sorprendida porque o Programa Económico de Podemos se una á triunfante moda da supresión de controis administrativos preventivos (autorizacións) e reclame, sen matices ou límites, que o control de actividades se faga fundamentalmente a través de inspeccións (control ex post) creo que compre lembrar algúns dos efectos que esas, discutibeis, afirmacións teñen. Choca que o "mal funcionamento da administración" se identifique co control preventivo de actividades mentres se esquece aínda que  só fora unha mención, por exemplo, ao papel das deputacións ou de ministerios en ámbitos nos que a Constitución non lle reserva competencias ao Estado. 
Nun momento en que o Tratado Trasatlántico UE-USA ameaza rematar cos escasos bastións normativos e administrativos de protección dos dereitos sociais, ambientais, de seguridade laboral, alimentar, que aínda podemos conservar, o proceso de supresión de autorizacións que provocou a Directiva Bolkestein é a irmán maior do TIPP.

PORQUE?
Co pretexto de incorporar a Directiva europea de Servizos -a contundentemente combatida polos sindicatos e a esquerda europea Directiva Bolkestein-,  o PSOE e o PP impulsaron un intenso proceso de desrregulación do control de actividades cunha interpretación extensiva que desbordou a norma europea estendéndoa a actividades que non son de servizos (industria, dominio público, licenzas de obras). 
Este proceso liquidou todos os controis preventivos realizados mediante licenzas nun enorme abano de actividades.  A excusa de facilitar a posta en marcha de actividades reducindo as cargas administrativas facilita unha deconstrucción intensa dos mecanismos de vixianza do cumprimento da normativa de seguridade, protección do patrimonio, riscos laborais, medio ambiente, protección dos consumidores ou ruidos que se realizaba durante a tramitación das licenzas administrativas. Xa non haberá quen mire se o local está insonorizado, se o asilo ten os metros cuadrados e persoal médico preciso, se o taller de reparación de vehículos tira o aceite usado no alcantarillado antes de autorizar a apertura.
COMO?
O control administrativo desprázase ao momento en que a actividade xa está en funcionamento, por tanto é un control correctivo mediante inspeccións e non preventivo.  O inicio da actividade farase mediante comunicacións previas que son un documento polo que o interesado pon en coñecemento da administración que vai iniciar unha actividade e se compromete a cumprir a normativa.  A administración non poder realizar actos de comprobación inicial e limítase a recibir esa comunicación.
QUE ACTIVIDADES?
Nos últimos anos as medidas adoptadas polo PSOE, reforzadas polo PP e que agora Podemos parece que quere camiñar na mesma dirección teñen conducido a que a maioría dos establecementos comerciais; talleres de reparación;  aloxamentos turísiticos; servizos sociais (escolas infantís, centros de día);  pequenas granxas ou canceiras ou veterinarias; garaxes...poidan abrir sen necesidade de agardar a unha comprobación previa do seu impacto e das condicións de seguridade, ambientais...
Actividades que poden dirixirse a poboación sensible (crianzas, anciáns), producir  ruídos ou cheiros; ocasionar perigos á saúde.
PROBLEMAS
1. Desaparece a prevención
O control, con carácter xeral, non vai ser preventivo senón pola vía da inspección. As actividades comezan a funcionar sen máis que comunicarllo á administración e se esta quixer saber se cumple realmente os requisitos (seguridade, ambientais, saúde...) deberá realizar inspeccións.
2. Non hai persoal inspector
Moitas administracións non teñen persoal habilitado para realizar os únicos controis que caberían que serían mediante inspeccións (control ex post). A inexistencia de inspectores en moitas Administracións está levando a que como alternativa se recurra en entidades colaboradoras de control técnico para facer este labor. O PP favorece con este cambio a privatización “de facto” do control de actividades.  Todo iso sen regular a este tipo de entidades co que pode haber prácticas de falta de independencia con respecto ás empresas inspeccionadas.
3. Inseguridade xurídica para as persoas emprendedoras
Para as persoas que queran montar unha actividade este cambio provócalles máis inseguridade xurídica. Comezarán a funcionar interpretando a normativa e comprometéndose a cumprila pero poden atoparse que unha vez en funcionamento a administración  aprecie que hai incumprimentos e ordee a clausura ou paralización da actividade.  Ao non ter unha licenza na que a administración fixe as condicións de funcionamento é o interesado o que debe ter a dilixencia de saber se está en regra. Se houber unha inspección na que se detectan incumprimentos pode verse obrigado a duplicar gastos, devolver axudas por non ter disposto desa información como sucedía cando se abría mediante licenza.
4. Recorte dos dereitos de participación veciñal
Os veciños e veciñas que poidan verse afectados pola actividade perden dereitos de participación e control. Xa non hai un procedemento administrativo de licenza no que realizar alegacións ou ser chamados a un periodo de información pública antes de que abra a instalación.  Se teñen queixas (ruidos, cheiros, fumes, seguridade, aparcamento) como a Administración non tivo intervención na posta en marcha e non terá responsabilidade. Só lles caberá denuncialo ao concello pero a potestade inspectora iníciase de oficio pola administración polo que pode que reciban o silencio por resposta.
5. Falta de documentación para o control de actividades
A Administración tampouco contará en moitos casos con documentos que antes acompañaban ás solicitudes que lle permitían controlar o alcance da actividade.
6. Tesourada aos ingresos municipais
Os ingresos por licenzas pérdense.  Modificouse a Lei de Facendas Locais para poder cobrar os controis de funcionamento (inspeccións) mais a caída en picado de ingresos está garantida.  As inspeccións van ser ocasionais e non xeralizadas, como eran as licenzas de apertura, e, ademáis, poden ser o paso previo a un procedemento sancionador polo que vai resultar moi impopular cobrar polas inspeccións.
CONSECUENCIAS
Se houber problemas graves de incumprimento só van ser detectados nun momento tardío e, xeralmente, cando se produza algún acontecemento grave que permita detectalo.  A desprotección de valores que protexían as licenzas de xeito preventivo (saúde, seguridade, medio ambiente, protección do patrimonio, dereitos dos consumidores...)





domingo, 26 de outubro de 2014

Cemento e fábricas ou litoral para o goce público? Que se agocha detrás dos cambios na normativa de Costas

A reforma da normativa de Costas, apresuradamente impulsada polo Partido Popular xunto con outras reformas de Cañete para reducir a protección ambiental, desprotexe de xeito contundente os espazos costeiros. Praias, dunas, esteiros...volven estar ameazados por uns cambios que supoñen unha marcha atrás de trinta anos e provocan unha profunda inseguridade xurídica.  A cultura do cemento sae triunfante e os espazos virxes e protexidos dos que nós gabamos e gozamos poden ser pronto unha foto do pasado.
A desprotección avanza de varios xeitos.  Por un lado cámbiase a propia definición do que se entende por dominio público marítimo-terrestre, ou dito doutro xeito do que é o espazo costeiro de goce público e gratuito.  A costa, entendida ata agora por aquel espazo ao que chega o mar nos máximos temporais coñecidos, coa reforma fixarase atendendo aos temporais que ocorreran cando menos cinco veces nos últimos cinco anos.  Un prazo temporal demasiado pequeno desde o punto de vista metereolóxico e técnico e que non tén en conta os efectos do cambio climático nas dinámicas das mareas.  A consecuencia primeira disto é que se reabre o complexísimo procedemento de deslindar os terreos públicos e privados permitindo recuperar a propiedade privada sobre espazos agora protexidos e, por tanto, urbanizar moito máis achegado á liña de mar. 
Elimínase tamén a inclusión no dominio público das dunas “mortas” definidas como as que están máis alá do “límite que resulte necesario para garantir a estabilidade da praia e a defensa da costa”.  Abrése asi a porta á urbanización en complexos dunares como os de Limens, Barra, A Lanzada, Areabrava, Corrubedo, as Furnas, Ancoiradoiro, Louro, Carnota, Trece, Traba, Baldaio, Doniños, San Xurxo, Valdoviño, Santa Marta de Ortigueira, Viveiro ou Foz, simplemente con demostrar que non periga a estabilidade da praia avanzando a liña que pode ser de propiedade privada.  Redúcese tamén notablemente a protección das praias urbanas nas que se poderán ampliar as instalacións hoteleiras (chiringuitos), establecer outros usos (ex. instalacións deportivas) ou realizar actividades turísticas e espectáculos de diverso tipo.
Xunto a esa redución do que se entende por dominio público e a desproteción de tramos de costa como os urbanos, a lei inclue unha amnistía pola que de xeito totalmente arbitrario exclue do dominio público unha serie de núcleos de poboación e a Illa de Formentera –na que ten fortes intereses económicos o ex-ministro do PP Abel Matutes-.  Entre estes núcleos están o galego de Moaña pero quedan en cambio sen resolver os problemas existentes en asentamentos tradicionais na costa noutros puntos como Marín ou a Illa de Arousa, nunha clara mostra da aleatoriedade e ausencia dun criterio transparente para esa amnistía e as sospeitas de intereses pouco limpos.  Ábrese ademáis con ese precedente a espita a novas amnistías.
O segundo grande eixo de redución de protección da costa realízase pola vía do cambio efectuado nas condicións para o uso do dominio público por parte de particulares e empresas.  A posibilidade de usar privativamente a costa para actividades industriais e económicas (fábricas, hoteis, piscifactorías, conserveiras...) ou para usos residenciais, impedindo o uso común xeral gratuíto e público de toda a cidadanía, facilítase e alóngase.  As concesións para o uso excluínte de espazos costeiros, que son de todos e todas e estaban a punto de caducar en 2018, poderán prorrogarse dándolles un carácter que previsibelmente as fará perpétuas.  Prórrogas de ata setenta e cinco anos máis que consolidan “de facto” a apropiación privada de terreos públicos porque dificilmente será reversibel unha situación consolidada por un uso continuado e ininterrumpido que durará, finalmente, máis dun século.
Esta contra-reforma privatizadora do litoral é a que pode permitir a ENCE consolidar a súa posición na ría de Pontevedra logo de perder xudicialmente contra asociacións cidadás APDR e Salvemos Pontevedra ou contra o Concello de Pontevedra distintos xuizos sobre a súa irregular ubicación e os intentos de amparala mediante subterfuxios diversos e escuros entramados familiares entre responsabeis da Xunta e a empresa.
Acompaña toda esta desfeita unha preocupante recentralización competencial dándolle un limitado valor aos informes autonómicos para a decisión da continuidade de actividades económicas e industriais na costa e impedindo o exercicio das competencias estatutarias en relación coa ordenación do territorio.  Intromisións intolerabeis nas competencias autonómicas que fixeron que Asturias, País Vasco, Cataluña, Andalucía e Canarias recorreran ante o Tribunal Constitucional esta norma mentres o goberno Feijóo observa cómplice como se produce un auténtico atentado á protección dos valores ambientais da costa e ás competencias autonómicas sen sequera unha crítica.

Faro de Vigo 26.10.2014